Carta pública a emprendedora ourensá do ano

Asunto: tanto me valoran tanto vallo

Ola Belén, bo día!

Vin reflexionado de camiño a casa sobre a entrevista de hoxe. Camiñar só pola cidade reláxame moito, ábreme a mente e permíterme ver con maior claridade a realidade. Debería probar. Polo camiño tan só saín dese estado de meditación cada vez que pasaba diante dunha librería e rematei por parar en dúas delas, e nas dúas merquei libros. En Novel chamoume a atención libro un sobre cuxa temática estivemos falando, a estatística. Trátase dunha obra clásica de Darrel Huff: “Como enganar con estatísticas“. Virame moi ben, no vindeiro semestre teño unha asignatura sobre estatística: “Técnicas cuantitativas aplicadas ás Ciencias de Traballo”. Nesta asignatura utilizaremos un potente programa: MiniTab 16.0.

Logo noutra librería, Torga, máis do meu gusto, merquei “NOLOGO“, un dos clásicos do marketing, xunto con outros dous máis relacionados coas ciencias políticas e as redes sociais: “Non penses nun elefante” e “Das nacións as redes” … Servirame para reflexionar sobre a realidade social deste lugar, Ourense, tan atrasado e afastado da mesma… Encamiño de novo cunha enchenta de libros na man, mentres penso, cun sorriso na faciana que, seguramente, vostede xa se esqueceu do libro que lle recomendei, ignorante, iso si, do que semellante recomendación levaba implícito.

Escribir o que se pensa tamén axuda a facer valoracións sobre a propia reflexión,… e por aquí comezo:

Un dos libros que estou lendo na actualidade é “Coaching” de Jhon Whitmore e claro, cando me falan diso nunha conversa meus ollos acenden, tiña que velos… Si alguén que sabe pronounciar “cowchin” se dirixe a min a través dunha rede social, Linked In, para ofertarme emprego, xa ten que estar interesada, non si? Sentime coma o neno que lle gaña por primeira vez unha partida a seu pai,… Ese é un dos exemplos que pon Jhon Whitmore para explicar a función do coaching directivo, o exemplo do pai que deixa gañar a seu fillo para que senta esa satisfacción persoal única, así como a do propio pai ou nai cando, a seu tempo, se comprace ao ver que un fillo consegue superalo de verdade. Un bo xefe coma un bo coaching deberían sentir o mesmo cada vez que un empregado seu ou un pupilo seu conseguen os obxectivos que lle marcaran. Claro que tamén pode suceder o contrario, a situación na que o mal xefe ou xefa, neste caso, critique aos seus empregados diante dun candidato a formar parte do cadro de persoal, por seren estes pouco produtivos cando o xefe non está diante.

Eu hoxe decateime de que non dou conseguido ese obxectivo. Vou explicalo: hoxe “meu pai” díxome o que realmente vallo eu e toda a miña formación: o SMI. Dende logo algo estou facendo mal. Moi mal. Debería tomarme máis en serio o meu personal branding,  e así evitar que unha “experta” en RRHH, termo que define máis ao reclutador que ao reclutado, meta a zoca ao dirixirse a min. Quizais debería por o meu futuro nun verdadeiro coaching, non nun destes do tres ao cuarto que inzan por Ourense, un deses que estean ao día, actualizados, non dos que levan anos afastados do coñecemento (TIC, libros, etc.). Realmente eu cría que valía máis e quero pensalo aínda. Pode tamén que estea errado, non sei…

Que un xefe te vaia buscar a túa casa, como se me veu buscar a min é un bo sinal, pois eu non lle enviara meu CV a esta empresa -que nin sabía que existise-, para dicirme que valio o mesmo que unha persoa que se adica a encher caixas de correo de publicidade (o SMI) con todos os coñecementos que aporto. Si debo ser sincero non considero esa actitude o mellor coaching da historia, dende logo, nen a mellor forma de reclutamento: xa antes de contratar a un empregado o rebaixan ao escalón máis baixo que a lei lle permite… que futuro pode agardar a alguén nunha empresa así?

Unha empresa que di adicarse a ofrecer servizos de consultaría de RRHH (non a DDPP) e Formación Continua ten que saber mellor que ningunha outra empresa da necesidade de ter uns perfís profesionais ben definidos -pois iso é o que vende-. ten que valorar a actualización de coñecementos de cada traballador -pois iso é o que vende- e ten que estar disposta a pagar polo perfil adecuado e pola formación do profesional -pois iso é o que vende-. Pois non. Non é así. E esta empresa a que me refiro –global servi– nin ten os seus propios perfís profesionais ben definidos -pois vostede mesma afirma na primeira toma de contacto que todos fan un pouco de todo pero pouco do que realmente poden facer (esta última afirmación é miña)- nin se albiscan perspectivas de definilos. Cando menos eu non as vexo. Non vexo que vostede poida facelo porque realmente vostede é coma todos eses empresarios aos que durante hora e media de entrevista criticaba, empresarios parásitos que non están dispostos a pagar polo servizo que se lle presta, a saber, formación e selección.

Sinceramente, eu non sabería como venderlle a un empresario un servizo que nin miña propia xefa compraría, isto é, un profesional adecuado para o desempeño das funcións dun determinado PT (posto de traballo). Que vostede quere darse o capricho de ter un Licenciado en Dereito na rúa vendendo uns  servizos que nin vostede mesma compraría, que podo engadir eu, dese o capricho! Como non! Pero cando menos asuma a súa categoría e páguelle o que realmente vale, pois ese Licenciado en Dereito tivo que pagarse unha carreira e romperse o coco para tela. Si simplemente quere un vendedor, contrate a un comercial, e si quere un administrativo, pois unha persoa co ciclo medio de Administrativo. Non necesita un Licenciado en Dereito para que faga labores de administrativo-comercial.

Persoalmente creo que se equivoca. Con esa mentalidade tan cativa chegará tan lonxe como o conxunto do empresariado ourensá: a cola de tódalas clasificacións económicas. Velaí outro motivo para a Repulsa!

Nunha cousa si concordo con vostede: un empregado ten que gañarse o soldo, me dixo. Como non ía estar de acordo. Si vostede oferta un PT cun soldo do SMI non poderá obter -moito menos, esixir- máis rendabilidade que a que poida ofrecer unha persoa coa capacidade dun camareiro, por por un exemplo. Sinceramente, polo SMI prefiro traballar nesta profesión que na que me oferta global servi, polo menos é moito máis agradable e rómpome menos os cornos. Si vise esta realidade fai anos probablemente non seguise estudando… total…

Quero pensar aínda que vallo máis, non o que vostede di que vallo. Quero pensar que seus empregados valen máis, non o que lles paga. Probablemente o seu rendemento este directamente relacionado co valor que vostede lles dá, de xeito que, si como vostede me comentou na primeira chamada que tivemos, baixan o rendemento cando vostede non está presente, algunha responsabilidade terá que haber na dirección da empresa -súa- para que esa sexa a súa conduta. Eu hoxe xa puiden decatarme porque baixa o seu rendemento na súa ausencia. Lóxico! Só vostede non o ve… e si non o ve na súa empresa como se pode agardar que o vexa noutras?

Gustoume que falara de extender a súa empresa a outras cidades, pero logo de pensalo, non creo que sexa máis que un farol. As outras cidades de Galicia non son Ourense, aquí é suficiente con nomear a catro amiguetes -vostede fixo hoxe comigo, creo lembrar que nomeu a Bermello, a Pérez Rumbao, a Yolanda e Cesar de Cimo e algún máis-, noutras cidades cumpre rendir ao máximo para competir, para iso cumpre ter vos profesionais, e para telos, recoñecerlles a súa valía.

Resumindo: non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non le libros, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que degrada a seus empregados dende a mesma entrevista de traballo, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non ten claros os seus obxectivos nin os da súa empresa, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non sabe recoñecer a valía dos servizos que el ou ela mesma vende.

Hoxe aprendín moito con vostede, sen que vostede se decatase.

Un saúdo Belén,

xosé antón vázquez dorrío

Estes son os libros que menciono no post e que por suposto recomendo ler. Ler non mata. Créanme. Quizais non servan para “estar” pero serven para algo moito máis importante: SER!

A verdadeira liberdade acadarase a través da cultura
Gustavo Bueno

Como mentir con estadísticasComo mentir con Estadísticas

Darrel Huff

Non penses en elefantes Non penses en elefantes

J. M. Rodríguez Porras

NOLOGO NOLOGO

Naomi Klein

Das nacións as redes Das nacións as redes

David Ugarte, Peré Quintana, Enrique Gomez, Arnau Fuentes

Precisan dos servizos de Ana Belén Vázquez Cruz? Pois comparto con vostedes a súa tarxeta de visita:Ana Belén Vázquez Cruz

Plan Repulsa Ourense

A CEO percibe que Ourense «perde forza» en Galicia, di o titular da nova onde os empresarios de Ourense confirman a perda de competitividade desta provincia, que é a última de Galicia, e Galicia das últimas de España e España ocupa o posto 42 no mundo, logo de Tunisia. Imos ben! Ese é o resultado do Plan Repulsa Ourense que os empresarios desta provincia teñen activado dende tempos inmemoriais.

Repudiando o talento a favor da mediocridade queren que súas empresas sexan punteiras, competitivas e produtivas, con traballadores sen cualidades para o posto que ocupan, iso si, moi ben recomendadiños todos, que así funciona a captación e selección de persoal na empresa ourensá; certamente crer que ese é o camiño é de tolos e iso é o que temos.

Estou lendo a Jay Elliot, man dereita de Steve Jobs, e no capítulo 4 fala do aproveitamento do talento. Eles si o teñen claro: o talento chama ao talento. Non soamente concordo, senón que engadiría, a mediocridade chama a mediocridade. Soamente así se pode explicar a marcha da economía ourensá. Deste libro teño anotadas moitas citas sobre liderado e creación de equipos, sería difícil quedarme con unha, pero dado o contexto no que me atopo, un país de caciques, fago boa a seguinte: “unha das cousas de atopar xente boa é que se converten nos mellores recrutadores”. Esa xente boa debe atoparse, por suposto, dende o cumio da pirámide. Non é o caso das empresas desta provincia.

Outra actitude moi mal valorada, neste pais atrasado e retrasado, é a crítica, sen embargo, para os equipos de Apple son necesarias persoas “que pensen diferente”, estes, din,  son a chispa da empresa. Aquí o que prevalece é o mamoneo e os equipos de dirección das empresas desta provincia están compostos por verdadeiros mamóns, literalmente. Non hai máis que ler a nova que encabeza este artigo. Cal é a solución dos empresarios de aquí? Máis inversión das administracións públicas, máis estradas, máis vías,… para que? Para apañar máis fondos públicos para ás súas facendas particulares. O beneficio está na subvención, na axuda pública. Para que máis fondos, si non teñen a capacidade de sacar rendemento a nada do que se lles ofrece?

Xa falara doutra do negocio da Formación Ocupacional e Continua. Aí está a CEO tamén, formando traballadores empregados e desempregados con recursos públicos, traballadores que forma e logo nunca emprega en ningunha das súas empresas, sinxelamente porque para acceder a ese posto concreto o necesario non é a formación, senón unha boa recomendación. Actualmente estou realizando o curso de Técnico/a de Formación. Cando se lles pregunta a confederación cantas empresas están interesadas en contratar a un traballador destas características a resposta é: ningunha.

Suponse, iso di a teoría, que os cursos de Formación Ocupacional responden a unhas necesidades formativas previas por parte do mercado laboral. Mentira! Non existe tal estudo de necesidades formativas nin empresario que o avale. É todo un negocio que serve, unicamente, para afundir diñeiro público nun pequeno número de entidades, todas elas de carácter privado.Si ate ASPANAS que non ten unhas instalacións adecuadas para impartir cursos oferta cursos AFD, ou iso di a persoa responsable, Rosa Carrera Carballo, nun dos seus emails: “…en canto ao proxecto formativo non reunimos requisitos de aulas e medios para a homologación”. Agora si? Outro tanto sucede coa maioría dos centros que aparecen nesta lista… Todos se arranxa enchendo o cazo dalgún inspector. E a empresa, a gran perxudicada, nin chio, soamente laios. Así nos vai.

De patético peloteo pode describirse o artigo que hoxe asina a editorial de La Región, gabando as andanzas da CEO e do seu presidente e calificando de certeiro a análise da situación actual realizada pola entidade. Será sobre todo para que continúen inserindo anuncios neste xornal a conta de fondos públicos… todo ten o seu porqué.

A única análise certeira para acadar metas é a que fai Steve Jobs: “tes que ter moi boa xente. Tes que construir moi bos produtos. Necesitas crear un espiritu espontáneo e de celebración do éxito”. Os editores de La Región o único que celebran neste bochornoso artigo é a análise do fracaso e o alento da mendicidade.

bng maceda

Cando alguén realiza esta procura en google é habitual que o meu blog apareza entre os primeiros resultados. Ten a súa razón de ser, chámaselle “posicionamento“.  Non é que nestas páxinas exista moita información sobre o que é o “bng de maceda” nin moito menos, o que si aparecen son criticas ao alcalde desta vila nos últimos anos, criticas gañadas a pulso, dende logo.

Non é miña intención molestar a ninguén escribindo con minúsculas esa procura, soamente me remito a literalidade da mesma. Fai meses que alguén entra neste blog logo de realizar esa procura o que nunca ocorrera foi o que sucedeu nesta madrugada (mira que non haberá mellores cousas que facer), pasarse dúas horas (01:59:21) ollando páxinas (ate 98) para que. Páxinas de artigos escritos fai anos dos que, si tiveren conta no seu momento, moito mellor lles iría. En Maceda e noutros lares.

Vendo a cantidade de páxinas visitadas por esta persoa, sexa quen fora, penso que é algo anormal. Nunca tal vira neste blog dende a súa aparición. Sáese do perfil de visitante dun xeito brutalmente diferenciador e, a verdade, non sei si isto é bo ou é malo. Recibir visitas, que non é o obxectivo prioritario, está ben, pero que alguén que entra a cotío neste dominio, de súpeto, un día se lle dea por examinar 98 páxinas paréceme suficientemente surrealista como para dicir que falla algo.

Un psicópata cheirando en moendo.net

Maceda sempre foi, cada vez menos, un lugar onde a política se vive abertamente. Agora a tendencia é perseguir ao que discrepa… xa vimos exemplos neste blog. As organizacións políticas son instrumentos férreos e pesados que non permiten a liberdade de expresión nin aceptan a crítica. Logo cando as cousas se torcen, aínda teñen a cara de preguntarse porque, de abrir períodos de reflexión, de abrirse a sociedade cando foron incapaces de abrirse aos seus propios militantes. Aos que vos digan iso, nin caso! Queren metérvola dobrada. E farano, porque neste mundo hai parvos dabondo para que sempre se saian coa súa.

ASPANAS ou PPPSOEBNG

“… neste mundo hai cousas inaceptábeis, e para velas cómpre mirar e buscar. eu dígolles aos mozos: búscade un pouco que atoparedes. A peor actitude é a indiferenza, dicir ‘non podo facerlle nada, xa me irei apañando’. Ao comportarvos así, perdedes un dos elementos esenciais que conforman ao ser humano, un dos seus compoñentes indispensabeis: a capacidade de indinación e o compromiso que implica”, Stéphane Hessel

 

Que difícil resulta poñerse a escribir logo de ter escrito “indignado” e ver que o artigosegue de actualidade. Xa non estou indignado eu (mira que cheguei a pensar que era rariño) agora vexo máis indignados aflorar por todo o mundo. Nas principais prazas de occidente pálpase a indignación de cada pobo ao ver como o están escravizando, convertendo o que antes eran seres humanos en máquinas de producir capital para uns cantos elixidos.

A explotación do ser humano pola súa propia especie sempre existiu ao largo da historia; apenas un espellismo nos fixo pensar por uns intres que eramos seres libres, que eramos nós, o pobo quen ordena. Non tal. Sempre foron os mesmos, escravizando a humanidade aca ou acolá. Durante os derradeiros anos non o víamos, ou mellor, non mirabamos o que ocorría nos países máis pobres do mundo, onde as grandes multinacionais succionaban tódolos seus recursos mentres os seus habitantes morrían de fame.

Tratamos de conter as migracións destes pobos cara o norte, a terra prometida, a base de paus e arames. E tamén algunha que outra cenoria pendurada dun pau. Non só os privamos da comida senón que llela mostrabamos. Non lle chegaba con morrer de fame senón que tiñamos que facelos rabiar facéndolle albiscar falsas esperanzas.

Neses países é difícil defender que exista infancia. Moitos falecen sen sequera ter consciencia de si mesmos, outros, os que conseguen acadala convértense en man de obra escrava. Digo escrava, porque o seu traballo apenas da para sobrevivir, por iso considero un erro chamarlle man de obra barata.

Parece que ese tipo de escravitude está lonxe, moi lonxe de nós. Eu penso que non. Ao meu arredor vexo como se escraviza cada día a persoas con discapacidade intelectual en nome da integración laboral. Para eles, a razón de ser destes proxectos asociativos, os peores e máis precarios empregos, para os outros, os espabiladiños de quenda, seres miserentos e sen escrúpulos o lucro do negocio que xeran as persoas con discapacidade.

O caso de ASPANAS é sangrante. Non só creou unha superestrutura para sacar proveito dos dereitos que atinxen as persoas con discapacidade intelectual, senón que se converteu nun chafariz de diferentes partidos políticos. Para conseguir semellante alcume tan só fixo falla colocar ao fronte dúas persoas que viñan de COGAMI para levar a cabo aquí o mesmo modelo, pero cunha asociación máis modesta: Juanjo Rodríguez e Rosa Carrera, coa complicidade da presidenta Maruxa Román.

Maruxa Román, esa traidora

CHIRARECES NON !!!

É ASPANAS é un chafariz? Dende logo. Está deseñado para contentar aos diferentes partidos políticos, a todos os que teñan algunha cota de poder. Que en ASPANAS hai xente de tódalas ideoloxías –como afirma orgullosa Rosa Carrera- é un feito, lóxico, diferentes partidos teñen competencias en diferentes ámbitos competenciais. De aí que nesta asociación se de cabida a todas e todos os caciquiños e caciquiñas desta cidade.

Maruxa Román, polo seu cargo de Presidenta, é a verdadeira responsable de todo isto, xa que é ela quen ten ao fronte desta asociación ao máis cacique de tódolos caciques, e non me refiro a Baltar, senón ao Sr. Juanjo. Nin Baltar se atreveu a tanto. Rosa , unha persoa á que coñecín na miña segunda entrevista para entrar na UPD, logo de que Juanjo me descartase na primeira por carecer de experiencia, ocupa os cargos por sela muller de Juanjo (hai asuntos tan delicados que non se lle poden confiar a calquera persoa), non polos seus coñecementos, Licenciada en Historia. Porque? Para que? Moi sinxelo, non se necesita unha persoa formada e experta en políticas de emprego cando o que se persegue non é formar nin empregar, senón lucrarse a conta de quen precisa formarse e empregarse (as persoas con discapacidade intelectual). Si. Afirmo BERRANDO que estes señores e señoras se lucran a conta das persoas con discapacidade intelectual porque os fondos destinados a elas se perden no mantemento dunha estrutura inútil, pois moitos destes rapaces poderían estar empregados en Administracións públicas se dita asociación defendese ferventemente a reserva de prazas que a lexislación deixa para as persoas con discapacidade intelectual (un 2% do total da OPE). A nada que se molestasen, case tódolos socios de ASPANAS poderían estar nalgunha administración pública, cunha relación estable, duradeira e ben remunerada. Mais iso non acontece, por iso, como nai que é, acuso de TRAIDORA a Maruxa Román!

Non se pode contratar a persoas por recomendación, xa sexa política, sobre todo, por moito que sexan estes os que veñan coas axudas e subvencións debaixo do brazo, por afinidade familiar ou por amizade. Funcionar deste xeito, e así funciona esta asociación, e funcionar como un chafariz (un churinguito, vaia). Pois o obxectivo xa non é tanto ocupar a persoas con discapacidade intelectual, senón servir de entidade de colocación para achegados ao poder, amais de manter lonxe dos corredoiros das administracións polos que vagan os nosos representantes políticos ás persoas con discapacidade intelectual, porque unha cousa é acercarse un día a eles para obter unha foto e un bo titular e outra moi diferente ter que cruzarse con eles cada día e ver que traballan máis ca ti.

Utilizar os fondos destinados a eses fins (inserción e empregabilidade) para manter a persoas alleas a esta problemática é unha estafa e cumpre carecer da máis mínima entidade moral para realizar semellantes actuacións. Están malpagando a traballadores e explotándoos, entre eles a persoas con discapacidade intelectual, aos que só ben como brazos, e non como os seres humanos que son. As persoas con discapacidade intelectual son para esta xente uns ninguén. A Presidenta desta asociación non ten ningún respecto aos fins de dita asociación, porque si o tivese non permitiría que eses voitres se alimentasen destas persoas como si fosen verdadeira carraña. Como mai esta señora dáme moito NOXO. Xamais crería que alguén puidese caer tan baixo.

Eses directores e directoras, ben pagados todos eles, SI, eles si. E logo as persoas con discapacidade intelectual, malpagadas, malformadas, elaborando a entidade programas ao chou, segundo quen solte a pita sen ter un plan estratéxico formativo a longo prazo (menos para o ingreso destas persoas na administración), a base de ocorrencias. ASPANAS pon ao coidado dos seus fillos a persoas ineptas pero ben relacionadas (familia de Tareixa Paz en pleno e máis UPG), moitas veces, tamén malpadagas, sen sequera respectar os convenios de traballo. Só aqueles con enchufe “de primeiro grado” ten dereito a percibir prestacións íntegras.

Agora a crise aprema e manter esa superestutura é un problema. A algún ou algunha iluminada ocorréuselle crear a figura de socio protector ou colaborador a que se apuntaron, non moitos, uns cantos personaxes da cidade, para dar pulo a idea. O caso é que ao final a maioría destes novos socios son traballadores da entidade, que pagan o que eu denomino IMPOSTO REVOLUCIONARIO para manter os salarios de xerentes e directores. Que non chegabann os cartos… pois prescindan de directores.

Persoalmente, a situación desta entidade dáme moito NOXO, Maruxa Román dáme moito NOXO. Juanjo Rodríguez dáme moito NOXO. E Rosa Carrera dáme moito NOXO. Pero especialmente a presidenta da asociación que é quen permite que todo isto suceda. Contratacións fraudulentas, oscurantismo contable, explotación das PCDI,… Como unha mai pode permitir que un xerente prohiba aos traballadores desta entidade falar coas PCDI, ou darlle unha aperta, ou un bico,… Acaso non queremos que sexan tratadas como calquera outra persoa. E non facemos isto a cotío con calquera outra persoa? Señora Presidenta, vostede non quere que seu fillo ou filla sexa tratado/a como os demais? Só un ser noxento pode permitir que suceda algo semellante na entidade que dirixe. Non ten alma, nin conciencia, nin corazón. O meu máis sincero desprezo.

Agora, que alguén me diga que diferenza hai entre explotar a un neno na China cosendo balóns de marca e explotar en Ourense a unha persoa con discapacidade intelectual. Dígolles eu, porque a Presidenta e os seus socios e socias están tan cegos e cegas que non o ven: NINGUNHA! É a mesma cousa.

Imaxine que a nena chinesa de 5 anos lle explican que en realidade non a están explotando, que lle están ensinando a coser para que de maior poida ser autónoma. Todo cambia verdade, agora esta marca de balóns de fútbol xa non explotaría a ninguén, estaría realizando unha labor social. Iso é o que fan vostedes coas persoas con discapacidade intelectual coa premisa de formalos e integralos: EXPLOTALOS!

O peor de todo é que isto o fan os seus propios pais nun país que se cre civilizado. Claro, a moitas casas chegan uns recursos que doutro xeito non o faría. Iso é todo? Esa é a única xustificación? Seica si… os pais consisten iso polos ingresos que lle xeran seus fillos… e aquí todos contentes!

Indignado

Arroutada

Superado pola indignación, a furia e a nostalxia sae esta entrada. Si, indignado polo panfleto mercantilista de Stéphane Hessel, “indignádevos“, que moi indignado está o vello… pero non tanto como para ceder a chantaxe do mercado e adícarse vender a súa indignación. Indignado si, pero se lle saca uns cartiños a súa indignación, tanto que ben, non?

Pululan nestes tempos de crise moitas iniciativas deste tipo… é doado sinalar ao inimigo, moito máis que por solucións por riba da mesa. É moi doado proferir verbas de indignación e revolta agora mesmo, moito máis que cando as vacas gordas. Incluso, co difícil que resulta poñernos a todos de acordo, resulta doado falar de utopías, por máis irrealizables que resulten. Leo Bassi dálle o nome de “Utopía” a súa derradeira obra, mais non se albisca nela utopía algunha, tan só unha crítica cómica -necesaria- a deriva social e económica que vivimos. É acaso a utopía xogar cos medos da xente? Aí veñen os neofascistas de novo a chucharnos o sangue! Que … van chuchar si xa no lo quitaron todo, digo eu.

Concordo coa crítica, dende logo, a actitude desta dereita mediocre a que llelo deixaron todo feito outras xeracións, aproveitándose da inercia dunha máquina -o capitalismo- que asoballa todo a seu paso, deixando unha paisaxe de terror, como a que deixaría unha praga de lagostas nun eido de millo, a lava dun volcán no pobo do outeiro e un tsunami na costa, todo a un tempo. Tal é a infamia que estamos a sufrir nestas datas…

Queixarse disto nestas terras de Ourense cos acontecementos que neste tempo se suceden ao largo e ancho do mundo: revolucións, desastres naturais, corrupcións e crise financeira, explotación dos países pobres coa conseguinte fame, epidemias liortas e migracións que causan, falar da ineptitude dos axentes sociais -todos- que rexen as nosas vidas pode resultar algo heavy.

Si, son moi consciente.

 

 

Xurde esta entrada lendo a “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”, de Lois Pereiro, obrigándome a parar nada máis rematar o primeiro parágrafo, onde di: ¿De que parte que non sexa sempre a das novas vítimas, dos novos vencidos doutras guerras, podemos estar xa? Isto obrígame a debullar os miolos e escribir… indignado!

Non sei si o autor desta modesta proposición estaría moi conforme cos 12 € que me … polo libro. Seguro que si algún esqueleto pasa pola súa tumba ou o del pola de outros e lle contasen, decatándose do que está ocorrendo co seu nome como escusa, cuspiría a súa indignación dende o máis fondo dos seus osos inxectados de veleno, mortos xa antes de morrer, cuspindo e berrando ate quedar sen folgos. Abofé! Porque si vivise Lois Pereiro nestes tempos seguramente colgase os seus textos nun blog, en scribd, no facebook, ou tweet a tweet… sen máis.

E este abuso sufrímolo cada día… empresas de contratación que publican ofertas inexistentes só para gañar visitas nas súas webs ou entidades aparentemente sen ánimo de lucro finxir unha labor social que lle permita financiar empregos amigos con cartos públicos, malgastar cartos en formación de traballadores desempregados para uns postos de emprego que non demanda o mercado -isto dimo a voz da experiencia-, cada día aparece nas librarías un novo libro que che explica paso a paso como facerte rico en tres meses e non esvaecerse no intento, documentais, películas, obras de teatro,… moita reivindicación, si, pero pasando por caixa. A indignación cotiza a alza. Ate a anunciada revolta se está mercantilizando. Non sei si me dá mais noxo que asco.

… non sei …

Ourense é o paradigma perfecto do triunfo da ineptitude. Os estudos económicos, rexistros estatísticos e enquisas avalan todo o que afirmo. Ah! E as novas que leo a  diario, deprimentes todas elas. Vivimos nun Ourense herdado por herdeiros tan torpes como truáns, que non lle chegan aos calcañares aos que llelo deixaron todo feito. Empresarios e políticos juniors toman agora o control das nosas vidas… aviados estamos!

Leo nun xornal local que a primaza do Presidente da Xunta di logo dunha manifestación da cidadanía desta cidade a favor do mantemento da sanidade pública que todo este movemento está politizado. A ver… Unha de dúas: ou o pailán son eu ou o é ela. Politizado está o seu cargo que o ocupa non polo poder do pobo nin por designio divino -moito menos por méritos-, senón porque un político -seu primo- a puxo aí onde está a dedo, sen mirar máis aló do seu parentesco co mandamais de Galicia.

Política é, por definición, o que lle afecta ao pobo e como a sanidade pública, ao igual que moitos outros asuntos -todos-, nos afecta é lóxico que estea politizada… cumpre ser moi lelo para afirmar nunha rolda de prensa que determinada manifestación do pobo con esa actitude crítica e altiva. Vivimos nunha democracia -máis que lles pese- e toda cuestión pública que nos afecta como pobo é POLÍTICA!

Leo no mesmo xornal que os comerciantes están que botan fume e que a crise é cada vez unha ameaza máis seria… prevendo o peche de centos de pequenos comercios. Habería que ver en que invisten estas organizacións (asociacións de comerciantes, confederacións de empresarios, cámaras de comercio, asociacións de autónomos,…) os cartos que o contribuínte , ou sexa, nós o pobo, lles dá para a contratación de técnicos que estuden novos eidos de negocio, formadores que formen aos traballadores para seren máis produtivos, etc. Onde están os resultados dese investimento público? Probablemente en contratar ao máis pailán do lugar, claro, recomendado por algún dos mesmos políticos aos que agora critican, e claro, agora botan as mans a cabeza.

Neste pobo esquecido coinciden conxunturalmente a mediocridade dos representantes políticos coa dos empresarios e claro… o resultado é ser o pechacancelas de tódolos indicadores macroeconómicos deste estado, que é tamén un dos máis atrasados a escala mundial en competitividade. Non entendo porque se estrañan tanto, o resultado das súas accións, o que está acontecendo, é o máis lóxico; sería para exclamar cun aturuxo imperecedoiro coa ledicia si o que sucedese fose o contrario. Como senón se pode entender que a organización dos empresarios máis mediocres do estado (a CEO) tente dicirlle a este como debería actuar en cuestións que non son da súa competencia (caso AVE, que non sei para que … o queremos) e viceversa, administracións públicas anunciando a instalación de grandes empresas en polígonos inexistentes coa conseguinte creación de miles de postos de traballo (caso Xero) cada vez que se aveciña un periodo electoral.

Reflexión

Certamente… vivimos nun país insólito, case exótico, abocado ao fracaso onde triúnfa unha miscelánea elite e personaxes que cohabitan nun mundo fedorento, cerrado e intransixente con quen non vai da súa corda, alimentándose do suor dunha maioría silente e submisa, na que non se albiscan síntoma algún dunha viraxe.

O silencioso estrondo co que empresas, emprendedores, inversores, persoal cualificado,… abandona a provincia é tal que, tan só os que directamente a sofren se decatan. Os demais, esa elite inútil e paleta forxada no berce do caciquismo, seguirá tranquilamente a vivir e gozar da súa acomodada posición social… ignorantes eles, pobriños, que a fuxida á que antes me refería será o alicerce da súa propia morte.

Chegarán aves que non nos levan a ningures porque na plataforma das nosas estacións non haberá xa ninguén para ir outro lar. Verémolos voar polos nosos vales e penetrar as nosas as montañas sacras a alta velocidade sen parar nin respectar, iso si… presentindo o ruidoso horror de que, cicais unha vez máis, estea agardando alguén disposto a subirse a ese tren para nunca máis volver a soportar a crueldade desta sociedade tan atrofiada como retrasada, perdida na neboenta espesura do pensamento individual, fixado na teimosa supervivencia propia, xente cobizosa que ignora e nega calquera outra achega ao colectivo no que se asenta, nunha sociedade murcha xa da falla dos nutrientes mínimos para poder vivir.

O proído que esta xente provoca en min é tal que me obriga a rascar, a rebelarme indignado. Indignado ate contra os que cobran por esa chamada á indignación… A miña vai aí:

DE BALDE!

GRATIS!

FREE!

Ferventía

Ferventía

 

Ferventía?

Non… fervenciña,

pois é apenas un chorriño

de auga todo gume,

que arruallo escorrega do pilón rebuldado

ao abrebadeiro traseiro,

esvarando, confundíndose entre minúsculas unidades de vida,

herdeiras lexítimas das ancestrais cianobacterias

que converteron o planeta este,

que chamamos terra,

en habitable terronciño.

 

Arrombando liques e musgos

discorre domeada polo cano artificial do home

aquel gaio cristalino

ate o lavadoiro que axeonllaba

á muller como a auga

xélida e fresca das estacións

noutros tempos enxaboada

á que non se podían,…

… nin sequera mirar.

 

Ferventía… a do meu ollar.

Can de mal agoiro

Xiao é tan vello que ten seu nome en galego, puxéronllo seus pais moito antes de que prohibiran utilizar a nosa lingua en documentos oficiais e, sobre todo, no Rexistro Civil (pola orde ministerial -BOE 15/5/1938- sobre o Rexistro: La España de Franco no puede tolerar agresiones contra la unidad de su idioma, por iso o artigo 1 di: en todo caso, tratándose de españoles, los nombres deberán consignarse en castellano). Xiao aínda o conta hoxe cada vez que vai a un velorio. Vós seguramente teredes escoitado o mesmo conto unha e outra vez, en primeira persoa e en diferentes bocas, pois cans coma este hai moitos e tipos como Xiao tamén. Este é un home solitario que vive entre os lindes do eido que arrodean súa casa, raramente pasa máis alá, para ir ao banco, ao médico, recoller menciña na farmacia, un velorio… Imaxinade un home de ollos encovados cunhas engurras retorcidas que marcan o releve da súa calivera, onde se acochan, encovados, uns ollos tristes e roxos, como si non durmise na súa vida. Este home semella que tivese que ter morto xa, fai tempo, mais sigue aí calado entre os muros que o separan do pobo, onde fala co seu can e pouco máis… co pandeiro, co froiteiro, co carniceiro e pouco máis. Fala coa xente do seu pobo nos velorios onde relata sempre o mesmo monólogo que comeza deste xeito:

– Xa me dixo o can que andaba por acá…

Logo espraiase:

– …meu can nunca ladra, parece mudo, non ladra nin aos da casa nin aos de fora. Óllanos con mágoa, de esguello, pero non di nin “muu” (é un xeito de falar da xente iletrada do vulgo, todos sabemos que din “guau” ou algo así, eles entenderán… ). Ora… en véspera dun defunto el non para en toda a noite -como si a benmorrida andase soamente a esas horas-, veña a ladrar do solpor ate o mencer. Esperto. Inquedo. Esas noites eu tamén durmo mal… cunha soa orella a outra está a espreita, teméndose o peor, que veña na miña procura -nai que a pariu!- que aquel ladrido derradeiro sexa o último que vaia a escoitar. Canso o can, canso eu, pasa a noite, sae o sol e entran os primeiros raios polos furacos das contras das fiestras de castiñeiro, aquel que tiñamos no eido de atrás. Remexo no armario, feito da mesma árbore, na procura do traxe dos enterros e veño para acá andando. Se me paran no camiño e preguntan cara onde vou respondo: ao velorio; si me preguntan quen morreu, só acado a dicir: alguén de acá.

Algún rosma ao lado do homiño que latrica no velorio:

– Si eu teño un can así mátoo… mátoo oh!

E o velliño responde:

– Déixao … Quen me dera a min logo outro igual! Si a morte me quere a min antes terá que levar ao can ou quedar xordo eu. Ves o aparello que levo detrás desta orella? -di sinalando co dedo a orella que non dorme-. Iso xa o teño arranxado. Ela sempre chega calada, sen avisar, e iso me garda. Non é que lle tema ao can, pois a el tamén ha de levalo, a min quere collerme de improviso por iso non me separo do can e durmo cunha soa orella, co volume do “sonitone” ao máximo na outra. Escoito ate o vento calmo.

E Xiao, logo de soltar a súa parrafada levantase da cadeira e vaise cara a fora, mira ao horizonte, primeiro de fronte e logo de esguello, ao tempo que se revira e comeza a camiñar cara seu fogar. Ao chegar a súa casa mira o can, ao que non lle ten nome, achégase e acaríñao.

rocki

Este é meu can, noble pastor alemán, que non lle ladra a morte porque, polo que sei, o pobriño é moi incrédulo… puxen a súa imaxe só para ilustrar. Agardo que non se me moleste.