A aplicación do Modelo de Xestión de Calidade Total e o desenvolvemento económico e social do rural

Cando Mercadona decidiu implementar o Modelo de Xestión de Calidade Total, a principios da última década do século pasado, atravesaba unha situación de crise, froito da concentración do sector entorno a grandes multinacionais estranxeiras. Naquel intre, a estratexia da empresa era semellante a que aínda practican hoxe GADIS ou FROIZ, especialmente a primeira, baseada no axuste de prezos cos provedores e na realización de grandes campañas publicitarias, unha estratexia na que ten todas as de perder contra as grandes empresas do sector.

En 1993 o presidente da cadena valenciana decidiu implementar o Modelo de Xestión de Calidade Total, co que conseguiu situar a súa compañía entre as máis importantes distribuidoras mundiais do seu sector (no posto 14 no momento de realizar este estudo) e entre as grandes distribuidoras en termos xerais (no posto 38 segundo esta nova de El País).

A premisa que rexe este modelo di que “para poder estar satisfeito, primeiro hai que satisfacer aos demais” e para iso Mercadona, primeiro de nada, busca satisfacer aos seus clientes, obxectivo no que se implica ao cadro de persoal, aos provedores e a propia compañía, apostando pola innovación.

Para que o cadro de persoal e os provedores se identifiquen co proxecto, Mercadona non podía deixalos ao marxe deste modelo de xestión, satisfacendo aos primeiros mantendo con cada un deles unha relación particular, premiando a autorealización, a estabilidade, a formación continua, a conciliación da vida profesional e familiar, apostando pola contratación indefinida e practicando unha política retributiva que supera a media do sector.

Mais, o que realmente inflúe dun xeito determinante do desenvolvemento económico e social dunha economía, e de xeito específico, no medio rural, é a satisfacción total dos provedores, especialmente os interprovedores. Estes subministran produtos en exclusiva a Mercadona e a compañía aposta por manter con eles unha relación de “por vida”, experimentando e innovando constante e conxuntamente, compartindo coñecemento para a mellora en tódolos procesos do negocio (política de libros abertos).

A relación cos inteprovedores fundaméntase nun contrato de colaboración de carácter indefinido, garantíndolle o negocio case de por vida; si remata a relación, ámbalas partes dispón dun período de tres anos para buscar un novo provedor ou adaptarse a nova situación. Todo isto implica para os provedores estabilidade, continuidade, duración e satisfacción, unha das claves do éxito da compañía, o que permite aos provedores realizar inversións para modernizar os seus sistemas produtivos sen arriscarse a non atopar saída para os seus produtos ou enfrontarse a presión da política de baixos prezos que impón as grandes distribuidoras (e non tan grandes, como as galegas). Amais, os acordos entre Mercadona e o interprovedor garanten a este unha marxe de beneficio suficiente que lle permita aumentar o seu tamaño e mellorar a súa posición competitiva respecto a outras empresas.

Os produtores galegos atópanse logo con dous grandes problemas: primeiro, as propias distribuidoras do país, que trasladan sobre eles a presión dos prezos para competir coas grandes superficies foráneas nun mercado no que non ten capacidade suficiente e, segundo, os produtores que colaboran con empresas que, como Mercadona, apostan polo Modelo de Xestión de Calidade Total.

2 comentarios en “A aplicación do Modelo de Xestión de Calidade Total e o desenvolvemento económico e social do rural”

  1. Bom artigo, nom conhecia eu estas cousas de Mercadona. Contodo, seguirei-me opondo a que se estabeleça em Chantada o seu centro comercial porque suporia a ruina do comércio local, aí a esquerda abertxale actuava com firmeza impedindo que nos seus concelhos se instala-se qualquer umha destas grandes áreas comerciais.

    Umha aperta irmandinha

  2. Sen embargo, dun deses pobos de Euscadi xurdiu unha das maiores cadenas de distribución, Eroski, outro exemplo a seguir, cun modelo de negocio totalmente diferente (cooperativa de traballadores e consumidores).

    Si les o estudo verás que entre as claves do éxito de Mercadona está a eliminación de productos que ten pouca venda. Isto non é bo. Neste sentido hai que decir que o mantemento de pequenas tendas no rural, e incluso grandes superficies, como Carrefour, son máis favorables para a conservación da biodiversidade posto que comercian con productos locais, no primeiro caso, ou dispoñen de maior variedade, no segundo.

    Ao respecto, cabe sinalar que as cadenas galegas, unha vez máis, nin ofertan a mesma variedade de productos dunha gran superficie, nin son respectuosas co producto local.

Os comentarios están pechados.