Enquisas e estatísticas

Nunhas eleccións, e nas galegas non ía ser menos, tódolos partidos viven pendentes das enquisas e as estatísticas. As enquisas, ó tratarse dun estudio representativo da sociedade, poden estar suxeitas a erros, pois non se publican crúas, senón cociñados en laboratorios, aplicando diferentes fórmulas correctoras (a proba do xis cuadrado, a corrección de Yates, corrección de continuidade asimétrica,…) que ten en conta tanto a conducta observada como a conducta teórica.

A conducta observada é o resultado da mostra recollida nun momento determinado circunscrito a un lugar determinado e sobre un asunto específico, por exemplo, eleccións galegas 2009. A conducta teórica refirese o comportamento histórico da sociedade dese mesmo lugar sobre ese mesmo asunto: tódalas eleccións galegas celebradas en Galiza.

Utilizar os resultados históricos axuda a que cada vez que se produce o mesmo feito, os resultados dos estudos sexan máis exactos, ó dispor, a medida que transcurre o tempo, dunha base de datos máis ampla, sempre e cando ese feito se produza en circunstancias normales.

Cada vez que hai unhas eleccións vemos que existen pequenas diferencias entre unhas enquisas e outras (ver as de Xornal, La Razón, La Voz de Galicia, La Región, Público,…) e acostumamos a culpar desas diferencias ós intereses que uns medios ou outros teñen en influir e dirixir a opinión pública nun ou outro sentido. O certo é que non ten por que ser así. Uns e outros consultan a unha parte representativa da sociedade e non ten porque ser precisamente a mesma e logo, cada un deles, pode usar diferentes técnicas correctoras. Iso explicao… logo cada quen é libre de ceibar as súas maquinacións e moito máis facelas públicas.

Agora, hai que ter en conta que as enquisas non serven de nada -ou de moi pouco- cando se dan circunstancias especiais, como ocorreu o 14-marzo-2004 cando Rodríguez Zapatero gañou as xerais contra todo pronóstico. Incluso si fose posible realizar e publicar unha enquisa o día anterior das eleccións, esta non se achegaría ó resultado final, porque as correccións non teñen en conta situacións anormais, senón que se basan en todo o contrario, na conducta social histórica ponderada.

Na actualidade estamos vivindo unha situación excepcional, unha crise económica de gran calado, que está destruindo cada día milleiros de postos de traballo, unha crise na que os gobernantes non ten a máis minima idea de como solventar, nin como afrontala,… Dinnos dende o goberno central que se pode chegar ata catro millóns de parados no estado ó mesmo tempo que nos queren convencer que a partir de marzo a cousa vai mellorar –casualidade?-. A ver, como se fai compatible eses dous argumentos? Iso só podería ser certo si os catro millóns de parados se acadasen en febreiro e a partir dese momento as estadísticas de emprego comezasen a mellorar. É iso posible? Non! Logo dende o goberno estannos enganando, pois despois de marzo, despois das eleccións galegas e vascas, o paro seguirá aumentando.

Ademais, dicese que o paro sube menos en Galiza, e isto si que me parece unha broma de mal gusto. Cantos galegos hai traballando en todo o territorio español? Cando estas persoas, xeralmente temporais, que son os primeiros dos que prescinden as empresas, son despedidos, en que comunidade autónoma son rexistrados? En Galiza? Non! Na comunidade na que estaban traballando. Tampouco se dicía, cando o desemprego baixaba, que moitos galegos estaban marchando da terra, coma sempre. Espero que moitos destes galegos teñan a ben acercarse por aquí o día 1 de marzo para recordarlle ó Sr. Touriño que existen.

É, por todo isto, polo que creo que os resultados das eleccións galegas 2009 poden ofrecer grandes sorpresas. As enquisas desta vez van errar, seguro.

… e o debate de ideas?

Si puidesemos ler as propostas dos candidatos á presidencia da Xunta de Galicia sen coñecer o nome de quen a fai e o seu partido de pertenza, asegúrovos que nos atoparíamos con serias dificultades para marcar esas propostas cunha determinada cor política. A mensaxe dos partidos maioritarios vai dirixida a totalidade da poboación, sen distinción, trátase de ver quen acada máis votos, non de defender un sistema político sobre outro.

Na sitación política e económica actual fai falla debater ampliamente sobre este e moitos outros asuntos. Por exemplo: queremos un goberno proteccionista ou liberal? Queremos un goberno de esquerdas ou de dereitas? Ainda que todos, individualmente, teñamos unha resposta a estas preguntas preséntansenos outras moitas, ainda máis complexas que respostar: quen é cada quen? quen representa a dereita e quen a esquerda? quen defende posicións proteccionistas e quen as liberais?… Hoxe trasladei, vía facebook, os tres candidatos a Xunta estas dúbidas que a min me preocupan mediante esta cuestión:

Estamos xa -extraoficialmente- en campaña e eu non vexo os ideais de cada partido. Vexo, coma nas feiras, charlatáns a cada lado facendo bos os seus ofrecementos -iso sí, a diferencia daqueles, vostedes non nos din o que nos vai custar, non dan prezos- pero non vexo as súas verdadeiras intencións, os seus ideais. A ver si consigo que me amosen algo…

Estes días, lendo a Paul Krugman, Despois de Bush, 124-125, onde fai referencia ó ensaio de Richard Hofstadter “The Paranoid Style in American Politics” déime conta como, pese a situación que estamos vivindo no mundo nestes intres, ainda perdura a estigmatización das esquerdas como unha ameaza para o capital privado, tanto que a propia esquerda fuxe dela. Aquel estado de paranoia anticomunista ainda é avivado hoxe en día dende os partidos de dereita; sen embargo, pese a crúa realidade, ninguén, mellor dito, ningún partido dos que se presentan a estas eleccións, que é o que nos interesa, se atreve a plantexar un debate entre os distintos sistemas políticos, ninguén se atreve a decir que é o gran capital -extranxeiro, en moitos casos- o que está comendo o pequeno capital das clases medias e baixas. O comunismo era a gran ameaza, unha ameaza permanente a propiedade; sen embargo, o capitalismo é quen liquida, na actualidade, a propiedade privada de multitude de familias.

Ningún partido ofrece resposta as familias das clases medias e baixas que ven ameazadas tódalas súas pertenzas porque son incapaces de pagar unha hipoteca por unha vivenda, taxada a un prezo exorbitado e baixo unhas condicións que limitarán a liberdade de acción destas persoas, endebedadas, polo resto dos seus días. Hai algo máis semellante a escravitude?

As empresas, especialmente as grandes multinacionais, esas polas que suspiramos para encher os nosos polígonos industrias, as mesmas que agora botan xente afeito sen pensar nas necesidades dos seus traballadores e traballadoras -nin agora nin cando batían records de beneficios- contribuen con aquelas outras, as financeiras, que lles emprestaron cartos para comprar a súa vivenda, o seu coche, a súa PS3,… deixándo a estas persoas nunha situación de desamparo económico que as obriga a entregarlle todo o que ten os bancos.

Primeiro cébannos, logo cómennos. Para o gran capital as persoas tan só somos porcos… e para vostedes, os políticos, que somos? Que posición adoptan vostedes e os seus partidos ante os abusos da “man invisible” que, en realidade, nos goberna?

Porque todos os partidos políticos queren parecer de centro? É unha máscara? Ou, sonno de verdade? Non sei cal das dúas respostas me tranquilizaría máis. Porque todos tratan de vendernos, durante as campañas electorais, unha moderación da que logo, durante toda unha lexislatura non fan uso?

Ao Quintanismo crécenlle os enanos

No boletín de Xaneiro da CIG aparece un artigo que, a bo seguro, resultará de interese para os lectores deste blog (vaían por diante as miñas desculpas polo “secuestro”). O seu título é o mesmo que lle dei este post: “Ao Quintanismo crécenlle os enanos. Como pola dereita españolista se chega ao nacionalismo”

Cando o BNG chegou ao governo alguén promoveu a unha persoa do Concello de Vigo da contorna do PP, das Lucía Molares, Porro Perly e amigos. Supostamente non miraron ideoloxía nin principios, senón unicamente competencia e eficacia, inda que non se trataba dun posto técnico senón de máxima responsabilidade política. Era para cubrir o posto de Secretaria Xeral do Benestar e a premiada foi María Jesús Lago, e co cargo viñéronlle as simpatías.

Ao pouco, tentou colocar aos seus amigos e amigas en carguiños, sendo unha das súas xoias un madrileñito chulapín, Juanjo, un militante do castellano, quen por candidaturas sindicais de CSIF e UGT. María Jesús xa ao pouco de chegar quixo darlle un carguiño, mais o medo á denuncia da CIG e a que o quintanismo lle puxara das orellas, fíxoa frear. Mais agora que andan polo remate da lexislatura, xa sen medo, as ananos convértense en pivots e fan e desfán ao seu antollo.

Juanjo López Peña, educador, que pasou a titulado superior misteriosamente nos tempos do PP, exerceu a dirección de varios centros (Escola Infantil de Coia e Centro de Menores Avelino Montero), vai rematar de director no “Observatorio Galego do Menor” en Compostela, mantendo o seu gabinete privado de psicología onde se levan casos de menores (todo compatíbel!!!), cunha irresistíbel ascensión dende o sindicalismo españolista ate a libre designación da Vicepresidencia.

Xa co novo governo, ofrecéronlle a dirección de varios centros, mais non prosperou pola presión da CIG. A Secretaria Xeral do Benestar non se rende e busca o xeito de promocionar ao amigo.

A primeira intención foi adscribilo a un posto de titulado superior, I-004 na Vicepresidencia en Ourense pero traballando en Compostela, cousa que non foi posíbel por canto a súa categoría regalada é a I-031.

A segunda e definitiva pasou por adscribilo a un posto dotado orzamentariamente pero todavía non creado na RPT de Vicepresidencia: director do observatorio galego do menor en Compostela. De seguido, crear o posto de libre designación e abrilo a súa categoría e, por suposto, dotalo dos pluses axeitados.

Ao tempo, Chus Lago conseguiu un posto de profesora dun master na Universidade de Vigo no que tamén participa a dona de Juanjo. Esta é unha aposta persoal da Secretaria Xeral de Benestar para colocar a un amigo nun posto ven visible e remunerado. Por certo, na escola infantil de Coia todavía seguen na procura dunhas cortinas mercadas e pagadas que nunca apareceron. Do Avelino Montero hai moitas máis “anécdotas”.

Este é o cambio prometido fai catro anos, a posta en marcha dun “novo caciquismo”, O caciquismo en marcha, que diría o aparato de propagada nacionalista. É de supor que será tamén neste eido no que se buscan máis AVANCES: Queremos máis AVANCES en caciquismo, ben podería ser o lema dunha nova convención nacional. Todo isto, para que? para acrecentar ainda máis o ego do Sr. Quintana, que primeiro vestiu a estrela de fucsia, logo de celeste e máis tarde converteuna nun asterísco. Ten a súa lóxica. O seu ego é tan grande que no “seu” BNG só hai sitio pra unha estrela: EL.

Estatuto de Galiza. Estatuto da Nación?

Voltamos a estar en campaña electoral e, como non, voltamos ó discurso do Estatuto de Nación. Eu pregúntome que temos que ver a nación con iso, porque ninguén nos preguntou a nosa opinión, ninguén nos pediu -a cidadanía- que diseñemos a Galiza do futuro. Non hai propostas do pobo, non hai debate entre pobo e, por suposto, non hai unha administración política que canalice as nosas conclusións. Como é posible chamarlle Estatuto de Nación a unha proposta feita as costas dos integrantes desa nación? Sobre este asúnto versaba a mensaxe deixada hoxe nas caixas dos tres candidatos a Xunta de Galicia:

Un dos maiores fracasos da pasada lexislatura foi a non elaboración dun Estatuto de Galiza e trátase este dun fracaso de todas as forzas políticas no seu conxunto.

Polo que levo visto, oído e lido no que vai de precampaña estanse pondo outra vez as mesmas pedras que levaron ó fracaso do proxecto anterior o que me fai pensar que, realmente, existen poucas ganas de lograrun novo estatuto para Galiza.

Eu envexo o Estatut de Catalunya, pero máis qe polo seu contido, que tamén, pola forma en que foi elaborado. O Estatut é o resultado dun proceso participativo no que tivo un gran protagonismo internet. Así se recolle nun informe da Generalitat de Catalunya que di así no seu resumo:

“Durante o segundo semestre do ano 2004, en Catalunya vivíuse un fenómeno inédito. O Gobierno da Generalitat iniciou un proceso participativo co obxetivo de informar e de facer participar á cidadanía na redacción do novo Estatuto catalán. O obxetivo do proceso participativo era tan sinxelo no seu diseño como complexo na sua execución: por ó alcance da cidadanía diferentes medios para recoller as suas demandas, opinións e reflexións en relación co Estatuto e envialas, íntegramente e a través dunha análise sintética, á ponencia parlamentaria encargada de elaborar a proposta de reforma, previamente o inicio dos seus traballos.

Internet foi unha desas canles e así naceu unha páxina web, que estivo activa durante cerca de cinco meses co obxectivo de recoller propostas e informar á cidadanía. Neste periodo de tempo recibiu 86.757 visitas, serviu máis de 700.000 páxinas, recolleu 4.530 aportacións escritas e a cidadanía utilizou os foros de debate para enviar máis de 9.500 mensaxes.”

O Estatut de Catalunya foi por encima de todo un Estatut participativo, onde tódolos cidadáns, organizacións e movementos sociais fixeron propostas e debateron dos foros creados pola Dirección Xeral de Participación Cidadana da Generalitat de Cataluña (algo que aquí non temos nin en proxecto). Aquí non se debateu siquera polas bases dos partidos políticos.

Considero que si realmente tivesen vostedes a vontade de elaborar un novo Estatuto para Galiza comezarían de cero e deixarían que fose a sociedade galega a que puxese os primerios piares nos que se sustentase o noso futuro e, deixarían tamén, de usar este asunto como unha arma arroxadiza. Non se pode enredar na area sociopolítica co futuro dun pobo.

Queren vostedes realmente un Estatuto para Galiza sin contar coas demandas formais dos galegos?

O que realmente é envexable do Estatut é o método escollido para a súa elaboración. Non se pode copiar outro estatuto e presentalo no Parlamento galego sen máis, sen ser antes discutido pola sociedade. Considero que un estatuto debe ser trazado, dende o primeiro artigo, pola cidadanía, os partidos, as organizacións sindicais, empresariais e movementos sociais (culturais, ecoloxistas, deportivos, feministas,…). Niso si é envexable o procedemento levado a cabo polo goberno catalán 100% participativo. Débese imitar o método procedimental, non o articulado. Débese presentar entre toda a sociedade, non unilateralmente…

Crise, que crise?

Ou debería dicir: crise, que crise! Antes non sabían por onde viña e agora que xa chegou, non saben por onde se vai ir. Nin cando. Témola aquí entre nós, seguímola cada día coa mirada e cos oídos, falamos mal dela, moi mal, non nos gusta a ninguén, molestanos que esté aquí, pero ninguén fai nada para que se vaía… uns por outros e ela segue aí. Inmóbil. Falo da crise… e dos políticos. O certo e que moitos xa desconfiamos que se queiran desfacer dela, as medidas tomadas non son o resultado dunha verdadeira análise de fondo do problema senón froito dunha tirada de dados (que, desgraciadamente, ten máis caras que unha moeda). Eu tampouco teño a solución para pola fora, pero si teño máis preguntas, quen sabe si coñecéndoa ben…

Hai un ano algúns estábannos promentendo o pleno emprego e agora resulta que levamos seis meses en recesión. Defenderse deste feito dicindo que non se estaba mintindo senón que se descoñecía a magnitude da crise económica da medo, da medo ter uns dirixentes ignorantes, moito máis que uns dirixentes mentireiros.

Naquela campaña, na que se descoñecía a realidade económica, anuncióuse unha medida para fomentar o consumo, os famosos 400 € de Zapatero. medida que, ademais de non producir os efectos desexados, deixou o goberno sen capacidade de maniobra futura (agora séguense pondo en marcha novos plans “anticrise”, pero a conta do endebedamento de todos). Aparte, aquela promesa foi malinterpretada por moitos votantes, que se creron beneficiarios sen selo, provocando o conseguinte cabreo a posteriori (despois de votar, claro).

Agora é Anxo Quintana quen lle promete ós parados 500 € extras cada semestre (unha promesa así so se pode facer dende a posición de quen cré que o home é o único animal que tropeza duas veces na mesma pedra), porque seica os parados daquí cobramos menos. Porqué cobramos menos? Iso é o de menos…

Non, iso é o relevante. Cobramos menos porque cotizamos menos e nisto ten unha responsabilidade directa as institucións públicas. Moitos dos postos de traballo que son creados no país son forito de necesidades públicas pero non sempre as contratacións son feitas polas administracións, onde os traballadores teñen máis dereitos recoñedidos froito do diálogo social (si, diálogo).

Volvo a SEAGA, empresa na que me estou “especializando” (non se enganen, non é o único exemplo, hai a patadas polo país, pero a min déume por aí), que recibe encomendas da Xunta de Galicia, onde os seus traballadores teñen piores condicións económicas, laborais, formativas,… que dependendo directamente da Xunta. Logo SEAGA subcontrata a outras empresas, como a do concelleiro do BNG de Molgas ou ó das  Cabras do Xurés, tamén do BNG. Enfín… si os dereitos dos traballadores empeoraban xa en SEAGA con respectoo a Xunta, nestas empresas… (mellor calo). Xa llo comentara noutra ocasión así que non o vou repetir.

Para que os parados galegos converxan cos do resto do estado é preciso que os traballadores galegos se lles garanta os seus dereitos e, claro, si non o fan as institucións públicas que vostedes dirixen (Xunta, Deputacións e Concellos) como o van facer as empresas privadas. A solución non pasa por dar cartos (os cartos acábanse!) senón pola esixencia do cumprimento dos dereitos laborais e levando a cabo políticas que non primen as empresas que non os cumplen.

Por exemplo: a Xunta de Galicia vai por a disposición de Adolfo Domínguez un millón de metros cadrados no Val da Rabeda. ¿Que ofrece a cambio esta empresa os cidadáns que lles financiamos eses terreos? Precariedade laboral (salarios báixos, temporais,…), conxelacións de salario, etc. e a ameaza permanente da deslocalización.

Calquer persoa sensata acaba dándose conta de que as nosas administracións son títeres en más das empresas privadas (miren como Fenosa ainda mantén o seu dereito de pernada sobre Galiza), que son elas as que realmente gobernan o país, calquer país, e os poderes políticos pouco máis poden facer que someterse ós seus designios.

Desta vez máis que unha pregunta vou facerlle unha proposta: propóñolle que me convenzan do equivocado que estou. Poderán?

Xustiza e Sanidade

Xuntar estes dous temas nun só pode parecerlle a alguén que estou misturando touciño con velocidade pero unha cousa ten moito que ver coa outra ou, mellor dito, unha cousa acaba levando a outra (e a veces, viceversa). Así llo plantei hoxe os tres candidatos que, como ben sabedes, andan moi atarefados, e non poden respostar as miñas dúbidas. Este rítmo vou seguir indeciso o día 2 de marzo.

Preguntaranse que ten que ver unha cousa coa outra. Agora llo explico: cando unha persoa doente é vítima dunha neglixencia médica, onde acaba? No xulgado -non todos, algúns no cemiterio-. Non existe a mínima posibilidade de que un centro sanitario público recoñeza os seus erros e indemnice o paciente polo dano causado, nin sequera cando o feito é flagrante.

Logo de tantas preguntas, nas que vou introducindo experiencias propias, vostedes dirán, pois si que tivo un ano negro este home! Pode ser, pero eu que non creo na mala sorte, considero que todo o que a min me sucede ocórrelle tamén tódolos días ó resto de cidadáns.

Dentro dunha semana fai un ano que acudín a un centro sanitario porque me levantei doente. Acudín ó C.H. Cristal Piñor de Ourense onde, sin facerme proba algúnha do mal do que me queixaba mándanme pra casa con menciña pra dor de cabeza e para o catarro (a verdade é que tamén andaba algo arrefriado). Seica un non pode enfermar un domingo de Entroido! Os catro días estaba moito peor. Desta vez, logo de facerme tódalas probas que antes non me fixeran, diagnósticanme unha patoloxía que nada tiña que ver coa que me trataran e ponme o tratamento… o día seguinte! (daquela os médicos estaban en folga). O resultado é que tratar esa enfermidade tan tarde fai que a miña saúde non poida reverter ó estado inicial, mentres que si me tratasen o primeiro día (claro que para iso había que facerme as probas naquel momento, naquel domingo de Entroido) agora mesmo non tería ningunha secuela e, seguramente, estaría moito menos cabreado.

Puxen unha reclamación en ‘Atención o Paciente’ e a súa resposta é que o trato que me deron foi o adecuado. Estiven a piques de mandarlle un xamón de guijuelo ó responsable!

A saída que queda nestes casos -a min e a calquer outro paciente- é a xustiza… e aí atópome, de novo, cunha lista de espera con máis de 5.000 casos por resolver. Sí, eses son os casos que ten na actualidade o Xulgado de Instrucción nº 1 de Ourense segundo traballadores do Pazo de Xustiza.

Os xulgados están ateigados, en boa parte polo funcionamento (o correcto sería decir malfuncionamento) irresponsable das administracións. Por iso a solución ó colapso da Xustiza non pasa sóamente por dotar de máis medios ós xulgados, que tamén, senón de liberar as administracións de dirixentes e funcionarios irresponsables.

Entre os casos que se atopan nese mesmo xulgado está unha denuncia por unhas canteiras en Xunqueira de Ambía, denuncia que se podería ter evitado si o concello (do PP), a Consellaría de Medio ambiente (do PSOE) e/ou a Consellaría de Industria (do BNG) fixeran ben o seu traballo… e así ata o infinito! Os xulgados, como último recurso que son para a cidadanía, son os que sufren máis directamente o malfuncionamento do resto da administración pública -xunto co administrado, claro-.

Mentres tanto, os cidadáns que sufrimos primeiro as neglixencias dunha administración, logo imos ter que soportar a posteriori a lentitude doutra, a da Xustiza. Somos vítimas dos seus erros por partida dobre.

Existirá algunha vez unha administración -especialmente na Sanidade- que sexa imparcial a hora de dirimir conflictos entre o administrado e os actos dos seus traballadores, sen ter que recurrir a vía xudicial? Algún de vostedes vai por fin ó corporativismo das administracións -agora que tanto se critica o da Xustiza- e garantirá que o administrado sexa recompensado polos danos que esta lle cause sen necesidade de ter que acudir sempre a xustiza?