Non se albiscan alternativas ao capitalismo depredador

Comezou o “III Encontro Internacional de Emprendedores: Eduardo Barreiros” coa conferencia “Programas e liñas de axuda para emprendedores do MITYC” a cargo de Antonio Fernández Ecker, un tema que que ao empresariado, en palabras de Agustín Fernández, Concelleiro de Economía, Facenda e Promoción do Emprego, “chirría” un pouco.

Isto sucede porque son tantas as liñas de axuda, con presupostos cada vez máis limitados, para dar paso a outras novas, e son, cada vez máis, os organismos intermedios beneficiarios destas axudas. Cales son os organismos intermedios? Boa pregunta. Foi tema de debate. Son o que comunmente coñecemos como chiringuitos, isto é, poden ser unha asociación de ámbito social, empresarial, etc, unha fundación, unha cámara de comercio, un sindicato,… é dicir calquera entidade autónoma, pública ou privada, sen ánimo de lucro. Isto impide que organismos como os Concellos, Deputación, ou Xunta non podan ser beneficiarias directas destas axudas, e crear así postos de traballo de carácter público, e se vexan na obriga de fomentar eses detestables chiringuitos, verdadeiros gardiáns do emprego precario, temporal e moi dado ao enchufismo.

Antonio Fernandez falou de iniciativas moi interesantes para o emprendedor como CEVIPYME, INNOEMPRESA, RSE PYME, ENISA, CERSA, Bussines Angels, Microcréditos a mulleres emprendedoras, Programa Tutela,…e moita outra información, moitas veces descoñecida que se pode atopar nas páxinas de web de IPYME e CIRCE. Con toda esta información fómonos ao descanso.

Pensei que o encontro ía estar máis aburrido, así que me levei a revista WALKIN, unha revista trilingue (catalán, castelán e inglés) que edita a UOC. Leo unha entrevista a Susan George, presidenta de ATTAC, ao final da cal di algo que me obriga a tomar nota: “sempre pensei que cando a maioría está plenamente convencida de algo é porque, seguramente, se trabuca”. Ten que haber moita xente trabucada no mundo …

A volta da pausa a conferencia seguía a cargo de Ignacio Urdiales, Director Financeiro de Blu:sens, e Emilio Fernández Suárez, Profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo, un para falar de “Empresas TIC” e o outro sobre “Medio Ambiente e Enerxía” como “Oportunidades de actividade no marco da crise“. Anoto a cita que aparece na primeira páxina do Power Point: “se queres ir rápido, viaxa só. Se queres chegar lonxe, faino acompañado. Blu:sens Global Corporation”.

Ignacio fai referencia ao perfil emprendendor dos fundadores de Blu:sens (José Ramón García e Miguel Silva): compromiso e determinación, paixón polo proxecto e visión estrátéxica. Pídeselle moito a un emprendedor… amais, que teña cartos, porque hoxe non lle fían a ninguén. O Director Financeiro de Blu:sens cita algúns dos piares do éxito da compañía: innovación constante, consistencia, rapidez e anticipación, boa relación calidade prezo, alta calidade, practicidade e flexibilidade. Amais disto, adicar un 7% dos orzamentos ao marketing e un 5% a I+D+I.

Emilio Fernández comezou a súa intervención sinalando a principal fonte de contaminación: o ser humano,  comparando o crecemento demográfico da especie humana co do xurdimento dunha praga. A verdade é que estes gráficos dan medo. Máis, a miña pregunta é: é compatible o crecemento económico co respecto ao medio ambiente e aos dereitos humanos?

O certo é que os dous contertulios non conseguiron dar unha resposta convincente, cando menos que me convencese a min. Falar de políticas de Responsabilidade Social Corporativa respecto ao grupo de traballadores (135) que conforman a compañía Blu:sens na súa sede de Santiago de Compostela é moi bonito, incluso dicir que diante da sede da empresa se prantaron unhas árbores como mostra de respecto ao medio ambiente, insistir en que se cumpre toda a normativa CE nos productos finalizados, pero, que sucede na orixe?

Ben a miña opinión é que por máis que se trate de trasladar unha imaxe de respecto ao entorno, neste entorno, no noso, onde se comercializa o produto, erradicando as agresións ao traballador e a natureza, a realidade é que eses problemas non desapareceron, soamente cambiaron de lugar, para un lugar onde as esixencias medioambientais e os dereitos laborais están menos regulados: China. Como o que alí contaminan non o respiramos nós a contaminación non existe… mentres tanto, seguiremos prantando árbores nos nósos parques tecnóloxicos e ningún panel solar.

A miña conclusión destas dúas intervencións e das respostas as miñas preguntas é que non é posible o exito empresarial si se respecta totalmente ao medio ambiente. Aínda así hai que seguir loitando porque, como di Susan Georges, “eu razono en términos de optimismo e pesimismo. O que teño é esperanza. E dígoo dunha maneira moi racional. Temos probas históricas que demostran que as cousas cambian“.

Pala tarde, nun novo panel, “Novos perfis, novas necesidades do emprendedor” contamos coa presenza de dous bloggers. Como blogger afeccionado debo recoñecer que agardaba moito máis deles mais, claro, son emprendedores, son innovadores, si dalgo van falarche non é das súas ideas de futuro, senón das pasadas; as futuras seguramente as acaben pondo eles en práctica, máxime cando nos referimos a un mundo tan cambiante como o das TIC.

Isto é ao que o comunity manager Marc Vidal, blogger e Director Xeral de Cink, chama “emprendeduría dínamica” e que esixe unha actitude de constante adaptación ao cambio que obriga a desbotar calquera plan de empresa tanto a curto, medio, como longo prazo. No sector das TIC os plans reinventanse cada día. Algunhas das claves do éxito, para Marc, están en saber cometer erros, ter a capacidade de transformalos en know how, e no traballo en rede: compartir, proxectar globalmente e aprobeitar o traballo colectivo e desinteresado que millóns de persoas aportan cada día a web. Ou, como el dixo, cumpre comportarse como secoias (o nome ao galego inventeimo, admítense correccións), a árbore viva máis grande do mundo, acadando os 125 metros de altura cunhas raices de pouco máis ou menos medio metro.

Iso si, a diferencia das secoias que se axudan unhas a outras para sobrevivir, o comportamento das empresas é ven diferente, é competitivo, e o que se busca sempre e superar, e si se pode eliminar, a competencia.

Jaime Estévez, periodista, blogger e Director da Axencia de noticias Agoranews, comezou a súa intervención facendo unha crítica ao sistema de subvencións. Efectivamente, si un emprendador quere realizar unha inversión no eido das TIC non pode estar agardando por unha axuda ou subvención da administración porque esta móvese con outros tempos. Probablemente para cando che concedan esas axudas a vida útil do proxecto xa rematou, no peor dos casos, ou se tivo que reformular, cando mellor. Insistiu, como Marc, na importancia que ten as redes sociais na creación de valor da empresa (iso que na vida real chamamos boca-orella e que aquí ben podíamos chamar man-ollo); tamén coinciden en que os “bussines plan non serven para nada” neste eido.

Menos interesantes resultaron as intervencións, con perdón, que se referiron ao “Cambio xeracional nas empresas familiares locais” e a “Actividade exportadora como oportunidade“, nuns casos, o dos nosos empresarios locais, por carecer de contidos innovadores (estratexias, tecnoloxía, RSE, visións,…); noutros, no caso da exportación, por referirse a un modelo de exportación propio do século pasado: pesado (por volumen), lento, pouco flexible e caro (impostos, aranceis, intereses e taxas por servizos bancarios), con nula referencia a comercilización virtual, pago electrónico,… moito máis áxil e accesible para un novo emprendedor.

A última xeira destas xornadas para emprendedores chamada “Emprendendo e entornos urbáns” tivemos a oportunidade de coñecer o desenvolvemento de tres localidades ben distintas: Ureña, da man do seu Alcalde, Manuel Pérez-Minayo Reguera, a Cidade Histórica Vitoria-Gasteiz, Gonzalo Arroita Berenguer, e de Barcelona, para falar do proxecto 22@barcelona, Jaume Amill Miralles, tres casos paradigmáticos de xeración de riqueza recuperando patrimonio en ruinas, esquecido ou inservible. Quizais polas súas similitudes con Ourense, o modelo máis aplicable aquí sexa o de Vitoria-Gasteiz, creando actividade comrcial no casco vello da cidade, en torno aos oficios, si, pero tamén ao arredor da súa historia. Para iso cumpre investigar moito sobre ela, para o cal se precisan axudas, e saber proxectala a través das redes sociais, como non, para que o turista perciba unha cidade distinta e máis atractiva.

O modelo de Ureña pódese aplicar en moitos núcleos poblacionais do rural, onde temos tanto patrimonio esquecido e aínda agochado (ducias de castros) e, cada vez máis, abandonado polo avellentamento e despoboamento dos pobos.

Mais difícil é atopar compromiso das administración e financiamento privado para por en marcha proxectos como 22@barcelona. Aos nosos políticos fáltalles visión e os nosos empresarios só perseguen a acumulación (aínda están nese proceso que sociedades máis avanzadas como a catalana fai séculos superaron, priorizando a construción de país sobre os intereses individuais duns poucos).

Submisas e submisos por fora, rabiando por dentro

Así se refire Eduardo Punset as mulleres que, fai apenas uns anos, “se entregaban vestidas de negro, submisas por fora e rabiando por dentro”, en contra das xentes de agora que “saen armadas contra a desesperanza” da vellez. Todas? Todos?

Non todas. Non todos. Vivimos nunha sociedade onde moitas persoas seguen gardando a súa rabia. Ao abeiro das organizacións empresariais e, sobre todo, políticas, cegadas polo “seu atractivo mental e individual”, o cal lles impide ver que “as barreiras de entrada son practicamente infranqueables e onde a competencia e, por tanto, a innovación non son posibles”, non son benvidas,… ao abeiro destas organizacións, dicía, amontoase gran cantidade de xente submisa. Creen os que controlan estas organizacións que ese sometemento será perpetuo? Como se xustifica o dominio dunhas elites políticas sobre a masa social?

A maioría dos partidos políticos que coñezo seguen a tendencia contraria das empresas con máis éxito: aquelas onde se aplican practicas de responsabilidade social e corporativa, aquelas onde se busca, retén e premia o talento (employer branding), aquelas que acadan os seus obxectivos grazas ao esforzo da totalidade do equipo, un equipo de primeiro nivel, un equipo de persoas que cren no que fan (compromiso) e ten a capacidade para facelo (talento). O éxito está na combinación de ambas; pero sobre todo, na existencia de equipo.

“O que conta é o conxunto e non as partes independentes. Si as partes dun sistema funcionan perfectamente, pero non o sistema xeral, temos un problema” [José Máría Gasalla (2000)]. Agora que, si as partes do sistema non funcionan, nuns casos por falta de talento, noutros de compromiso, o que temos son moitos problemas.

Sentido de urxencia

John P. Kotter, en “Liderando o Cambio“, establece como a primeira das regras para lograr unha transformación social saber comunicar o “sentido de urxencia“. Nesas andamos dende que a crise financeira truncou a xeira de crecemento económico.

O peche de empresas, grandes, pequenas e autónomos, foi continúa, os EREs acumulábanse enriba das mesas das administracións competentes, o parón da contratación de persoal impediu renovar a boa parte da poboación traballadora que estaba suxeita a este tipo de contratos, as inversións millonarias dos gobernos, nuns casos para salvar a empresas multinacionais da banca, da automoción ou da construción, noutros para completar a receita máxica (aquela dos 400 €)  de panem circensque, esgotaron os beneficios recollidos anos atrás e comprometeron os de anos vindeiros.

A situación económica actual é pésima, a situación de traballadores, empregados e desempregados, pesimista. O goberno está desgonzado logo de que cada unha das súas medidas non servisen máis que para agravar a situación económica, agás a uns poucos que si llela solventou. Estas urxencias son as que usa a CEOE para forzar un acordo no que os traballadores perdan, como si xa non perderan abondo con esta crise, parte dos seus dereitos.

E que gaña o empresariado creando estas urxencias? O primeiro que logrou, levando ao seu país as taxas de desemprego máis elevadas da OCDE, foi a perda de competitividade propia, xa que si tes empresas nun país onde tantos traballadores non traballan nin, polo tanto, consumen, a empresa faise máis pequena tanto no mercado interior como no exterior. Toda esa perda dificilmente será recuperada cun cambio na lexislación laboral, máxime si, como é mais que previsible se convoca unha folga xeral.

Si o plan era crear ese “sentido de urxencia” para forzar a perda de dereitos dos traballadores, probablemente para as novas contratacións (mediante insiders/outsiders), o resultado e que tanto unha parte coma a outra se atopan coas mesmas urxencias, claro que o empresario pode sobrevivir aínda que lle pechen tódalas súas empresas (como mostra, o Presidente da Patronal, Díaz Ferrán) pero o traballador desempregado sofre todo tipo de dificultades.

Este cambio que se vai producir agora polas bravas puido terse realizado antes sen chegar a unha situación tan dramática, claro que para iso cumpría que se desen outras circunstancias que, a vista dos resultados, non se deron, por parte de ningunha das partes implicadas: a necesidade dun liderado sólido. Hai demasiados xerentes e moi poucos líderes. Kotter afirma que os xerentes só perseguen “minimizar os riscos e manter operativo o sistema actual”; sen embargo, para introducir un cambio cumpre un líder xa que “require a creación dun novo sistema”. Desafortunadamente vivimos nun país sen líderes.

Amais tiñan que darse outras condicións que tampouco se deron, como ter creado unha “coalición guía suficientemente poderosa”, condición esta imposible xa que o goberno de Zapatero está totalmente só dende o día da súa investidura; ter unha visión clara e saber transmitila -sobre isto non fai falla que engada nada- dun xeito intenso é crible; eliminar os obstáculos que dificulten a visión, tarefa dificil cando o marco de actuación é un estado; e evitar declarar a victoria demasiado pronto -quen non se lembra dos brotes verdes?-.

Si finalmente se produce un cambio na lexislación laboral que perxudique ao traballador é evidente que estallará un conflicto social, aínda que os tempos non o permitan. Porqué? Porque coa urxencia como único elemento para levar a cabo un cambio social, non é posible acadalo.

O límite da indignación

“En opinión de Bebchuk and Fried o único factor que constrinxe as retribucións dos executivos é o denominado “límite da indignación”, isto é, a preocupación ante o feito de que o pago de emolumentos excesivos aos executivos poida provocar unha airada reacción por parte de quen, no caso contrario, se amosarían habitualmente aquiescentes, a saber, accionistas, traballadores, políticos ou opinión pública en xeral”

Paul Krugman, Despois de Bush, 2008

Non sei si será o límite da indignación quen empuxa a baixa os salarios dos executivos dos USA; o que si teño claro é que tales límites ou ben non existen en política ou ben aínda non o acadamos, isto é, que a cousa debería ir a peor para que a cidadanía se indignase coa caste política.

Temos na actualidade máis “políticos profesionais” que nunca, que seica se poñen soldos en aras de demostrar transparencia do que sacan das nosas arcas públicas en contra do que fan os “políticos aficionados” que seica rouban a mans cheas.

Os políticos son, como os directivos das grandes compañías, os únicos privilexiados deste reino mortal que poden permitirse poñer o soldo que queiran, a conta de todos nós, e dicirnos que iso non é roubar, senón o cobro por unha prestación de servizos á que ninguén, por certo, os obriga. E quedámonos todos tan contentes, e xustificámolos, e dicimos: “polo menos este non nos rouba”.

Rebélome contra estes argumentos: róubannos a cara descuberta -e probablemente, tamén as agochadas-. Ser representante dun Concello é algo que unha persoa debe facer de xeito altruísta polo beneficio da comunidade a que pertence e non polo interese particular, propio e/ou duns poucos.

Fai catro anos a oposición na cidade de Ourense denunciaba escandalizada que o Alcalde da nosa cidade era un dos mellor pagados do Estado; un ano despois, non só o Alcalde entrante se poñía o mesmo soldo que o saínte senón tamén o Tenente-alcalde. Pasamos de ter un dos Alcaldes mellor pagados do Estado a ter dous. Amais beneficianse da adicación exclusiva todas as concelleiras e concelleiros do goberno da cidade (en total os catorce concelleir@s elect@s máis unha non electa, a “alcaldesa” de Entrimo). Tanto profesional non foi abondo, pois estes non teñen a obriga de ter coñecementos propios das súas competencias, de xeito que a estes dirixentes “non cualificados” permíteselles contratar “a dedo” a persoal cualificado da súa confianza para que os asesoren no seu quefacer diario.

Mentres tanto na nosa cidade -e en moitas outras onde se estendeu esta praga que mistura profesionais non cualificados e cualificados ben relacionados- as taxas de desemprego seguen crecendo sen que a cidadanía se indigne. Ata cando!?

A ditadura perfecta

O BNG comarcal de Allariz-A Limia leva rumbo de converterse na “ditadura perfecta”, unha ditadura envolvida en papel demócrata. A correlación de forzas que forman o Consello Comarcal, viciada polas presións dos responsables políticos que naquel intre tiñan algún cargo público en base aos favores feitos ou ás promesas futuras (alguén oíu algunha crítica dende o nacionalismo á sucesión baltariana do PP. Como ían dicir nada si meses antes eles fixeran o mesmo nas eleccións internas do BNG? Cando menos desta vez foron coherentes, cousa nada habitual), está tramitando o expediente de expulsión de Alberte Sobrino, segundo me comenta o membro ilexítimo deste Consello, por mesturar ao BNG nun conflito particular entre o Concello de Maceda máis el.

Non é certo que Alberte fixera tal cousa, Alberte reclama unha débeda ao Concello de Maceda, non ao BNG, e en ningún intre mistura a súa militancia no partido con iso. Quen si o fai é Xavier Oviedo na nota informativa que repartiu por toda Maceda (paneis informativos, cristaleiras de bares, paredes, caixas de correo,…), unha nota na que di que este militante trata de aproveitarse do seu “achegamento partidario”. Agora é precisamente este quen trata de sacar do medio a un dos seus compañeiros alegando uns feitos que Alberte non cometeu -e si o propio Alcalde. Hai que ver con que facilidade perde as formas este personaxe!-.

Sobra dicir que pensa de todo isto o (ir)Responsable Comarcal do BNG. El tamén quere quitar do medio a cantos non son da súa corda para así manter a súa posición privilexiada na pseudodemocracia interna desta organización. Por suposto, non haberá ningún tipo de medida disciplinaria contra Xabier Oviedo -para min a súa conduta si é merecedora da expulsión do partido-, só queda agardar que o pobo de Maceda o poña no lugar que se merece: na oposición.

Un pobo non pode permitirse un Alcalde que trata de coartar a liberdade de expresión dos seus veciños, un Alcalde que utiliza os instrumentos de poder ao seu alcance para atacar a un veciño ou para favorecer a outros, un Alcalde que executa proxectos a cargo dos proveedores e non dos fondos propios do Concello, proveedores aos que non atende coa mesma puntualidade con que, a bo seguro, carga a súa nómina. Profesionais…

Fichaxes

Será Baltar Blanco (BB) o novo Florentino Pérez da política? Eladio Fernández (EF) chega ao PP en plan “Cristiano Ronaldo” dicindo que o proxecto do novo presidente provincial dos populares, BB. lle parece “sólido, fiable e ilusionante”. Un crack!

Di a nova fichaxe que comparte co seu actual partido as súas “ideas, proxecto e obxectivos para sacar adiante a provincia”. Esmendréllome!

Na rolda de prensa da súa presentación -aínda non se sabe que número lucirá na camisola- EF reivindicou a súa liberdade política e proclama que “hai un proxecto que me ilusiona moito máis e estou a disposición de BB para o que dispoña”. Plas, Plas, Plas,…!

Ilusión, identificación, humildade. Que máis se lle pode pedir a un político? Que venda camisolas ou, deixando a un lado o símil futbolístico, que arrastre votos. Disto xa teño as miñas dúbidas, máis non sería o primeiro caso de eterna promesa que triunfa lonxe da súa casa. Disto sabe moito BB, asiduo galeguista do fondo sur do Santiago Bernabeu.

Amais, a súas aptitudes serán unha chamada de atención aos actuais membros do equipo popular, para que non se durman nos laureis e, especialmente a canteira: o novo presidente está disposto a buscar fora o que non atope dentro (capacidade, imaxe, lealdade,…).

Para BB foi un “paso valente” o dado por EF, quen destacou unha traxectoria política que “está á vista de todos” e os que non a vexan que repasen as hemerotecas. Tamén nos contou BB que o PP ourensán sumou “máis de un millar de afiliados” dende a súa chegada entre os que “tamén hai persoas que militaban no BNG” e “agora son militantes do PP”. Iso si que doe!

Fai tempo que penso que o fútbol non é moi distinto da política. Un nace sendo dun equipo ou dun partido e morre sendo dese equipo ou partido. A xente non acode a votar por uns ideais, senón porque é seareiro dun partido. Dá igual cal sexa o seu proxecto, os seus ideais, que xogue cos titulares ou cos suplentes máis mediocres; existe unha parte moi importante do electorado que é fiel a unhas cores, a azul, a vermella ou a celeste –que máis dá!-, logo non podemos esixirlle a estes políticos -os verdadeiros protagonistas deste xogo- que teñan un comportamento tan diferente daqueles outros e que renuncien a xogar nun equipo máis grande -xa que sempre será máis doado que facer grande a un equipo pequeno-, no equipo dos seus sonos.

Artigo relacionado: “Hai seis meses denunciaba irregularidades na Deputación de Ourense, hoxe ficha polo PP“, en Vieiros.

Xenial remake de Kiko da Silva, en Retranca

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

O Carrabouxo, por Xosé Lois en La Regíón, 13 de marzo de 2010

‘Me lo dijo Pérez’

Lembran aquela curtametraxe de ‘hai que botalos’ … aquela moza que confiada agardaba por un emprego prometido que nunca chegaba. Así é Xosé Manuel Pérez Bouza, non quen agarda senón quen fai agardar. Lembran cando dicía que a súa estratexia é non facer nada. Pois peor que non facer nada é prometer que vas facer algo para logo non facelo.

Logo veñen as presas. Cando un conflito non se atalla a tempo crece, non desaparece. Claro que por moito que creza, en política o conflito non é un problema ate que sae a escena pública, entón si urxe cerralo. Da igual o fondo da cuestión, as implicacións ideolóxicas e morais dos protagonistas; o realmente relevante é que dana a imaxe da organización e xa se sabe: os partidos políticos na actualidade non venden ideas ou proxectos, venden imaxe, porque para o outro cumpren persoas con capacidade intelectual suficiente.

O Sr. Pérez recibiu esta carta (ver) en xuño de 2009, e que fixo? Nada, por suposto. Entre as actuacións que nela se critica está a cacicada levada a cabo na elección de delegados para a Asemblea Nacional Extraordinaria, na que el participou activamente, presionando a uns militantes, facendo promesas a outros, organizando paparotas, etc. facendo uso dun cargo e duns medios que pagamos todos. Que ía facer? Recriminar ao Alcalde de Maceda por facer no Concello o mesmo que el facía a nivel comarcal? Non, Alberte, de aí non podías agardar nada, o Sr. Pérez carece dunha das capacidades esenciais na dirección: a de xestionar conflitos.

Agora si. Agora preocúpalles o efecto negativo que pode xerarlles a perda de imaxe por que o conflito transcendeu do privado ao público. Agora entralles as presas. Agora que o conflito é entre un empresario local e o Concello e non entre un militante e o (ir)Responsable Local, crean unha comisión comarcal para investigar o que sucede. A boas horas…