Celedonio Presidente!

Na comarca da Limia, fai xa moitos anos, cando a estrada nacional cortou ao medio a Lagoa de Antela, na contorna nin existían vehículos a motor. Todo era miseria. Foron descubrindo o que eran cando os vían achegarse e afastarse pola estrada. A veces algún individuo paraba a preguntar ou mesmo a comprar calquera cousa nunha tenda, daquelas abundantes nos pobos da zona.

O dono dunha desas tendas, que se chamaba Celedonio, decidiu un día comprar una moto, canso como estaba de velas pasar, namais. Así foi. Un día emprendeu viaxe a pé cara Ourense, cos cartos para mercar a moto ben presos no seu peto. Non buscou moito, nin había moito onde buscar. No concesionario no que entrou ensináronlle varias. Ao Celedonio o único que lle preocupaba é que lle chegasen os cartos que levaba. De tódalas que lle ensinaron tivo que descartar algunhas, poucas, pois a oferta non era a de hoxendía, saíanse do seu orzamento, outras parecíanlle moi sinxelas, pois buscaba unha moto da que puidese fachendear ao chegar ao pobo. Ao fin, entroulle unha polos ollos que cumpría todas as súas expectativas. Agás o prezo, non fixo moitas preguntas.

O vendedor, que detectara a inexperiencia do comprador, explicoulle algunhas cousas sobre o seu funcionamento, pero o Celedonio non quería que os da capital o tomasen por parvo. Logo de pagar a moto pediu que lle acendesen a moto, subiu ela, e arrincou con cautela. Logo de loitar con manter o equilibrio nos primeiros metros foi collendo confianza, soltando gas e subindo marchas. Xa na estrada quedábanlle uns trinta quilómetros até a o pobo de Piñeira de Arcos. Os veciños, que sabían ao que fora o Celedonio a Ourense estaban expectantes agardando a súa chegada, e non só do seu pobo, senón tamén dos arredores. Era todo un acontecemento que un dos seus comprase unha moto, alguén que ben podía ser parente ou amigo ou simplemente un veciño. Nada que ver con todos aqueles estraños que pasaban pola estrada.

Cando os primeiros veciños divisaron a silueta dunha moto que viña de Ourense, comezou o balbordo, que se foi estendendo máis rápido do que se movía aquela moto. O Celedonio tamén se decatou da que había montada e en canto viu aos primeiros veciños saudándoo el respondeu levantando a man, respondendo saúdos coa mirada, e algunha que outra palabra. Cando viu a súa casa, onde había aínda máis xente agardando, foi cando por vez primeira lle veu unha pregunta a cabeza: como se para a moto? Para a súa desgraza, non lle veu ningunha resposta.

Así, ao Celedonio non lle quedaba máis que tirar para adiante. E seguiu acenando aos veciños que pouco a pouco e sen deixar de baixar os brazos foron transformando aquel saúdo de benvida noutro de despedida. Adeus, adeus, adeus,…

Xa preto de Benavente acabouse a gasolina e entón parou a moto. Buscou combustible para encher o tanque e, non se preguntar como se paraba a moto, arrancou de novo para o seu pobo. Desta volta xa non o agardaba ninguén, así que gardou a moto na casa e foi durmir aliviado.

Algo semellante lle sucede ao actual Presidente da Xunta. O Sr. Feijóo subiuse a un tren que non sabe parar. Cun pasado escuro e cunha imaxe política de papel cartón, conseguiu impresionar a maior parte da cidadanía que agardaban del moitas solucións. Aínda non lle coñecemos a primeira. Iso si, destruíu todo o bo e o malo feito polo anterior goberno bipartito. Para desfacer ou facer as cousas mal non se precisa grande intelecto. El non o ten. Tampouco fai falla grandes valores. El tampouco os ten.

Na súa adolescencia, aos trinta e pico, pegábase unha vida pai a conta de contrabandistas e narcotraficantes. Ao tempo, accedía a cargos de relevancia en administración que loitaban contra esa lacra. Non se sabe con que méritos. Só temos constancia de que os narcos galegos financiaban ao PP, Alianza Popular daquelas, e que a cambio non era de estrañar que reservasen para “os seus” cargos relacionados coas súas actividades. E coma o Celedonio na súa moto, foi subindo marchas, agora un cargo, logo outro, e outro,… e vicepresidente do goberno, e presidente. E velaquí temos a Celedonio Presidente, o noso narcopresidente.

Agora non sabe parar. Ve que hai que parar, que chegou a súa fin política, pero non sabe como parar. Ao mellor queda sen gasolina antes de Benavente. Con sorte, non chega tan lonxe e sáese nas Estivadas!

Ensino: Apagamento informativo da TVG

A televisión de Feijóo non se diferenza moito daquela que Fraga dirixía dende as sombras… ou Touriño dende os cantís de Ponte Pío. É una práctica habitual de tódolos gobernos, tampouco é cuestión de sinalar agora a una única cor política. Dicir que todos son iguais non é esaxerado nin demagóxico. É un feito probado.

En La Región: “Pais e alumnos do Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar concéntranse ante Educación con pupitres na Rúa”; no Faro de Vigo: “Alumnos do Ben Cho Shey montan unha escola na rúa contra a supresión dunha aula”; no xOrnal: “Os pais dos alumnos do Ben-Cho-Shey sacan os pupitres á rúa”; en El Correo Gallego: “O curso comeza con rozamentos entre a ensino público e o privado”; en El País: “Educación cerra aulas públicas por falta de orzamento”; mentres, en La Voz de Galicia, gran beneficiada da Xunta de Feijóo, só amosa o cabezallo da noticia, acochado no máis fondo da sección de Ourense do xornal, on di: “Clase improvisada na Rúa”. Na súa televisión –V– si lle dedica uns segundos: “Pais e nenos, a rúa”. Nembargantes, a televisión que se financia cos impostos de tódolos galegos non dá nin un chío

 

Publicado en Galicia Confidencial

(a falta de pan…) …circenses!

Ese é o papel que adoptan na cidade de Ourense os patronos da Fundación Pro Deporte Ourensano, recentemente calificada pola Xunta de Galiza de interese deportivo.

O padroado inicial da fundación está formado por Jorge Bermello Arce, Responsable das tendas Bermello, como presidente; Roberto Fernández Añel, Director de Financeiro da Construtora Marcelino Fernandez, como vicepresidente; Luis Gómez Muñiz (deste pouco sei, agás que anda deixando o seu teléfono pola rede, busca contactos, creo) como secretario; e Manuel de la Torre Pérez (non lle coñezo outra ocupación que a de secretario do COB), Santiago Rodríguez García, director de CIMO, Juan Manuel Jiménez Morán, Alcalde de Verín, José Domarco Piñeiro, responsable das instalacións do Pazo de Deportes Paco Paz (instalacións que o COB utiliza de xeito altruista mentres que os nenos que queren participar nas escolas deportivas que se organizan no mesmo recinto se ven na obriga de pagar), e José Luis Gavilanes Losada, Alcalde de Xunqueira de Ambía, como vogais, segundo o punto 4 da Orde do 4 de outubro. Circenses!

De Jorge Bermello e Santi Rodríguez pouco podo engadir do que xa dixera Gonzalo Jácome esta semana, só amosar que concordo totalmente con el. Precisamente veño de solicitar a miña baixa da base de datos de CIMO, ao meu parecer unha entidade que non aporta nada a esta cidade nin aos seus cidadáns (entendendo que o emprego precario que oferta non é unha aportación senón todo o contrario).

Sorpréndeme ver entre os patronos ao Alcalde de Xunqueira de Ambía. En máis de 30 anos xamais tivo unha iniciativa semellante pola vila que goberna, mentres esmorece  co importante patrimonio que alí hai por conservar, coa riqueza paisaxística, forestal, agraria e, sobre todo, termal, aínda sen explotar.

Interior do Balneario do Bañiño

Parece que os empresarios e responsables políticos da provincia de Ourense apostan polo circo e eluden as súas responsabilidades coa sociedade, creando novos chiringuitos -isto é o que as elites ourensás entenden por novos nichos de negocio- cos que afogar, aínda máis, as xa de por si maltreitas arcas públicas, que seguirán negando a súa colaboración a entidades sen ánimo de lucro de corte social, pero que si porán a disposición do circo este cantas infraestruturas públicas sexan precisas e cantos cartos lles sexan solicitados. É o que Arturo R Vispo chama “insolidaridade do mezquino” neste artigo referido as subvencións.

A lingua galega abre túneles dixitais ante o acoso da Xunta de Galicia

Hoxe produciuse un feito que me trouxo a memoria un artigo que lin fai meses: Túnels digitals a Gaza, cando bloggers e twitters palestinos fixeron saber ao mundo a traxedia que estaban sufrindo por parte do exercito israelita. Eles, personaxes anónimas convertéronse nos ollos do mundo, tanto que, os propios medios internacionais recorrían a eles para complementar información e non aos seus enviados especiais na zona.

Por suposto, o castigo infrinxido ao pobo palestino polo goberno sionista non ten comparanza coa situación que vive Galiza, si acaso, no acoso dos que se consideran unha raza superior, un acoso que se trasladan a tódolos nosos sinais de identidade nacional e, especialmente a lingua.

Hoxe os twitteiros galegos demos un berro, pero haberá máis, e fixémoslle saber ao mundo que nun recuncho de Europa se está producindo un xenocidio lingüístico. Centos de twitteiros utilizamos durante unha hora o hashtag #galega coa intención de convertelo no primeiro tema de conversa de twitter … e así foi.

Ocupar esa posición provocou que diversos medios de comunicación se interesasen pola iniciativa, e incluso participasen dela. É o poder das redes sociais, cada vez menos discutido. Agora son as masas as que teñen a forza de mover aos medios, non ao revés,… aínda que queden casos. Esta forza é a que moverá o mundo futuro, non sei si ate o punto de afirmar que a revolución será twiteada pero, exemplos disto xa os puidemos ver: as elección de Irán en xuño de 2009. Só un pucheirado privou a oposición de acabar co mandato de Mahdmu Ahmadineyad.

Twitter é unha ferramenta que pode equilibrar forzas entre as diferentes opcións políticas, pola súa capacidade comunicativa e a rapidez con que o fai. Un bo uso desta utilidade será o que decida os mandatarios do noso futuro máis próximo.

Acerca da “consulta” aos AEDL de Galicia

Os datos obxectivos da consulta foron os seguintes: 734 destinatarios; 82 correos rexeitados; 6 respostas automáticas, 5 delas indicando que o destinatario estaba de vacacións; e seis respostas á pregunta realizada. A partir de aquí todo é subxectivo, e poderá ser compartido ou non polo difuso colectivo de Axentes e Técnicos de Emprego.

A maioría dos e-correos rexeitados foron da Deputación de A Coruña (coa seguinte estrutura de enderezo: idaxente@nomeconcello.deputacionacoruna.es), 27 en total,  e de CCOO (idaxente@galicia-ccoo.es), 16 deles, por causas que descoñezo.

O acollemento da “consulta”

Unha das escusas máis concorridas para xustificar a “non resposta” a esta consulta foi que non me identificaba (?) Alguén o entende? Asinaba o e-correo con nome e apelidos, ese nome e apelidos estaba vencellado a unha páxina web (esta) e o dominio do enderezo de correo dende o que enviei a “pregunta” era @moendo.net. Podía existir algún tipo de dúbida sobre a autoría do emisor? Penso que non pero, si así fose, é obriga do axente pedir máis datos si os necesita. Que outros datos podían necesitar para responder ao que se lle pregunta? DNI, enderezo, CCC, tarxeta de crédito,…? Non, creo que se podía responder perfectamente sen estes datos. Ou, tal vez se refiran a estes outros? Sector profesional, situación laboral, finalidade, zona xeográfica,…? Tal vez, pero para iso contan co meu enderezo electrónico, para solicitarme cantos datos precisasen. Iso é o que fixeron cinco das seis persoas das 652 que recibiron a mensaxe.

É falso afirmar que esas 652 persoas non responderon estando no seu posto de traballo. Certo, moitas, ao estar en tempada estival, atoparíanse de vacacións, algunhas de baixa, e outras terían o día libre, como xa indico no primeiro artigo. Falsearía a realidade se indagase sobre datos que descoñezo. Aínda así, o número de respostas é desolador, máxime si temos en conta que unha delas, a da UPD Coordina Local foi para dicir que eles só están para informar aos axentes (deberían ler con detención a orde que regula as funcións dunha UPD).

Esta consulta resultou ser toda unha caixa de sorpresas: a primeira o resultado da mesma; a segunda a reacción das persoas directamente implicadas: os axentes. Polo xeral foi ben acollida, e dígoo polos comentarios que leo nas mensaxes recibidas a posteriori da publicación da mesma (isto evidentemente quedará suxeito a credibilidade que cada un de vos teña no que digo, o que non vou facer é publicar ditas mensaxes, posto que quen quere facelos públicos conta xa con este foro -onde eu, por suposto, tamén son libre de aceptar ou non certos comentarios,… pero xa vistes que deixei a man totalmente aberta-), como ben sinalaba un deles, máis números que trala crítica que logo da consulta. Prima a reactividade sobre a proactividade.

Outra das queixas foi a brevidade do prazo de resposta, unha xornada de traballo, 24 horas. Paréceme incrible que se poida crear unha empresa (SLNE) en 24 horas e un axente non poida responder a unha pregunta tan sinxela no mesmo prazo, cando para realizar tal cometido non se precisa máis que facer “clic” no botón “responder” e dicir o que se supón que xa sabes e, si queres ser preciso buscar a orden en Google e axuntala.

Tampouco me parece crible a carga de traballo que moitos alegades, pois o ritmo de creación de empresas é o máis baixo en anos e nunca houbo queixas do “colectivo” nese senso (no ano 2009 Galiza perdeu máis de 3000 empresas). Esa carga de traballo é irreal pois, evidentemente, nos casos que existe débese a realizar funcións que non lle corresponden ao axente.

Suponse que cando un Concello, universidade, asociación, fundación, deputación, mancomunidade, sindicato, cámara de comercio,… solicitan ter un AEDL é porque os seus obxectivos coinciden coas funcións que se lle asignan aos Axentes e Técnicos de Emprego (ver páxina 14 do Manual de Acollida para AEDL), e solicitan a axuda para realizar esas funcións, non para ter un empregado pagado con fondos públicos realizando tarefas que nada teñen que ver coas establecidas na convocatoria. Isto é un fraude ao traballador pero, sobre todo, é un fraude a toda sociedade, tan necesitada de emprego.

Nun caso, unha asociación de mulleres, dinme que non responderon a miña pregunta porque o meu nome se correspondía ao dun home e que ese colectivo está para atender outras necesidades, as das mulleres. Non repararon que detrás de quen fai esa pregunta podería estar un emprendedor ou empresario que pretendese realizar a contratación dunha muller -non?-, entre moitas outras explicacións posibles. E como si unha Asociación de Persoas con Discapacidade lle esixise aos empresarios un grao de minusvalía igual ou superior ao 33% para poder contratar.

Faltaba información? Por suposto, e dada a variedade do colectivo ao que me dirixín a información que faltaba era tamén moi variada, como xa vimos, pero non debemos esquecer que coas ferramentas das que dispomos, especialmente o correo electrónico, si existe vontade, é doado completala con tan só solicitala. Iso non sucedeu. Ao revés, a maioría lanzáronse a realizar buscas sobre a miña persoa en internet, como demostra o Analizador de Google respecto as entradas a moendo.net (xa o veredes máis adiante). Tan importante é a quen se lle responde? Tanto vos custa compartir uns coñecementos que todos, cos nosos impostos, pagamos? Alguén vos prohibe informar a determinados usuarios?

Máis sorpresas: leo un e-mail dun empresario, que está de vacacións e, aínda así, contesta ao meu correo. Non entende como alguén dende o seu posto de traballo non responde a súa correspondencia cando el, cada día, incluso en vacacións, responde centos de correos, aínda que só sexa para dicir “grazas”. Tamén me responde un Axente de Emprego e vello amigo, Jorge Pumar, AEDL do Concello de Coles, que estaba de vacacións, iso si, para pedirme que eu colla unhas vacacións. Pero si levo 8 meses! 😉

Soamente había que contestar e iso non require máis de 30 segundos na xornada dun Axente de Emprego. Non creo que, como aquel empresario, reciban centos de mensaxes diarias. Amais, as novas tecnoloxías, un elemento básico na comunicación entre axentes, emprendedores e recursos, facilitan esta tarefa; quen prescinde delas non debe ocupar o cargo de AEDL.

Outra das críticas que se fixo dese artigo é que as miñas conclusións eran precipitadas ao basearse nunha única mostra. Non é certo. É unha de tantas. Quizais esta se dirixía a un maior número de persoas o que, persoalmente, creo que lle confire máis credibilidade. Noutros casos dirixinme de xeito individual a diferentes axentes de distintas institucións ourensás: CIE de Ourense, CEO, UPTA Ourense, CIMO,… As súas aportacións foron nulas deica agora.

Especialmente ferinte resulta a “non resposta” de UPTA Ourense, con cuxa axente me disputei a principios de ano ese posto. Naquel momento sorprendeume que fose ela a persoa seleccionada pois, logo de presentarse a entrevista sen o CV, como se solicitaba, ao volver para traerllo ao entrevistador, Lisardo Domínguez, Presidente de UPTA Galicia, e logo de ter realizado a entrevista, pregúntanos aos que aínda agardábamos que “é iso dun Axente de Emprego”. Non tiña experiencia no posto, como si tiñamos outros nin, seguro, formación específica para o posto. Probablemente demostrou e probou a Lisardo que tiña as cualidades do perfil de persoa que buscaba: un comercial para facer socios para a asociación; e ambición persoal (pois a base de comisión -30 € por socio- podería máis que duplicar o salario que ofrecían -1200 €-). Máis tarde pasei polas que, supostamente, son as oficinas de UPTA en Ourense e estaban cerradas, así que acerqueime a empresa de Lisardo, que está xusto enfronte, e alí estaba esta axente de emprego: lucindo no despacho dunha empresa privada. É lamentable que certas persoas se presten a estes xogos sucios. Por suposto, as consultas dos socios e emprendedores quedan desatendidas.

A miña experiencia como Técnico de Emprego tamén me serve para chegar as conclusións que realizo, pois serviume para coñecer de preto a necesidade que teñen os axentes de información, neste caso ourensáns, ao ser este o ámbito xeográfico no que nos movíamos, xa que era asesor xurídico da UPD Integrou; cada día enviabamos alertas e logo unha publicación semanal recollendo todas as novas da semana. Moi ben debía estar realizado todo ou despertaba moi pouco interese, porque en seis meses tan só recibín dúas consultas de axentes de emprego, ambas de dúas asociacións e, de vez en cando, unha mensaxe de agradecemento dunha axente da CEO. Triste bagaxe.

Conclusións de Manual

Descoñezo cantos axentes tiveron a ben ler os manuais de BIC Galicia para AEDL Non o vou transcribir por completo, soamente algunhas das recomendacións que están relacionadas coas miñas conclusións, as que fan referencia ao Capítulo 3 do Manual de acollida, especialmente habilidades de comunicación e actitudes.

Amais das habilidades en novas tecnoloxías, moi deficientes polo que se viu, dentro das habilidades de comunicación o manual di que o AEDL debe transmitir rigor e confianza para que o usuario facilite a información requirida sobre a súa situación laboral. Isto implica que o usuario, de partida non ten porque dar toda a información, senón que é tarefa do AEDL buscar e gañar esa información. Non considero que non responder sexa unha técnica para lograr esa confianza.

Ao referirse as actitudes o manual sinala que o AEDL debe orientarse ao usuario, e non ao revés, para satisfacer as súas expectativas. Sobra sinalar a miña decepción -cousa que algúns confunden con frustración-. Fala o manual de empatía, de saber escoitar as formulacións do usuario. A maioría fixeron oídos xordos -quizais dicir “ollos cegos” fose máis exacto-. Cumpre ser asertivos e, polo tanto, abrir canles de comunicación. Ignorar ao usuario supón todo o contrario o cal pode dar lugar logo a malentendidos. Para saber máis sobre asertividade déixovos unha ligazón cara un mestre no tema: Bob Esponxa. Un bo AEDL debe ser respectuoso polos compromisos e obrigas adquiridos e non prexulgar nunca ao usuario entre outras actitudes que, como puido comprobarse nesta consulta, non se viron.

A UPD Coordina Local II

Non acabo de entender a mensaxe da UPD Coordina Local aos Axentes e Técnicos de Emprego. Porque negar a miña vinculación e a da “consulta” cando eu non afirmo ter relación algunha con eles? Explico aos diferentes destinatarios de onde saen os seus enderezos de correo, dunha mensaxe enviada por esta UPD, mensaxe que, por certo, viola a Lei de Protección de Datos (pero iso é outro problema, o seu), para que ninguén crese que o que infrinxe a lexislación son eu. Así, si alguén quere realizar unha demanda xa sabe a quen dirixirse.

Non entendo que problema lle pode supor a UPD Coordina Local que un ex-Técnico de Emprego manteña canles de comunicación abertas con outros Axentes e Técnicos de Emprego. Ou si. O que non queren é que os Axentes é Técnicos de Emprego se relacionen entre si fora da súa área de control. Non queren unha comunicación horizontal e libre senón unha comunicación xerárquica e dirixida dende o máis alto. Noutras palabras, queren que cada axente siga illado na cadeira da súa entidade, desconectado doutros, para que nunca xurda o “colectivo” nin a defensa do mesmo.

Non entendo, pola mesma razón, porque deberían aconsellarlle a un técnico que filtre as miñas mensaxes utilizando a utilidade de “correo non desexado”. Quen son eles para decidir por unha persoa adulta e libre que correo desexa ou non desexa recibir? Atreveríame a pedir o cese inmediato do Director da UPD Coordina Local II, Ángel Sucasas Peón, si non fose porque son consciente de que as irresponsabilidades no mundo en que este suxeito se move non ten prezo. E máis, a sensación que se percibe, é a contraria, aprécianse e prémianse.

Persoalmente, a UPD Coordina Local, como moitas outras, paréceme un chiringuito de carácter temporal -polo seu prazo de duración, dous anos-, a diferencia de outros, que se crean con carácter indefinido. A súa única e verdadeira función é o pago de favores electorais.

Como é posible que se confíe a coordinación de todos os Axentes e Técnicos de Emprego de Galiza a un ente de carácter temporal, cando parte, desgraciadamente unha minoría, dos Axentes e Técnicos de Emprego son persoal fixo? Sen dúbida foi unha brillante idea das mentes bipartitas que a nova Xunta non soubo emendar.

A inexistencia de colectivo

Reivindicar logo de suplicar e moi complicado e moitos dos profesionais dos que falo chegaron aos seus postos axeonllados. Esa é unha das principais barreiras cara a reivindicación da figura do AEDL e a súa adscrición as tarefas encomendadas. Moitos están condenados de por vida pola súa vinculación política.

A Rede de Técnicos de Emprego de Galicia e, ao meu entender, o ente perfecto para a coordinación e supervisión dos Axentes e Técnicos de Emprego de Galiza. Non son necesarios entes intermedios que, pola súa natureza, pasan a metade do tempo montando o chiringuito (selección, distribución de roles, páxina web, …) e a outra metade desmontando (volver a buscar emprego), xusto no intre en que todo estaba disposto para o seu funcionamento.

A interferencia da UPD Coordina Local II -e outras, que aparecen e desaparecen- serve para crear máis confusión na xa de por si heteroxénea natureza dos Axentes de Emprego, amplificando a indefinición das súas tarefas e complicando ao demandante dos seus servizos a elección do ente axeitado.

O meu estudo, considerado un ataque por aqueles que se senten acomodados na poltrona, sen facer nada e embolsando a súa nómina cada mes, sen que ninguén lles esixa resultados, algo que habitualmente se esixe a todo traballador, e que no desempeño desta profesión implica a creación de postos de traballo, si foi ben recibida por aqueles máis comprometidos coa creación de empresas e, por engadido, emprego. A eles -e aos que agardan nas listas do INEM- dirixo e confío a creación dunha Asociación de Axentes e Técnicos de Emprego, que dignifique, potencie e dea visibilidade ao colectivo, garanta a limpeza dos procesos selectivos, formando parte dos mesmos, e contribúa a definir as funcións dos AEDL rematando cos abusos das diferentes entidades.

Os problemas que afectan ao colectivo

Leo no manual ao que antes me refería que unha das eivas dos Axentes e Técnicos de Emprego (páxina 16) é o descoñecemento por parte das entidades para as que traballan, de cal é a súa labor. Este manual recoñece a existencia de extra-limitacións nas funcións dos AEDL e a asunción de tarefas que lle son alleas, sen embargo, Coordina Local II, non o censurou, ao revés, distribuíunos nas súas “espectaculares” -ao igual que inútiles- presentacións pola xeografía galega.

Coordina Local II é un problema. Non aporta nada extra, nada diferenciado ás outras UPD de carácter provincial (apoio, formación e información) ou comarcal. Asume de motu proio funcións que lle foron conferidas a outros facendo que os AEDL reciban cada día información solapada. Non cobre unha necesidade ou baldío existente, adoptando, respecto a outras UPD, unha posición hitleriana na procura de espazo vital.

Sen unidade non haberá estabilidade para o colectivo, perdurará a temporalidade e precariedade de moitos axentes e técnicos, onde moitas entidades pagan ao persoal contratado baixo estas subvencións o que lle ven en gana, triplicando o salario algúns axentes respecto a outros. Claro, isto a quen máis cobra non lle preocupa. Por exemplo, aos profesionais de Coordina Local, dos mellor pagados do Reino de Galiza, estas cousas tráenlle sen coidado.

Dilapídanse fondos en moitas UPD, como a do exemplo, e non se inviste en medios materiais para realizar a cabo as tarefas que corresponden, as que de verdade lle corresponden, aos AEDL, especialmente no que se refire as novas tecnoloxías. Probablemente algúns dos que non responderon a miña consulta foi porque non se atopaban xunto a un ordenador con conexión a rede, algo moi habitual no rural, máis si se atopa fora da oficina. Iso, cando non se da a circunstancia de ter que compartir con outra persoa mesa e PC, outra irregularidade moi común. Un portátil e unha conexión móbil son unha ferramenta indispensábel para realizar a función de Axente e Técnico de Desenvolvemento Local.

A soidade na que se atopa o Axente e Técnico de Emprego en moitas entidades afecta de xeito especial a súa autonomía. Depende, para realizar a súa labor, como vimos antes, dunha persoa que non entende a súa función, e que vai impedirlle realizar eficazmente a súa labor, ao non estar esta centrada entre catro paredes, senón aos territorios e sectores encomendados. Alguén que descoñece estas tarefas non pode impedir a flexibilidade horaria e mobilidade territorial necesarias, polo cal debe ser un ente superior, por exemplo a Rede de Técnicos de Galicia, quen debe autorizar esas saídas. Ou mellor, esixilas.

PDF

Prima a reactividade sobre a proactividade.

Que ten que dicir a UPD Coordina Local a todo isto?

Logo do post de onte, onde a meirande parte dos Axentes e Técnicos de Emprego de Galiza non saen moi ben parados, a resposta da UPD  Cooordina Local II, e que lle está a remitir a tódolos Axentes e Técnicos de Emprego a modo de consigna, é a seguinte:

Bos días a tod@s,

Ante as consultas relacionadas co correo remitido por Xosé Antón Vázquez Dorrío, comentarvos que:

1. A UPD Coordina Local non ten nada que ver co envío do mail nin comparte o seu contido. Desde esta UPD, creada para a coordinación e apoio aos axentes de promoción económica espallados por Galicia, somos conscientes da importancia do papel destes axentes, que teñen máis que xustificada a súa existencia polos anos de experiencia e o desenvolvemento local das zonas nas que traballan, e que son, en palabras do propio Director Xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy, “A Rede de Técnicos de Emprego de Galicia: un dos principais instrumentos impulsados pola Xunta de Galicia para apoiar a constitución de empresas que contribúan á xeración de novos postos de traballo”.

2. Desde a UPD recomendámosvos que non respondades ao correo de Xosé Antón Vázquez Dorrío para evitar darlle importancia a esta persoa que, estamos seguros, é o único que pretende.

3. Se non queredes recibir máis mensaxes desta persoa, podedes identificar a súa dirección como correo non desexado.

Recibide un cordial saúdo,

Equipo UPD Coordina Local II • BIC Galicia Edificio FEUGA Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n Campus Universitario Sur
15705 – Santiago de Compostela
Tfno. 981 52 30 54
Fax: 981 52 22 92

Fijate! Despois de máis de catro anos na rede, dende antes de que existise a UPD Coordina Local nas mentes bipartitas, para afundir a Rede de Técnicos de Galicia e crear este chiringito, e de ter presencia nas redes sociais máis inflintes, resulta que, segundo os responsables desta UPD, non son máis que alguén buscando protagonismo. Que repasen os post deste blog e xa verán…

Isto dinnos os responsables dunha UPD que leva meses funcionando, con presentacións espectaculares polo país, e ofertando uns servivios que non dan, por exemplo a páxina web da que falaron na súa presentación en Ourense (na CEO): www.coordinalocal.org, onde está? Clicade e sairávos a vella páxina). A súa aportación límita a mandar unhas cantas publicacións de boletíns e uns poucos eventos,… seguramente para encherlle o foro a algún responsable político. Triste aportación a economía deste país.

21 de Xaneiro: Paremos o decretazo contra o galego

A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

Por que rexeitamos este decretazo?

1) Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.

Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2) Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega.

O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3) Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros.

A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4) Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.

O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

5) Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.

O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.

Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.

O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

11.30 DA MAÑÁ NA ALAMEDA

HABERÁ AUTOBUSES DESDE DIFERENTES PUNTOS DO PAÍS

Infórmate en queremosgalego.org