Solidariedade competitiva

Pódese ser solidarios e competitivos a un tempo? Competir e compartir son términos contraditorios, sen embargo, os movementos sociais que nun principio nacen cun obxectivo solidario acaban converténdose en organizacións que compiten “a cara de can” coas súas semellantes.

Hai uns meses, unha asociación sen ánimo de lucro radicada en Barcelona, pedíanos a un grupo de persoas que realizásemos unha serie de informes co obxectivo de elaborar un plan estratéxico para os vindeiros oito anos. Esta asociación adícase sensibilizar e formar aos cidadáns sobre a desigualdade entre os países do Norte e do Sur e as súas causas e promover actuacións persoais e colectivas que fomenten unhas relacións entre eses países máis solidarias.

Como este traballo foi realizado en grupo non o podo publicar aquí na súa integridade, si algunhas das achegas persoais ao debate previo que, xa que me tocou abrilo, fíxeno cunha análise externa –análise das cinco forzas de Porter– sobre o movemento asociativo, dun xeito un tanto controvertido, para así provocar a interacción:

A rivalidade entre os competidores existentes:

No entorno dos movementos sociais non existe rivalidade entre diferentes movementos, cando menos entre aqueles que perseguen os mesmos fins (outra cousa é que os seus fins sexan contraditorios, como sería o suposto dos movementos xenófobos respecto a outros movementos de carácter étnico). Si sucede o fenómeno contrario, isto é, colaboración entre movementos (en forma de federacións ou confederacións).

A posibilidade de entrada de novos competidores:

Non existen grandes barreiras de entrada para ser solidarios ou crear unha entidade solidaria. A maior dificultade radica na obtención de fondos para lograr grandes obxectivos e/ou ter unha gran estrutura, necesaria para obxectivos moi ambiciosos. Para iso a ferramenta máis importante de toda asociación está no esforzo colectivo e altruísta dos seus socios que, amais, servirá para xerar confianza ante potenciais doadores e ante as institucións, públicas e privadas, das cales recibirán axudas e subvencións.

A ameaza de produtos substitutivos:

A solidariedade non ten produtos substitutivos senón complementarios. Os produtos que unha entidade solidaria poida por á venda son exclusivos en canto ao fin que a súa venda persegue. Así, unha persoa poderá pertencer ou comprar a nosa asociación, que colabora con persoas do sur, pero tamén poderían pertencer ou comprar a unha asociación feminista, pacifista, ecoloxista,… ou incluso a outra ou outras da mesma temática.

O poder de negociación dos compradores:

As asociacións son entidades sen ánimo de lucro, de modo que cando venden algo non existe marxe de beneficio senón marxe de solidariedade e este dependerá da solidariedade de cada cliente.

O poder de negociación dos provedores:

O mesmo sucederá cos provedores, aos cales as entidades sen ánimo de lucro tamén deben ‘sacarlle’ ese marxe de solidariedade. Con estes tamén é importante manter unha boa relación para facelos futuros colaboradores ou doadores da entidade. Por outra parte, entre os provedores, darase preferencia a aqueles que pertenzan ao movemento asociativo ou a sectores cuxa causa defende a entidade, neste caso produtos orixinarios do sur.

Unha asociación non é allea á necesidade de recursos para subsistir, ao igual que calquera empresa, e posto que estes veñen de xeito especial das administracións públicas (no suposto analizado proviñan nun 70% da administración local. Ver) vense na obriga de competir entre elas polo reparto deses fondos, na maioría dos casos por concorrencia competitiva, noutros mediante a sinatura de convenios. En calquera dos casos, posto que estes fondos son limitados, a rivalidade será maior a medida que o numero de entidades beneficiarias creza. Por iso resulta difícil convencer a alguén da bonanza competitiva entre distintas asociacións.

No suposto analizado existía un grande desequilibrio entre as diferentes organizacións (internacionais, estatais, locais,…), situación que se repite en maior ou menor medida noutros sectores dos movementos sociais, onde unhas entidades sobresaen sobre as outras, acaparando máis fondos, xa sexa pola súa propia repercusión social, a diferenciación de actividades que realizan ou servizos que prestan, a consolidación de persoal laboral, ou os intereses estratéxicos, propios e de terceiros, entre outros motivos.

A figura dos provedores e compradores tamén é controvertida pola mesma razón, posto que en moitos casos quen ocupa esta posición son as administración públicas. Nestes casos, é evidente, o poder de negociación moi reducido, dependendo da presión social que poida exercer e, polo tanto, do tamaño da asociación.

Por suposto, ao igual que sucede coas empresas, a afinidade política é un valor determinante para a obtención de axudas e subvencións ou para establecer relacións de colaboración coas administracións.

1 comentario en “Solidariedade competitiva”

Os comentarios están pechados.