- Oficio?, “a que oficio te refires?”, diría quen non lese “O Principiño ponse a garabata”.
- Calquera, responderíalle, pero especialmente ao que se refire Borja Vilaseca, ao oficio de dirixir unha organización, con ou sen ánimo de lucro. En todo caso, mellor lelo (primeiras páxinas).
Ao igual que un dos protagonistas deste libro “non son escravo do que pensa a xente”. Estou “liberado da obsesión de gustar aos demais, da necesidade de darlles motivos para que me aplaudan”, moito menos a esas ovellas que se meten no rabaño pola súa propia inseguridade, comodidade e/ou inercia. A “manada” á que se refire Eduard Punset.
Entre as funcións deste blog está a de denunciar un sistema que está deixando de lado as verdadeiras necesidades das persoas, de xeito global e específico, para servir ao egocentrismo dunhas cantas persoas. A hora de facer estas denuncias non obedezo a cor política algunha, “só rindo contas a miña conciencia” coa finalidade de acadar as mellores condicións sociais e/ou laborais. Comprendo que dende o medio do rabaño non se poida escoitar con nitidez esta mensaxe ou, de escoitala, non posúan a confianza que lles permita arriscar, condenándose así a permanecer eternamente no mesmo refuxio, inmóbiles.
A mensaxe a que me refiro pretende ser transformadora porque, entendo, a sociedade na que vivimos necesita ser mudada. Debe transformarse ese capitalismo depredador que nos tocou vivir, onde todo vale co fin de acadar o éxito, o beneficio ou o poder.
… e aquí, eu que tanto falo de política, non podo excluír a ningún partido. Dicíame hai uns días un amigo que el xa chegara a comprender que “é posible que un socialista queira ser rico”, eu aínda non. Non comprendo que alguén que ambicione riquezas sexa a vez solidario, sen embargo hainos,… e en postos de moita responsabilidade. Deberíamos temer a este tipo de persoas.
Falo dunha transformación do capitalismo para conquerir entornos laborais máis sans e saudables para calquera ser humano. Falo dun capitalismo ético. Isto, co cinismo instaurado na dirección da maioría de organizacións, pode semellar unha utopía, sen embargo, moitas empresas que están apostando por esta transformación cultural están acadando grandes éxitos (maior crecemento, máis beneficios, traballadores e clientes máis satisfeitos,…). Todo traballador quere formar parte destas organizacións, rexeitando aquelas outras, acabando nelas só por falla de oferta de emprego.
Con que ánimo pode acudir un traballador ao seu posto de traballo cando escoita ao seu xefe defender publicamente o despido libre, ou cando afirma que os contratos estables só serven para que os traballadores se acomoden? Con que ánimo, un traballador de calquera outra organización, entra a comprar nas súas tendas? Diría que ese home sofre a patoloxía do éxito. A arrogancia é fea… e destrutiva, impide tomar consciencia do verdadeiro potencial de cada empresa: un grupo humano ao “servizo dunha función necesaria, creativa, sostible e con sentido”
Ao final será a experiencia persoal de cada un a que nos permita verificar a certeza ou incerteza do que outros nos contan.