matemos ó mensaxeiro!

Acabo de recibir unha mensaxe SMS que parecía chegar do mesmo inferno (tiña tantos “seises” -todos- que pensei que o diaño en persoa se dirixía min…).  Confeso que dubidei en abrila ou borrala directamente… pero puídome a tentación.  A mensaxe era do entorno nacionalista e chamábame a boicoter o diario “La Voz de Galicia” polos ataques realizados contra o BNG.

Poucos minutos máis tarde chégame outro dun compañeiro que empeza así “Faille un favor a túa saude…”. Primeiro crin que era o médico. Pensei –a que me quita o licor-café-. Sigo lendo “… e non merques La Voz de Galicia”.

Como me considero unha persoa coherente pensei en como reaccionaría si isto mesmo o fixese outro partido e, entón, deime conta que non facía falla que o pensase, xa o tiña escrito neste post: léos todos !!. Estaba entón o PP de boicot contra o grupo PRISA e, asegúrovolo, xamais pensei que no meu partido alguén acabaría caendo tan baixo.

Independentemente que estemos dacordo ou non coas opinións ou informacións vertidas nun determinado medio de comunicación non temos dereito algún a chamar a simpatizantes ou militantes a boicotear ese medio. Calquer simpatizante, militante ou votante do BNG está no seu dereito a recibir información de tódalos medios, de cantos máis medios mellor.

Si o BNG considera que La Voz de Galicia mente para causarlle un perxuicio, a que espera para acudir ós xulgados? O problema está na posible veracidade das informacións, claro. Si é certo pouco se pode ir pintar a un xulgado… Non hai noticias polo de agora de denuncia algunha.

Por último, non vou deixar pasar a oportunidade de criticar ós “estratexas” do BNG por abrir unha guerra mediatica en pleno periodo electoral; xa advertira antes que non me parecía unha medida moi intelixente. Menos mal… que noutros lados cocen fabas!

5 comentarios en “matemos ó mensaxeiro!”

  1. Dicía que penso que debemos separar por unha parte o feito de que a actuación do BNG na Xunta foi decepcionante en moitos aspectos e por otra ver que a liña informativa da Voz é excesivamente parcial. Xa sei que non existe xornal que non tire hacia un lado, pero o caso da Voz é ir descarada e deliberadamente en contra dunha determinada opción política, fomenta descaradamente o bipartidismo PP-PSOE e semella que o seu odio vai máis alá do BNG e afecta ao nacionalismo galego en xeral. A visibilidade que teñen certos colectivos coma Galicia Bilingüe e a información parcial que deron da manifestación do domingo pasado, así coma ese artigo de opinión que firmou o seu director no que acusaba aos poderes públicos dunha serie de cousas, entre elas de dividir á xente polo uso da língua, artigo que curiosamente sae publicado o día da mencionada manifestación, penso que son feitos que respaldan o que digo.
    O de matar ao mensaxeiro quizáis non sexa a expresión máis axeitada para titular o teu texto porque creo que aquí A Voz é algo máis que un simple e inocente mensaxeiro. É o canle de expresión dun determinado lobby ou como lle queiras chamar e a min como galego e como persoa que cree necesaria unha forza política que represente ao nacionalismo galego (sexa a que sexa ou sexan a siglas que sexan) me parece que está representando un triste papel.
    Un saúdo.

  2. Unha sociedade que é incapaz de crear uns medios de comunicacións públicos plurais, pode esixir a un medio privado imparcialidade?

    La Voz de Galicia é unha empresa privada e como tal o seu obxectivo e acadar maiores beneficios. Existe a posibilidade (digo de coña, é unha certeza- de que lle vaía mellor con unhas forzas políticas que con outras.

    Os partidos políticos, por outra banda, son conscientes da influencia dos medios de comunicación na sociedade e todos os queren ter da súa parte. Canto máis introducido esté un diario na sociedade máis apetecible é.

    La Voz de Galicia é o xornal que máis tirada e máis lectores ten, é a moza que todos queren namorar. O BNG estivo facéndolle as beiras durante estes anos (non só a La Voz de Galicia, por suposto, houbo máis como La Región, este caso rozando o escándalo pois os Oureiriño non perseguían outra cousa que salvar a súa empresa da quebra) e a uns meses das eleccións vaise con outra, non con menos intereses: o Xornal.

    Eu lembro como La Voz de Galicia denunciaba hai catro anos os enchufismos do PP (non o facían outros diarios). Ninguén falou dunha campaña do diario contra o PP nin ninguén plantexou un boicot ó diario. Fomos moitos os que pensamos que si se denunciaban aqueles casos serían moitos outros os que quedaban sen denunciar. Hoxe moitos seguimos pensando o mesmo.

    O certó é que xogar cos medios de comunicación ten estes riscos -máis cando non existen medios públicos imparciais-, poden seguirche corrente mentres lles interesa e porte contra as cordas cando os seus intereses mudan.

    O que debería ter feito o BNG estes anos é impulsar medios públicos imparciais e fiables (TVG e RTVG) e non o fixo. Máis lle vale que o faga durante os próximos catro anos.

  3. Concordo co que dis, a un medio privado non se lle pode esixir imparcialidade, pero penso que ese medio (e outros, por suposto) está representando un papel moi negativo porque teño a sensación de que fixera o que fixera o BNG a súa actitude sería a mesma.
    Tampouco estou de acordo con promover campañas de boicot e menos dende un partido político. Se nos puxeramos a boicotear medios, productos, etc, apelando a cuestións éticas, acabariamonos volvendo tolos. Pero a miña OPINIÓN PERSOAL neste CASO CONCRETO e que, precisamente porque se trata do xornal máis lido en Galiza, ten unha gran influencia á hora de formar eso que lle chaman a opinión pública e, seguindo a liña que segue, creo que é negativo para a nosa terra.
    Tamén concordo en que mellor que meterse en leas mediáticas o que deberían facer os nosos representantes é promove-la creación de medios públicos, plurais e democráticos, para combatir o dano que fan estes outros ao servizo duns determinados intereses.

  4. Calquer persoa -física ou xurídica- que pense máis en si mesmo que na súa propia sociedade é un problema para esa sociedade, polo tanto, La Voz de Galicia é un problema para Galiza. Niso concordamos como tamén en que a mellor forma de combater esa desinformación e con medios públicos impariciais e non con outros, privados tamén, feitos a medida. Con iso so se consegue dividir a sociedade.

    En calquer caso, os lectores temos unha opción mellor… lelos todos.

Os comentarios están pechados.