SEAGA ou a política embulleirada.

Moito lle gusta ó Sr. Suarez Canal falar de política de transparencia. Mente. Non se pode falar de transparencia nunha empresa como SEAGA na que non todas as categorías saen a concurso público: por primeira vez en tres anos aparece a categoría de oficial administrativo e auxiliar administrativo na páxina web, logo, quen ocupou eses postos ata agora e por que sistema? Sobran as respostas. É só un exemplo, sucede o mesmo en moitos outros postos da empresa: técnicos de riscos laborais -si se crearon catro postos en 2007, pero temporais… e nunca máis!-, responsables de distrito, persoal de limpeza,… Quen limpa a suciedade en SEAGA? Non existe unha sóa praza convocada nesta categoría para facer a limpeza tanto nas súas instalación permanentes (estas cinco) como temporais -por exemplo, bases aéreas-. Quen realiza eses traballos? Unha de dúas: ou persoas escollidas a dedo ou traballadores doutras categorías de xeito fraudulento ó realizaren traballos que non son propios da categoría.

Non se pode falar de transparencia cando non existe unha RPT (relación de postos de traballo) na que se indique que postos se van a cubrir, duración dos contratos ou o ámbito territorial. Non pode ser que unha persoa de Lugo, Ourense ou Pontevedra se inscriba nunha categoría como a de “operador codificador” e logo só se convoquen prazas para o ámbito territorial de A Coruña. Iso sucedeu no 2008. Aí non só falla a claridade do proceso senón que se crea un claro perxuizo ó traballador que  aspira esa praza xa que logo non poderá estar inscrito en máis de dúas categorías diferentes.

Non se pode falar de transparencia cando os únicos que coñecen a RPT a cubrir son unhas cantas persoas do entorno do Sr. Suárez Canal, e se incumple pola empresa, reiterandamente, o deber de información que ten todo traballador de SEAGA de coñecer da existencia de postos de traballo vacantes, sexan ou non da súa categoría, co fin de garantir as mesmas oportunidades de acceso a postos permanentes que calquer outro traballador. Esa información non está nin nas sedes de SEAGA nin na páxina web. Logo o Conselleiro mente.

Os traballadores de SEAGA tampouco teñen acceso efectivo a formación continua profesional, limitándose a formación que reciben a cursos de obrigado cumplimento para o desenrolo do seu posto de traballo, pero non para mellorar a súa cualificación e favorecer a súa progresión e movilidade funcionais. Non lle interesa a quen dirixe esta compañía que moitas persoas teñan posibilidades de promocionar e acceder a postos reservados para a nova xeración de caciques.

Non se pode mentir, unha e outra vez, como fai o Sr. Suárez Canal ó dicir que tiveron que recorrer ó INEN para cubrir a oferta de emprego de SEAGA. Iso sucedeu só nalgunhas categorías, como a de peón ou peón especialista, categorías que, por certo, foron as únicas que anunciadas nos medios de comunicación -unha vez se ampliou o plazo, non antes- porque non se cubriu a oferta. Ningunha outra categoría foi publicitada en ningún medio de comunicación. Mente unha vez máis o Sr. Suárez Canal ó falar de publicidade no procedemento.

Mentiu o Sr. Suárez Canal ó falar, no debate do mércores, de máis de 700 traballadores contratados por SEAGA no 2008. E tanto que son máis, son máis de 2.400 tal e como se recolle nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2009. Avergóñase o Conselleiro de crear tanta temporalidade? Tanta precariedade laboral? Pois ainda non se avergoña moito, si así fose non sería o candidato por Ourense do BNG.

Remata a precampaña

A derradeira semana de precampaña non resultou moi alentadora; foi unha semana na que PSOE e BNG comezaron a chamar a participación, algo que é habitual facer os últimos días de campaña. Temen unha baixa participación, logo algo temen. Algúns xa nos meten medo con que ven o lobo (PP)… pobre de nós! Carapuchiñas… Tamén se celebraron dous debates nos que ó PSOE só lle faltou suplicar a presenza do Sr. Feijóo para o debate do día 20 de marzo. Vendo semellante desesperación para que o candidato popular se someta a un linchamento público polos dous partidos do goberno (PSOE e BNG) parece máis lóxico, ainda, que non acuda. Eu alédome… o que realmente quero ver é ó Sr. Quintana e ó Sr. Touriño fronte a fronte.

Si se da ese debate -e dicir, si non se botan atrás pola falla do seu sparring Feijóo- espero que non se cometan os mesmos erros que se deron esta semana nos debates do luns -en hai debate-, primeiro, e do mércores, despois. Primeiro foi o Sr. Fernando Blanco e logo o Sr. Suárez Canal os que, ó defender a xestión pasada no goberno só fixeron mención as consellerías propias -as do BNG- como si as políticas desenroladas polas outras non fora con eles cando, en realidade, iso non é así. Para ben ou para mal, moitas das decisións que se adoptaron ó largo desta lexislatura fixéronse no Consello da Xunta da que todos, nacionalistas e socialistas, forman parte. Os representantes socialistas nestes debates -Mar Barcón o luns e Ricardo Varela o mércores- si souberon sacar proveito desa circunstancia para facer propias políticas de industria, servizos sociais,…

Que lles ocorre ós representantes nacionalistas? Teñen medo medo a meterse no eido socialista mentres estes pisotean o seu? Si se quere aspirar a presidencia hai que deixar claro que se ten un coñecemento exhaustivo de tódalas áreas de goberno, que se formou parte de tódalas decisións importantes do pasado -as acertadas e as menos acertadas- ou, cando menos, se influiu nesas decisións e, por suposto, que se ten proxectos alternativos para esas áreas malgobernadas polos socialistas -educación, sanidade, traballo,…-. Isto é o que ata agora non se viu.

O que si deixaron en evidencia o Sr. Ferrnando Blanco e o Sr. Suárez Canal nestes dous debates é que o candidato do BNG é o aspirante a Vicepresidente e o candidato do PSOE o é a Presidente. Máis que nunca lembráronme ó labrego satisfeito coa súa hortiña que renuncia a unha parcela maior porque porque ainda está sen labrar. Iso é o que se viu: conservadurismo e medo a incerteza.

matemos ó mensaxeiro!

Acabo de recibir unha mensaxe SMS que parecía chegar do mesmo inferno (tiña tantos “seises” -todos- que pensei que o diaño en persoa se dirixía min…).  Confeso que dubidei en abrila ou borrala directamente… pero puídome a tentación.  A mensaxe era do entorno nacionalista e chamábame a boicoter o diario “La Voz de Galicia” polos ataques realizados contra o BNG.

Poucos minutos máis tarde chégame outro dun compañeiro que empeza así “Faille un favor a túa saude…”. Primeiro crin que era o médico. Pensei –a que me quita o licor-café-. Sigo lendo “… e non merques La Voz de Galicia”.

Como me considero unha persoa coherente pensei en como reaccionaría si isto mesmo o fixese outro partido e, entón, deime conta que non facía falla que o pensase, xa o tiña escrito neste post: léos todos !!. Estaba entón o PP de boicot contra o grupo PRISA e, asegúrovolo, xamais pensei que no meu partido alguén acabaría caendo tan baixo.

Independentemente que estemos dacordo ou non coas opinións ou informacións vertidas nun determinado medio de comunicación non temos dereito algún a chamar a simpatizantes ou militantes a boicotear ese medio. Calquer simpatizante, militante ou votante do BNG está no seu dereito a recibir información de tódalos medios, de cantos máis medios mellor.

Si o BNG considera que La Voz de Galicia mente para causarlle un perxuicio, a que espera para acudir ós xulgados? O problema está na posible veracidade das informacións, claro. Si é certo pouco se pode ir pintar a un xulgado… Non hai noticias polo de agora de denuncia algunha.

Por último, non vou deixar pasar a oportunidade de criticar ós “estratexas” do BNG por abrir unha guerra mediatica en pleno periodo electoral; xa advertira antes que non me parecía unha medida moi intelixente. Menos mal… que noutros lados cocen fabas!

Quen ten medo de quen?

Hai medo a debater. Non hai dúbida. Pero sería un erro sinalar a calquera dos candidatos. As campañas electorais están milimétricamente deseñadas por “expertos” asesores e calquer cousa que se sáia do guión preestablecido mete medo. Calquer imprevisto causa pánico entre os asesores. Todo está deseñado para seducir ó votante, non para informalo. Son aqueles quen xogan coas nosas esperanzas, cos nosos medos e cos nosos sentimentos e nós, emboubados, caemos nas súas trampas, nas súas provocacións. Tampouco me gusta ese cruzamento de declaracións entre candidatos acerca do medo duns e outros, non me gusta por vulgar,… parece máis un cruce de declaracións entre bandas predipostas a acabar a puñetazos que de persoas que aspiran a acabar sentadas nun escano do Parlamento de Galiza. Eu pregúntome quen ten medo de quen? Ou… de que?

Probablemente nesta campaña quedemos sen ver, unha vez máis, debates entre os candidatos a Xunta de Galiza. Falarase, e moito, dos medos duns e outros, logo cada quen creerá a quen lle pareza.

Seica está previsto un debate a tres para o día 20 de febreiro coa asistencia confirmada do Sr. Touriño e do Sr. Quintana. Falta por confirmar a do Sr. Feijóo que esixe para asistir outros tres debates “cara a cara”.

Teño que recoñecer a proposta do Sr. Feijóo é a máis acertada… polo menos a que máis me gusta a min. Tres “cara a cara” permitirán a cidadanía diferenciar mellor as propostas de cada un dos partidos, especialmente as propostas dos dous partidos do goberno porque, penso eu, que si estes dous -PSOE e BNG- van a gobernar en coalición, como xa o fixeron ata agora, deberíamos saber os votantes porque votar a un e non ó outro. É dicir, un nacionalista debe saber porqué debería votar o BNG e non ó PSOE si finalmente os deputados do BNG van elixir ó Sr. Touriño como presidente? Ou viceversa… ainda que é menos probable!

Considero que fai ben o Sr. Feijóo en non acudir ó debate si non se confirman antes os”cara a cara” que pide, así, polo menos, poderemos ver un debate a dous entre o Sr. Touriño e o Sr. Quintana. Devezo por velos discutir… faranno? Ou, pola contra, aceptarán a proposta do Sr. Feijóo? Non me digan que agora lles entrou o medo a debater (a todos).

A miña percepción é que cada un dos candidatos teme máis as súas propias limitacións que a auducia e/ou a valentía do rival, tal e como nos queren facer ver.

Desafección e abstención

A quen credes que beneficia a abstención? Iso dependerá do partido ó que acostuma a votar quen deixa de facelo, non? Hoxe sae Anxo Quintana en diversos medios decindo que non ir a votar favorece ó PP. Ben, por que credes que o Sr. Quintana di isto? Eu penso que o fai porque considera que os seus propios votantes  non van acudir a votar o próximo 1 de marzo -polo menos non perdeu o sentido do olfacto-. Quizais se equivoque na forma empregada para motivar a esa masa social, quizais a esa masa social lle de igual que goberne o Sr. Touriño que o Sr. Feijoo e, polo tanto, ameazar a cidadanía co lobo -o PP- como si fosemos “carapuchiñas”… quizais, non sexa o modo máis efectivo. Quen sabe, o mellor unha boa dose de autocrítica, logo de tantos anos sen exercitala, resultaria máis eficaz.

Hoxe pregunteille a Núñez Feijóo, Pérez Touriño e Anxo Quintana pola abstención, causas e solucións.

Quintana asegura que quedar en casa o 1-M é facer o xogo ao PP porque «vai en coalición coa abstención». Hoxe en La voz de Galicia e outro medios.

Non estou dacordo. A abstención é o resultado da desafección política do cidadán e esta, a desafección, é a súa vez o resultado da falla de confianza política que xera toda a clase política, non só o PP, senón tamén –e sobretodo- PSOE e BNG. É inxusto, polo tanto, culpar a un só partido da abstención. Os que non temos pensado votar –inclúome- é por que non cremos en ningún de vostedes.

Porque esa desconfianza? Non hai máis que abrir calquer xornal para ter a resposta: corrupcións, sibaritismo, enchufismo,… ningún partido se libra das acusacións. Mentres tanto, nós, os cidadáns temos que sufrir a actitude indolente dos que gobernan fronte a crise, sufrir o anuncio de medidas irrisorias como a anunciada a finais de novembro polo Sr. Touriño, a contratación de 2000 persoas para a realización de “tarefas medioambientais”… mentres o número de desempregados medra en xaneiro 11.413 persoas en Galiza; ou o famoso “plan E” para crear 300.000 empregos no estado cando só en xaneiro se destruiron preto de 200.000. ¿?

Os anuncios destas medidas, iso si, son feitas de xeito espectacular para convencer, unha vez máis, ó que non sufre o problema directamente pois quen cada día é despedido da súa empresa –centos en Galiza- non poden máis que recibir con desprezo as súas irrisorias propostas.

Grazas a sociedade da información e do coñecemento redúcese o control da información e, polo tanto, do abuso que os partidos políticos viñan facendo da ignorancia da maioría. Agora, calquera de nós, os cidadáns, pode contar abertamente as súas reflexións a toda a sociedade, deixalo escrito aí, nun blog, nun diario, no Factbook,… ata que alguén, máis tarde ou máis cedo, o le. Non nos escoitan vostedes pero si o resto da sociedade.

A perda do control da información por parte das clases dirixentes debería levar a unha maior receptividade das propostas da cidadanía por parte dos partidos políticos, sen embargo, non é así, seguen vostedes tapando os ollos -e os oidos- crendo que seguimos emboubados ante as súas mensaxes a través dos mass media. Están moi trabucados.

Este paréceme un asunto serio, del depende a propia supervivencia do sistema democrático, por iso lles pregunto cales son as súas propostas de cara o futuro para reducir o desleixamento entre a sociedade e a clase política?

Prácticas caciquís no BNG

O pasado mes de agosto xa denunciara, na Consellería de Medio Rural, a incontinencia caciquil do Delegado de Medio Rural de Ourense, Xosé Rodríguez Cid, denuncia da que, por certo, sigo esperando resposta… O silencio do Conselleiro deixa máis que de manifesto a súa complicidade. Hoxe La Voz de Galicia fala dos enchufados por este señor (teño que realizar verdadeiros esforzos para usar esta expresión e non outras máis apropiadas ó caso) en Medio Rural; fala a nova só dos enchufados da súa localidade, Cartelle, que non dos concellos limítrofes…

Sacade o Santo!!! dixera daquela. Agora, a nova públicada en La Voz venme dar a razón doutra advertencia que xa fixera fai unhas semás, durante a elaboración das listas electorais, cando manifestei na Asemblea comarcal de Allariz que a política de emprego levada a cabo pola Consellería de Medio Rural, e de xeito especial por SEAGA, ía pasarlle factura ó cabeza de lista por Ourense, Alfredo Suárez Canal . É evidente que ninguén me fixo caso. Parecíame unha irresponsabilidade que este señor fose o cabeza de lista e resulta, tanto ou máis irresponsable mantelo, máxime despois do ocorrido no día de onte co cabeza de lista do PP por Ourense: unha decisión valente que, sen dúbida, non deixarei de aplaudir.

“clica” na imaxe para agrandar

Isto no actual BNG nunca pasará, máis ben todo o contrarío, premiarase ó cacique e perseguirase a quen esixe claridade, a quen defende a legalidade ou a quen antepón a integridade e principios morais e ideolóxicos colectivos sobre o interés persoais duns poucos.

Tamén teño que recalcar un dato moi importante: non todos os que somos do BNG estamos enchufados nas consellerías nacionalistas nin todos os enchufados son do BNG.

Ler máis