Atrapados polo pasado

O pasado non dá tregua. “Galicia ten dereito”. Pode afirmarse o dereito dun territorio a vez que nega ese mesmo dereito a outros? “O recurso de inconstitucionalidade é un ataque do Goberno a Galicia”. Pode entenderse como un ataque a Galiza a presentación dun recurso de inconstitucionalidade dunha norma emanada do Parlamento de Galiza e negar ese ataque a un pobo cuxa norma, o Estatut de Catalunya, foi ratificada polo noventa por cento da cidadanía?

Demagoxia. A actidude do Partido Popular comeza a pasarlle factura a Feijóo: primeiro puxo tódalas trabas para a aprobación dun Estatuto de Nación en Galiza, un proxecto de Estatuto que pretendía non quedarse atrás na asunción de dereitos respecto a outras nacións do estado; logo a agresiva pre-campaña e campaña electoral na que non dubidou en facer promesas de imposible cumprimento e de dubidosa legalidade (como dar liberdade aos pais para que elixan a lingua na que estudar seus fillos).

Incoherencia. Non é cogruente pedir ao goberno do estado que non presente un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas ao tempo que manteñen un recurso contra o Estatut de Catalunya negando ao pobo catalán uns dereitos que eles mesmos, cunha ampla maioría, respaldaron en sufraxio universal. Tal vez debería comezar o PP por retirar o recurso que mantén contra o Estatut catalán, dar mostras de que respecta o dereito de outros pobos para logo esixir ese mesmo respecto polo pobo galego. Do contrario, a súa posición non resulta crible, por interesada.

Resposta. Agora que ao PPdG lle entrou esa vea “galeguista”, o BNG debería presentar o seu proxecto de Estatuto no Parlamento de Galiza, para medir ata onde o Sr. Feijóo está disposto a defender os dereitos dos galegos.

Que se move nas caixas?

A teima que ten o Sr. Feijóo e o PP coa fusión das caixas comeza a ser máis que sospeitosa. Din que queren para Galiza unha entidade forte, competitiva, co centro de decisión no país. Como resultado da fusión, esta nova caixa sería a quinta en tamaño, no conxunto do estado, a espera de que se confirmen outras fusións. E que?

Para que serve o tamaño? Pois, primeiro de todo, para deixar na rúa a milleiros de traballadores, os que conta a auditoría (máis de 1.200) e os que non conta (persoal de limpeza, persoal de seguridade,… máis os ingresos que deixarán de percibir os donos dos locais arrendados, preto de 300). Isto, na situación actual, non creo que serva para dinamizar a actividade económica de Galiza, ao revés.

En segundo lugar, non garantirá que a toma de decisións se realice en Galiza. Xa vimos recentemente quen decidiu que ocuparía a presidencia de Caja Madrid. O consello da caixa madrileña? Non. A Comunidade de Madrid? Non. Foi Génova. Foi a dirección do PP. Si Esperanza Aguirre non foi quen de impor o seu candidato, cando as competencias sobre as caixas recaen na comunidade, vai poder Feijóo impor os seus candidatos na caixa galega? Dubido moito que o intente. A caixa resultante da fusión non será máis que un cromo que intercambiar para acadar as súas ambicións persoais.

Que pinta o BNG en todo isto? O BNG, mellor dito, a UPG, o único que busca son postos no consello de administración da caixa resultante. As súas miras son incapaces de ir máis alá; non poden ver o que realmente se está movendo nas caixas…

21 de Xaneiro: Paremos o decretazo contra o galego

A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

Por que rexeitamos este decretazo?

1) Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.

Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2) Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega.

O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3) Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros.

A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4) Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.

O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

5) Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.

O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.

Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.

O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

11.30 DA MAÑÁ NA ALAMEDA

HABERÁ AUTOBUSES DESDE DIFERENTES PUNTOS DO PAÍS

Infórmate en queremosgalego.org

Propiedade, terra e traballo

Esta semana tocoume dar un módulo de creación de empresas a un obradoiro no Concello de Os Blancos (Ourense), unha materia nova para min, pois non son economista, en substitución dun compañeiro que está de vacacións e si o é. Como non pretendo pasar por especialista nunha materia na que non o son plantei o módulo dun xeito totalmente diferente ó que viña sendo habitual [explicar como se elabora un balance e como crear unha empresa a partir dunha franquicia: BEEP (sic)], comezando cun tanque de ideas, logo madurando e analizando esas ideas para rematar facendo un plan de empresa, sen pasar por alto a importancia de realizar estes tres pasos antes de por en marcha calquera proxecto empresarial.

Teño que destacar a participación de todos na reportación de ideas que, amais de numerosas eran acordes coas potencialidades da zona e, case todas, coas posibilidades dos participantes. O problema xorde en forma de desconfianza, coma sempre, cando finalmente falamos de crear sociedades e realizar reportacións ós proxectos. Falamos abertamente desa barreira psicolóxica máis non logramos derrubala aínda que si, recoñecela. Hai tempo que lin un estudo que falaba da confianza que as persoas teñen nos seus socios de empresa nas diferentes comunidades. Segundo este, os cataláns son os que máis confianza depositan e os galegos os que menos. Non fai falla que engada nada máis.

Máis este post non ía por aí. Quería falar de riscos, o outro medo que nos atenaza a hora de crear unha empresa: perder o diñeiro invertido. Preguntei ós compoñentes do obradoiro por que si estarían dispostos a arriscarse a hora de comprar unha vivenda e, sen embargo, non o están para crear unha empresa. A resposta máis usual é que todos necesitamos unha vivenda na que vivir -o que eu respondín que tamén necesitamos un traballo para pagala… e para vivir- e que, de ter que pagar por ela é mellor comprala que alugala, pois así terían algo que deixarlle ós seus fillos.

Aquí comezou un novo debate. Que é o que os país deberían deixarlle ós seus fillos? Propiedades ou traballo? Estando como estabamos nun entorno rural pregunteilles a todos si tiñan terras, ó que responderon afirmativamente e logo enlacei a súa resposta con outras dúas preguntas: que credes que vos estaban deixando os vosos antergos cando invertían en terras? Unha propiedade ou un medio de vida, isto é, traballo?

Coido que aquí é onde comprendemos todos, incluído eu, cal era a verdadeira importancia da terra para os nosos antecesores: era o medio que nos garantiría traballo no futuro. A propiedade da terra era a ‘empresa’ que un cidadán galego, nunha sociedade baseada nunha economía primaria, podía deixar ós seus descendentes.

Nalgún intre da evolución da nosa sociedade, tan preocupada sempre por deixar algo, esquecemos que era o mellor para deixar ós nosos descendentes [propiedade (vivenda, diñeiro,…) ou traballo (empresa)], porque no pasado unha cousa -propiedade (terra)- e a outra -traballo (terra)- eran o mesmo.

Feijóo non decepciona a ninguén

Ó contrario do que fixeron outros. Aínda resoa nos meus oídos o piano, piano co que respondían os responsables do bipartito ó fronte da Xunta de Galiza cando dende sectores afíns se lles metía presión para executar os seus programas (pensaban, tal vez, que tiñan 16 anos por diante. Algúns, de feito, estaban totalmente convencidos de que así sería). Decepcionaron a todos: ós seus propios votantes e mesmo a oposición, que tivo que buscar polémicas artificiais, como a da lingua, o gasto, …, para poder facer o seu papel, dada a política continuísta de PSOE e BNG.

Sen embargo, o PP non decepciona a ninguén. Está facendo exactamente o que se esperaba que fixese, levar a práctica todas aquelas cuestións que incidiron de xeito máis ou menos determinante na súa vitoria electoral: a enquisa da lingua no ensino, a venda do coche de Touriño, a derrogación do Plan eólico, a depuración de nomes e símbolos identitarios de Galiza, como as Galescolas (aínda que o da Galiña Azul a min non deixa de parecerme un acrónimo de ‘escoliña galega’), a proliferación de licenzas para novas e ampliación de vellas piscifactorías e minicentrais, a subvención de entidades privadas que operan no ámbito social, a vez que reduce custos de marcado carácter social dende o sector público -gratuidade de libros, eliminación das ‘peonadas’ na sanidade, paralización de axudas a dependentes, …-, ou a subvención de grupos ultracatólicos que,  entre outras medidas polémicas adoptadas que, nos gusten ou non, entran dentro do que se podía esperar.

E por suposto, tampouco renunciou este goberno a ampliar as axudas aqueles fieis colaboradores, maila política de redución de gastos da que presume, como son os grandes grupos mediáticos de Galiza, outorgando outro millón de euros, dos de tódolos galegos, para o Grupo de La Voz de Galicia -o equivalente a 5 coches de Touriño-, pouco máis do que lle viña dando o bipartito, iso si, pero que, dado o contexto socioeconómico e a liña pregoada polo novo goberno, resulta incoherente e incomprensible pois, digo eu, que si os recursos son escasos, estes deben concentrarse nos servizos sociais -que, amais, son unha fonte fundamental para a creación emprego- e non na prensa escrita, un sector abocado a unha reconversión para afrontar os efectos que sobre eles ten as novas tecnoloxías da información. Estas axudas resultan tan incoherentes como subvencionar a industria automobilística para a fabricación de coches de gran cilindrada en plena crise enerxética. Podería agora referirme a algún suposto ficticio, mais sobran exemplos reais (sobre a estupidez humana recomendo o artigo de Michael Moore, Adeus General Motors). Non sei si se está cometendo a mesma estupidez ou, simplemente, mantendo con recursos públicos a unha caste afín politicamente.

Amais, o PP está actuando con intelixencia ó afrontar dende un principio as políticas máis controvertidas socialmente, pois ten por diante catro longos anos para que se vaian calmando os ánimos. A outros, pola contra, ocorréuselles a última hora ir molestar ós poderes fácticos de Galiza (promovendo un xornal que competise co máis lido, o concurso eólico, …), así como continuar cos ataques a sectores afíns, defensores dunha economía produtiva tradicional e menos agresora co noso entorno, sectores que, por outra banda, eran o auténtico caladoiro de votos da esquerda galega. Estupidez ó cadrado. Un erro de cálculo do que, sen dúbida, o equipo de Feijóo tomou boa nota.

Ata aquí todo vai ben

Deixo aquí un estracto da análise post-electoral realizada por Raimundo Viejo Viñas e publicada en On the wobbly’s road.

[…] Entre as evidencias desta crise parcial do xogo representativo encóntrase o feito de que as forzas de esquerda e nacionalistas que apoian ó PSOE aférranse ó mantemento da súa representación como mellor evidencia de que a súa particular concepción da política segue en pé. Como dicía aquel personaxe da película La Haine a punto de estamparse contra o chan: jusqu’ici tout va bien!, “ata aquí”, pensan IU, BNG, ICV, ERC, etc., “todo vai ben”.

[…] Así, por exemplo, o BNG parece que dende que perdeu o poder quere recuperar o pulso pola esquerda e pola rúa. Como si durante os seus catro anos de goberno non fixeran unha xestión moi mediocre, por non dicir cousas peores, nos derradeiros meses creu ver nas mobilizacións en defensa do galego ou nalgunhas outras loitas sociais do momento, a porta a unha recuperación do espazo político perdido (todo isto, hai que precisar, nunha máis que modesta medida, evidencia que a maquinaria partidista aínda está encaixando, cunha moi lenta dixestión, a súa derrota electoral). Loxicamente, despois non xa dunha lexislatura senón dunha década operando como aparato fora por completo das redes de activistas, o BNG practica toda sorte de torpezas, moitas veces sen chegar a darse conta. O seu problema máis grave, sen embargo, non está no movemento (aínda que obscenidades como o comportamento dalgúns dinosaurios no Foro Social Galego poidan chegar a ser verdadeiros problemas). O principal problema do BNG é que segue sen entender que modelo de organización política adoptará para ser un interfaz funcional ás demandas sociais que nacen no movemento.