Balance da era Quintana no BNG

Xerais de 2004: o BNG perde máis de 90.000 votos (pasa de 306.268 votos nas xerais do ano 2000 a 208.688 neste ano) e un deputado.

Europeas 2004: o BNG perde  máis de 200.000 votos (pasa de 349.079 votos nas europeas do ano 1999 no conxunto do Estado (335.193 na circunscripción galega) a 141.756 votos en Galiza) e un eurodeputado..

Galegas 2005: o BNG perde preto de 35.000 votos (pasa de 346.430 nas galegas 2001 a 311.954 nas do 2005) e catro deputados.

Municipais 2007: o BNG perde arredor de 10.000 votos (pasa de 325.331 votos nas municipais de 2003 a 315.279 nas últimas municipais).

Xerais 2008: o BNG gaña  preto de 4.000 votos (pasa de 208.688 votos en 2004 a 212.543 no 2008). Parecía un punto de inflexión… non foi así.

Galegas 2009: o BNG perde máis de 41.000 votos (pasa de 311.954 votos no 2005 a 270.712 neste ano), un deputado e o dereito a designar un senador na Cámara Alta do Estado (en realidade este dereito xa se perdera  no ano 2005 seguindo o sistema de elección que tradicionalmente se usou no parlamento galego).

Resulta paradoxal que as mesmas persoas que formaron parte deste proxecto agora concurran a Asamblea Nacional Extraordinaria baixo o nome de +BNG, os mesmos que fixeron que o BNG actual sexa moito menos daquel que lle deixaron. Este grupo cre que todo é posible a base de imaxe e propaganda, tanto que incluso toman prestado os lemas utilizados nas derradeiras campañas electorais polo BNG e que, a vista dos resultados, tanta gloria nos deron, partindo do “máis forza en Madrid!” das xerais, pasando polo “máis avances!” das galegas ata chegar ó +BNG co que se presentan a Asemblea Nacional. Mentres tanto, a realidade vaise afastando do mundo imaxinario que crea a súa propaganda, xa que agora temos menos militantes, menos votos, menos concelleiros, menos deputados,… -BNG.

A vulnerabilidade ideolóxica do nacionalismo, onde está?

Falaba Anxo Quintana nunha primeira reflexión feita logo das eleccións galegas do 1 de marzo que o BNG non soubera ler a realidade política e social de Galiza. Dando por bo este argumento só queda por en dúbida todas as demáis interpretacións e analises feitas por aqueles que logo da xornada electoral descubriron unha nova Galiza.

Unha desas análises, a elaborada polo Consello Nacional do BNG para avaliar os resultados electorrais, fala da fraxilidade ideolóxica da base electoral do nacionalismo sinalando que o retroceso do BNG ten a súa causa principal na desafección dos sectores electorais máis críticos e esixentes que á súa vez móstranse claramente vulnerábeis.  Só lle quedou decir que somos parvos, que somos parvos por defender a nosa paisaxe (GNSV), ós nosos traballadores (CIG), ós nosos gandeiros e agricultores (SLG),… por defender o que sempre se defendeu dende o nacionalismo: a nosa terra. Que esperaban? Esperaban que dende estas organizacións se mirase para outro lado mentres se apoiaba o Plan Acuicola, a Reganosa, a explotación de canteiras ilegais ou as concentracións parcelarias salvaxes; esperaban aplausos e palmadiñas mentres se cerraban acordos coa  CEG ou se puñan a disposición das empresas que crean o emprego máis precario de Galiza (por exemplo, as textís) millóns de metros cadrados e millonarias subvencións sen esixir melloras para os traballadores; … é máis, dende algunha consellería practicouse un neoliberalismo tan agresivo, como ben denuncia a CIG sobre SEAGA, que se chegou incluso a presionar a algún sindicato para que non defendesen a traballadores despedidos por aquela.

Pese ás críticas feitas nas Asembleas Comarcais esas desafortunadas verbas volven a reiterarse no documento político que se debatirá na Asemblea Nacional Extraordinaria do 10 de maio (pregúntome si de verdade os Responsables Comarcais cumplen a súa función de elevar ó Consello Nacional o discutido nas comarcas. Pode que esa sexa a causa do descoñecemento que boa parte dos seus membros tiñan da realidade galega); pero non abonda con iso, pois, ó mesmo tempo que se fala da súa “vulnerabilidade” contemplase para o futuro máis colaboración e cordinación coas organizacións sindicais, socio-profisionais, empresariais, culturais e ecoloxistas. E todo isto sen asumir responsabilidade algunha, nin facer unha mínima autocrítica e, moito menos, sen que ninguén pida desculpas. Como se pode falar dunha relación fluida  e constante cos movementos sociais por quen ata fai pouco os consideraban “inimigos do nacionalismo”, “desleais con Galiza”, “traidores da patria”,…? 

Estas declaracións de intecións recollidas no documento político non resultarán cribeis para quen escribe mentres os que verteron lixo sobre estas organizacións sociais, mentres os que realmente resultaron vulnerables ideolóxicamente,  non se desulpen e asuman as responsabilidades políticas.

Cuarta vía

Cuarta Vía é unha iniciativa dos compañeiros do BNG de O Ribeiro; unha alternativa que pretende:

  1. Recuperar o asemblearismo, tamén nas comarcas.
  2. Dotar á militancia de información e participación nas decisións.
  3. Integrarse e participar nos axentes sociais.
  4. Separar os cargos institucionais e as responsabilidades no BNG.
  5. Recuperar a rúa.
  6. Volver ó discurso soberanista.
  7. Defender a lingua sen ambaxes e usala como é debido.
  8. Escoitar a todas as correntes internas.
  9. Ampliar a base militante.
  10. Recuperar o camiño nacionalista e de esquerdas.

Concordo con cada un dos seus puntos así como cos principios e razóns que motivan a súa presentación. Poden lelo seguindo este fío.

Pero isto que é!?

Xa pasaron casi dous anos, cando antes dunhas municipais escribía como no meu Concello, Xunqueira de Ambía, se amedrentaba a xente a base de prácticas que se poden calificar de moitas formas menos democráticas, respetuosas coa liberdade dos cidadáns e, moito menos, honestas na disputa política. Cando escribín aquilo pensaba que o meu partido era ben distinto.

Agora atópome con que os que ten medo, os que sufren chantaxe, coaccións e presións son os meus propios compañeiros de partido. Agora non é o señor Sr. Gavilanes, son Xosé Manuel Pérez Bouza (quinigá), o Responsable Comarcal,  o que, entre outros, vai de cociña en cociña sacando do saco vellos favores, prevendas,…  ou recurrindo a demagoxia e o engano, realizando falsas promesas. Non é a primeira vez. Só fai falla que agora se poñan a carrexar votos (ainda que, ben pensado, tampouco sería a primeira vez); seguramente este sábado vexamos moitas caras novas. Será o triunfo do caciquismo no BNG?

Esta é a situación conflictiva que deriva por un sistema de delegación equivocado. Equivocado porque os delegados non se poden elexir en listas cerradas, por ese sistema elixense os representantes; cando se deberían elexir por delegación directa. Si se elixe un delegado por cada tres afiliados calquer afiliado que dispoña do aval de outros dous (iso chámase delegación) tería que estar habilitado para ser delegado sen necesidade de pasar polo filtro comarcal. É equivocado porque o sistema de listas obriga ós militantes a decantarse por unha ou outra postura política, antes da celebración da ANE, provocando enfontamentos entre militantes, veciños e amigos. Mentres tanto, upegás e quinigás van negociando, segundo os asinantes que vaían logrando, unha lista entre as dúas correntes e a portavocía nacional, oprimindo nun curruncho a unha parte moi importante, imprescindible, do nacionalismo.

Tamén é unha decisión maliciosa, tendenciosa, orientada a favorecer a aqueles que detentan a gobernabilidade do partido. Son eles, e só eles, os que dispón dos censos da militancia; son os que posuen toda a información. Son eles os que se dirixen ós militantes que lles interesa, deixando apartados ós máis molestos, orientando así, dende a base, a decisión final da Asemblea Nacional Extraordinaria. Non sei que información ten os demáis militantes pero eu non recibo comunicación algunha do meu Responsable Comarcal dende o pasado 17 de marzo. Diso hai un mes. Que ocorre? É que non pasou nada novo neste último mes dentro do BNG?

Os que idearon o sistema poden estar ben satisfeitos; conseguirán que cada vez que se celebre unha AN o BNG saía máis dividio, máis feble, con máis abandonos e con menos simpatizantes dipostos a entrar nesta caixa de Pandora. A verdade é que damos medo!

Invasión e metástase no BNG

Na actualidade o BNG está sufrindo un proceso de invasión e metastase semellante o que se dá nunha persoa enferma de cancro, ó propagarense as células danadas mediante estes dous mecanismos. A invasión producese cando os membros do BNG, danados pola cobiza aparecida logo destes anos no poder, van migrando e penetrando nalgúns dos compañeiros máis cercanos, que comezan a crer que si aqueles foron capaces de logralo, porque non eles? Ese é o erro que os fai caer na tenación: pensar que si uns o lograron sin destacaren en nada, porque non ían logralo agora outros?

A metástase é un mecanismo máis perigoso xa que, neste suposto, o membro danado introducese na masa social do propio partido e en forma de caciquismo vai contaxiando ós demais membros axudado da demagoxia e o engano, facendo aparecer novos focos en “tecidos” ata agora saudables noutras partes do nacionalismo.

A cobiza e o caciquismo non poden calificarse como fenómenos benignos en ningunha sociedade de xeito que, unha vez diagnósticado este mal dentro da formación nacionalista, non se pode ser moi optimistas cara o futuro. Ocorre que cando o dano está diseminado por diferentes membros -por metástase, ou sexa, caciquismo-, debido a súa capacidade para propagarse, o mal é potencialmente mortal. Non son moitos os casos nos que o mal poida ser curado cando se atopa na fase máis avanzada, como é o caso, pero é posible si se somete a un duro tratamento. Está por ver como o paciente reacciona o tratamento… e si se deixa tratar, claro.

A Crise NINJA e outros MISTERIOS

Xa tiña falado noutras ocasións de Leopoldo Abadía, ó referirme a el en “a crise financeira global” e o seu blog “La crisis Ninja“. Sobre este tema trata boa parte do seu libro pero, como vedes na portada, tamén fai referencia a outros misterios. Neste post quero centrarme nun deses misterios, sobre o que xira, dalgún xeito, a totalidade do libro: o “modelo”. O autor afirma que “o máis importante é ter un modelo na cabeza”. Pero, que é un modelo? Para explicalo recorre a figura de Fraga, do que di que “partindo do obxectivo da existencia do Estado, do que o Estado é, do que o Estado debe facer, dos recursos e organización do Estado, [das persoas que forman un Estado,] dos procesos que fan que funcionen e do que hai que facer para que eses recursos, persoas e procesos funcionen para que o Estado sexa eficiente”.           

Efectivamente non temos porque coincidir con Fraga no que é ou significa un Estado nin da forma en que facelo funcionar; iso dependería moito da ideoloxía de cada quen. A miña defire moito. No que si coincimos é na necesidade de ter un modelo persoal e colectivo e en que ese modelo ten que ser o mesmo nun ámbito e noutro, para así poder actuar con axilidade e con coherencia fronte os problemas que xurdan. Sobre esta cuestión engade: “é necesario ter un modelo máis global. Ou sexa, ampliar o que temos”.

Cando ademáis se trata de influir nunha sociedade, como é o caso dos partidos políticos  (algúns; outros parecen que prefiren seren influenciados pola propia sociedade), Leopoldo Abadía fala de que “non so hai que ter un modelo senón que ademáis hai que saber explicalo para que o entendamos todos”. Logo de perder as eleccións do 1-M escoitábase a responsables do BNG decir “non soubemos explicar os nosos logros”. Explicar que? Os logros? O que non quere unha sociedade como a galega é escoitar a políticos que veñen a colgarse medallas, queren políticos que teñen un modelo persoal, para o seu partido e para súa nación, queren políticos que teñen un modelo global, para o mundo, e saben como encaixar a Galiza nese lugar. Non había que explicar logros, só facía falla que en tres anos e medio non fixesen nada, había que explicar o modelo… pero, había modelo?

A miña percepción é que dentro do BNG, mellor dito, entre os que gobernaron o BNG nos últimos tempos, non existe un modelo claro para Galiza, nin un modelo claro para Galiza no mundo e, moito menos, un modelo claro para o propio BNG. E entón, pouco importaba que se explicasen ben ou mal, ninguén os ía entender.

O modelo que propopón o autor deste libro consta de sete principios fundametais; un deles, traducido en clave galega, ven a dicir que “hai que volver o rego” (para coñecer os outros, mellor ler o libro).

Deixade que decidamos nós

Segundo publica hoxe o diario El Pais Anxo Quintana está disposto a celebrar unha Asemblea Nacional Extraordinaria para o mes de Abril ante o alzamento continuo de voces proferidos dende as bases do nacionalismo galego, unha Asemblea a que poidan asistir tódolos militantes do BNG. Na mesma nova sinálase que o portavoz nacional pretende configurar unha lista única para a nova executiva na que non figure ningún dos líderes das distintas correntes do BNG. Isto si que é difícil de asumir, vale que non esté el e F. Rodríguez, responsables da desfeita electoral pero, que razóns obxectivas existen para excluir ós responsables de outras correntes e partidos políticos? Ningunha. O único que buscan quinigás é upegás é debilitar a capacidade de arrastre que xera o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras.

Primeiro trataron de controlar  as Asembleas Nacionais mediante o filtrado das Asembleas comarcais e, agora, o que pretenden é que non poidamos elixir libremente a quen nos pareza. O Sr. Quintana e o Sr. Rodríguez son moi libres de autoexcluirse de calquer lista –mádia leva!-, pero non teñen autoridade moral algúnha para sacar desas listas a terceiros, menos a persoas que non teñen responsabilidade algúnha da situación actual do nacionalismo galego. Na vindeira Asemblea deben ser os afiliados os que decidan o futuro do BNG non os dirixentes. Eles xa o fixeron nos últimos anos… así nos foi!