Oito anos de Blogomillo, ou o que puido ser a identidade conversacional galega, e non foi

O 29 de setembro de 2003 nacía Todonada, o blog da xornalista María Yáñez, que a autora pechaba case tres anos despois, o 8 de xullo de 2006. Logo verían máis… pero para non saturar a rede con contido repetido remítome ao que di a Galipedia sobre o Blogomillo. Logo virían moitos outros e cada chegada era recibida coa expresión “outro blog no millo”, de aí ao “blogomillo” un paso, outro neoloxismo creado por María Yañez para denominar a aquela crecente comunidade.

Todos nós somos o que falamos, somos tamén con quen falamos, con quen nos relacionamos lendo e compartindo información. Somos, xa no apoxeo da era dixital, persoas que coñecemos a moitas outras coas que apenas temos contacto físico pero coas que grazas as redes sociais mantemos unha relación conversacional e comparticional diaria. Estas relacións permítennos construír doadamente novas comunidades nun espazo virtual que rematarán nun momento dado “por precipitarse ao mundo real, tanxible, e por tanto verdadeiramente humano” (Das nacións as redes, VVAA, Editorial 2.0). Erraban os que falaban da rede como un universo paralelo. Non o era, nin o é. A galegofalante somos unha comunidade ampla, activa, formada e comprometida entre moitos outros adxectivos. Somos xa, transcorridos oito anos do xermolar do blogomillo, unha comunidade real.

No seu inicio formaban a comunidade do blogomillo tanto bloggers como lectores. Ser blogger ou lector non mudaba o estatus dentro da comunidade, todos eles, persoas activas ou pasivas, suman o mesmo (+1) porque en calquera intre, calquera dos que conforman esta comunidade, sexa blogger ou lector, dábaselle a posibilidade de expresarse (os trolls e as censuras chegaron logo). Ser galego e relacionarse preferentemente con persoas galegofalantes son trazos do perfil das persoas que forman esta comunidade, que me nego a chamar virtual, sen endogamia, sempre aberto a novas propostas culturais, ideolóxicas e cognitivas blogrroleando de blog en blog. Esta realidade fixo que a miña comunidade imaxinada –a que vou chamar “maxín #gz”— teña un común denominador: a lingua galega. A lingua galega foi o eixo sobre o que se forxou unha comunidade lingüística en galego máis ampla do que endexamáis fora imaxinada. Esta comunidade non se limitou –de feito non o fai– ao espazo físico que debuxa no mapa a Galicia senón a galegofalantes de todo o globo; toda a blogomillo foi e é o mellor compañeiro que atopan moitos galegos lonxe das nosas fronteiras, xa que permite que calquera persoa galegofalante, onde queira que se atope, teña a posibilidade de expresarse en galego grazas a esta colectividade en rede e poder así comunicarse na súa lingua e establecer así relacións -incluídas as comercias- que consideren facendo uso das novas tecnoloxías, boa parte delas de uso gratuíto.

O valor desta comunidade imaxinada engorda cada día co gotexar de novos contidos de diferente temática e ideoloxía achegados ao galego dende o coñecemento compartido por outras comunidades lingüísticas, sen as cales o valor da nosa comunidade conversacional sería ben pobre. Esa diversidade global fornece a nosa pequena comunidade e favorece a metamorfose do virtual ao tanxible. Os blogs que chegaron ao millo non estaban moi ben posicionados no seu inicio, pero eran moitos e a interrelación entre eles grande, compartindo ligazóns axiña acadaron as primeiras páxinas nos resultados de busca. Quen editaba un blog amosábase tamén moi activo noutros, xa como estratexia de posicionamento xa por ansias colaborativas, deixando vencellos para permitir facer blogrroll, permitindo aos usuarios ir choutando duns blogs a outros.

A liberdade de expresión era elevada, pois na rede 2.0 non tiña nin ten moito sentido censurar o que logo se pode dicir noutro espazo ou no persoal. O crecemento do blogomillo foi propiciado pola necesidade de información dunha sociedade que deixara de confiar nos medios de comunicación tradicionais, tralo afundimento do Prestige que tinguiu de petróleo as costas galegas. Os movementos sociais como Nunca Máis (aínda que tempo despois do seu xurdimento), logo Hai Que Botalos e máis tarde, co bipartito, Galiza Non Se Vende ou xa na actualidade o #15M fixeron uso desta ferramenta, onde máis que nunca se fixo oír o clamor da rebeldía.

O blogomillo moveu os marcos sociopolíticos da Galicia conservadora de xeito espontáneo e sen pretendelo, chegando a proactividade desta comunidade a crear unha corrente de opinión progresista onde, por primeira vez tiñan voz os silenciados, nós os cidadáns anoxados. Esta corrente que aínda segue viva, aínda que máis feble, pasou do maxín a realidade tendo unha incidencia significativa no cambio de goberno de 2005 (tamén no 2009), coincidindo co punto máis álxido do blogomillo, xa non pola súa capacidade de influír na sociedade galega, senón pola mobilización entre un sector progresista desmobilizado. Movéronse e elimináronse moitos marcos e concentráronse as eiras virtual e real nunha soa parcela. As TIC proporciónannos unha liberdade que nos permitía e permiten estar nun eido, noutro ou en ambos a un tempo. É unha elección persoal da que antes careciamos.

Certamente, somos máis libres coas TIC, pois podemos expresarnos sen as barreiras de sempre nos constrinxiron, as duns medios de comunicación que contan a súa historia xa por centos. Sen embargo, unha vez máis, estes medios gañaron a batalla comunicativa, introducindo entre a comunidade un novo marco: información de calidade; entendendo por tal aquela que proviña dos medios de comunicación tradicionais e con sinaturas de soleira. E callou. Funcionou ate tal punto que os membros desta comunidade imaxinada comezaron a tirarse os cacharros entre si cun tópico longamente repetido: “quen te cres que es”. A opinión persoal deixou de interesar e volveuse a promover non as propias opinións senón aos artigos de opinión e novas dos poucos medios en galego e de moitos españois e portugueses.. A expresión “información de calidade” en linguaxe orwelliana, se lle podería denominar “liña editorial”. Non deixa de ser un método de censura pero soa moito mellor. A comunidade de Chuza! foi e é un bo exemplo deste enfrontamento, como amosa a súa actual anemia, favorecida pola conversa unidireccional, na que todos queren expresarse pero non escoitar aos demáis, pola falla de orixinalidade no discurso, verdadeiros plaxios das webs de certos partidos políticos (ultraminoritarios), polos discursos zafios, balerios e lavados, carentes de personalidade propia (ollai para o que dá).

En Chuza! censurase na actualidade a La Voz de Galicia, sen embargo, os diarios que desaparecen son outros, os que nesta rede se fomentan. Censúranse No chuzadas e opinións contraditorias coa “liña editorial” que marca unha minoría moi activa. Sen embargo o mundo non para e o que sucede nesa comunidade parece afectarlle ben pouco aos embargados polos seus ideais (a xornal coruñes), máis ben ao contrario, aféctalle a outros medios máis da órbita do “maxín #gz”. A endogamia mata. Todo ten a súa lóxica dentro dos marcos conversacionais (recomendo a lectura de “Non penses nun elefante”, George Lakoff, 2.0 Editora). Unha vez a propia comunidade diferenza contidos de calidade (os periodísticos) e de baixa calidade (a dos que forman o blogomillo) desaparecen da grella de chuza! moitos blogs, limitase o número de fontes de contido en galego, interactúase menos, e remata ferida de morte a interdependencia que outrora lles daba valor. Así, unha vez caído o maior medio colaborativo de Galicia, os blogs, e acadado o obxectivo dos medios máis influentes do país co xermolar dese pensamento –contido de baixa calidade- espállase a onda afectado a outros medios de comunicación menos influentes: GZNación, A Peneira, Vieiros, GaliciaHoxe, Xornal, A Nosa Terra e o que virá.

Concordo con Lakkof cando afirma que non abonda con investir en medios de comunicación, senón en “enmarcado e linguaxe”. E nisto, xa de pouco vale laiarse, non se investiu nada e o resultado é a perda de influencia da comunidade lingüística galega, que a medida que deixou de retroalimentarse comezou a perder masa muscular e de aí a súa febleza actual, soamente comparable coa fortaleza dun morto-vivinte. Concordo tamén con Manuel M. Barreiro (A nova dereita e nós, 2011, 2.0 Editora) cando afirma que na rede está a reserva da cidadanía. Está tamén o seu ego. Son dúas cuestións distintas pero deberán ir da man para repetir no futuro movementos que, noutra ocasión, sendo casuais e espontáneos fixeron virar o rumbo da política galega.

Sen ánimo de lucro

Este é un engadido que aparece sempre na denominación dunha asociación. Na actualidade este engadido converteuse en mofa social. Estes profesionais do asociacionismo son bechos hábiles nas corredoiras das administracións rapinando aos corruptos políticos que nos gobernan (non diferencio entre siglas… entre os bechos tampouco). Son profesionais do asociacionismo porque é do que viven, viven subsidiados, e viven duns fondos que na maioría dos casos van destinados a colectivos desfavorecidos, para a súa defensa, para a súa integración, para a súa atención. Dáme moito noxo observar como quen realmente saca proveito deses fondos non son directamente eses colectivos aos que supostamente van dirixidos, senón fracasados aspirantes a funcionarios que atopan aquí unha alternativa de traballo, sen necesidade de ter que cravar os cóbados nunha mesa para opositar e aprobar, competindo con moitos outros aspirantes para ocupar unha mesma praza nunha administración pública, quen realmente debería prestar eses servizos que se subvencionan, Aquí, nas asociacións,  non hai rivais, simplemente cumpre ser un bo cacique (no sentido pexorativo da verba), un mamón vaía, e mamar na persoa adecuada. Da igual as capacidades que teña ese traballador, si sabe mamar é o candidato perfecto ao posto. Así fan a maioría dos traballadores de cantas asociacións coñezo. AODEM, da que me dei de baixa esta mesma semana, por implantar un sistema de copago no que o usuario non paga un prezo simbólico do servizo que recibe, senón máis do que o servizo realmente vale: 12€. Esta cantidade multiplicada polas horas que se lle supón traballan estes profesionais ao día (8) e cunha media mensual de 21 días supón uns ingresos de 2016 €, moi por arriba do custo dos honorarios dos profesionais desta asociación. Iso non é copago, é unha estafa, máxime tendo en conta que outros gastos son financiados polas administracións ou a obra social das caixas (local, utensilios, subministros, …). E falando de administracións, na reunión na que se adoptou esta medida fíxose unha crítica política ao Concello de Ourense por non subscribir con AODEM un convenio aducindo que non podían asinar máis convenios e logo, dixo o Presidente e ex-alto executivo, Constantino Guzmán Rodríguez (a saber de que), si os asinou con outra asociación. A demagoxia deste persoeiro non ten límites. Pero, quen é esa outra asociación? É ASPANAS. As críticas na intimidade dunha reunión convértense logo no máis profundo silencio e respecto publico. Ao rematar a reunión a psicóloga-xerente e o presidente sairon correndo á inauguración dos novos bungalows de Untes, nun camping que leva un ritmo de inauguración por ano, sempre ao finalizar a tempada estival, para cofear o lombo dos representantes políticos alí presentes.

Esta outra asociación é a que se queda coa torta toda de subvencións, axudas, convenios e o que se poña. O xeito de conseguilo é ben doado, premiando aos responsables políticos, de calquera partido, dando postos de traballo a aquelas persoas que aqueles lles suxiran: veciños e parentes do Alcalde de A Peroxa, veciños e parentes do superdelegado da Xunta en Ourense e ex-alcalde de Arnoia, veciños e parentes dos responsables de termalismo, medioambiente ou xardíns do Concello de Ourense, como Sonia Fernández, sobriña do mesmo concelleiro, Agustín Fernández, que ven de enchufar a súa filla no Concello de Facenda, supostamente técnica da UPD Integrou, compañeira de traballo coa que xamais me crucei, máis que non facía nada nin na UPD nin en ASPANAS (quizais o mesmo que agora, amolar),… e sen coñecer moi ben o motivo, pero algún haberá, amigos e familiares da deputada do BNG Tareixa Paz: súa irmá Lourdes, o concelleiro do bng en Barbadás Serafín, o cuñado de Tareixa Paz,… e como non, a parella de Tareixa Paz, unha persoa que non ve un burro a tres pasos, mais que iso non lle impide encargarse do mantemento, hixiene e seguridade nas Pozas de Outariz. Dicía unha nova do ano pasado: entre os feitos denunciados no escrito que se fixo chegar aos medios de comunicación relatábanse deficiencias hixiénicas nos alimentos que se serven, tanto pola súa manipulación como polas súas condicións de almacenamento e conservación, e sinálase que algúns traballadores tiveron xa diarreas. Os responsables de ditaminar que todo aquilo era falso eran os mesmos que logo seguían enchendo esa asociación de familiares e amigos. Efectivamente, o Concello de Ourense elaborou un informe ao día seguinte da denuncia ao ditado de Juan José Rodríguez Fernández, quen foi facerlle unha visita ao encargado de realizalo a primeira hora do día 1 de setembro de 2010, saúdando polo camiño, iso si, sen perder as mañas, aos concelleiros da oposición. Xa se sabe, hai que estar con todos ben, máis con ese, que é técnico na Deputación de Ourense. A oposición non deu un chío. Mais, eu que teño as miñas propias fontes podo afirmar que as instalacións de Outariz dan noxo, verdadeiro noxo, tanto que nin empregados, nin ex-empregados van por alí, agás aqueles que comen, e sobre todo os que empinan o cóvado, pola face.

Si o pensamos ben, nunha asociación así non fai falla responsables de persoal financiado con fondos públicos, porque se contrata a quen lle ordenan. Persoas que finxen adicarse a selección de persoal como Olalla Jorge Pereira (psicóloga) ou Rosa Carrera Carballo (historiadora, sic, quen mellor para estudar a historia curricular dun candidato) sobran. Mais, facer o que os políticos ordenan ten o seu premio: quedarse coas axudas e subvencións de tódalas outras asociacións. Pero por caladiños, por posuir menos cualidades que aquel “Caladiño” de “Sempre Xonxa” a perda de axudas tena ben merecida. A estes senvergoñas todo lles da igual e a cada acusación rin e brincan. Por iso, son dos que defende que a estas asociación non se lles debería dar nada, absolutamente nada, dos fondos públicos e si reforzar e potenciar nas administracións públicas os servizos que estás din, sen facelo, prestar.

Este vídeo vai para todos os canallas, mamóns, senvergoñas, zafados, cabróns, para toda unha CUADRILLA DE MAFIOSOS que infestan esta sociedade.

Ensino: Apagamento informativo da TVG

A televisión de Feijóo non se diferenza moito daquela que Fraga dirixía dende as sombras… ou Touriño dende os cantís de Ponte Pío. É una práctica habitual de tódolos gobernos, tampouco é cuestión de sinalar agora a una única cor política. Dicir que todos son iguais non é esaxerado nin demagóxico. É un feito probado.

En La Región: “Pais e alumnos do Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar concéntranse ante Educación con pupitres na Rúa”; no Faro de Vigo: “Alumnos do Ben Cho Shey montan unha escola na rúa contra a supresión dunha aula”; no xOrnal: “Os pais dos alumnos do Ben-Cho-Shey sacan os pupitres á rúa”; en El Correo Gallego: “O curso comeza con rozamentos entre a ensino público e o privado”; en El País: “Educación cerra aulas públicas por falta de orzamento”; mentres, en La Voz de Galicia, gran beneficiada da Xunta de Feijóo, só amosa o cabezallo da noticia, acochado no máis fondo da sección de Ourense do xornal, on di: “Clase improvisada na Rúa”. Na súa televisión –V– si lle dedica uns segundos: “Pais e nenos, a rúa”. Nembargantes, a televisión que se financia cos impostos de tódolos galegos non dá nin un chío

 

Publicado en Galicia Confidencial

Alcaldes NacionalFascistas (I)

Hainos. Que cousas! Ate o PPdeG apoiou no parlamento galego unha condena ao franquismo presentada polo PSOE e BNG renunciado ao devandito principio de “non hai que remover o pasado”. Sen embargo, hai alcaldes nacionalfascistas que invocando ese mesmo principio se negan a condenar o franquismo e facer homenaxes as vítimas do alzamento militar. O alcalde nacionalfascista de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez Méndez, dixo ao grupo nacionalista do BNG local que facer unha homenaxe aos asasinados na ponte vella podería ser entendido como un acto radical e que iso acarrearíalle a perda de votos.

Contan que a ponte vella de ferro de Castrelo de Miño era o lugar na que remataban os paseos das vilas próximas. Deica alí eran conducidos polos seus propios veciños, por fascistas enchidos de soberbia e razón divina para facer cantas atrocidades alí facían. Naquela ponte puñan a seus veciños xunto as varandas, mesmo a seus familiares, e empurrábanos ao leito do río onde finaban esmagados coa brutal caída. Había quen se resistía e se agarraba con toda súa forza as varandas de ferro, hoxe desaparecidas, coas ansias de sobrevivir, suplicando pola súa vida aos que crían que aínda lles restaba un chisco humanidade, nembargantes, eran verdadeiras bestas o que tiñan enfronte, demos provistos de grandes coitelos, deses que se usan para a matanza do porco, aparellos que non dubidaban en usar para cortarlle as mans. Contan que máis dunha man das vítimas quedou aferrada as varandas mentres o corpo caía ao baleiro dunha morte inminente. Contan tamén que non todos finaron. Penso eu, que a estes, de quedar algún, debería estarlles permitido facela xustiza pola súa man.

Os fascistas de agora, isto xa non é conto, seguen a tapala realidade dos fascistas de antes. Aos fascistas de agora dálles medo tamén remover no pasado. Os fascistas de agora non mataron as vítimas do pasado pero seguen a torturar as súas familias. Os fascistas de agora son igual de responsables si coa súa complicidade silencian -como outros o fixeron antes- aos verdugos de todo o dano infrinxido.

O grupo local do BNG, isto tampouco é conto, sempre condenou aquelas atrocidades e sempre, sempre prometera honralos, incluso gobernando o PP no Concello. Agora que quen goberna Castrelo de Miño son os nacionalistas, o alcalde nacionalfascista di que homenaxealos sería unha mostra de radicalizade. Por iso nos anos en que Xurxo Rodríguez Méndez leva de alcalde xamais se honrou as vítimas da vella ponte de ferro. El é un verdugo máis. El é, probablemente, dos que de atoparse naquelas mesmas circunstancias e tempo, estaría armado co coitelo dos porcos, ben afiado, cos ollos inchados de sangue e nunca, nunca, nunca vendo como se achegaban aos fociños aqueles ferros que reflectían a auga nas noites de lúa. El brincaría, abofé, ollando como se torcían os ferros coas ondas da auga e como, coa calma, desaparecerían aqueles corpos e tódalas súas esperanzas. Agora que ninguén rebula nas augas, deixádeas tranquilas.

Agora apuntan, isto xa non sei si é conto ou non, a que o alcalde nacionalfascista de Castrelo de Miño formará parte das listas o BNG ao senado. Tampouco sería de estrañar a certeza de semellante afirmación ollando a deriva ideolóxica deste cada vez máis reducido grupo (afortunadamente), obsesionados todos por manter cada leiriña de poder, só polo poder, sempre prestos a devorar aos seus propios compañeiros por mover un chisco o marco… cara dentro. Cumpre ser pailáns.

Non é o momento, non. Nunca é momento para honrar aos que non ten memoria, aos desmemoriados que nin sequera contan cun nome e un apelido para seus tristes osos. O luns, buscando información sobre Xosé Costa Dorrío no arquivo histórico, rebulindo nos “Expedientes de Responsabilidades Políticas”, que así lle chaman, fixeime na cantidade de nomes de persoas que foron axustizadas durante e despois da guerra, nomes e apelidos acompañados da frase “vº de …” e o seu pobo alí. Utilizan sempre esa palabra: veciño, como agardando que algún aínda se lembre deles. Reparei sobre todo nos de Xunqueira de Ambía, xa que era ese o lugar de nacemento de quen buscaba, pero había tamén, e moitos, de Castrelo de Miño. Dubido, pola actitude deste enxendro respecto ás vítimas, que algún antergo seu estivese entre aqueles homes, sobre todo, e mulleres. Logo, consultando “Alzamento,Guerra e Represión” (Ourense 1936 – 1939), de Julio Prada Rodríguez, enxerguei unha ringleira uniforme na que se repetía o mesmo nome, e logo outra, e outra,… e xunto ao nome o mesmo apelido.

Nome: Descoñecido; apelidos: Descoñecido.

Ducias e ducias de descoñecidos que ven poderían ser de Castrelo de Miño ou non. Ducias e ducias de homes e mulleres sen nome e que, grazas a actitude condescendente dos responsables políticos de antes e de agora, quedaron no esquecemento para sempre, sen que se poida discernir endexamais cal é orixe dos osos que gardan esas caixas. Iso no caso de restos aparecidos, que moitos nunca se atoparon. Como ducias e ducias de homes e mulleres, coñecidos e descoñecidos, foron guindados dende o ferro das alturas. Todo apunta -isto é unha visión miña que oxalá fose errada- a que mentres este ser miserento sexa alcalde non será restaurada a memoria dos asasinados nesta vila… dito o cal, non resta un ápice de responsabilidade a todas e cada unha das persoas que o apoian, ben dende o seu propio grupo local, ben dende o seu propio partido, ben dende as furnas co voto dos cidadáns, responsables estes últimos de elixir a quen nos goberna en democracia. Si, unha democracia, quen llelo diría a algúns!

Hai máis alcaldes nacionalfascistas

As misteriosas contratacións da Xunta de Galicia

Artigo publicado en MundoGaliza, actualizado.

O 11 de agosto a Consellería de Traballo anuncia un plan de cooperación para entidades sen ánimo de lucro permitirá a contratación de máis de 1.500 desempregados. Poucos días despois publícase na web da Xunta que Traballo promove a contratación de 280 axentes de emprego e desenvolvemento local cun investimento de 6,3 millóns de euros. Isto foi o 18 de agosto.

O primeiro anuncio que fai a Xunta é do enésimo paquete de contratacións de desempregados, desta vez mozos, mediante a concesión de axudas a entidades sen ánimo de lucro; entre estas  contratacións están as de axentes de emprego. O que parece un macropaquete de contratacións non é tal, trátase de envolver nun só paquete todos os anuncios anteriores e posteriores de contratacións, así para os ollos inexpertos semella que as contratación son o dobre. Neste anuncio recente para xuntar os 1500 contratos meteron nun só a unha diversidade de traballadores incomprensible: para realizar servizos de interese xeral e social (?), axentes de emprego e finalmente axentes de unidades de apoio para o fomento do emprego. A semana seguinte fan público outro micropaquete, desta vez só para axentes de emprego.

Como axente de emprego (desempregado) semellante anuncio paréceme unha ofensa aos mozos e mozas galegas desempregadas e a totalidade da cidadanía, especialmente emprendedores aos que, supostamente, van dirixidos os servizos dun axente de emprego.

A cantidade de axentes aumenta cada ano sen que o faga o orzamento, malia as cifras que nos ofrecen. Como se explica? É doado. Contratos que antes tiñan unha duración de un ano agora son de seis ou nove meses. Deste xeito encargase o impulso do emprendemento a persoas sen emprego garantido para máis aló dese período co cal teremos a un traballador que dende o primeiro día no seu posto de traballo terá que buscar emprego para si máis aló da duración do seu contrato, iso ao mesmo tempo que se adapta ao seu posto de traballo, a entidade, realiza diversas análises do ámbito ao que se dirixe e presenta informes a entidade. Para cando teña elaborado un plan de actuación estará xa desempregado. Isto no caso de que sexa a primeira vez que traballa como tal, caso que é factible, posto que esas axudas van dirixidas a contratación preferentemente de mozos -que me expliquen con exactitude isto…-, din. Ao mesmo tempo afirman que servirá para renovar contratos aos que xa están traballando- Serán mozos tamén?

Esta é outra das mentiras máis habituais das políticas de emprego pois, polo xeral, as entidades contratan sempre as mesmas persoas, porque malia tratarse de contratacións de carácter temporal o Estatuto do Traballador recoñécelles a condición de fixos (artigo 15.5 ET) ao levar traballando na mesma entidade máis de vinte e catro meses nun período de trinta meses, situación da que a maioría dos traballadores non son vítimas senón cómplices. Logo non se trata de renovacións senón de adiar o conflito. Deste xeito tamén é un erro falar de 1500 novas contratacións, senón que o máis probable é que sigan no seu posto 1200 persoas que xa estaban traballando e se contraten a dedo eses 300 do diferencial.

No caso de axentes de emprego sinala a nova do 11 de agosto que se prorrogará contrato a 173 e se realizarán 20 novas contratacións. Logo non se contratarán a 193 traballadores desempregados, senón tan só a 20, xa que a maioría permanecerá no seu posto. Sen embargo, si non pasamos do titular da nova creremos que a Xunta realmente contratará a eses 1500 desempregados. E a semana seguinte outros 280 cando se trata dos mesmos. Mais, si se prorrogan contratos onde están os contratos a desempregados dos que falan? Que, como vimos, na realidade tampouco é que se lle prorroguen eses contratos, senón que non lles queda outra. A alternativa é non facelo, mais coa conseguinte denuncia do traballador esixindo a transformación do contrato fraudulento en fixo, o que levaría a Xunta de Galicia a seguinte situación: contratar 173 traballadores desempregados –co cal non poderían ser os que xa están ocupando o posto- e cando finalmente sexa firme unha sentencia que determine a fixeza do traballador no posto, asumila ou indemnizalos e manter a outra persoa contratada ate a finalización do seu contrato. Isto levaría a unha situación de conflito e asfixia económica a moitas entidades de ámbito social, situación por eles buscada e asumida.

Cal é o papel das entidades neste enredo? Ben, si somos moi inxenuos chegaremos a pensar que estas entidades canalizan os recursos que as administracións lles conceden en forma de axudas, subvencións ou convenios cara os fins que perseguen; sen embargo, se somos máis ben maliciosos chegaremos a crer que estas entidades so serven de parvo útil non das administracións públicas, cuxos servizos asumen, senón dos partidos políticos que as gobernan. Unha destas entidades é ASPANAS, en Ourense, da que formei parte na segunda metade de 2009, nunha Unidade de Promoción e Desenvolvemento que contaba daquela coa maioría de membros da mesma cor política (PSOE). A directora da UPD, Nuria Bueno Aizpuru, na súa vida creou máis emprego que o propio. Iso si, isto faino ben. Agora, sen UPD, e ASPANAS cunha Directora de Formación e Emprego, Rosa Carrera Carballo, pro-Feijóo e traidora de Baltar (Roma non paga traidores), a función da entidade segue a sela mesma pero con outra cor: parvo útil de Rogelio Martínez. Das axudas que recibe esta entidade poucas se ven reflectidas nos boletíns oficiais, por exemplo, si se busca “aspanas” no buscador do DOG o resultado para 2011 é “0”. (poden probar aquí, sorte!). Significa iso que non recibiu ningunha cantidade da Xunta de Galicia neste período? Non. Significa soamente que non foi publicado e polo tanto vulnerado o principio de publicidade, pois ninguén se cre que esta entidade non recibise un só euro dende a caída do bipartito. A pregunta é: que interese pode ter a actual Xunta ou a ASPANAS de sempre para que non se saiba que cantidades e en concepto de que recibe axudas? Mellor non sabelo.

Lamentablemente o panfleto no que se anuncian todas estas contratacións, unha información totalmente falsa, foi reproducida polos medios de comunicación sen realizar ningunha análise crítica do mesmo. Todo vale para alimentar a ignorancia do pobo.

El chavalito que no pinta nada aquí

Chaval, la. (Del caló chavale, vocat. pl. de chavó, muchacho). 1. m. y f. coloq. Niño o joven. U. menos c. adj.

A palabriña atopeina no dicionario da RAE porque en galego non existe. Para que a utiliza logo o Concelleiro do BNG, Fernando Varela? Pois para insultar… nada mellor que a lingua común para facelo ben.

Vamos a poner a parir… Quen así fala a súa audiencia é Gonzalo Jácome El Chavalito do Concello de Ourense. Gusta el de poñer a parir a todo o mundo ao considerar que quen ocupa un cargo público se coloca na diana da crítica… do escarnio e do maldicir. Este persoeiro séntese agora menosprezado porque o Concelleiro do BNG, Fernando Varela, lle chamou chavalito. Nunca semellante ofensa se vira no mundo da política. Por que lle chamou chavalito, o peor insulto que se lle pode facer a unha persoa que acadou unha acta de concelleiro. Por que é concelleiro e iso exímeo de ser ofendido, pensa. Antes el (a agora) espraiábase agustito… escoiten e vexan este e outros vídeos: palabras como “ineptos”, “auténticos ineptos”, “o triste”, “censor”, “vago”, “inútiles”, “estúpidos”, “mosquita muerta”,… ou actidudes machista como referirse a unha moza preguntando “está buena? está buena?” son parte do seu repertorio. Noxento! Afortunadamente, os vídeos nos que el cuspe toda esa restra de insultos danos licenza a todos os cidadáns a dicirlle a el, cando menos, tanto como el lle dicía aos outros.

 

Barquero, o outro ofensor, díxolle «Ti aquí non pintas nada». Estamos no cumio da crispación política. Que pena me dá El Chavalito. Sinto verdadeira mágoa por este persoeiro friqui e por tódolos friquis que o votaron, que son moitos (ese día ben puideron quedar na casa). Tan grave é a ofensa que a considera un atentado a democracia.

El Chavalito non se lle pode dicir chavalito pero El Chavalito si pode mexar por riba de tódolos seus compañeiros concelleiros –e de paso, por riba de tódolos seus votantes– pero non ao revés. El pode insultar afeito dende a friquiTv que rexenta con total impunidade e mesmo a condescendencia dos que agora son compañeiros. O máis triste de todo isto é ver como sae na súa defensa o Señor Rubín (Antón Feito), quen lle regalou no seu momento unha columna semanal, tódolos xoves, no seu diario (no de Santy) para insultar ao Goberno do Concello e a Baltar. Pois ben, parece que dende que foi elixido o friquiconcelleiro non se tivo noticia algunha da súa existencia -agás cando se apuntaran ao carro das adicacións exclusivas, pero diso en LaVoz non se falou- ate maiúsculo atentado contra a súa honorabilidade. Grazas por lembrarnos que están aí.

Esta fricada vitimista non deixa a marxe a actitude dos concelleiros do PSOE (Barquero) e BNG (Varela). Xente coma eles fan que a caste política sexa o único servizo público prescindible e non a educación, a sanidade ou o benestar persoal. Ben, isto último é demagoxia, pero eu podo facelo coma eles. Ou non?