Galiza e o Índice de Distancia ao Poder

Neste post: “Outliers e o Índice de Distancia ao Poder”, Francisco Alcaide, facendo referencia ao libro ‘Foras de Serie’ (Outliers) fai fincapé nun dos parámetros que fan que unha persoa, unha organización ou mesmo unha sociedade, acaden o éxito. Tanto o autor do libro como o deste artigo coinciden en que existe unha relación directa entre o fracaso dunha misión e o Índice de Distancia ao Poder (IDP).

Para Geert Hofstede, “a distancia ao poder está relacionada coas actitudes cara a xerarquía, en concreto, con canto valora e respecta a autoridade unha cultura en particular”.

Penso que Galiza debe o seu atraso social e económico, en boa parte, ao elevado IDP. O noso IDP é elevando xa que nesta terra abundan os silencios e a escuridade nas comunicacións, facendo que a maior parte da nosa sociedade saiba das cousas que lle son do seu interese demasiado tarde, deixando sen marxe de manobra ao interesado. Existe medo a dicir as cousas claramente, existe temor a autoridade (xa sexa esta un empresario, un responsable político, …).

Contar con empregados que ten medo a dicir o que pensan ao seu xefe, especialmente cando está en desacordo, contar con veciños que ten o mesmo temor a trasladar as súas queixas e ideas a persoa que goberna o seu concello -ou calquera outra administración- supón un freo ao avance da nosa sociedade en tódalas súas vertentes (económica, social, cultural,…).

Si, como salienta Hofstede, nos países cun baixo IDP os responsables políticos case se ‘avergoñan’ do seu poder, renunciando a símbolos formais (andar en transporte público no lugar de coche oficial, por exemplo), aquí é algo que cada día che botan na cara. Non vou falar de audis, mais sería un bo exemplo, senón do que se lle dá en chamar publicidade institucional, a través da cal o goberno de quenda di todas esas cousas que fai por nós, cos nosos cartos, e polas cales lle debemos gratitude. Iso si, eles tampouco o fan de balde.

Nun país cun baixo IDP aos políticos caeríalles a cara de vergoña si tivesen que facer esta clase de campañas publicitarias, aquí, nembargantes, soportámolas a diario. Non hai moito, no III Encontro de Emprendedores Eduardo Barreiros, mentres Paco Vázquez, Alcalde de Ourense, piropeaba a José Luís Outeiriño, editor do xornal da cidade, unha moza -destas que aparecen nos actos de inauguración e clausura, non das que seguen o encontro integramente- que estaba sentada ao meu lado dicía sen disimulo, para que a oísen os que estaban diante: ‘Que joven está Paco, verdad?’  Por riba de todo a verdade.

Outro exemplo: ate non fai moito estiven traballando nunha asociación sen ánimo de lucro, ASPANAS, onde unha compañeira me recomendou que piropease a xefa, pois “encántalle ser alagada”. Confeso que non o fixen e probablemente esa sexa a razón de que non siga nesa entidade. Tamén digo que non me gustaría traballar nun entorno no que tivese que estar calado, silenciar o meu pensamento. Por iso me aledo de non seguir nesa entidade, a que nunca volverei, por varias razóns:

1.- Por non terme valorado como profesional.

2.- Por non ter tido en conta as miñas innovacións

3.- Porque non comparto os seus métodos (si os seus fins) caciquís.

4.- Porque, enlazando coa número 3, se despreza o talento e se sobrevaloran as relacións de amizade.

5.- Por non respectarme como persoa (dende o primeiro momento: así cheguei a entidade).

E, por último, porque existe dentro desta entidade un elevado IDP que fará, que máis tarde ou máis cedo xurdan problemas, ate agora evitados e silenciados grazas, precisamente, ao elevado IDP que moitos, eu incluído, profesamos a entidade, que non polas persoas que a dirixen.

Son dous exemplos illados pero que cada día se viven en cada empresa, en cada administración de Galiza. Somos unha sociedade totalmente sometida ao que ten máis poder. Falta algo de rebeldía. Ou mellor, cumpre non perseguir ao rebelde. Quizais con isto fose suficiente.

“Recompénsase aos culpables e faise sufrir aos inocentes”, SUSAN GEORGE

Fai máis de catro décadas que Susán George (Ohaio, 1934) avoga por outro mundo, tan globalizado como o actual, pero máis solidario é sostible. Fundadora é presidenta de honor da organización altermundista ATTAC, sostén que aínda non vimos o peor da crise. “A desfeita actual é a antesala dun fenómeno máis grave”, asegura George, extremadamente crítica coa xestión que levaron a cabo os gobernos e as organizacións internacionais. Instalada en Paris dende os anos sesenta, hoxe preside o Transnational Institute, con sede en Amsterdam. Georges é Licenciada en Ciencias Políticas e en Filosofía, e é doutora en Ciencias Políticas pola prestixiosa Ecole des Hauts Études en Sciencies Sociales (EHESS) de París. Algúns dos seus libros, como Informe Lugano (Icaria 2007) e Outro Mundo é posible si… (Icaria 2007) resultaron fundamentais para o movemento altermundista. Agora ultima un novo volume sobre a crise.

Susan George, Presidenta de ATTAC Inrternational

Cal é o seu diagnóstico a situación actual, máis dun ano e medio despois da quebra de Lehman Brothers?

Antes de nada, que abramos ben os ollos. Parece que soamente asistimos a unha crise financeira, porque é a única que ocupa as portadas dos xornais. En realidade, esta crise eclipsa outras igualmente graves. Por exemplo, unha crise social provocada polas crecentes desigualdades. E unha crise ecolóxica que habería que resolver con urxencia. Non nos deixemos enganar: que a bolsa se estabilice non significa que remataran tódolos problemas.

Como valora as medidas adoptadas polos gobernos de todo o mundo?

Os que nos gobernan non entenderon nada. As axudas gobernamentais favoreceron a unha ínfima minoría. O G20 tentou volver a situación anterior a crise o máis rapidamente posible. O máis escandaloso é o que os bancos recibiron centos de miles de millóns de euros sen ningunha contrapartida, sen ningunha obriga a cambio.

Que se debería ter feito?

Hoxe estamos ante un sistema estruturado en catro círculos concéntricos. Por esta orde, as finanzas -que o engloba e determina todo-, seguidas da economía, a sociedade e o medio ambiente. Eu creo que habería que inverter esta xerarquía. O medio ambiente debe ocupar o primeiro lugar, porque é imposible loitar contra a natureza. A economía e as finanzas deben estar ao servizo da sociedade e non ao revés. Habería que empezar nacionalizando os bancos. Non se trata só de facer que o executivo que xestione, senón de obrigalos a conceder créditos, que deberían ser un ben público, en especial ás empresas ou aos particulares con proxectos ecolóxicos. Nos anos cincuenta, a metade do crédito ía destinado ás finanzas e outra metade á economía real. Hoxe a proporción é dun 80% para as finanzas e un 20% para a economía real. Como imos facer xirar o mundo con eses valores.

Diría que se produciu un retorno ao proteccionismo e a regulamentación despois de moitos anos de libre cambio sen freo?

En absoluto. Considero que o proteccionismo foi mínimo. Incluso o Director Xeral da OMC [Organización Mundial do Comercio], Pascal Lamy, recoñeceuno. As medidas que se adoptaron non tiveron ningunha influencia sobre o libre cambio a escala global. De acordo, o comercio reduciuse, pero so porque o consumo descendeu: a xente non ten cartos e, conseguintemente, tende a comprar menos. O estado adoptou iniciativas, pero isto non é sinónimo de proteccionismo. O que fixeron os estado foi atopar os cartos, pero endebedándonos a todos, especialmente aos máis mozos. A veces parece que esquecemos que os cartos non can do ceo…

Historicamente, os momentos de crise serviron para facer avances sociais. Esta crise tamén o permitirá?

Non me parece moi probable. Durante a gran Depresión dos anos tinta, si que ocorreu, pero só porque en Estados Unidos tiñan a unha persoa como F. D. Roosvelt de Presidente. Por desgracia, Obama non é un novo Roosvelt. Impresiónano os poderosos, mentres que Roosvelt non se deixaba intimidar, tal vez porque procedía da mesma clase social ca eles. Sabían que eran depredadores. Roosvelt pronunciou unha frase que me marcou: “Esta clase social gárdame xenreira. E eu estou orgulloso do súa xenreira”. Obama xamais podería dicir algo así. Non sabe imporse e limítase a facer discursos bonitos. A miña teoría é que non haberá ningún progreso social, que o paro seguirá aumentando e que os plans de estímulo non terán ningún impacto a largo prazo.

Obama brindou o seu apoio implícito ao “New Deal verde” que vostede propuxera en 2007.

Si, moita xente utilizou esta expresión ultimamente, entre eles Obama. Aínda así, por desgracia, ninguén se atreve a pasar a acción. Temos que intervir de forma masiva na economía verde, comezando pola industria do automóbil, o transporte público e o desenvolvemento de enerxías sostibles. Non so polo respecto ao medio ambiente, senón tamén porque sería unha fonte de ocupación non deslocalizable a Asia.

Este xiro verde será suficiente para frear a deriva do capitalismo financeiro?

Sería un primeiro paso importante, que debería ir acompañado da instauración da taxa sobre as transaccións financeiras -a chamada Taxa Tobin-, o aumento da presión fiscal sobre as multinacionais e a reforestación nos estados do sur, a cambio da anulación da débeda. E o máis importante: o cerre definitivo dos paraísos fiscais. No día de hoxe oito millóns de persoas posúen 37,8 billóns de dólares. O problema non é que haxa diñeiro no mundo, senón que está agochado.

Diría que a irrupción desta crise acelerou a tendencia cara a chamada desglobalización, por utilizar o termo do seu colega Walden Bello?

Ocorreron cousas que poden indicalo. En América Latina apareceron organizacións como a ASBA [Alianza Bolivariana para as Américas]. E os países asiáticos acercáronse uns aos outros e comezan a negociar a creación dunha moeda única para todo o continente. A crise fai avanzar a tendencia dos derradeiros anos a certa rexionalización, pero, en todo caso, paréceme moi pronto para falar de desglobalización. Cando a inversión volva aos niveis anteriores á crise, todo será exactamente igual que antes. Os países máis fiables seguirán gañando a partida.

No ano 2001, en pleno Foro Social de Porto Alegre, sostivo que non desexaba a chegada do chamado accidente global, utilizando a expresión do filósofo Paul Virilio, porque viría “acompañado dun enorme sufrimento humano”.

Paul Virilio cre que aínda non estamos nesa situación, que chegará outro episodio aínda máis grave. E eu estou bastante de acordo con el: aínda non vimos o peor. De tódolos xeitos, non estamos moi lonxe do que Hobbes chamaba “a guerra de todos contra todos”. A loita de clases segue sendo perfectamente vixente. Os ricos son cada vez máis ricos e os pobres, cada vez máis pobres. As diferencias volvéronse case obscenas, ate o punto que sería necesario por en marcha un debate sobre as diferencias de remuneración. Si o traballador do último chanzo da xerarquía recibe 1.000 euros mensuais, é xusto que un dirixente reciba 50.000? En Estados Unidos, un xefe de empresa gaña entre 400 e 500 veces máis que un obreiro de base. Os cidadáns están furiosos e indignados, e con razón. Para solucionar a crise, recompensouse aos culpables e fíxose sufrir aos inocentes.

Asistimos ao fracaso definitivo do estado do Benestar?

A miña xeración estaba convencida de que o Estado-Providencia era unha conquista dos países ricos que os países pobres irían copiando progresivamente. Que errados estábamos! Hoxe vivimos unha regresión cara o Capitalismo brutal do Século XIX e as clases dirixentes non fan nada para evitalo. Estamos gobernados por avestruces que meten a cabeza no buraco baixo terra.

Nos derradeiros anos acusouse o seu punto de vista de anacrónico. Que sentiu ao ver que o tempo lle deu a razón?

Non foi un momento de satisfacción intelectual, si é o que me pregunta. Fai máis de trinta ou corenta anos que estou convencida de ter razón. Non tiña ningunha dúbida ao respecto. As críticas non me afectan. Sempre pensei que cando a maioría está plenamente convencida de algo, é porque seguramente se trabuca.

Nicolas Sarkozy dixo que había que “moralizar o capitalismo”. É unha misión imposible?

É evidente que si. Sería como querer moralizar aos tigres. Os tigres ten unha natureza particular e non os podemos domesticar. A ninguén se lle pasa pola cabeza reprochar a un tigre que se coma aos nenos pequenos que se lle acercan. E co capital ocorre o mesmo. Para moralizar aos capitalistas habería que metelos en gaiolas. Sarkozy é un oportunista, pero ten unha gran capacidade para captar o clima político do momento. Por exemplo, viu que a ecoloxía xa non é unha cuestión banal para os cidadáns e tomou medidas que nin o Partido Socialista, que non entendeu nada sobre o tema, nin sequera se formula. Non sei si o PSOE é peor aínda que o socialismo francés, pero en todo caso a competencia é moi axustada. O que ocorre é que non podemos agardar máis: é necesario que alguén poña en marcha esta revolución verde. E si ten que ser a dereita, pois que o sexa. O partido que o entenda gañará as eleccións ate a eternidade.

Critica que se confunda antiglobalización e alterglobalización. Cal é o matiz?

Os “alterglobalización” somos profundamente internacionalistas, ou sexa que non temos nada que ver cos “anti”. O problema é que a globalización que vivimos é neoliberal por definición, ou sexa, se confunden os conceptos. A globalización pareceríame fantástica si estivese rexida por outras regras. De feito, eu sempre dixen que estou a favor do mercado. O que faría falla sería cambiar as normas que o regulan. O problema é que o capital teña todos os dereitos e os traballadores, que ten moi poucos, se resignen a converterse en simples consumidores.

Cal é o seu balance dos doce anos de existencia de ATTAC? Este tipo de Coalición cidadá segue sendo a única solución para cambiar o mundo?

ATTAC foi unha experiencia apaixonante, a pesar dos numerosos problemas internos que vivimos. Sempre hai unha pequena parte de decepción en tódolos proxectos que abordamos, pero conseguimos cousas moi importantes. Non nos inscribimos nunha dinámica utopista, como escoito a veces. Somos totalmente realistas e isto viuse co tempo. O principio da Taxa Tobin ten hoxe o apoio de personalidades como Angela Merkel ou Gordon Brown. N Francia conseguimos tombar o tratado constitucional europeo. Evidentemente a Unión Europea non o aceptou, porque en Europa non existe unha auténtica democracia.

Que consello daría aos estudantes que remataran a carreira durante os vindeiros anos?

A verdade é que o ten bastante negro. O último que quixera agora mesmo é volver a ser moza. Os mozos de agora existiredes a situacións bastante desagradables, pero podedes loitar para poder cambiar as cousas adheríndovos a un sindicato ou a unha organización. Sós non sairedes adiante. Tamén lles diría que estuden o que lles guste e non o que resulte máis convínte. Acostumamos a facer ben as cousas que nons apaixonan.

Porque segue loitando si todo nos empurra a ser pesimistas?

Porque eu non razoo en términos de optimismo e pesimismo. O que teño é esperanza. E digo dun xeito moi racional. Temos probas históricas que demostran que as cousas cambian. Nunca se sabe cal será o factor que derrubará un sistema, ou sexa, que haberá que seguir loitando ate que o descubramos.

De onde xorde o seu activismo? Procede dunha familia proletaria?

Ao contrario, procedo da alta sociedade norteamericana, ainda que crecín nunha cidade maioritariamente obreira de Ohaio. Cando era moza dinme conta de que a clase dirixente non tiña nin ideas, nin conversación, nin intereses. E entendín que non quería pasarme a vida asistindo a festas, cócteles e ceas de gala. Parecíame do máis aburrido. E eu non quería pasarme a vida aburríndome , senón facendo algo útil para a sociedade. E iso é o que agardo ter feito.

Entrevista realizada por Alex Vicente para WalKin

Non se albiscan alternativas ao capitalismo depredador

Comezou o “III Encontro Internacional de Emprendedores: Eduardo Barreiros” coa conferencia “Programas e liñas de axuda para emprendedores do MITYC” a cargo de Antonio Fernández Ecker, un tema que que ao empresariado, en palabras de Agustín Fernández, Concelleiro de Economía, Facenda e Promoción do Emprego, “chirría” un pouco.

Isto sucede porque son tantas as liñas de axuda, con presupostos cada vez máis limitados, para dar paso a outras novas, e son, cada vez máis, os organismos intermedios beneficiarios destas axudas. Cales son os organismos intermedios? Boa pregunta. Foi tema de debate. Son o que comunmente coñecemos como chiringuitos, isto é, poden ser unha asociación de ámbito social, empresarial, etc, unha fundación, unha cámara de comercio, un sindicato,… é dicir calquera entidade autónoma, pública ou privada, sen ánimo de lucro. Isto impide que organismos como os Concellos, Deputación, ou Xunta non podan ser beneficiarias directas destas axudas, e crear así postos de traballo de carácter público, e se vexan na obriga de fomentar eses detestables chiringuitos, verdadeiros gardiáns do emprego precario, temporal e moi dado ao enchufismo.

Antonio Fernandez falou de iniciativas moi interesantes para o emprendedor como CEVIPYME, INNOEMPRESA, RSE PYME, ENISA, CERSA, Bussines Angels, Microcréditos a mulleres emprendedoras, Programa Tutela,…e moita outra información, moitas veces descoñecida que se pode atopar nas páxinas de web de IPYME e CIRCE. Con toda esta información fómonos ao descanso.

Pensei que o encontro ía estar máis aburrido, así que me levei a revista WALKIN, unha revista trilingue (catalán, castelán e inglés) que edita a UOC. Leo unha entrevista a Susan George, presidenta de ATTAC, ao final da cal di algo que me obriga a tomar nota: “sempre pensei que cando a maioría está plenamente convencida de algo é porque, seguramente, se trabuca”. Ten que haber moita xente trabucada no mundo …

A volta da pausa a conferencia seguía a cargo de Ignacio Urdiales, Director Financeiro de Blu:sens, e Emilio Fernández Suárez, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo, un para falar de “Empresas TIC” e o outro sobre “Medio Ambiente e Enerxía” como “Oportunidades de actividade no marco da crise“. Anoto a cita que aparece na primeira páxina do Power Point: “se queres ir rápido, viaxa só. Se queres chegar lonxe, faino acompañado. Blu:sens Global Corporation”.

Ignacio fai referencia ao perfil emprendendor dos fundadores de Blu:sens (José Ramón García e Miguel Silva): compromiso e determinación, paixón polo proxecto e visión estrátéxica. Pídeselle moito a un emprendedor… amais, que teña cartos, porque hoxe non lle fían a ninguén. O Director Financeiro de Blu:sens cita algúns dos piares do éxito da compañía: innovación constante, consistencia, rapidez e anticipación, boa relación calidade prezo, alta calidade, practicidade e flexibilidade. Amais disto, adicar un 7% dos orzamentos ao marketing e un 5% a I+D+I.

Emilio Fernández comezou a súa intervención sinalando a principal fonte de contaminación: o ser humano,  comparando o crecemento demográfico da especie humana co do xurdimento dunha praga. A verdade é que estes gráficos dan medo. Máis, a miña pregunta é: é compatible o crecemento económico co respecto ao medio ambiente e aos dereitos humanos?

O certo é que os dous contertulios non conseguiron dar unha resposta convincente, cando menos que me convencese a min. Falar de políticas de Responsabilidade Social Corporativa respecto ao grupo de traballadores (135) que conforman a compañía Blu:sens na súa sede de Santiago de Compostela é moi bonito, incluso dicir que diante da sede da empresa se prantaron unhas árbores como mostra de respecto ao medio ambiente, insistir en que se cumpre toda a normativa CE nos productos finalizados, pero, que sucede na orixe?

Ben a miña opinión é que por máis que se trate de trasladar unha imaxe de respecto ao entorno, neste entorno, no noso, onde se comercializa o produto, erradicando as agresións ao traballador e a natureza, a realidade é que eses problemas non desapareceron, soamente cambiaron de lugar, para un lugar onde as esixencias medioambientais e os dereitos laborais están menos regulados: China. Como o que alí contaminan non o respiramos nós a contaminación non existe… mentres tanto, seguiremos prantando árbores nos nósos parques tecnóloxicos e ningún panel solar.

A miña conclusión destas dúas intervencións e das respostas as miñas preguntas é que non é posible o exito empresarial si se respecta totalmente ao medio ambiente. Aínda así hai que seguir loitando porque, como di Susan Georges, “eu razono en términos de optimismo e pesimismo. O que teño é esperanza. E dígoo dunha maneira moi racional. Temos probas históricas que demostran que as cousas cambian“.

Pala tarde, nun novo panel, “Novos perfis, novas necesidades do emprendedor” contamos coa presenza de dous bloggers. Como blogger afeccionado debo recoñecer que agardaba moito máis deles mais, claro, son emprendedores, son innovadores, si dalgo van falarche non é das súas ideas de futuro, senón das pasadas; as futuras seguramente as acaben pondo eles en práctica, máxime cando nos referimos a un mundo tan cambiante como o das TIC.

Isto é ao que o comunity manager Marc Vidal, blogger e Director Xeral de Cink, chama “emprendeduría dínamica” e que esixe unha actitude de constante adaptación ao cambio que obriga a desbotar calquera plan de empresa tanto a curto, medio, como longo prazo. No sector das TIC os plans reinventanse cada día. Algunhas das claves do éxito, para Marc, están en saber cometer erros, ter a capacidade de transformalos en know how, e no traballo en rede: compartir, proxectar globalmente e aprobeitar o traballo colectivo e desinteresado que millóns de persoas aportan cada día a web. Ou, como el dixo, cumpre comportarse como secoias (o nome ao galego inventeimo, admítense correccións), a árbore viva máis grande do mundo, acadando os 125 metros de altura cunhas raices de pouco máis ou menos medio metro.

Iso si, a diferencia das secoias que se axudan unhas a outras para sobrevivir, o comportamento das empresas é ven diferente, é competitivo, e o que se busca sempre e superar, e si se pode eliminar, a competencia.

Jaime Estévez, periodista, blogger e Director da Axencia de noticias Agoranews, comezou a súa intervención facendo unha crítica ao sistema de subvencións. Efectivamente, si un emprendador quere realizar unha inversión no eido das TIC non pode estar agardando por unha axuda ou subvención da administración porque esta móvese con outros tempos. Probablemente para cando che concedan esas axudas a vida útil do proxecto xa rematou, no peor dos casos, ou se tivo que reformular, cando mellor. Insistiu, como Marc, na importancia que ten as redes sociais na creación de valor da empresa (iso que na vida real chamamos boca-orella e que aquí ben podíamos chamar man-ollo); tamén coinciden en que os “bussines plan non serven para nada” neste eido.

Menos interesantes resultaron as intervencións, con perdón, que se referiron ao “Cambio xeracional nas empresas familiares locais” e a “Actividade exportadora como oportunidade“, nuns casos, o dos nosos empresarios locais, por carecer de contidos innovadores (estratexias, tecnoloxía, RSE, visións,…); noutros, no caso da exportación, por referirse a un modelo de exportación propio do século pasado: pesado (por volumen), lento, pouco flexible e caro (impostos, aranceis, intereses e taxas por servizos bancarios), con nula referencia a comercilización virtual, pago electrónico,… moito máis áxil e accesible para un novo emprendedor.

A última xeira destas xornadas para emprendedores chamada “Emprendendo e entornos urbáns” tivemos a oportunidade de coñecer o desenvolvemento de tres localidades ben distintas: Ureña, da man do seu Alcalde, Manuel Pérez-Minayo Reguera, a Cidade Histórica Vitoria-Gasteiz, Gonzalo Arroita Berenguer, e de Barcelona, para falar do proxecto 22@barcelona, Jaume Amill Miralles, tres casos paradigmáticos de xeración de riqueza recuperando patrimonio en ruinas, esquecido ou inservible. Quizais polas súas similitudes con Ourense, o modelo máis aplicable aquí sexa o de Vitoria-Gasteiz, creando actividade comrcial no casco vello da cidade, en torno aos oficios, si, pero tamén ao arredor da súa historia. Para iso cumpre investigar moito sobre ela, para o cal se precisan axudas, e saber proxectala a través das redes sociais, como non, para que o turista perciba unha cidade distinta e máis atractiva.

O modelo de Ureña pódese aplicar en moitos núcleos poblacionais do rural, onde temos tanto patrimonio esquecido e aínda agochado (ducias de castros) e, cada vez máis, abandonado polo avellentamento e despoboamento dos pobos.

Mais difícil é atopar compromiso das administración e financiamento privado para por en marcha proxectos como 22@barcelona. Aos nosos políticos fáltalles visión e os nosos empresarios só perseguen a acumulación (aínda están nese proceso que sociedades máis avanzadas como a catalana fai séculos superaron, priorizando a construción de país sobre os intereses individuais duns poucos).

Submisas e submisos por fora, rabiando por dentro

Así se refire Eduardo Punset as mulleres que, fai apenas uns anos, “se entregaban vestidas de negro, submisas por fora e rabiando por dentro”, en contra das xentes de agora que “saen armadas contra a desesperanza” da vellez. Todas? Todos?

Non todas. Non todos. Vivimos nunha sociedade onde moitas persoas seguen gardando a súa rabia. Ao abeiro das organizacións empresariais e, sobre todo, políticas, cegadas polo “seu atractivo mental e individual”, o cal lles impide ver que “as barreiras de entrada son practicamente infranqueables e onde a competencia e, por tanto, a innovación non son posibles”, non son benvidas,… ao abeiro destas organizacións, dicía, amontoase gran cantidade de xente submisa. Creen os que controlan estas organizacións que ese sometemento será perpetuo? Como se xustifica o dominio dunhas elites políticas sobre a masa social?

A maioría dos partidos políticos que coñezo seguen a tendencia contraria das empresas con máis éxito: aquelas onde se aplican practicas de responsabilidade social e corporativa, aquelas onde se busca, retén e premia o talento (employer branding), aquelas que acadan os seus obxectivos grazas ao esforzo da totalidade do equipo, un equipo de primeiro nivel, un equipo de persoas que cren no que fan (compromiso) e ten a capacidade para facelo (talento). O éxito está na combinación de ambas; pero sobre todo, na existencia de equipo.

“O que conta é o conxunto e non as partes independentes. Si as partes dun sistema funcionan perfectamente, pero non o sistema xeral, temos un problema” [José Máría Gasalla (2000)]. Agora que, si as partes do sistema non funcionan, nuns casos por falta de talento, noutros de compromiso, o que temos son moitos problemas.

Sentido de urxencia

John P. Kotter, en “Liderando o Cambio“, establece como a primeira das regras para lograr unha transformación social saber comunicar o “sentido de urxencia“. Nesas andamos dende que a crise financeira truncou a xeira de crecemento económico.

O peche de empresas, grandes, pequenas e autónomos, foi continúa, os EREs acumulábanse enriba das mesas das administracións competentes, o parón da contratación de persoal impediu renovar a boa parte da poboación traballadora que estaba suxeita a este tipo de contratos, as inversións millonarias dos gobernos, nuns casos para salvar a empresas multinacionais da banca, da automoción ou da construción, noutros para completar a receita máxica (aquela dos 400 €)  de panem circensque, esgotaron os beneficios recollidos anos atrás e comprometeron os de anos vindeiros.

A situación económica actual é pésima, a situación de traballadores, empregados e desempregados, pesimista. O goberno está desgonzado logo de que cada unha das súas medidas non servisen máis que para agravar a situación económica, agás a uns poucos que si llela solventou. Estas urxencias son as que usa a CEOE para forzar un acordo no que os traballadores perdan, como si xa non perderan abondo con esta crise, parte dos seus dereitos.

E que gaña o empresariado creando estas urxencias? O primeiro que logrou, levando ao seu país as taxas de desemprego máis elevadas da OCDE, foi a perda de competitividade propia, xa que si tes empresas nun país onde tantos traballadores non traballan nin, polo tanto, consumen, a empresa faise máis pequena tanto no mercado interior como no exterior. Toda esa perda dificilmente será recuperada cun cambio na lexislación laboral, máxime si, como é mais que previsible se convoca unha folga xeral.

Si o plan era crear ese “sentido de urxencia” para forzar a perda de dereitos dos traballadores, probablemente para as novas contratacións (mediante insiders/outsiders), o resultado e que tanto unha parte coma a outra se atopan coas mesmas urxencias, claro que o empresario pode sobrevivir aínda que lle pechen tódalas súas empresas (como mostra, o Presidente da Patronal, Díaz Ferrán) pero o traballador desempregado sofre todo tipo de dificultades.

Este cambio que se vai producir agora polas bravas puido terse realizado antes sen chegar a unha situación tan dramática, claro que para iso cumpría que se desen outras circunstancias que, a vista dos resultados, non se deron, por parte de ningunha das partes implicadas: a necesidade dun liderado sólido. Hai demasiados xerentes e moi poucos líderes. Kotter afirma que os xerentes só perseguen “minimizar os riscos e manter operativo o sistema actual”; sen embargo, para introducir un cambio cumpre un líder xa que “require a creación dun novo sistema”. Desafortunadamente vivimos nun país sen líderes.

Amais tiñan que darse outras condicións que tampouco se deron, como ter creado unha “coalición guía suficientemente poderosa”, condición esta imposible xa que o goberno de Zapatero está totalmente só dende o día da súa investidura; ter unha visión clara e saber transmitila -sobre isto non fai falla que engada nada- dun xeito intenso é crible; eliminar os obstáculos que dificulten a visión, tarefa dificil cando o marco de actuación é un estado; e evitar declarar a victoria demasiado pronto -quen non se lembra dos brotes verdes?-.

Si finalmente se produce un cambio na lexislación laboral que perxudique ao traballador é evidente que estallará un conflicto social, aínda que os tempos non o permitan. Porqué? Porque coa urxencia como único elemento para levar a cabo un cambio social, non é posible acadalo.

Os cínicos non serven para este oficio

Ao igual que un dos protagonistas deste libro “non son escravo do que pensa a xente”. Estou “liberado da obsesión de gustar aos demais, da necesidade de darlles motivos para que me aplaudan”, moito menos a esas ovellas que se meten no rabaño pola súa propia inseguridade, comodidade e/ou inercia. A “manada” á que se refire Eduard Punset.

Entre as funcións deste blog está a de denunciar un sistema que está deixando de lado as verdadeiras necesidades das persoas, de xeito global e específico, para servir ao egocentrismo dunhas cantas persoas. A hora de facer estas denuncias non obedezo a cor política algunha, “só rindo contas a miña conciencia” coa finalidade de acadar as mellores condicións sociais e/ou laborais. Comprendo que dende o medio do rabaño non se poida escoitar con nitidez esta mensaxe ou, de escoitala, non posúan a confianza que lles permita arriscar, condenándose así a permanecer eternamente no mesmo refuxio, inmóbiles.

A mensaxe a que me refiro pretende ser transformadora porque, entendo, a sociedade na que vivimos necesita ser mudada. Debe transformarse ese capitalismo depredador que nos tocou vivir, onde todo vale co fin de acadar o éxito, o beneficio ou o poder.

… e aquí, eu que tanto falo de política, non podo excluír a ningún partido. Dicíame hai uns días un amigo que el xa chegara a comprender que “é posible que un socialista queira ser rico”, eu aínda non. Non comprendo que alguén que ambicione riquezas sexa a vez solidario, sen embargo hainos,… e en postos de moita responsabilidade. Deberíamos temer a este tipo de persoas.

Falo dunha transformación do capitalismo para conquerir entornos laborais máis sans e saudables para calquera ser humano. Falo dun capitalismo ético. Isto, co cinismo instaurado na dirección da maioría de organizacións, pode semellar unha utopía, sen embargo, moitas empresas que están apostando por esta transformación cultural están acadando grandes éxitos (maior crecemento, máis beneficios, traballadores e clientes máis satisfeitos,…). Todo traballador quere formar parte destas organizacións, rexeitando aquelas outras, acabando nelas só por falla de oferta de emprego.

Con que ánimo pode acudir un traballador ao seu posto de traballo cando escoita ao seu xefe defender publicamente o despido libre,  ou cando afirma que os contratos estables só serven para que os traballadores se acomoden? Con que ánimo, un traballador de calquera outra organización, entra a comprar nas súas tendas? Diría que ese home  sofre a patoloxía do éxito. A arrogancia é fea… e destrutiva, impide tomar consciencia do verdadeiro potencial de cada empresa: un grupo humano ao “servizo dunha función necesaria, creativa, sostible e con sentido”

Ao final será a experiencia persoal de cada un a que nos permita verificar a certeza ou incerteza do que outros nos contan.

Propiedade, terra e traballo

Esta semana tocoume dar un módulo de creación de empresas a un obradoiro no Concello de Os Blancos (Ourense), unha materia nova para min, pois non son economista, en substitución dun compañeiro que está de vacacións e si o é. Como non pretendo pasar por especialista nunha materia na que non o son plantei o módulo dun xeito totalmente diferente ó que viña sendo habitual [explicar como se elabora un balance e como crear unha empresa a partir dunha franquicia: BEEP (sic)], comezando cun tanque de ideas, logo madurando e analizando esas ideas para rematar facendo un plan de empresa, sen pasar por alto a importancia de realizar estes tres pasos antes de por en marcha calquera proxecto empresarial.

Teño que destacar a participación de todos na reportación de ideas que, amais de numerosas eran acordes coas potencialidades da zona e, case todas, coas posibilidades dos participantes. O problema xorde en forma de desconfianza, coma sempre, cando finalmente falamos de crear sociedades e realizar reportacións ós proxectos. Falamos abertamente desa barreira psicolóxica máis non logramos derrubala aínda que si, recoñecela. Hai tempo que lin un estudo que falaba da confianza que as persoas teñen nos seus socios de empresa nas diferentes comunidades. Segundo este, os cataláns son os que máis confianza depositan e os galegos os que menos. Non fai falla que engada nada máis.

Máis este post non ía por aí. Quería falar de riscos, o outro medo que nos atenaza a hora de crear unha empresa: perder o diñeiro invertido. Preguntei ós compoñentes do obradoiro por que si estarían dispostos a arriscarse a hora de comprar unha vivenda e, sen embargo, non o están para crear unha empresa. A resposta máis usual é que todos necesitamos unha vivenda na que vivir -o que eu respondín que tamén necesitamos un traballo para pagala… e para vivir- e que, de ter que pagar por ela é mellor comprala que alugala, pois así terían algo que deixarlle ós seus fillos.

Aquí comezou un novo debate. Que é o que os país deberían deixarlle ós seus fillos? Propiedades ou traballo? Estando como estabamos nun entorno rural pregunteilles a todos si tiñan terras, ó que responderon afirmativamente e logo enlacei a súa resposta con outras dúas preguntas: que credes que vos estaban deixando os vosos antergos cando invertían en terras? Unha propiedade ou un medio de vida, isto é, traballo?

Coido que aquí é onde comprendemos todos, incluído eu, cal era a verdadeira importancia da terra para os nosos antecesores: era o medio que nos garantiría traballo no futuro. A propiedade da terra era a ‘empresa’ que un cidadán galego, nunha sociedade baseada nunha economía primaria, podía deixar ós seus descendentes.

Nalgún intre da evolución da nosa sociedade, tan preocupada sempre por deixar algo, esquecemos que era o mellor para deixar ós nosos descendentes [propiedade (vivenda, diñeiro,…) ou traballo (empresa)], porque no pasado unha cousa -propiedade (terra)- e a outra -traballo (terra)- eran o mesmo.