Pero isto que é!?

Xa pasaron casi dous anos, cando antes dunhas municipais escribía como no meu Concello, Xunqueira de Ambía, se amedrentaba a xente a base de prácticas que se poden calificar de moitas formas menos democráticas, respetuosas coa liberdade dos cidadáns e, moito menos, honestas na disputa política. Cando escribín aquilo pensaba que o meu partido era ben distinto.

Agora atópome con que os que ten medo, os que sufren chantaxe, coaccións e presións son os meus propios compañeiros de partido. Agora non é o señor Sr. Gavilanes, son Xosé Manuel Pérez Bouza (quinigá), o Responsable Comarcal,  o que, entre outros, vai de cociña en cociña sacando do saco vellos favores, prevendas,…  ou recurrindo a demagoxia e o engano, realizando falsas promesas. Non é a primeira vez. Só fai falla que agora se poñan a carrexar votos (ainda que, ben pensado, tampouco sería a primeira vez); seguramente este sábado vexamos moitas caras novas. Será o triunfo do caciquismo no BNG?

Esta é a situación conflictiva que deriva por un sistema de delegación equivocado. Equivocado porque os delegados non se poden elexir en listas cerradas, por ese sistema elixense os representantes; cando se deberían elexir por delegación directa. Si se elixe un delegado por cada tres afiliados calquer afiliado que dispoña do aval de outros dous (iso chámase delegación) tería que estar habilitado para ser delegado sen necesidade de pasar polo filtro comarcal. É equivocado porque o sistema de listas obriga ós militantes a decantarse por unha ou outra postura política, antes da celebración da ANE, provocando enfontamentos entre militantes, veciños e amigos. Mentres tanto, upegás e quinigás van negociando, segundo os asinantes que vaían logrando, unha lista entre as dúas correntes e a portavocía nacional, oprimindo nun curruncho a unha parte moi importante, imprescindible, do nacionalismo.

Tamén é unha decisión maliciosa, tendenciosa, orientada a favorecer a aqueles que detentan a gobernabilidade do partido. Son eles, e só eles, os que dispón dos censos da militancia; son os que posuen toda a información. Son eles os que se dirixen ós militantes que lles interesa, deixando apartados ós máis molestos, orientando así, dende a base, a decisión final da Asemblea Nacional Extraordinaria. Non sei que información ten os demáis militantes pero eu non recibo comunicación algunha do meu Responsable Comarcal dende o pasado 17 de marzo. Diso hai un mes. Que ocorre? É que non pasou nada novo neste último mes dentro do BNG?

Os que idearon o sistema poden estar ben satisfeitos; conseguirán que cada vez que se celebre unha AN o BNG saía máis dividio, máis feble, con máis abandonos e con menos simpatizantes dipostos a entrar nesta caixa de Pandora. A verdade é que damos medo!

Plan Gavilanes

Este plan, levado a cabo polos alcaldes e presidentes de deputacións do PP , a diferencia do Plan E de ZP, non persegue a recuperación do emprego, para o cal foi concebido, senón a refinanciación de concellos a costa daquel outro plan. Este plan consiste en realizar as obras aprobadas e financiadas polo Fondo Estatal de Inversión Local co menor custo posible, e dicir, por debaixo do presuposto aprobado para logo destinar o diñeiro sobrante a amortización de deuda, a outras obras non presupostadas -cacicadas, xeralmente- ou quen sabe pra que…

Esta é a única explicación lóxica ó acontecido no día de onte nun pobo de Xunqueira de Ambía, A Pousa, onde apareceu de súpeto o Sr Alcalde, José Luis Gavilanes Losada, acompañado doutro concelleiro, operarios do Concello e da Deputación de Ourense para iniciar unha obra que está contemplada dentro do Fondo Estatal de Inversión Local para o noso Concello. Efectivamente, ningún deses traballadores foi contratado para realización destas obras, senón que xa pertencían previamente ó plantel do Concello ou da Deputación, tendo os desta última o carácter de  traballadores fixos, co cal se está burlando o verdadeiro espíritu e obxectivo do Plan E: a creación de emprego.

Parece ser que ós organismos gobernados polo PP non están moi interesados en crear emprego -o igual que ocorre con moitas empresas da súa órbita-. A estes organismos -e empresas- interésalles o de sempre: acumalar cartos. Ese é o seu único ideario político.

O pobo de Xunqueira de Ambía ten unha das poboacións máis envellecidas de Galiza e claro, si no pobo alguén se pon a realizar unhas obras alá vai a xente. O Sr. Gavilanes que coñece ven a dinámica do seu pobo, só faltaría que non fose así logo de trinta anos como Alcalde, estaba alí para aprobeitarse desa circunstancia e repartir papeletas a xente que se acercase a vela obra e, o mesmo tempo, sacar proveito dunha obra financiada por outra institución,  sen colocar o cartaz obrigatorio e, por suposto, sen molestarse en explicalo. El é quen di cando rematan as misas, el é o que leva ós nosos maiores de excursión, el é o que fai as obras… el é todo.

Resumindo, o Plan Gavilanes consiste en recadar o maior número de cartos e votos invertindo o menor esforzo presupostario e de traballo posible.

E para reflexionar… unha excursión!

Onte non daba creto de que un feito tan cotián -en Xunqueira de Ambía, claro- como entrar nunha igrexa, interromper a cerimonia relixiosa, e porse a dar unha “charla” por parte dun político en campaña electoral ós veciños puidese ter tanta repercusión (vexan en chuza! e en menéame). Si o pasado domingo o Sr. José Luis Gavilanes Losada (ainda Alcalde da vila, pois non se ten noticias da súa renuncia nin de que algún dirixente do PP llela pedise, como si fixeron antes co candidato nacionalista -enfin, unha cousa e botar a rúa o nº 1 da lista do PP e outra moi distinta e tratar de meterse cos “señores” do rural, máxime si son amigos do Sr. Baltar-) se dirixía ós parroquiáns de Abeleda no medio dunha misa, esta semana, que anda “casa por casa” pedindo o voto ós veciños, tal e como é costume, en lugar de regalar o típico chaveiro do Concello (sic) xunto cos mecheiros e bolígrafos do PP, máis o sobre coa papeleta do seu partido, está convidando ós veciños a unha excursión a San Estevo, con pasaxe de catamarán incluída polo cañon do Sil, para a xornada de reflexión.

Este tipo de excusións son organizadas polo Concello de Xunqueira de Ambía con carácter bimensual e seica estaba programada para ese día dende antes de ser convocadas as eleccións. Ata ahí a excursión non tería nada de anormal. Sen embargo, desta vez, contrariamente ó que ven sendo habitual, non se puxeron cartaces anunciando a excusrsión para que quen quixese se apuntase, senón que é el quen ofrece esa excursión, persoalmente, as persoas que a el lle parece no mesmo intre en que lle pide que o vindeiro domingo lle vaían votar o PP.

Así, si ninguén o remedia antes, os maiores da vila iránse de excursión co Sr. Alcalde a Ribeira Sacra (sempre vai alguén do Concello) na xornada de reflexión, viaxarán en Autos Gavilanes, con tódolos gastos pagados polo Concello e pola Deputación de Ourense… é o día seguinte terán que tomar unha importante decisión que non só abrangue a tódolos xunqueiraos senón tamén a tódolos galegos.

A terra prometida

Nunha campaña, con tal de arrabañar votos, os políticos son capaces de prometernos “o habido e por haber”. Hoxe pola maña lía un artigo de Roberto Blanco, A excursión, ou mellor, as excursións, no que decía que “amparado na impunidade que dá o sentirse e proclamarse o partido propio de Galicia, o BNG atrévese a facer cousas ás que ninguén se atreveu en Galicia ata o momento”. Cando escribiu isto seguramente non imaxinaba o que ía pasar pouco despois… Pois poucas horas pasaron ata que me entero que o Alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes Losada (PP), interrompeu unha misa, no día de hoxe, para falarlle ós feligreses alí reunidos sobre os seus proxectos de futuro: a construcción dun novo cemiterio para a Parroquia de Abeleda.

Este acto, que viña sendo anunciado polo párroco de Abeleda, o “padre” Adolfo dos Salesianos de Allariz, dende hai máis dunha semana, incluso durante a misa dominical, estaba previsto que se realizase a saída da misa, pero antes de rematar esta, e sen que ninguén lle dese a palabra, o Sr. José Luis Gavilanes tomouna, para evitar que os alí reunidos se fosen “en paz” como é costume e coa bendición do párroco. As misas en Xunqueira de Ambía remantan cando di o Sr. Alcalde que para iso é o Alcalde. E punto!

A explicación que deu para facer o acto na propia igrexa foi que alí “estase mellor que fora” que seica facía un tempo do demonio, como ven saberán todos vostedes (vendavais, nevaradas e frío polar; todo xunto) e seica cumpría protección divina.

Ofreceu ós filigreses un novo emprazamento, e digo novo porque non é a primeira vez que ofrece ós veciños da parroquia un cemiterio por unhas eleccións (rumoréase pola contorna que “vello non quedará ningún” de aí tanta preocupación); naquel outro lugar non era posible facelo -iso si meteu por alí as súas máquinas para facer crer ós parroquianos que se ía realizar de imediato (isto sucedeu nas pasadas municipais)- e, moito me temo, que neste novo emprazamento tampouco vai ser posible.

Logo marcharon dalí todos contentos -non todos, algúns marcharon indignados-, que era do que se trataba, tan contentos coma uns mozos que acaban de coñecer a nova de que van recibir unha vivenda de protección oficial,  contentos porque axiña poderán dispor das súas vivendas para a eternidade.

Iso si, non houbo bolígrafos, nin chisqueiros,… nin hostias do PP. Hai que agradecerlle a discreción coa que foi levado este acto. Mágoa que non acudira ningún medio a cubrir o evento, foran todos convidados, incluído o xornal La Voz de Galicia.

Prácticas caciquís no BNG

O pasado mes de agosto xa denunciara, na Consellería de Medio Rural, a incontinencia caciquil do Delegado de Medio Rural de Ourense, Xosé Rodríguez Cid, denuncia da que, por certo, sigo esperando resposta… O silencio do Conselleiro deixa máis que de manifesto a súa complicidade. Hoxe La Voz de Galicia fala dos enchufados por este señor (teño que realizar verdadeiros esforzos para usar esta expresión e non outras máis apropiadas ó caso) en Medio Rural; fala a nova só dos enchufados da súa localidade, Cartelle, que non dos concellos limítrofes…

Sacade o Santo!!! dixera daquela. Agora, a nova públicada en La Voz venme dar a razón doutra advertencia que xa fixera fai unhas semás, durante a elaboración das listas electorais, cando manifestei na Asemblea comarcal de Allariz que a política de emprego levada a cabo pola Consellería de Medio Rural, e de xeito especial por SEAGA, ía pasarlle factura ó cabeza de lista por Ourense, Alfredo Suárez Canal . É evidente que ninguén me fixo caso. Parecíame unha irresponsabilidade que este señor fose o cabeza de lista e resulta, tanto ou máis irresponsable mantelo, máxime despois do ocorrido no día de onte co cabeza de lista do PP por Ourense: unha decisión valente que, sen dúbida, non deixarei de aplaudir.

“clica” na imaxe para agrandar

Isto no actual BNG nunca pasará, máis ben todo o contrarío, premiarase ó cacique e perseguirase a quen esixe claridade, a quen defende a legalidade ou a quen antepón a integridade e principios morais e ideolóxicos colectivos sobre o interés persoais duns poucos.

Tamén teño que recalcar un dato moi importante: non todos os que somos do BNG estamos enchufados nas consellerías nacionalistas nin todos os enchufados son do BNG.

Ler máis

Enquisas e estatísticas

Nunhas eleccións, e nas galegas non ía ser menos, tódolos partidos viven pendentes das enquisas e as estatísticas. As enquisas, ó tratarse dun estudio representativo da sociedade, poden estar suxeitas a erros, pois non se publican crúas, senón cociñados en laboratorios, aplicando diferentes fórmulas correctoras (a proba do xis cuadrado, a corrección de Yates, corrección de continuidade asimétrica,…) que ten en conta tanto a conducta observada como a conducta teórica.

A conducta observada é o resultado da mostra recollida nun momento determinado circunscrito a un lugar determinado e sobre un asunto específico, por exemplo, eleccións galegas 2009. A conducta teórica refirese o comportamento histórico da sociedade dese mesmo lugar sobre ese mesmo asunto: tódalas eleccións galegas celebradas en Galiza.

Utilizar os resultados históricos axuda a que cada vez que se produce o mesmo feito, os resultados dos estudos sexan máis exactos, ó dispor, a medida que transcurre o tempo, dunha base de datos máis ampla, sempre e cando ese feito se produza en circunstancias normales.

Cada vez que hai unhas eleccións vemos que existen pequenas diferencias entre unhas enquisas e outras (ver as de Xornal, La Razón, La Voz de Galicia, La Región, Público,…) e acostumamos a culpar desas diferencias ós intereses que uns medios ou outros teñen en influir e dirixir a opinión pública nun ou outro sentido. O certo é que non ten por que ser así. Uns e outros consultan a unha parte representativa da sociedade e non ten porque ser precisamente a mesma e logo, cada un deles, pode usar diferentes técnicas correctoras. Iso explicao… logo cada quen é libre de ceibar as súas maquinacións e moito máis facelas públicas.

Agora, hai que ter en conta que as enquisas non serven de nada -ou de moi pouco- cando se dan circunstancias especiais, como ocorreu o 14-marzo-2004 cando Rodríguez Zapatero gañou as xerais contra todo pronóstico. Incluso si fose posible realizar e publicar unha enquisa o día anterior das eleccións, esta non se achegaría ó resultado final, porque as correccións non teñen en conta situacións anormais, senón que se basan en todo o contrario, na conducta social histórica ponderada.

Na actualidade estamos vivindo unha situación excepcional, unha crise económica de gran calado, que está destruindo cada día milleiros de postos de traballo, unha crise na que os gobernantes non ten a máis minima idea de como solventar, nin como afrontala,… Dinnos dende o goberno central que se pode chegar ata catro millóns de parados no estado ó mesmo tempo que nos queren convencer que a partir de marzo a cousa vai mellorar –casualidade?-. A ver, como se fai compatible eses dous argumentos? Iso só podería ser certo si os catro millóns de parados se acadasen en febreiro e a partir dese momento as estadísticas de emprego comezasen a mellorar. É iso posible? Non! Logo dende o goberno estannos enganando, pois despois de marzo, despois das eleccións galegas e vascas, o paro seguirá aumentando.

Ademais, dicese que o paro sube menos en Galiza, e isto si que me parece unha broma de mal gusto. Cantos galegos hai traballando en todo o territorio español? Cando estas persoas, xeralmente temporais, que son os primeiros dos que prescinden as empresas, son despedidos, en que comunidade autónoma son rexistrados? En Galiza? Non! Na comunidade na que estaban traballando. Tampouco se dicía, cando o desemprego baixaba, que moitos galegos estaban marchando da terra, coma sempre. Espero que moitos destes galegos teñan a ben acercarse por aquí o día 1 de marzo para recordarlle ó Sr. Touriño que existen.

É, por todo isto, polo que creo que os resultados das eleccións galegas 2009 poden ofrecer grandes sorpresas. As enquisas desta vez van errar, seguro.

La Región traspasa a fronteira

O xornal conservador radical ourensán nunha editorial titulada O BNG traspasa a fronteria do día 11 de outubro de 2008 sae o rescate de Anxo Quintada e do novo BNG trala asamblea do pasado 5 de outubro, unha asamblea “a galega”, recalca o editor. Aplauden (coas orellas, por suposto) o feito de que Quintana se desprendese do sector idealista do BNG outorgándolle unha víctoria sobre estes que nunca se deu, espececialmente sobre Camilo Nogueira e Xosé Manuel Beiras; dalle a benvida a posicións máis centristas e abertas, ou o que é o mesmo, aplauden (de novo coas orellas) que a dirección do BNG se afaste das liñas identitarias do partido.

A que ven todo isto? É evidente, todo ten que ver co negocio dos responsables do xornal La Región. Un diario que está en quebra técnica e que conta cunha única posibilidade de sair a frote: as axudas públicas. Axudas que non aparecen soamentes en forma de subvención, senón -e sobre todo- en forma de publicidade institucional, un recurso fundamental para este xornal, especialmente agora que estamos en plena crise financieira e reduciuse de xeito drástico o gasto en publicidade da empresa privada, sobre todo o do sector inmobiliario -macrourbanizacións, axencias inmobiliarias (pasaron de anunciarse no xornal ourenán perto de 40 axencias a diario a tan só 17… e segue baixando),…-. Mentres a Xunta siga pagando os donos do xornal poderan seguir levando unha vida de luxo, moi por encima das súas posibilidades reais: grandes coches, restaurantes, hoteis, viaxes,… Non teño nada que envexar daqueles que si son merecedores de tales luxos, cando é froito da súa propia labor, pero anóxame cando se fai a conta dos cartos do contribuinte.

Admito que as posibilidades e a linguaxe dos medios de comunicación afecta necesariamente a unhas organizacións, coma os partidos, que dependen da comunicación social, admito que para gañar unhas eleccións necesítase principalmente unha boa xestión da imaxe e da mensaxe que os medios de comunicación de masas propagan por todos lados, admito que se necesíta máis dos medios de comunicación que da propia militancia dun partido, mais non admito que o BNG caía nesa trampa. Anxo Quintana caeu nela e os responsables do xornal La Región son sabedores desta circunstancia.

Eu son sabedor de que a relación entre medios de comunicación e partidos é complexa, dado que os partidos sempre tentaron e tentarán utilizar os medios como pezas das suas estratexias de propaganda. A cuestión agora é si esta relación se pode invertir no futuro e sexa o medio de comunicación, neste caso o xornal ourensán, unha vez superada a súa crise financieira, quen utilice ó partido para os sus intereses (… e de feito xa o esá facendo).

Actualización a 16 de outubro de 2008: O diario coruñés, La Voz de Galicia, non se quere quedar atrás, encumbrando a Anxo Quintana por poñer fin o frentismo dominante do BNG.

Vía Chuza!