Hai medo a debater. Non hai dúbida. Pero sería un erro sinalar a calquera dos candidatos. As campañas electorais están milimétricamente deseñadas por “expertos” asesores e calquer cousa que se sáia do guión preestablecido mete medo. Calquer imprevisto causa pánico entre os asesores. Todo está deseñado para seducir ó votante, non para informalo. Son aqueles quen xogan coas nosas esperanzas, cos nosos medos e cos nosos sentimentos e nós, emboubados, caemos nas súas trampas, nas súas provocacións. Tampouco me gusta ese cruzamento de declaracións entre candidatos acerca do medo duns e outros, non me gusta por vulgar,… parece máis un cruce de declaracións entre bandas predipostas a acabar a puñetazos que de persoas que aspiran a acabar sentadas nun escano do Parlamento de Galiza. Eu pregúntome quen ten medo de quen? Ou… de que?
Probablemente nesta campaña quedemos sen ver, unha vez máis, debates entre os candidatos a Xunta de Galiza. Falarase, e moito, dos medos duns e outros, logo cada quen creerá a quen lle pareza.
Seica está previsto un debate a tres para o día 20 de febreiro coa asistencia confirmada do Sr. Touriño e do Sr. Quintana. Falta por confirmar a do Sr. Feijóo que esixe para asistir outros tres debates “cara a cara”.
Teño que recoñecer a proposta do Sr. Feijóo é a máis acertada… polo menos a que máis me gusta a min. Tres “cara a cara” permitirán a cidadanía diferenciar mellor as propostas de cada un dos partidos, especialmente as propostas dos dous partidos do goberno porque, penso eu, que si estes dous -PSOE e BNG- van a gobernar en coalición, como xa o fixeron ata agora, deberíamos saber os votantes porque votar a un e non ó outro. É dicir, un nacionalista debe saber porqué debería votar o BNG e non ó PSOE si finalmente os deputados do BNG van elixir ó Sr. Touriño como presidente? Ou viceversa… ainda que é menos probable!
Considero que fai ben o Sr. Feijóo en non acudir ó debate si non se confirman antes os”cara a cara” que pide, así, polo menos, poderemos ver un debate a dous entre o Sr. Touriño e o Sr. Quintana. Devezo por velos discutir… faranno? Ou, pola contra, aceptarán a proposta do Sr. Feijóo? Non me digan que agora lles entrou o medo a debater (a todos).
A miña percepción é que cada un dos candidatos teme máis as súas propias limitacións que a auducia e/ou a valentía do rival, tal e como nos queren facer ver.