#mOendo do Revés

  • Política de cookies
  • Política de Privacidade
  • enred@ndo
  • xOsse

Oito anos de Blogomillo, ou o que puido ser a identidade conversacional galega, e non foi

Posted on 29 Setembro 2011 by xOsse dorrío Posted in lingua galega 1 Comment

O 29 de setembro de 2003 nacía Todonada, o blog da xornalista María Yáñez, que a autora pechaba case tres anos despois, o 8 de xullo de 2006. Logo verían máis… pero para non saturar a rede con contido repetido remítome ao que di a Galipedia sobre o Blogomillo. Logo virían moitos outros e cada chegada era recibida coa expresión “outro blog no millo”, de aí ao “blogomillo” un paso, outro neoloxismo creado por María Yañez para denominar a aquela crecente comunidade.

Todos nós somos o que falamos, somos tamén con quen falamos, con quen nos relacionamos lendo e compartindo información. Somos, xa no apoxeo da era dixital, persoas que coñecemos a moitas outras coas que apenas temos contacto físico pero coas que grazas as redes sociais mantemos unha relación conversacional e comparticional diaria. Estas relacións permítennos construír doadamente novas comunidades nun espazo virtual que rematarán nun momento dado “por precipitarse ao mundo real, tanxible, e por tanto verdadeiramente humano” (Das nacións as redes, VVAA, Editorial 2.0). Erraban os que falaban da rede como un universo paralelo. Non o era, nin o é. A galegofalante somos unha comunidade ampla, activa, formada e comprometida entre moitos outros adxectivos. Somos xa, transcorridos oito anos do xermolar do blogomillo, unha comunidade real.

No seu inicio formaban a comunidade do blogomillo tanto bloggers como lectores. Ser blogger ou lector non mudaba o estatus dentro da comunidade, todos eles, persoas activas ou pasivas, suman o mesmo (+1) porque en calquera intre, calquera dos que conforman esta comunidade, sexa blogger ou lector, dábaselle a posibilidade de expresarse (os trolls e as censuras chegaron logo). Ser galego e relacionarse preferentemente con persoas galegofalantes son trazos do perfil das persoas que forman esta comunidade, que me nego a chamar virtual, sen endogamia, sempre aberto a novas propostas culturais, ideolóxicas e cognitivas blogrroleando de blog en blog. Esta realidade fixo que a miña comunidade imaxinada –a que vou chamar “maxín #gz”— teña un común denominador: a lingua galega. A lingua galega foi o eixo sobre o que se forxou unha comunidade lingüística en galego máis ampla do que endexamáis fora imaxinada. Esta comunidade non se limitou –de feito non o fai– ao espazo físico que debuxa no mapa a Galicia senón a galegofalantes de todo o globo; toda a blogomillo foi e é o mellor compañeiro que atopan moitos galegos lonxe das nosas fronteiras, xa que permite que calquera persoa galegofalante, onde queira que se atope, teña a posibilidade de expresarse en galego grazas a esta colectividade en rede e poder así comunicarse na súa lingua e establecer así relacións -incluídas as comercias- que consideren facendo uso das novas tecnoloxías, boa parte delas de uso gratuíto.

O valor desta comunidade imaxinada engorda cada día co gotexar de novos contidos de diferente temática e ideoloxía achegados ao galego dende o coñecemento compartido por outras comunidades lingüísticas, sen as cales o valor da nosa comunidade conversacional sería ben pobre. Esa diversidade global fornece a nosa pequena comunidade e favorece a metamorfose do virtual ao tanxible. Os blogs que chegaron ao millo non estaban moi ben posicionados no seu inicio, pero eran moitos e a interrelación entre eles grande, compartindo ligazóns axiña acadaron as primeiras páxinas nos resultados de busca. Quen editaba un blog amosábase tamén moi activo noutros, xa como estratexia de posicionamento xa por ansias colaborativas, deixando vencellos para permitir facer blogrroll, permitindo aos usuarios ir choutando duns blogs a outros.

A liberdade de expresión era elevada, pois na rede 2.0 non tiña nin ten moito sentido censurar o que logo se pode dicir noutro espazo ou no persoal. O crecemento do blogomillo foi propiciado pola necesidade de información dunha sociedade que deixara de confiar nos medios de comunicación tradicionais, tralo afundimento do Prestige que tinguiu de petróleo as costas galegas. Os movementos sociais como Nunca Máis (aínda que tempo despois do seu xurdimento), logo Hai Que Botalos e máis tarde, co bipartito, Galiza Non Se Vende ou xa na actualidade o #15M fixeron uso desta ferramenta, onde máis que nunca se fixo oír o clamor da rebeldía.

O blogomillo moveu os marcos sociopolíticos da Galicia conservadora de xeito espontáneo e sen pretendelo, chegando a proactividade desta comunidade a crear unha corrente de opinión progresista onde, por primeira vez tiñan voz os silenciados, nós os cidadáns anoxados. Esta corrente que aínda segue viva, aínda que máis feble, pasou do maxín a realidade tendo unha incidencia significativa no cambio de goberno de 2005 (tamén no 2009), coincidindo co punto máis álxido do blogomillo, xa non pola súa capacidade de influír na sociedade galega, senón pola mobilización entre un sector progresista desmobilizado. Movéronse e elimináronse moitos marcos e concentráronse as eiras virtual e real nunha soa parcela. As TIC proporciónannos unha liberdade que nos permitía e permiten estar nun eido, noutro ou en ambos a un tempo. É unha elección persoal da que antes careciamos.

Certamente, somos máis libres coas TIC, pois podemos expresarnos sen as barreiras de sempre nos constrinxiron, as duns medios de comunicación que contan a súa historia xa por centos. Sen embargo, unha vez máis, estes medios gañaron a batalla comunicativa, introducindo entre a comunidade un novo marco: información de calidade; entendendo por tal aquela que proviña dos medios de comunicación tradicionais e con sinaturas de soleira. E callou. Funcionou ate tal punto que os membros desta comunidade imaxinada comezaron a tirarse os cacharros entre si cun tópico longamente repetido: “quen te cres que es”. A opinión persoal deixou de interesar e volveuse a promover non as propias opinións senón aos artigos de opinión e novas dos poucos medios en galego e de moitos españois e portugueses.. A expresión “información de calidade” en linguaxe orwelliana, se lle podería denominar “liña editorial”. Non deixa de ser un método de censura pero soa moito mellor. A comunidade de Chuza! foi e é un bo exemplo deste enfrontamento, como amosa a súa actual anemia, favorecida pola conversa unidireccional, na que todos queren expresarse pero non escoitar aos demáis, pola falla de orixinalidade no discurso, verdadeiros plaxios das webs de certos partidos políticos (ultraminoritarios), polos discursos zafios, balerios e lavados, carentes de personalidade propia (ollai para o que dá).

En Chuza! censurase na actualidade a La Voz de Galicia, sen embargo, os diarios que desaparecen son outros, os que nesta rede se fomentan. Censúranse No chuzadas e opinións contraditorias coa “liña editorial” que marca unha minoría moi activa. Sen embargo o mundo non para e o que sucede nesa comunidade parece afectarlle ben pouco aos embargados polos seus ideais (a xornal coruñes), máis ben ao contrario, aféctalle a outros medios máis da órbita do “maxín #gz”. A endogamia mata. Todo ten a súa lóxica dentro dos marcos conversacionais (recomendo a lectura de “Non penses nun elefante”, George Lakoff, 2.0 Editora). Unha vez a propia comunidade diferenza contidos de calidade (os periodísticos) e de baixa calidade (a dos que forman o blogomillo) desaparecen da grella de chuza! moitos blogs, limitase o número de fontes de contido en galego, interactúase menos, e remata ferida de morte a interdependencia que outrora lles daba valor. Así, unha vez caído o maior medio colaborativo de Galicia, os blogs, e acadado o obxectivo dos medios máis influentes do país co xermolar dese pensamento –contido de baixa calidade- espállase a onda afectado a outros medios de comunicación menos influentes: GZNación, A Peneira, Vieiros, GaliciaHoxe, Xornal, A Nosa Terra e o que virá.

Concordo con Lakkof cando afirma que non abonda con investir en medios de comunicación, senón en “enmarcado e linguaxe”. E nisto, xa de pouco vale laiarse, non se investiu nada e o resultado é a perda de influencia da comunidade lingüística galega, que a medida que deixou de retroalimentarse comezou a perder masa muscular e de aí a súa febleza actual, soamente comparable coa fortaleza dun morto-vivinte. Concordo tamén con Manuel M. Barreiro (A nova dereita e nós, 2011, 2.0 Editora) cando afirma que na rede está a reserva da cidadanía. Está tamén o seu ego. Son dúas cuestións distintas pero deberán ir da man para repetir no futuro movementos que, noutra ocasión, sendo casuais e espontáneos fixeron virar o rumbo da política galega.

blogomillo blogosfera GALEGO lingua
« En V Televisión falando dos caciques da terra
Secuelas da desamortización de ZP »

One thought on “Oito anos de Blogomillo, ou o que puido ser a identidade conversacional galega, e non foi”

  1. Pingback: recetarios e participación | de mares, portos e portas

Comments are closed.

Chíos de @xOsse

etiquetaxe

actualidade axentes de emprego BNG caciquismo CEO Comicios Electorais crise financeira debate denuncia dicionario político emprego empresa Encontro Irmandiño enquisas ensaio Feijóo folk Fraude de Lei galegas 2009 GALEGO Galiza Gavilanes globalización laboral La Región Leo Leo lingua mass media medio ambiente municipais 2007 nacionalismo opinións Ourense política PP psicoloxía social PSOE Quintana relatos SEAGA sei o que fixestes Touriño xOsse dorrío Xunqueira de Ambía Xunta de Galicia

arquivo de mOendo

Setembro 2011
M T W T F S S
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  
« Ago   Out »

Pages

  • Política de cookies
  • Política de Privacidade
  • enred@ndo
  • xOsse

Archives

  • Decembro 2020
  • Outubro 2018
  • Xullo 2018
  • Febreiro 2017
  • Abril 2016
  • Xuño 2015
  • Maio 2015
  • Marzo 2015
  • Decembro 2014
  • Novembro 2014
  • Outubro 2014
  • Setembro 2014
  • Decembro 2013
  • Abril 2013
  • Setembro 2012
  • Maio 2012
  • Abril 2012
  • Marzo 2012
  • Febreiro 2012
  • Novembro 2011
  • Outubro 2011
  • Setembro 2011
  • Agosto 2011
  • Xullo 2011
  • Xuño 2011
  • Maio 2011
  • Abril 2011
  • Marzo 2011
  • Febreiro 2011
  • Xaneiro 2011
  • Decembro 2010
  • Novembro 2010
  • Outubro 2010
  • Setembro 2010
  • Agosto 2010
  • Xullo 2010
  • Xuño 2010
  • Maio 2010
  • Abril 2010
  • Marzo 2010
  • Febreiro 2010
  • Xaneiro 2010
  • Decembro 2009
  • Novembro 2009
  • Outubro 2009
  • Setembro 2009
  • Agosto 2009
  • Xullo 2009
  • Xuño 2009
  • Maio 2009
  • Abril 2009
  • Marzo 2009
  • Febreiro 2009
  • Xaneiro 2009
  • Decembro 2008
  • Novembro 2008
  • Outubro 2008
  • Setembro 2008
  • Agosto 2008
  • Xullo 2008
  • Xuño 2008
  • Maio 2008
  • Abril 2008
  • Marzo 2008
  • Febreiro 2008
  • Xaneiro 2008
  • Decembro 2007
  • Xullo 2007
  • Xuño 2007
  • Maio 2007
  • Abril 2007
  • Marzo 2007
  • Febreiro 2007
  • Xaneiro 2007
  • Decembro 2006
  • Novembro 2006
  • Outubro 2006
  • Setembro 2006
  • Agosto 2006
  • Xullo 2006
  • Xuño 2006

Categories

  • actualidade (144)
  • blogosfera (15)
  • cultura (59)
    • poesía (4)
    • relatos (11)
  • dicionario político (76)
  • dicionario xurídico (6)
  • Eleccións Galegas 2009 (41)
  • libros (22)
  • lingua galega (11)
  • política estatal (37)
  • política internacional (25)
  • política laboral (41)
  • política local (74)
  • política nacional (191)
  • vídeos (50)

WordPress

  • Iniciar sesión
  • WordPress
© #mOendo do Revés