Tanta inutilidade non pode ser amor

Titulo con esta frase de Rafael Martínez Castro ao que fai referencia Antón Baamonde no artigo que asina hoxe en El País respecto a “Crise no BNG“, unha crise que pode levar a esta organización a sufrir unha “escisión, unha explosión ou a desafección das bases”. A desafección fai anos que a sufre -só hai que ollar os resultados dos diferentes comicios electorais-, escisións persoais e colectivas xa as houbo… soamente falta que salte todo polos aires.

Mentres a esperanza blanca -ese político con voz de pitufina- parece esvaecerse entre acusacións de traición!, ninguén acaba por dar un paso decisivo. Os dirixentes críticos co BNG sufren tal sobreprotección dentro da organización que ten medo a moverse fora da súa órbita. Quizais, para cando acorden, non lles quede nin sequera a confianza dos que hoxe aínda confiamos neles precisamente, pola cobardía e falla de confianza que transmiten nas súas posibilidades.

Este é o camiño a seguir

As mozas e mozos do Encontro Irmandiño ven de renunciar a participar no proceso de elección da Dirección Nacional de Galiza Nova na Asemblea Nacional que hoxe comeza. Persoalmente, unha das calidades que máis valoro nunha persoa ou grupo de persoas é a capacidade de renunciar a un posto xa que deixa as claras o que realmente se persegue, o que persegue cada quen.

Agora que, esa renuncia, debería facerse extensible aos órganos do BNG, xa que a presenza de membros do Encontro Irmandiño no Consello Nacional da mostra de certas incoherencias no discurso.

Razons? O proceso pre-asemblear do BNG foi un filtro que deixou fora a moitas minorías, unhas porque non recibiron apoios suficientes, outras porque se negaron a participar no mesmo, un proceso dirixido por cargos e carguiños, ex-altos-cargos e ex-altos carguiños, logo non se pode afirmar que ese órgano represente a totalidade e pluralidade do nacionalismo. Esa totalidade, esa pluralidade, está fora e aí é onde hai que estar e non nun Consello de gurús que levou a formación ao seu punto máis baixo dos últimos tempos… e sen perspectivas de remuda, nin ideolóxica, nin de persoas.

As razóns que levan a mocidade do EI a renunciar a presentar unhas listas para o Consello Nacional seguen sendo as mesmas que esgrimimos os irmáns maiores na derradeira Asemblea Nacional -o anquilosamento das institucións do BNG e o seu afastamento da realidade sociopolítica das galegas e galegos-. Entendo que entón se optou por presentar unha lista agardando que a militancia sacase do seu foro interno ese punto de rebeldía que a tradicionalmente nos caracterizou. Non saíu mais agárdaselle.

Agárdaselle aquí fora, a outra veira pois, a ese outro lado é tal o férreo control que sobre a militancia exerce o caciquintanismo e a upega, que xamais se atreverán ao máis mínimo xesto de disidencia e, cando algún organismo se escapa do seu control, como é o caso do SLG, crean outro novo. Quen goberna o BNG non entende o significado dos principios democráticos, uns principio que xurdiron hai séculos en Galiza, nas revoltas irmandiñas, ao berro de ninguén por riba de nos, prevalecendo nos seus órganos unha aristocracia que, pensan, é superior ao resto de irmáns galegos, nacionalistas e non nacionalistas. Iso, efectivamente,  non callou nin callará nunha sociedade que leva tan dentro os principios da igualdade, irmandade e liberdade.

Para estar por estar, mellor non estar

Esta semana veño de solicitar a miña baixa como militante do BNG. Fai moito tempo que ronda na miña cabeza esta idea e, de seguir coa mesma teima, corría o risco de caer na paranoia. Non quería. Unha persoa non pode levantarse cada día e preguntarse “que pinto aquí?”. Cando alguén se prantexa isto a diario é que non está a gusto e, nese caso, o mellor é non estar.

Considérome unha persoa activa, alguén que necesita aportar algo ó grupo do que forma parte, e non soporto ollar de brazos cruzados, moitas veces caidos, o estado estanco no que se atopa o BNG. Iso mátame. Dicía Beiras, nun excelente diagnóstico, que o BNG estaba esclerosado. Non ía nada errado. Coñezo ben a que se refire.

Seguirei formando parte do Encontro Irmandiño, un dos poucos redutos onde aínda prima o idealismo sobre o pragmatismo curtopracista que rexe a vida cotiá da meirande parte dos partidos políticos, iso si, agora a esa outra veira da ponte a que se refire Beiras na súa derradeira entrevista. Agardarei deste lado.

Haberá quen diga que o fago porque non cheguei onde esperaba, porque non teño enchufe… chamaranme inadaptado, dirán que son pouco fiable, que estou fora do sistema…. Ese cinismo acabará co BNG. Pensar ou escribir que as cousas deben cambiar convértete nun apestado, di o escritor italiano Roberto Sabiano, nunha recente entrevista.

Que dende xa estea fora do BNG non significa que deixe de ser nacionalista, de esquerda e, porque non, soberanista. Seguirei loitando polo que creo, dende onde queira que sexa e, contra os que van contra eses ideais, tamén, quen queiran que sexan.

A súa xovialidade algo pesada, que ocultaba noutros tempos unha auténtica bondade, non pasa agora dunha rutina vulgar; a súa firmeza converteuse en obstinación; as súas aptitudes para o inmediato e o practico, nunha total negativa a pensar”.

Quen nestes termos se expresa é Adriano sobre Trajano en Memorias de Adriano, de Margarite Yourcenar. Moitos poderíamos dicir o mesmo do Bloque. Noutra reflexión a autora di, en boca do mesmo protagonista, que “o esencial é que o home chegado o poder demostre logo que mereceu exercelo”. Os resultados do 1M demostraron que non foi así, sen embargo, non se asumiron tódalas responsabilidades que deberían porque os dirixentes do BNG están posuídos pola ambición do poder e paralizados polo temor a súa propia mediocridade.

Dos partidos e correntes ideolóxicas ata ós actuais grupos de poder. A fin do frontismo no BNG

Un grupo de cargos e altos cargos do BNG reúnense en Ourense semanas despois da derrota electoral do 1 de marzo nas elección galegas. A súa preocupación máis inmediata: manter posicións dentro da estrutura do BNG. Para logralo buscan reunir o maior número de apoios para poder negociar coa UPG buscando, principalmente, entre aqueles ós que beneficiaron durante os derradeiros anos dende os órganos da Xunta de Galiza en forma de conivencia, prebendas, clientelismo e outros favores. Estaba nacendo a PpP (Plataforma polo Poder) que máis tarde se chamaría +BNG.

O BNG naceu como unha fronte de partidos coa intención de aglutinar nunha soa organización a masa social nacionalista galega, ata entón espallada en partidos de moi diversa natureza. Para que o invento funcionase era necesario dar voz e voto a todos e todas as persoas que o forman, pondo en funcionamento un sistema asembleario extremadamente participativo e democrático, nuns momentos onde as comunicacións, tanto físicas como virtuais, non eran as de hoxe. Este sistema nunca foi un impedimento para que as diferentes faccións do nacionalismo chegasen a acordos tanto na liña política a seguir como na dirección dos seus órganos. Sen embargo, ó abeiro do poder, os dirixentes do BNG decidiron mudar de sistema, optando polo representativo, que disque é máis moderno e dinámico, máis propio dun partido do século XXI, un sistema que nos divide antes e non é capaz de xuntarnos logo, imposibilitando calquer tipo de acordo e radicalizando cada vez máis as diferentes posicións.

Porque sucede isto? Porque os obxectivos dos diferentes sectores que conforman o BNG xa non son os mesmos: Galiza e os galegos. Agora o obxectivo é acadar o poder, primeiro internamente e, logo co entendemento co PSOE, aquí si, nas diferentes institucións galegas: concellos, deputacións e Xunta de Galiza. Resulta paradoxal que, o mesmo tempo que estes novos grupos de poder reclaman e defenden a necesidade dun entendemento co PSOE como única alternativa posible ó Partido Popular nas institucións públicas galegas, sexan incapaces logo de acadar acordos internos dentro do BNG. É máis, adícanse a dinamitar a concordia que tradicionalmente se viviu entre os diferentes partidos e correntes que forman a fronte a hora de conformar os postos de dirección e, o que é máis importante, os postulados políticos.

Unha das condicións que baixo ningún concepto pode obviar unha minoría social, e o BNG non deixa de ser unha minoría en Galiza, para ser influínte na sociedade a que pertence, será a consistencia coa que a minoría se amose ante a maioría. Será preciso manter unha consistencia diacrónica, e dicir, mantemento dos postulados nacionalistas con coherencia ó largo do tempo, e unha consistencia sincrónica, onde as diferentes persoas que conforman a minoría manteñan a mesma postura dun xeito coherente. Na actualidade o grado de consistencia que os membros do BNG están facendo chegar sociedade galega e o máis baixo dende a súa fundación e así a súa capacidade de influír nesta é practicamente nula, pois moitos dos principios fundacionais e fundamentais do nacionalismo están sendo derrubados (democracia directa, fraternidade, principios políticos,…) pouco a pouco.

A verdadeira homoxeneidade do BNG radicou sempre no estrito respecto a súa heteroxeneidade. Non se pode falar agora dun Bloque uniforme se nel falta algunha das partes que o compoñen e, hoxe en día, son moitas as que perderon o seu sitio dentro da organización. O BNG semella un puzzle vello no que faltan pezas e/ou hai pezas equivocadas.

Esta situación tamén ten que provocar un período de reflexión interna dentro destas correntes e partidos pois, si se adheriron o BNG (ou xurdiron do seu interior) para conformar un corpo único e agora non son máis que un apéndice inservible no seu seo, para que seguir aí dentro? Para facer oposición interna? Para seguir os postulados que marque unha maioría e cos que non se concorda? Ó igual que moitos compañeiros irmandiños penso que é o momento de ser valentes, de dar un paso adiante e crear unha nova fronte, capaz de atraer a todo o nacionalismo que agora orbita arredor do BNG e recuperar todo o capital social desperdiciado por esta organización nos últimos anos. É o momento de tentar dende fora o que, debido ó control que os grupos de poder ten sobre o partido, non se puido acadar dende dentro.

A Crise NINJA e outros MISTERIOS

Xa tiña falado noutras ocasións de Leopoldo Abadía, ó referirme a el en “a crise financeira global” e o seu blog “La crisis Ninja“. Sobre este tema trata boa parte do seu libro pero, como vedes na portada, tamén fai referencia a outros misterios. Neste post quero centrarme nun deses misterios, sobre o que xira, dalgún xeito, a totalidade do libro: o “modelo”. O autor afirma que “o máis importante é ter un modelo na cabeza”. Pero, que é un modelo? Para explicalo recorre a figura de Fraga, do que di que “partindo do obxectivo da existencia do Estado, do que o Estado é, do que o Estado debe facer, dos recursos e organización do Estado, [das persoas que forman un Estado,] dos procesos que fan que funcionen e do que hai que facer para que eses recursos, persoas e procesos funcionen para que o Estado sexa eficiente”.           

Efectivamente non temos porque coincidir con Fraga no que é ou significa un Estado nin da forma en que facelo funcionar; iso dependería moito da ideoloxía de cada quen. A miña defire moito. No que si coincimos é na necesidade de ter un modelo persoal e colectivo e en que ese modelo ten que ser o mesmo nun ámbito e noutro, para así poder actuar con axilidade e con coherencia fronte os problemas que xurdan. Sobre esta cuestión engade: “é necesario ter un modelo máis global. Ou sexa, ampliar o que temos”.

Cando ademáis se trata de influir nunha sociedade, como é o caso dos partidos políticos  (algúns; outros parecen que prefiren seren influenciados pola propia sociedade), Leopoldo Abadía fala de que “non so hai que ter un modelo senón que ademáis hai que saber explicalo para que o entendamos todos”. Logo de perder as eleccións do 1-M escoitábase a responsables do BNG decir “non soubemos explicar os nosos logros”. Explicar que? Os logros? O que non quere unha sociedade como a galega é escoitar a políticos que veñen a colgarse medallas, queren políticos que teñen un modelo persoal, para o seu partido e para súa nación, queren políticos que teñen un modelo global, para o mundo, e saben como encaixar a Galiza nese lugar. Non había que explicar logros, só facía falla que en tres anos e medio non fixesen nada, había que explicar o modelo… pero, había modelo?

A miña percepción é que dentro do BNG, mellor dito, entre os que gobernaron o BNG nos últimos tempos, non existe un modelo claro para Galiza, nin un modelo claro para Galiza no mundo e, moito menos, un modelo claro para o propio BNG. E entón, pouco importaba que se explicasen ben ou mal, ninguén os ía entender.

O modelo que propopón o autor deste libro consta de sete principios fundametais; un deles, traducido en clave galega, ven a dicir que “hai que volver o rego” (para coñecer os outros, mellor ler o libro).

Deixade que decidamos nós

Segundo publica hoxe o diario El Pais Anxo Quintana está disposto a celebrar unha Asemblea Nacional Extraordinaria para o mes de Abril ante o alzamento continuo de voces proferidos dende as bases do nacionalismo galego, unha Asemblea a que poidan asistir tódolos militantes do BNG. Na mesma nova sinálase que o portavoz nacional pretende configurar unha lista única para a nova executiva na que non figure ningún dos líderes das distintas correntes do BNG. Isto si que é difícil de asumir, vale que non esté el e F. Rodríguez, responsables da desfeita electoral pero, que razóns obxectivas existen para excluir ós responsables de outras correntes e partidos políticos? Ningunha. O único que buscan quinigás é upegás é debilitar a capacidade de arrastre que xera o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras.

Primeiro trataron de controlar  as Asembleas Nacionais mediante o filtrado das Asembleas comarcais e, agora, o que pretenden é que non poidamos elixir libremente a quen nos pareza. O Sr. Quintana e o Sr. Rodríguez son moi libres de autoexcluirse de calquer lista –mádia leva!-, pero non teñen autoridade moral algúnha para sacar desas listas a terceiros, menos a persoas que non teñen responsabilidade algúnha da situación actual do nacionalismo galego. Na vindeira Asemblea deben ser os afiliados os que decidan o futuro do BNG non os dirixentes. Eles xa o fixeron nos últimos anos… así nos foi!

O BNG é dos militantes e non dos burócratas que se aferran á poltrona

Dimisión XA de tódolos membros da Executiva Nacional e se convocatoria dunha Asemblea Nacional Ordinaria para toda a militancia, unha Asemblea que “non pode ser organizada e, polo tanto, controlada polo mesmo aparato vertical de poder que provocou a catástrofe que estamos vivindo. Sería un fraude a militancia”.