Xosé Costa Dorrío

xosé costa dorrío

Este post ten a súa propia intrahistoria. Todo comeza o 27 de novembro no blog de Marcos Valcárcel As uvas na solaina. O Sr. Medela agasalla o mestre cunha fotomontaxe (esta) na que aparece unha botella de gasosa. Alguén pregunta pola orixe desa gasosa e o Sr. Medela responde: Gasosas /Bebidas carbónicas/ GUEDE, de Xunqueira d’Ambia. Esa botella traíame moitos recordos da miña infancia -moitas chimpei- así que non me resisto a pedirlle a foto orixinal… e recibinna. Tamén recibín outro e-mail dun dos habituais no blog, lobo neghro, no que me pregunta si teño algo que ver cun desaparecido de Xunqueira de Ambía trala guerra civil: Xosé Costa Dorrío. Como non tiña coñecemento de tal desaparición aproveito a fin de semana para pescudar sobre o tema.

A quen me dirixo é a meu abó, e fagoo durante o xantar, para que así todos poidan aportar algo. Antes de seguir, teño que decir que sobre este parente meu xamais se falara -e ninguén me soupo respostar porqué-, en ningunha circunstancia, dende que eu nacera. ¿Quen foi Xosé Costa Dorrío?

A pola que nos une na árbore xenealóxica son os meus tatarabós: Severo Dorrío (dono dunha gran facenda en Bobadela, Xunqueira de Ambía) e María Villar (de Ourense e mestra de profesión, que acabaría ensinando a ler e escribir os nenos de Bobadela na casa do seu consorte). Tiveron oito fillos: Fidel, Xosé, Martín, Ánxel, Xulio, Claudio (o meu bisabó), Remedios (a nai de Xosé Costa) e Milagros, a única que segue con vida (nada en 1911).

Tiña oido falar moitas veces da miña tatarabóa María, que tivo que sufrir o desprecio da súa propia familia por vir a casarse con agricultor, ainda que éste fose rico (hai que situar o concepto de riqueza no contexto social da época: finais do século XIX); tamén oira moitas historias sobre a Tía Remedios, tamén mestra, entre outras, na escola de Bustelo da Veiga, Xunqueira de Ambía; pero nunca escoitara falar do seu único fillo, Xosé, outro mestre na saga familiar, nin de seu pai, Vicente Costa, un catalán que acabara casando coa Tía Remedios.

Xosé era unha persoa comprometida coas liberdades da xente, solidario, progresista, idealista e moi intelixente (non poño en dúbida ningunha das cualidades que del me contan). Cando chegou a guerra civil loitou por todo aquilo no que creía e que tan ben lle inculcaran tanto súa nai como súa abóa, loitou -dinme- polo bando republicano e fixoo dende o aire, como piloto de aviación. Trala finalización da guerra, lonxe de fuxir para América e salvar o seu pelexo, el sumóuse a escasa resistencia que quedara espallada por distintos e distantes recunchos do Estado co propósito de reconstruila República… ata que o colleron -dinme- con propaganda contra o Réxime. Dende entón nada se sabe del.

Frederic Bartlett decía, sobre o recordo, que ó recordar un relato ó largo do tempo, este defórmase, do mesmo xeito que se deforman os rumores, e acomódanse os modelos culturais do que é unha boa narración.

5 comentarios en “Xosé Costa Dorrío”

  1. Fermoso post meu, noraboa.
    Eres un tipo activo de carallo, case non me das tempo a lerte xD.
    Saúdos!

  2. Por desgracia non é o único caso en Xunqueira, todo quedóu dormido nas mentes despóis 36.
    Animo a recuperar os seus nomes e as súas historias, casi que todas fermosas en tempos difíciles.
    Non se trata de acusar a nadie máis ben de incorporar aqueles nosos veciños a nosa propia istoria, con cariño e con pleno dereito,algo que se lle foi negado de modo brutal.
    Xose lois.

    Un saúdo

  3. Kamarada. Non duvido que José Costa fose un home de esquerdas. E se desapareceu foi por selo.
    O que non está claro é que loitase no bando republicano. Non habería ningún problema en aceptar que estivo no bando que non era o del, por o que fose. O seu mellor amigo, quen me proporcionou a súa foto, caeu no bando nacional e acabou a guerra nel. Constame que o seu mellor amigo era un home de esquerdas pero tivo que sobrevivir no outro bando. Como lle pudo ter pasado a él.

    O xosé desapareceu querendo pasar a Francia. os últimos testimonios dinme que foi interrogado. Era a segunda guerra mundial, postguerra en España, cecais anos 41, 42.

    O que me preocupa deste caso, alén de ser meu veciño é que a mín me cercenou a natural implicación política dos anos de transición. Daquela para os meus pais e veciños era traumático falar de política. Planeou sempre a sombra do Pepe da Remedios. “Mira o que lle pasou ó Pepe da Remedios”. A xente quedou machacada e laminada co caso do Pepe da Remedios.

    A REmedios trastornouse e andou por os tellados chamando por él.

    Non me deixou impasible. Ando na súa procura. Pregunteille ós da memoria histórica e ata o de agora non souberon decirme nada, nin consultando as listas dos campos de concentración nazis en francia, onde pudo ter caído.

    Solicitamos axuda. SE caeu en España en maus da policía de Franco, algo debe constar en algunha parte. Máxime cando a desaparición foi xa na postguerra.

    É posible que mañá podamos incorporar a fotografía.

    Ata o de agora sentínme bastante solo. Porque os anos da transición foron, en lugares pequenos como o noso, durísimos. O intento de linchamento moral era contínuo. A difamación de persoas que intentaban vehicular ideas “diferentes”, como me tocou a mín e a outros máis insufrible. Máxime coa presión brutal da casa. Vin moita xente queimada e caída. E desto tamén hai que ter memoria. O Xossé Dorrío é moi novo pero moitos dos seus correlixionarios caeron en depresións, fixéronlle o vacio, perderon o traballo por encetar a loita.

    O vitorino de casasoá foi un dos machacadores, entre outros moitos. pobre home. Asno-burréfalo. E o Xosé Luís Gavilanes Losada, o representante máis xenuino do que é a dereita “económica” sen escrúpulos nin sensibilidade. van ó seu e a facer neghocio, puro e duro. A costa do que sexa.

  4. # Robinho: hai que matar o aburrimento.

    # Xosé Lois…. pois adiante!

    @ Lobo neghro: a min resúltame difícil de comprender que alguén da súa capacidade cambiase de bando xusto despois de acabar a guerra podendo, tamén, facelo antes, e pasarse o bando perdedor; como se explica que o axusticiaran logo? Se loitou no bando nacional podería acreditalo e ser, como moito, encarlado. O certo é que hai moitas lagoas na súa historia.

    Sobre os caciques de antes, so podo decir que son os mesmos que de agora, e habiaos en todas partes: Padroso, Abeleda, Casasoá,… pero as novas xeracións non teñen culpa do que fixeron os seus devanceiros. Iso creo eu.

  5. Ós traidores nin auga con sal e tiro na nuca, e para os nacionales, o Pepe da Remedios debíao ser.

    Ó Lorenzo da Cristalina, quen era seu amigo e me proporcionou a fotografía, pasoulle parecido. Era republicano e tivo que facer a guerra no bando nacional. Pensou pasarse e non o fixo, por o que fose. Morreu en silencio. Aguantando.

    Na história, temos que deixar de facer literatura romántica e aternos ós feitos.

    Como pudo ter rematado a guerra no bando republicano e retornar alegremente a aldea a impartir clases de “doutrina cristiana” con impunidade?. Nin cárcere, nin represión, nin nada.

    Se O Pepe era piloto e fixo a guerra como piloto, que aviación tiñan os republicanos?. Tampouco está probado que fose piloto na guerra. A xente ten moita tendencia a fantasear.

    O caso foi que desapareceu en España na postguerra, e a miña nai o coñeceu como catequista. A miña nai naceu no 1937.

    Outra información que tiña de vello era que lle cacharan unha foto de Stalin na habitación, antes de desaparecer. A saber en que redes andaría metido. O caso é que se foi interrogado, ten que quedar constancia documental.

    O feito de que non teñamos rastro del paréceme monstruoso e inaceptable. Estamos peor que na Arxentina?.

    No nadal quero verte, e propóñoche que nos movamos. A Milagros aínda vive, temos que falar con ela , a dúo, e gravala. O que sexa.
    Quero ver os seus libros. xa verás , lecturas de dereitas, loas a Hitler etc…

    De que ía este rapaz?. A história é história, non literatura.

    O que sí está claro é que o fascismo coutou o normal desenvolvemento da nosa sociedade. Ese rapaz era a avangarda. Era o que poderíamos ser calquera de nós desde o punto de vista cultural pero setenta anos antes. Manda carallo pra guerra. Levamos setenta anos de retraso.

    Fora o que fora, pasara o que pasara temos que recoñecelo e devolvelo a memoria histórica.

Os comentarios están pechados.