Submisas e submisos por fora, rabiando por dentro

Así se refire Eduardo Punset as mulleres que, fai apenas uns anos, “se entregaban vestidas de negro, submisas por fora e rabiando por dentro”, en contra das xentes de agora que “saen armadas contra a desesperanza” da vellez. Todas? Todos?

Non todas. Non todos. Vivimos nunha sociedade onde moitas persoas seguen gardando a súa rabia. Ao abeiro das organizacións empresariais e, sobre todo, políticas, cegadas polo “seu atractivo mental e individual”, o cal lles impide ver que “as barreiras de entrada son practicamente infranqueables e onde a competencia e, por tanto, a innovación non son posibles”, non son benvidas,… ao abeiro destas organizacións, dicía, amontoase gran cantidade de xente submisa. Creen os que controlan estas organizacións que ese sometemento será perpetuo? Como se xustifica o dominio dunhas elites políticas sobre a masa social?

A maioría dos partidos políticos que coñezo seguen a tendencia contraria das empresas con máis éxito: aquelas onde se aplican practicas de responsabilidade social e corporativa, aquelas onde se busca, retén e premia o talento (employer branding), aquelas que acadan os seus obxectivos grazas ao esforzo da totalidade do equipo, un equipo de primeiro nivel, un equipo de persoas que cren no que fan (compromiso) e ten a capacidade para facelo (talento). O éxito está na combinación de ambas; pero sobre todo, na existencia de equipo.

“O que conta é o conxunto e non as partes independentes. Si as partes dun sistema funcionan perfectamente, pero non o sistema xeral, temos un problema” [José Máría Gasalla (2000)]. Agora que, si as partes do sistema non funcionan, nuns casos por falta de talento, noutros de compromiso, o que temos son moitos problemas.

Sentido de urxencia

John P. Kotter, en “Liderando o Cambio“, establece como a primeira das regras para lograr unha transformación social saber comunicar o “sentido de urxencia“. Nesas andamos dende que a crise financeira truncou a xeira de crecemento económico.

O peche de empresas, grandes, pequenas e autónomos, foi continúa, os EREs acumulábanse enriba das mesas das administracións competentes, o parón da contratación de persoal impediu renovar a boa parte da poboación traballadora que estaba suxeita a este tipo de contratos, as inversións millonarias dos gobernos, nuns casos para salvar a empresas multinacionais da banca, da automoción ou da construción, noutros para completar a receita máxica (aquela dos 400 €)  de panem circensque, esgotaron os beneficios recollidos anos atrás e comprometeron os de anos vindeiros.

A situación económica actual é pésima, a situación de traballadores, empregados e desempregados, pesimista. O goberno está desgonzado logo de que cada unha das súas medidas non servisen máis que para agravar a situación económica, agás a uns poucos que si llela solventou. Estas urxencias son as que usa a CEOE para forzar un acordo no que os traballadores perdan, como si xa non perderan abondo con esta crise, parte dos seus dereitos.

E que gaña o empresariado creando estas urxencias? O primeiro que logrou, levando ao seu país as taxas de desemprego máis elevadas da OCDE, foi a perda de competitividade propia, xa que si tes empresas nun país onde tantos traballadores non traballan nin, polo tanto, consumen, a empresa faise máis pequena tanto no mercado interior como no exterior. Toda esa perda dificilmente será recuperada cun cambio na lexislación laboral, máxime si, como é mais que previsible se convoca unha folga xeral.

Si o plan era crear ese “sentido de urxencia” para forzar a perda de dereitos dos traballadores, probablemente para as novas contratacións (mediante insiders/outsiders), o resultado e que tanto unha parte coma a outra se atopan coas mesmas urxencias, claro que o empresario pode sobrevivir aínda que lle pechen tódalas súas empresas (como mostra, o Presidente da Patronal, Díaz Ferrán) pero o traballador desempregado sofre todo tipo de dificultades.

Este cambio que se vai producir agora polas bravas puido terse realizado antes sen chegar a unha situación tan dramática, claro que para iso cumpría que se desen outras circunstancias que, a vista dos resultados, non se deron, por parte de ningunha das partes implicadas: a necesidade dun liderado sólido. Hai demasiados xerentes e moi poucos líderes. Kotter afirma que os xerentes só perseguen “minimizar os riscos e manter operativo o sistema actual”; sen embargo, para introducir un cambio cumpre un líder xa que “require a creación dun novo sistema”. Desafortunadamente vivimos nun país sen líderes.

Amais tiñan que darse outras condicións que tampouco se deron, como ter creado unha “coalición guía suficientemente poderosa”, condición esta imposible xa que o goberno de Zapatero está totalmente só dende o día da súa investidura; ter unha visión clara e saber transmitila -sobre isto non fai falla que engada nada- dun xeito intenso é crible; eliminar os obstáculos que dificulten a visión, tarefa dificil cando o marco de actuación é un estado; e evitar declarar a victoria demasiado pronto -quen non se lembra dos brotes verdes?-.

Si finalmente se produce un cambio na lexislación laboral que perxudique ao traballador é evidente que estallará un conflicto social, aínda que os tempos non o permitan. Porqué? Porque coa urxencia como único elemento para levar a cabo un cambio social, non é posible acadalo.

Os “non representantes” dos “non traballadores”

Si tivese que buscar unha definición axeitada para definir aos sindicatos sería esa: os “non representantes” dos “non traballadores”.

Hoxe os sindicatos son un bulir constante, un fervedoiro, dende que o Sr. Zapatero tivo a súa derradeira ocorrencia: baixar o soldo dos funcionarios. Tivo moitas outras antes, cada cal peor que esta, pero ningunha organización sindical dixo nada ou, de onde crían que ían saír os cartos para pagar as axudas ao sector automobilístico (Plan2000E), financeiro (o FROB) ou construtor (PlanE)?. Grazas ao Plan2000E e aos impostos que todos aportaremos agora salváronse milleiros de postos de traballo, non só aquí, senón en todo o mundo, pois a maior parte dos coches financiados con eses cartos eran importados; co FROB pagaremos as débedas dos bancos e caixas que fiaron e investiron en produtos lixo enxeñados alén do mar; co PlanE as administración puideron manter nos seus postos aos traballadores de grandes construtoras, as que traballan normalmente coa administración, e financian de xeito habitual e ilegal aos partidos políticos. É importante ter contentes aos que realmente mandan.

Mentres todo isto sucedía o cerre de empresas, PEMES e autónomos era imparable. En tódolos sectores. Para estes non había axudas porque axudas non pode haber para todos. Cando uns levan as axudas outros ten que pagalas; é de sentido común. Millóns de persoas quedaron sen emprego.

Grazas a política de estrangulamento levada a cabo polo partido socialista, e consentida pola maioría dos sindicatos e de partidos políticos, é que agora as empresas ten máis opcións estratéxicas ao seu favor e poden exercer maior presión sobre os prezos do mercado laboral… é a lei da oferta e a demanda.

Os sindicatos defenderán os dereitos dos traballadores, pero non farán o mesmo cos non traballadores, asumirán e permitirán un novo recorte de dereitos. Chamaranlle flexibilización salarial. As empresas comprometeranse a realizar novos contratos sempre e cando os novos traballadores contratados reciban salarios menores que os xa contratados, teñan menos dereitos (menor custo do despedimento) e asuman máis riscos (aplicando cada vez máis o principio de incentivos).

O resultado será unha maior inestabilidade no emprego o que nos levará a unha menor cualificación no posto de traballo, a asumir máis riscos e sufrir máis accidentes, a aforrar máis e consumir menos,… e aí volve a roda a comezar: consumindo menos será máis difícil crear emprego. Entenderán algún día as empresas que sen traballador/consumidor non hai negocio?

Altruismo ou negocio

Evo Morales dixo fai un tempo que “as ONG usan aos pobres para vivir ben”. Esta afirmación non é de todo certa, ao revés, as ONG’s realizan unha importante labor humanitaria tanto a nivel planetario como local, sen embargo, moitas veces, as excepcións non fan máis que confirmar aquela regra.
Vexamos as previsións das contas da asociación a que me refería no artigo anterior:

Orixe dos recursos

Euros

Recursos propios

69.900

Cotas

35.000

Doazóns

15.000

Inscripcións a cursos

11.300

Subvencións

167.520

Administración Central

25.000

Administración Autonómica

82.520

Administración Local

60.000

TOTAL

237.320

Destino dos recursos

Euros

Apoio a ONG do sur

55.000

Formación

6.500

Actividades e programas

60.820

Compras de comercio xusto

10.000

Administración

105.000

TOTAL

237.320

A priori todo normal, non?, mais si nos fixamos podemos decatarnos que se gasta máis na administración da propia organización (aproximadamente o 45% do orzamento) que nos fins para os que foi concibida (menos do 25% do orzamento). Tamén se pode observar que a suma de doazóns máis as cotas dos socios suman case tanto como o que envían ás ONG’s do sur. Alguén pode pensar, para que todo o demais?

Certamente, contar cunha directiva profesionalizada permitirá á asociación acceder a novos recursos ao ocuparse estas persoas á procura de axudas públicas, xestionar solicitudes, negociar con administracións, empresas, etc., desenvolver novos proxectos, estruturar unha entidade en continuo crecemento, seleccionar e contratar persoal e moitas outras tarefas que sen un equipo profesional sería moi difícil levar a cabo, pero tamén pode ser visto pola sociedade como un gasto superfluo ou excesivo, máxime si temos en conta a relación entre custo e obxectivos acadados.

Tamén se pode entender como unha desviación dos obxectivos fundamentais da asociación ao adicarse esta -e as persoas que a forman-, pola súa necesidade de expandirse para sobrevivir, a crear novos proxectos (neste caso plantexábasenos a posibilidade de por en marcha unha axencia de turismo responsable) cada vez menos altruístas e con máis vocación de xerar beneficios.

A aplicación do Modelo de Xestión de Calidade Total e o desenvolvemento económico e social do rural

Cando Mercadona decidiu implementar o Modelo de Xestión de Calidade Total, a principios da última década do século pasado, atravesaba unha situación de crise, froito da concentración do sector entorno a grandes multinacionais estranxeiras. Naquel intre, a estratexia da empresa era semellante a que aínda practican hoxe GADIS ou FROIZ, especialmente a primeira, baseada no axuste de prezos cos provedores e na realización de grandes campañas publicitarias, unha estratexia na que ten todas as de perder contra as grandes empresas do sector.

En 1993 o presidente da cadena valenciana decidiu implementar o Modelo de Xestión de Calidade Total, co que conseguiu situar a súa compañía entre as máis importantes distribuidoras mundiais do seu sector (no posto 14 no momento de realizar este estudo) e entre as grandes distribuidoras en termos xerais (no posto 38 segundo esta nova de El País).

A premisa que rexe este modelo di que “para poder estar satisfeito, primeiro hai que satisfacer aos demais” e para iso Mercadona, primeiro de nada, busca satisfacer aos seus clientes, obxectivo no que se implica ao cadro de persoal, aos provedores e a propia compañía, apostando pola innovación.

Para que o cadro de persoal e os provedores se identifiquen co proxecto, Mercadona non podía deixalos ao marxe deste modelo de xestión, satisfacendo aos primeiros mantendo con cada un deles unha relación particular, premiando a autorealización, a estabilidade, a formación continua, a conciliación da vida profesional e familiar, apostando pola contratación indefinida e practicando unha política retributiva que supera a media do sector.

Mais, o que realmente inflúe dun xeito determinante do desenvolvemento económico e social dunha economía, e de xeito específico, no medio rural, é a satisfacción total dos provedores, especialmente os interprovedores. Estes subministran produtos en exclusiva a Mercadona e a compañía aposta por manter con eles unha relación de “por vida”, experimentando e innovando constante e conxuntamente, compartindo coñecemento para a mellora en tódolos procesos do negocio (política de libros abertos).

A relación cos inteprovedores fundaméntase nun contrato de colaboración de carácter indefinido, garantíndolle o negocio case de por vida; si remata a relación, ámbalas partes dispón dun período de tres anos para buscar un novo provedor ou adaptarse a nova situación. Todo isto implica para os provedores estabilidade, continuidade, duración e satisfacción, unha das claves do éxito da compañía, o que permite aos provedores realizar inversións para modernizar os seus sistemas produtivos sen arriscarse a non atopar saída para os seus produtos ou enfrontarse a presión da política de baixos prezos que impón as grandes distribuidoras (e non tan grandes, como as galegas). Amais, os acordos entre Mercadona e o interprovedor garanten a este unha marxe de beneficio suficiente que lle permita aumentar o seu tamaño e mellorar a súa posición competitiva respecto a outras empresas.

Os produtores galegos atópanse logo con dous grandes problemas: primeiro, as propias distribuidoras do país, que trasladan sobre eles a presión dos prezos para competir coas grandes superficies foráneas nun mercado no que non ten capacidade suficiente e, segundo, os produtores que colaboran con empresas que, como Mercadona, apostan polo Modelo de Xestión de Calidade Total.

Desinformación

Na actualidade, a maioría das novas que provén das administracións públicas están destinadas a provocar unha enchente de desinformación da que logo os medios amarelos se fan participes trasladándoa ás masas. Nun mundo no que a información é efémera cumpre xerár a diario novas que manteñan permanentemente enganada a cidadanía, pois de non facelo, e coa inxente cantidade de información que xorde a través da Sociedade do Coñecemento e a Información (internet, vaia) córrese o risco de que os que xeren influencia no pobo sexan outras fontes.

A Xunta de Galicia agasallounos aos galegos, no día de reis, con 6,3 millóns de euros. Di a nova:

“Os concellos galegos veñen de recibir da Consellería de Traballo e Benestar en torno a 6,3 millóns de euros para financiar a contratación de 288 Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (AEDL) nas distintas comarcas da xeografía galega”

Si facemos contas, con 6,3 millóns de euros para 288 AEDL sáenos a 21.875 euros anuais (para pagar o seu salario e, como non, Seguridade Social, formación, paro, impostos,…). Non sae, verdade?

Entón, isto máis que ser un regalo de reis da Xunta aos Consellos semella un deses caramelos que, durante a cabalgata ves pasar por riba da túa cabeza, xa que si os fondos que destina a Xunta aos novos AEDL, coa situación financeira que sofren a maioría dos Concellos na actualidade, é imposible a contratación deste persoal si dende a administración autonómica non se financia o 100 por 100 do seu custo. É máis, os Concellos que máis afogados están polas súas débedas serán, ensimesmo, os que máis necesidade teñan deste persoal técnico para dinamizar a economía do seu municipio e, sen embargo, serán os primeiros en ter que renunciar a eles por non poder permitirse afrontar novos gastos, aínda que só sexa unha parte do total.