No boletín de Xaneiro da CIG aparece un artigo que, a bo seguro, resultará de interese para os lectores deste blog (vaían por diante as miñas desculpas polo “secuestro”). O seu título é o mesmo que lle dei este post: “Ao Quintanismo crécenlle os enanos. Como pola dereita españolista se chega ao nacionalismo”
Cando o BNG chegou ao governo alguén promoveu a unha persoa do Concello de Vigo da contorna do PP, das Lucía Molares, Porro Perly e amigos. Supostamente non miraron ideoloxía nin principios, senón unicamente competencia e eficacia, inda que non se trataba dun posto técnico senón de máxima responsabilidade política. Era para cubrir o posto de Secretaria Xeral do Benestar e a premiada foi María Jesús Lago, e co cargo viñéronlle as simpatías.
Ao pouco, tentou colocar aos seus amigos e amigas en carguiños, sendo unha das súas xoias un madrileñito chulapín, Juanjo, un militante do castellano, quen por candidaturas sindicais de CSIF e UGT. María Jesús xa ao pouco de chegar quixo darlle un carguiño, mais o medo á denuncia da CIG e a que o quintanismo lle puxara das orellas, fíxoa frear. Mais agora que andan polo remate da lexislatura, xa sen medo, as ananos convértense en pivots e fan e desfán ao seu antollo.
Juanjo López Peña, educador, que pasou a titulado superior misteriosamente nos tempos do PP, exerceu a dirección de varios centros (Escola Infantil de Coia e Centro de Menores Avelino Montero), vai rematar de director no “Observatorio Galego do Menor” en Compostela, mantendo o seu gabinete privado de psicología onde se levan casos de menores (todo compatíbel!!!), cunha irresistíbel ascensión dende o sindicalismo españolista ate a libre designación da Vicepresidencia.
Xa co novo governo, ofrecéronlle a dirección de varios centros, mais non prosperou pola presión da CIG. A Secretaria Xeral do Benestar non se rende e busca o xeito de promocionar ao amigo.
A primeira intención foi adscribilo a un posto de titulado superior, I-004 na Vicepresidencia en Ourense pero traballando en Compostela, cousa que non foi posíbel por canto a súa categoría regalada é a I-031.
A segunda e definitiva pasou por adscribilo a un posto dotado orzamentariamente pero todavía non creado na RPT de Vicepresidencia: director do observatorio galego do menor en Compostela. De seguido, crear o posto de libre designación e abrilo a súa categoría e, por suposto, dotalo dos pluses axeitados.
Ao tempo, Chus Lago conseguiu un posto de profesora dun master na Universidade de Vigo no que tamén participa a dona de Juanjo. Esta é unha aposta persoal da Secretaria Xeral de Benestar para colocar a un amigo nun posto ven visible e remunerado. Por certo, na escola infantil de Coia todavía seguen na procura dunhas cortinas mercadas e pagadas que nunca apareceron. Do Avelino Montero hai moitas máis “anécdotas”.
Este é o cambio prometido fai catro anos, a posta en marcha dun “novo caciquismo”, O caciquismo en marcha, que diría o aparato de propagada nacionalista. É de supor que será tamén neste eido no que se buscan máis AVANCES: Queremos máis AVANCES en caciquismo, ben podería ser o lema dunha nova convención nacional. Todo isto, para que? para acrecentar ainda máis o ego do Sr. Quintana, que primeiro vestiu a estrela de fucsia, logo de celeste e máis tarde converteuna nun asterísco. Ten a súa lóxica. O seu ego é tan grande que no “seu” BNG só hai sitio pra unha estrela: EL.