Os cínicos non serven para este oficio

Ao igual que un dos protagonistas deste libro “non son escravo do que pensa a xente”. Estou “liberado da obsesión de gustar aos demais, da necesidade de darlles motivos para que me aplaudan”, moito menos a esas ovellas que se meten no rabaño pola súa propia inseguridade, comodidade e/ou inercia. A “manada” á que se refire Eduard Punset.

Entre as funcións deste blog está a de denunciar un sistema que está deixando de lado as verdadeiras necesidades das persoas, de xeito global e específico, para servir ao egocentrismo dunhas cantas persoas. A hora de facer estas denuncias non obedezo a cor política algunha, “só rindo contas a miña conciencia” coa finalidade de acadar as mellores condicións sociais e/ou laborais. Comprendo que dende o medio do rabaño non se poida escoitar con nitidez esta mensaxe ou, de escoitala, non posúan a confianza que lles permita arriscar, condenándose así a permanecer eternamente no mesmo refuxio, inmóbiles.

A mensaxe a que me refiro pretende ser transformadora porque, entendo, a sociedade na que vivimos necesita ser mudada. Debe transformarse ese capitalismo depredador que nos tocou vivir, onde todo vale co fin de acadar o éxito, o beneficio ou o poder.

… e aquí, eu que tanto falo de política, non podo excluír a ningún partido. Dicíame hai uns días un amigo que el xa chegara a comprender que “é posible que un socialista queira ser rico”, eu aínda non. Non comprendo que alguén que ambicione riquezas sexa a vez solidario, sen embargo hainos,… e en postos de moita responsabilidade. Deberíamos temer a este tipo de persoas.

Falo dunha transformación do capitalismo para conquerir entornos laborais máis sans e saudables para calquera ser humano. Falo dun capitalismo ético. Isto, co cinismo instaurado na dirección da maioría de organizacións, pode semellar unha utopía, sen embargo, moitas empresas que están apostando por esta transformación cultural están acadando grandes éxitos (maior crecemento, máis beneficios, traballadores e clientes máis satisfeitos,…). Todo traballador quere formar parte destas organizacións, rexeitando aquelas outras, acabando nelas só por falla de oferta de emprego.

Con que ánimo pode acudir un traballador ao seu posto de traballo cando escoita ao seu xefe defender publicamente o despido libre,  ou cando afirma que os contratos estables só serven para que os traballadores se acomoden? Con que ánimo, un traballador de calquera outra organización, entra a comprar nas súas tendas? Diría que ese home  sofre a patoloxía do éxito. A arrogancia é fea… e destrutiva, impide tomar consciencia do verdadeiro potencial de cada empresa: un grupo humano ao “servizo dunha función necesaria, creativa, sostible e con sentido”

Ao final será a experiencia persoal de cada un a que nos permita verificar a certeza ou incerteza do que outros nos contan.

O maleficio

O maleficio ao que me vou referir nada ten que ver co “dano causado pola arte dos feiticeiros” senón ao dano que certas persoas, sobre todo quen ten algunha responsabilidade, provocan facendo que “aparentemente, uns ganen e outros perdan” aínda que ao final ninguén saía beneficiado. Seguramente ao ler isto a todos se nos veñen a cabeza ducias de nomes. A min, agora, venme un,…

Venme a cabeza esta reflexión logo de ler “O beneficio” de Alex Rovira e Georges Escribano (velaquí o primeiro capítulo) onde, a xeito de novela, fan unha análise psicosocioecómica dunha entidade enferma. Déuseme por ler este libro logo de ver unha entrevista en CNN+ do primeiro dos autores con Antonio San José no espazo “Cara a Cara”, cando, facendo zapping na madrugada do venres o entrevistador cita a frase coa que se abre o libro:

“Trata a un ser humano como é,
e seguirá sendo o que é.
Trátao como pode chegar a ser,
e converterase no que está chamado a ser.”

Blaise Pascal

A quen nos entusiasma o “Desenvolvemento de Persoas” e rexeitamos abertamente a expresión “Recursos Humanos”, por ser despectiva para a propia raza, en canto que as persoas somos algo máis que un recurso para as empresas e outras organizacións, frases como a de B. Pascal engánchannos. Así que o venres pola tarde compreime este libro; logo de lelo, por suposto, recoméndoo (especialmente a calquera persoa que teña a responsabilidade de dirixir un grupo).

Son dos que subliña moito os libros e logo lle da voltas a todo, neste as páxinas en amarelo fluorescente case superan as que quedan sen colorear, tal é o interese que produciu en min a súa lectura. Entre todas as ensinanzas, quédome esta:

“… a calidade só se pode construír dende a conciencia.

Sen conciencia, dixo, non pode haber comprensión; sen comprensión non hai respecto; sen respecto non pode haber confianza e sen esta non é posible o compromiso. E por suposto, sen compromiso non é posible a calidade‘”.

Falan os autores de confianza. Que é a confianza? Alex Rovira explícao mellor ca min, ver vídeo, mais quédome con algo que é fundamental para ter confianza en alguén: a integridade (ou conciencia). “Confiamos nas persoas que son íntegras. Que é a integridade? Predicar co exemplo e cumprir o que se promete”.

Hoxe díxenlle ao concelleiro do BNG en Xunqueira de Ambía, José Luís Quintas Coello, que non confiaba nel. Porqué? Por que non é un ser íntegro. Porque? Por que non predica co exemplo, por que non cumpre o que promete e un cento de razóns máis. A súa resposta: “eres bobo!”. Por se non oíra ben, repetiumo. Esa é súa ética, a súa coherencia.

Este feito non me sorprendeu en absoluto, nin a min nin a ducia de persoas que había nese intre nun bar de Xunqueira. A eles menos ca min. Están afeitos ás súas predicas, broncas e insultos. Iso é ao que se adica cada día en tódolos bares, rúas e prazas da vila, dende a súa atalaia de “concelleiro do BNG”, pois seica “o título” este fai que as persoas coma el, con escasa formación, se atrevan, para vencer os seus complexos, a dar leccións e insultar a outros con menos, semellantes ou moitos máis coñecementos ca el. Adafeito. “O titulo” non leva implementada a razón nin a intelixencia, vello amigo. Ti es a proba do que digo mais, desgraciadamente para o nacionalismo galego, non a única.

O BNG é unha organización enferma e ti es o vivo exemplo de maleficio; un virus que, aparentemente semella unha cousa, que pode facerlle crer a alguén (eu o primeiro bobo!) que vai conseguir algo contigo, apoiándote, para que outros perderan ese poder que ti -ilusamente- ambicionas. Pero ao final ninguén gaña nada. Xunqueira, contigo, non gañou nada (a vista está). O BNG, contigo, non gañou nin gañará nada. Ao revés.

Existe un principio ético que obriga a quen usa -parcialmente- a obra de outro autor, a citalo. É un xeito de non apropiarse dunha obra que non lle corresponde. Chámase a este principio: referenciar. Outros dirán que é un envoltorio para desenvolver artigos mediocres, unha forma de disfrazar a verdade ou manipulala,… Persoalmente non me considero en posesión da verdade e o que crea e manifeste estalo (por exemplo, cando alguén di “mentes”, “faltas a verdade”, “fas demagoxia” …), non fará máis que exhibir a súa ignorancia e arrogancia, característica esta última, que limita o crecemento e evolución persoal.

Solidariedade competitiva

Pódese ser solidarios e competitivos a un tempo? Competir e compartir son términos contraditorios, sen embargo, os movementos sociais que nun principio nacen cun obxectivo solidario acaban converténdose en organizacións que compiten “a cara de can” coas súas semellantes.

Hai uns meses, unha asociación sen ánimo de lucro radicada en Barcelona, pedíanos a un grupo de persoas que realizásemos unha serie de informes co obxectivo de elaborar un plan estratéxico para os vindeiros oito anos. Esta asociación adícase sensibilizar e formar aos cidadáns sobre a desigualdade entre os países do Norte e do Sur e as súas causas e promover actuacións persoais e colectivas que fomenten unhas relacións entre eses países máis solidarias.

Como este traballo foi realizado en grupo non o podo publicar aquí na súa integridade, si algunhas das achegas persoais ao debate previo que, xa que me tocou abrilo, fíxeno cunha análise externa –análise das cinco forzas de Porter– sobre o movemento asociativo, dun xeito un tanto controvertido, para así provocar a interacción:

A rivalidade entre os competidores existentes:

No entorno dos movementos sociais non existe rivalidade entre diferentes movementos, cando menos entre aqueles que perseguen os mesmos fins (outra cousa é que os seus fins sexan contraditorios, como sería o suposto dos movementos xenófobos respecto a outros movementos de carácter étnico). Si sucede o fenómeno contrario, isto é, colaboración entre movementos (en forma de federacións ou confederacións).

A posibilidade de entrada de novos competidores:

Non existen grandes barreiras de entrada para ser solidarios ou crear unha entidade solidaria. A maior dificultade radica na obtención de fondos para lograr grandes obxectivos e/ou ter unha gran estrutura, necesaria para obxectivos moi ambiciosos. Para iso a ferramenta máis importante de toda asociación está no esforzo colectivo e altruísta dos seus socios que, amais, servirá para xerar confianza ante potenciais doadores e ante as institucións, públicas e privadas, das cales recibirán axudas e subvencións.

A ameaza de produtos substitutivos:

A solidariedade non ten produtos substitutivos senón complementarios. Os produtos que unha entidade solidaria poida por á venda son exclusivos en canto ao fin que a súa venda persegue. Así, unha persoa poderá pertencer ou comprar a nosa asociación, que colabora con persoas do sur, pero tamén poderían pertencer ou comprar a unha asociación feminista, pacifista, ecoloxista,… ou incluso a outra ou outras da mesma temática.

O poder de negociación dos compradores:

As asociacións son entidades sen ánimo de lucro, de modo que cando venden algo non existe marxe de beneficio senón marxe de solidariedade e este dependerá da solidariedade de cada cliente.

O poder de negociación dos provedores:

O mesmo sucederá cos provedores, aos cales as entidades sen ánimo de lucro tamén deben ‘sacarlle’ ese marxe de solidariedade. Con estes tamén é importante manter unha boa relación para facelos futuros colaboradores ou doadores da entidade. Por outra parte, entre os provedores, darase preferencia a aqueles que pertenzan ao movemento asociativo ou a sectores cuxa causa defende a entidade, neste caso produtos orixinarios do sur.

Unha asociación non é allea á necesidade de recursos para subsistir, ao igual que calquera empresa, e posto que estes veñen de xeito especial das administracións públicas (no suposto analizado proviñan nun 70% da administración local. Ver) vense na obriga de competir entre elas polo reparto deses fondos, na maioría dos casos por concorrencia competitiva, noutros mediante a sinatura de convenios. En calquera dos casos, posto que estes fondos son limitados, a rivalidade será maior a medida que o numero de entidades beneficiarias creza. Por iso resulta difícil convencer a alguén da bonanza competitiva entre distintas asociacións.

No suposto analizado existía un grande desequilibrio entre as diferentes organizacións (internacionais, estatais, locais,…), situación que se repite en maior ou menor medida noutros sectores dos movementos sociais, onde unhas entidades sobresaen sobre as outras, acaparando máis fondos, xa sexa pola súa propia repercusión social, a diferenciación de actividades que realizan ou servizos que prestan, a consolidación de persoal laboral, ou os intereses estratéxicos, propios e de terceiros, entre outros motivos.

A figura dos provedores e compradores tamén é controvertida pola mesma razón, posto que en moitos casos quen ocupa esta posición son as administración públicas. Nestes casos, é evidente, o poder de negociación moi reducido, dependendo da presión social que poida exercer e, polo tanto, do tamaño da asociación.

Por suposto, ao igual que sucede coas empresas, a afinidade política é un valor determinante para a obtención de axudas e subvencións ou para establecer relacións de colaboración coas administracións.

Propiedade, terra e traballo

Esta semana tocoume dar un módulo de creación de empresas a un obradoiro no Concello de Os Blancos (Ourense), unha materia nova para min, pois non son economista, en substitución dun compañeiro que está de vacacións e si o é. Como non pretendo pasar por especialista nunha materia na que non o son plantei o módulo dun xeito totalmente diferente ó que viña sendo habitual [explicar como se elabora un balance e como crear unha empresa a partir dunha franquicia: BEEP (sic)], comezando cun tanque de ideas, logo madurando e analizando esas ideas para rematar facendo un plan de empresa, sen pasar por alto a importancia de realizar estes tres pasos antes de por en marcha calquera proxecto empresarial.

Teño que destacar a participación de todos na reportación de ideas que, amais de numerosas eran acordes coas potencialidades da zona e, case todas, coas posibilidades dos participantes. O problema xorde en forma de desconfianza, coma sempre, cando finalmente falamos de crear sociedades e realizar reportacións ós proxectos. Falamos abertamente desa barreira psicolóxica máis non logramos derrubala aínda que si, recoñecela. Hai tempo que lin un estudo que falaba da confianza que as persoas teñen nos seus socios de empresa nas diferentes comunidades. Segundo este, os cataláns son os que máis confianza depositan e os galegos os que menos. Non fai falla que engada nada máis.

Máis este post non ía por aí. Quería falar de riscos, o outro medo que nos atenaza a hora de crear unha empresa: perder o diñeiro invertido. Preguntei ós compoñentes do obradoiro por que si estarían dispostos a arriscarse a hora de comprar unha vivenda e, sen embargo, non o están para crear unha empresa. A resposta máis usual é que todos necesitamos unha vivenda na que vivir -o que eu respondín que tamén necesitamos un traballo para pagala… e para vivir- e que, de ter que pagar por ela é mellor comprala que alugala, pois así terían algo que deixarlle ós seus fillos.

Aquí comezou un novo debate. Que é o que os país deberían deixarlle ós seus fillos? Propiedades ou traballo? Estando como estabamos nun entorno rural pregunteilles a todos si tiñan terras, ó que responderon afirmativamente e logo enlacei a súa resposta con outras dúas preguntas: que credes que vos estaban deixando os vosos antergos cando invertían en terras? Unha propiedade ou un medio de vida, isto é, traballo?

Coido que aquí é onde comprendemos todos, incluído eu, cal era a verdadeira importancia da terra para os nosos antecesores: era o medio que nos garantiría traballo no futuro. A propiedade da terra era a ‘empresa’ que un cidadán galego, nunha sociedade baseada nunha economía primaria, podía deixar ós seus descendentes.

Nalgún intre da evolución da nosa sociedade, tan preocupada sempre por deixar algo, esquecemos que era o mellor para deixar ós nosos descendentes [propiedade (vivenda, diñeiro,…) ou traballo (empresa)], porque no pasado unha cousa -propiedade (terra)- e a outra -traballo (terra)- eran o mesmo.

A minoría innovadora

Cando Salomon Asch trataba de demostrar como os individuos non se deixaban manipular con facilidade descubriu todo o contrario: o xuizo dun individuo pode ser fácilmente manexado por unha maioría… pero tamén por unha minoría. Para que isto suceda, para que unha minoría sexa capaz de xerar preocupación polas súas posturas, ten que darse unha serie de condicións:

A primeira é o conflicto que provoca o feito de que un grupo de persoas cuestione a situación dada e definida a priori pola maioría: v. g. as pseudoasembleas de delegados do BNG. O conflicto require dunha segunda condición: que sexa visible (tense que provocar nun espazo público, xa sexa físico, mediático ou ideolóxico). Un conflicto aberto obriga as persoas que o viven, directa ou indirectamente, a posicionarse dun lado ou de outro. O obxectivo da minoría debe ser manter o conflicto aberto, o ser éste un espazo no que sempre se pensa, reflexiona, crea, innova e se desenrolan argumentos, un espazo, por tanto, favorable as minorías, non polas persoas que as forman senón polas súas ideas. O mantemento deste conflicto provoca un conflicto cognitivo na maioría e a visibilidade da minoría.

A segunda condición para ser influinte será a consistencia coa que a minoría se amose ante a maioría. Aquí temos que falar de consistencia diacrónica, a que se da cando a minoría consegue manter os seus postulados con coherencia ó largo do tempo, e a consistencia sincrónica, cando as diferentes persoas que conforman a minoría manten a mesma postura dun xeito coherente. Canto máis elevado sexa o grado de consistencia que os membros da maioría perciben na minoría, máis elevada será a influencia por parte desta.

En terceiro lugar, será preciso que a minoría se amose autónoma (xerar a percepción de que as opinións da minoría non se deben a intereses externos ó movemento senón opinións as que se chegou mediante un proceso de reflexión interno) e sexa capaz de xerar confianza (a capacidade de manter posicións independentes é moi valorada na sociedade e o feito de oporse a maioría é un bo paso para ser considerado digno de confianza). Tamén é importante amosar que non se actúa por intereses persoais ou para obter privilexios para o propio grupo.

Por último, e non menos importante, cabe considerar o estilo negociador da minoría, que pode ser ríxido ou flexible, segundo a disposición a ceder que uns poidan deducir dos outros. Para a minoría, o feito de amosarse flexible en determinados momentos pode servirlle para amosar que as súas posicións non son dogmáticas e cerradas e que busca o mellor para todos. Sen embargo, tamén lle convén amosarse ríxida para exteriorizar a súa consistencia e manter vivo o contacto.

Vai chover!

Nunha sociedade existen certas normas que ten a característica remarcable de pasar desapercibidas, incluso para quen as cumple. Son as normas implícitas. Polo xeral non sabemos que son normas e, por descontado, non están escritas en ningunha parte.

Un exemplo deste tipo de normas son as que regulan as accións das persoas nun ascensor, ainda que as mesmas normas ben poderían servir para regular a convivencia que algúns queren para o seu partido político.

Algunhas normas implícitas son xerais de tódolos ascensores e outras son específicas segundo o ascensor sexa dunha vivenda ou dun edificio de oficinas, si se encontra nunha cidade grande ou nun pobo pequeno, etc. Do mesmo xeito, o comportamento político dunha persoa non vai selo mesmo segundo se atope nunha reunión de amigos, nunha Asemblea Local, Comarcal ou Nacional. Nos ascensores o silencio é a norma principal. Nunha Asemblea, a diferencia da reunión de amigos, tamén é desexable estar calado, ainda que esta norma pode chocar con outra que promova a comunicación entre persoas. Cando isto pasa, por exemplo, nos momentos previos a celebración, a norma que sucede á do silencio é a de falar dun tema máis neutro e con menos implicacións persoais e políticas posibles, é dicir, do tempo que fai. Si se manten o silencio, encontramos tamén outras normas como, por exemplo, non mirar directamente ás outras persoas, evitando, sobre todo, o contacto ocular e, en todo caso, mirar ás paredes as luces, o espello (non demasiado para que os demais non pensen que somos uns presumidos ou que os asexamos mediante o espello) ou porse a ler calquer cousa, coma nun ascensor, cando lemos por millonésima vez as instruccións de uso e as limitacións de persoas e peso. Si é posible, hai que deixar o máximo espacio posible entre persoas e evitar calquer contacto físico entre desconocidos; si esto non é posible, hai que expresar de forma clara, ainda que non verbalmente, a incomodidade que nos provoca tal situación. O importante nun ascensor, como nunha reunión dun partido político, é non incomodar a ninguén, especialmente, neste último caso, a quen ten algunha responsabilidade política. Sería o mesmo que irlle “tocando as pelotas” ó técnico do ascensor. Claro que,… un partido político non é un ascensor.

Falamos do tempo?

O experimento de Salomon Asch

Asch estaba interesado en demostrar a independencia de xuízo dos individuos e como estes non se deixan influenciar con facilidade. Sen embargo, os resultados non foron os que esperaba, xa que, aínda que moita xente, de feito, mantívose independente, unha porcentaxe sorprendentemente alta conformouse ás opinións dunha maioría que ia en contra da evidencia máis clara.

O experimento desenrolouse da maneira seguinte. Tratábase de crear unha situación na cal se pedirá a unha persoa a apreciación da lonxitude dunha liña e a comparase con outras tres liñas. Como podedes ver na seguinte figura, o exercicio é bastante obvio, así que, si nos preguntan cal das liñas 1, 2 ou 3 se parece máis á liña patrón, ningún de nós dubidaría máis dunhas centésimas de segundo en afirmar que é a liña 1.

Solomon Asch demostrou que existe unha condición na cal a maior parte de nós pode chegar a afirmar que a liña 2 é a liña patrón. Esta situación dáse cando facemos esta apreciación en grupo e todas as persoas do grupo (de sete a nove persoas cómplices do experimentador) afirman que é a liña 2 a que é igual que a liña patrón.

Nunha serie de doce xuízos sucesivos sobre a lonxitude das liñas diferentes (en sete das cales a maioría cómplice tiña una opinión claramente contraria á realidade), un 23% da xente non cómplice que participou no experimento unha vez fixo unha afirmación como a da maioría, en contra da súa propia visión das liñas, un 32% fíxoo dúas ou tres veces, e un 26% catro veces ou máis. En total, un 81% optou, polo menos unha vez, polo xuízo da maioría, e un 58% fíxoo máis dunha vez. Un total de trinta e unha persoas foron suxeitos non cómplices nesta primeira versión do experimento.

Fixádevos do difícil que é subtraerse a forza da maioría. Pensade no que fariades vos si de súpeto vos vedes rodeados de xente cunha opinión claramente distinta. De ningún xeito nos gusta pensar que poidan crer que estamos tolos! Por iso é que preferimos ceder e dicir o mesmo que os demais, chegando incluso a dubidar, sinceramente, das nosas opinións.

Si isto sucede nunha cuestión tan evidente, imaxinádevos o que pode pasar cando o tema que hai que xulgar non é tan doado nin tan evidente como a lonxitude dunha liña! Imaxinádevos que a cuestión a debater é a idoneidade dunha persoa ou outra para encabezar a lista dun partido político para unha circunscrición electoral, así como decidir cales serán as demais persoas que formaran parte da mesma. Imaxinádevos unha asemblea na que van a estar importantes cargos políticos -interesados en defender a liña oficial-, persoas con intereses directos -persoas que comen do maseiro e outras que esperan comer-, etc. etc., todos defendendo a mesma tese para convencer a unha maioría silenciosa, conducindo a unha sobrerrepresentación dos discursos dominantes e aumentando a dificultade para que xurdan puntos de vista alternativos.

O certo e que soamente aquelas persoas que confían extremadamente no seu xuízo e aquelas que cren que, polo ben do partido, teñen que dicir o que pensan conseguirán subtraerse á conformidade que a situación esixe. Iso si, non sen experimentar unha gran tensión, pois non podemos actuar como si os demais non existisen. Ese é o custe. Seguramente, as persoas que decidan non enfrontarse a maioría teñan boas razóns para facelo… imaxinádevos!