Un exemplo de mala dirección

Na seguinte lista vou detallar as características do que é unha mala dirección (ou boa, segundo Nuria Bueno Aizpuru, xa que é a que ela practica), sobre fondo branco, e o que eu entendo que debe ser unha boa dirección (seguramente ignorada por aquela), sobre fondo gris. Podedes coller estas características e identificalas co funcionamento da dirección da vosa empresa, asociación, partido, concello,… para coñecer si formades parte dunha organización sa ou, polo contrario, enferma.

  • O persoal non traballa para lograr os obxectivos da empresa

Os obxectivos son amplamente compartidos polos membros da organización e están comprometidos en levalos a cabo.

  • A xente ve que as cousas van mal e non fai nada para evitalo. A xente fala informalmente dos erros e fallos con persoas non implicadas neles.

A xente séntese libre para sinalar as dificultades. Confían en que os problemas se resolverán

  • A xente trátase mutuamente de forma ficticia. Enmascáranse os asuntos e os problemas, especialmente fronte ao/a xefe/a.

Os problemas resólvense con pragmatismo e sen complexidades, de xeito directo e oficialmente. Tolerase moito a conduta inconforme.

  • Quen dirixe a organización controla o maior número de decisións.

A toma de decisións determínase pola habilidade, o sentido de responsabilidade, de información, a importancia do traballo, o tempo e o desenvolvemento xerencial. O nivel xerárquico non é considerado como determinante.

  • Os/as directores/as actúan pola súa conta provocando que non se opere conforme aos plans da organización.

Hai sentido de equipo na planificación, o desempeño e a disciplina. Hai responsabilidade compartida.

  • Non son importantes para o director/a as necesidades e os sentimentos persoais dos traballadores.

Os problemas que se abordan inclúen as necesidades persoais e as relacións humanas.

  • A xente compite cando se necesita colaborar. Buscar ou aceptar axuda é signo de debilidade. Ofrecela é algo que non ocorre.

Existe un alto grado de colaboración. Hai disposición para colaborar e a competencia é mínima.

  • En momentos de crise a xente evádese ou incúlpanse mutuamente.

En momentos de crise a xente coopera ata que a situación se supera

  • Os conflitos persoais xeralmente ocúltanse e hai un claro incremento de xenreira e contas por cobrar entre o persoal.

Existe moito aprendizaxe no traballo baseado na vontade de dar. Búscase a retroalimentación e o consello.

  • A retroalimentación e a crítica é evitada.

A crítica considerase inherente ao traballo e é aceptada como parte do cotiá.

  • A xente séntese soa e falta de preocupación polos demais.

As relacións son honestas, a xente preocúpase polos demais e non se sente soa.

  • A xente séntese prisioneira do traballo e a rutina, está aburrida, anquilosada e considerase obrigada a permanecer nel por necesidade. A súa conducta é indiferente e dócil. Non se sente nun ambiente agradable.

A xente está motivada, moi involucrada voluntariamente. O seu lugar de traballo é importante e divertido.

  • O/a director/a é o “pai/nai” que da ordes na organización.

O liderado é situacional.

  • O/a director/a controla esaxeradamente. Da pouca liberdade para permitir erros.

Hai un alto grado de confianza entre a xente, un profundo sentido de liberdade con responsabilidade. A xente sabe o que é importante para a organización e o que non o é. Tense a convicción de que se pode aprender dos erros.

  • Ten un gran valor minimizar o risco.

Acéptase o risco como unha condición do crecemento e unha oportunidade.

  • O desempeño deficiente é disfrazado ou manipulado arbitrariamente.

Afróntase o desempeño deficiente e búscase a solución pertinente.

  • A estrutura, política e procedementos da dirección son unha “camisa de forza” para a empresa. A xente refuxiase nas políticas e procedementos e xoga coa estrutura da organización.

A estrutura, política e procedementos da dirección, están orientados a axudar a xente a protexer permanentemente o bo funcionamento da organización. Non hai unha resistencia excesiva a cambiar a estrutura, política ou procedementos da dirección.

  • Ten plena validez o lema “viva a tradición”. Rexeitase de plano calquera idea innovadora.

Existe un sentido de orden e un alto grado de innovación.

  • A innovación non abrangue, especialmente, en quen ten o poder de dirección.

A dirección e o persoal do grupo adáptanse rapidamente aos cambios e anticípase o futuro.

  • A xente “come” as súas frustracións.

As frustracións son un signo que chama a atención.

Un día de tolos!

Hoxe pola mañá, pouco despois de chegar ao traballo envíolle por e-mail a Directora da UPD o traballo que ando facendo para que lle bote unha ollada.

Ao pouco tempo chámame:

– Haz el favor y me marcas lo que vas haciendo nuevo, sino no me entero de lo que has avanzado.

Respóndolle que non podo perder o tempo sinalándolle o que fago para logo volver perdelo borrando eses mesmos sinais (pois dime que sinale con asteriscos vermellos todo o que sexa novo) e isto cada día; ao cal me nego. A súa resposta:

– Es que a ti te cuesta hacer las cosas bien

Non. Non é que me coste, quizais tal e como ela entende ‘hacer las cosas bien’ (diso xa falarei abondo), que é dun xeito un tanto peculiar. Insisto en que “lendo o traballo axiña se perciben os avances”, claro que para iso cumpre telo lido antes. En fin, si non hai con que comparar non se ven as diferencias. Recálcolle que “niso consiste traballar”. Resposta:

Estas como un cencerro -. E colgou (desta vez foi máis rápida ca min).

Madia leva! Ben a pulso que mo teño ganado; e ben o sabedes os que ledes este blog. Cumpre estar como un cencerro -na miña terra chamámoslle chocas- para escribir este post, isto, ou isto outro cando te ameazan con “consecuencias” si abres a boca,… e outras cousas máis que mellor non contar. Mais,…  é o que ten o ir pola vida de fronte nun país de caciques, que te toman por tolo. Tolo non sei, pero un pouco temerario si que son, pois a sensación que teño é a de ir polo carril contrario.

O normal neste país é ir lambendo cus aos políticos de quenda para que che dean un traballo que por méritos xamais acadarías; o normal, si, é normal, é que as persoas máis ineptas e irresponsables acaben -miren que contradición- desempeñando postos de responsabilidade. Si, en días como hoxe, un só pode pensar que grazas a desfeita do 1M moitos deses ineptos e irresponsables foron cara as súas casas. Outros aínda andan por aí…

Mentres tanto, só podo apiadarme daqueles que a partir do 26 de decembro lles toque soportar a Nuria Bueno Aizpuru, porque, non o dubiden, atoparanlle algún oco.

Un conto que ven ao conto: un caso sen remedio.

Contos do Siñor Cosme (IV), por Roi Xordo, xGaliza

Corrupción e externalización

Malia os tópicos que din que ‘corrupción houbo sempre’, pode afirmarse que o aumento da corrupción política foi medrando de xeito proporcional a externalización de servizos públicos. Estamos vendo como detrás de cada trama corrupta aparecen sempre en xogo a concesión de contratos para realizar servizos que antes prestaban directamente as administracións públicas, dende a simple organización de actos públicos, pasando pola elaboración de estudos, prestación de servizos sociais, servizos de limpeza, mantemento de estradas, servizos contra o lume, sanidade e un largo etcétera, que provocan que, na loita por facerse con eses contratos, as empresas estean dispostas a recorrer a prácticas sucias para garantir o seu propio éxito.

Esta situación fai que, lonxe de supor un aforro para as administracións públicas -sempre nos falaron dende os partidos liberais da eficiencia da empresa privada respecto ao dilapidamento de recursos da administración pública- o gasto destas multiplícase, xa que as empresas se ven na obriga de inflar presupostos para pagar custosas comisións a toda esa rede de intermediarios e conseguidores de contratos, rede que logo debe aboar a súa parte ao político de quenda.

Os cartos que antes ingresaba a administración pública e que logo eran administrados por ela mesma, para prestar directamente os servizos que lle corresponde, fomentando, amais, o emprego estable e de calidade, agora saen das arcas públicas cara unha empresa que conseguiu ese contrato grazas a unhas vías fraudulentas coa intención de obter un lucro excesivo, non de prestar un servizo, co cal tamén terá facer fronte aos custos da súa consecución. Como estas empresas agardan obter grandes beneficios económicos, a diferencia das administracións, terán que maximizar os seus recursos para logralo. Iso é doado. Só hai que reducir gastos, non? Os ingresos están garantidos. Como se fai? Sinxelo: primeiro, reducindo a calidade do servizo (quen non viu algunha vez unha estrada que se levanta as poucas semanas da súa apertura?) e segundo, como non, aumentando a precariedade laboral.

Coa externalización de servizos levada a cabo pola dereita non só non se puxo fin ao dilapidamento do erario público senón que se aumentou, ao tempo que se reduciu a calidade dos servizos e dos cadros de persoal fixo que os realizan. Pagamos máis impostos ca nunca –ver artigo anterior-. Como é posible? Acaso a empresa privada non ía ser máis eficiente? Si non se logrou prestar mellor servizo a menor custo, non se debería volver ao modelo anterior? O que antes era unha mala xestión -dicían- agora converteuse nunha malvada xestión, pois as accións dos que gobernan as administracións están levando ao baleirado –ver a situación dos concellos– das arcas públicas para encher as duns cantos privilexiados que multiplican patrimonios a conta da contratación coa administración pública.

É esta unha cultura que callou incluso entre os partidos da esquerda. Si ben nos primeiros intres se alzaban contra calquera externalización de servizos, no momento que lles tocou dirixir algunha administración, non só non mudaron estas políticas, senón que as reforzaron. Dubido  que atopedes nos programas de PSdG e BNG alusión algunha a interiorización de servizos, ou peor, si dades con algunha, seguramente se trate dunha promesa incumprida. Cal é logo a alternativa?

Querido Paco:

Logo de meses espertando, cada mañá, a túa beira, quería confesarche o pracer que me produce oír a túa ronca voz anunciando cada día un feixe de boas novas. Moitas veces agardo esperto e con ansia o intre en que soltas tódalas excelencias do excelentísimo nese breve pero intenso minuto de radio. Outras durmo, máis esperto con pesadelos, pensando que xa te fuches. Non debería, sei que si algún día iso sucede podo atoparte logo nas páxinas do xornal da nosa cidade. Que sorte temos de vivir nesta gran cidade, que sorte terte de Alcalde.

Esta cidade e os seus cidadáns deberían amosarche o seu agradecemento porque soamente se lles vai subir a taxa do lixo un 18%. Ao escoitalo da túa venerable boca dan ganas de pagar o vinte, para contribuír, cando menos, a sufragar os gastos que ao Concello lle supón o teu ‘número’ diario na radio e prensa local.

Si estivese parado, como o están miles de cidadáns nesta cidade, tranquilizaríame saber que o meu Alcalde xera emprego: noventa persoas traballan grazas a túa benevolencia, noventa amigos, e non son máis porque á cidadanía ten o deber de sabelo. Isto é, cumpre pagar a prensa e radio locais para que nos informen das bondades do noso benfeitor. Estes non son tan altruistas coma ti.

Debo recoñecer que es ben fino, fino coma un allo! Entras na miña casa pola mañá cedo, ben cediño (igual o fas máis veces mais logo xa non nos encontramos), cando aínda estou coa garda baixa. Fas que cada día saia da miña casa crendo que vivo na cidade máis limpa, máis segura e máis atenta coa súa cidadanía, atenta cos que máis o necesitan e tamén, como non, cos que menos o necesitan. No intre que poño o pé na rúa sei que non fallará nada. Aí todo é perfecto, unha máquina de precisión suíza da que ti te encargas de dar corda.

Ao mesmo tempo, os medios de comunicación a que me refiro, o xornal máis lido da cidade e a radio máis escoitada, amósanse condescentes coa túa túa labor e a do teu goberno. Que van facer? Criticar o excesivo gasto en publicidade? Non se atreverán. De feito, os beneficios anuais que aquel xornal anuncia son inferiores aos gastos que o excelentisímo fai en propaganda nel. Grazas a estas partidas os traballadores que se verán prexudicados polo ERE serán tan só 35. Deberías apuntarte tamén ese tanto.

Sen máis, despídome, nesta carta aberta, coa tranquilidade que me dá saber que mañá, ben cedo, ti estarás aí para darme folgos, quen sabe si, seguindo a miña recomendación, coa seguinte mensaxe: O Concello de Ourense informa: “a maioría do cadro de persoal do ‘xornal da nosa cidade’ conservará o seu posto de traballo grazas as achegas realizadas polo goberno progresista da cidade de Ourense”. Sería unha boa nova! Abofé que si!

Unha forte aperta progresista!

O nacionalismo Galego nos seus programas políticos. O século XX

A Fundación Galiza Sempre recolle neste volume algúns dos principais textos políticos producidos polo nacionalismo galego no século XX. Comeza co Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo, 1918, da que me chama a atención, nada máis comezar a súa lectura, o que di a previa (I Previa):

Tendo a Galicia todal-as características esenciaes da nazonalidade, nós nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verbe rexionalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra doda a intensidade dos nosos problemas.

Que cambiou nos derradeiros 90 anos, ou mellor dito, nos derradeiros nove meses, para que quen se presentou, non hai moito, como candidato a presidencia da Xunta de Galicia polo nacionalismo galego, de súpeto, se converta en Presidente do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos? Son tan cativas as aspiracións do novo nacionalismo que xa se permite xogar ós triles coas verbas nacionalismo, rexionalismo e autonomismo?

Este é o camiño a seguir

As mozas e mozos do Encontro Irmandiño ven de renunciar a participar no proceso de elección da Dirección Nacional de Galiza Nova na Asemblea Nacional que hoxe comeza. Persoalmente, unha das calidades que máis valoro nunha persoa ou grupo de persoas é a capacidade de renunciar a un posto xa que deixa as claras o que realmente se persegue, o que persegue cada quen.

Agora que, esa renuncia, debería facerse extensible aos órganos do BNG, xa que a presenza de membros do Encontro Irmandiño no Consello Nacional da mostra de certas incoherencias no discurso.

Razons? O proceso pre-asemblear do BNG foi un filtro que deixou fora a moitas minorías, unhas porque non recibiron apoios suficientes, outras porque se negaron a participar no mesmo, un proceso dirixido por cargos e carguiños, ex-altos-cargos e ex-altos carguiños, logo non se pode afirmar que ese órgano represente a totalidade e pluralidade do nacionalismo. Esa totalidade, esa pluralidade, está fora e aí é onde hai que estar e non nun Consello de gurús que levou a formación ao seu punto máis baixo dos últimos tempos… e sen perspectivas de remuda, nin ideolóxica, nin de persoas.

As razóns que levan a mocidade do EI a renunciar a presentar unhas listas para o Consello Nacional seguen sendo as mesmas que esgrimimos os irmáns maiores na derradeira Asemblea Nacional -o anquilosamento das institucións do BNG e o seu afastamento da realidade sociopolítica das galegas e galegos-. Entendo que entón se optou por presentar unha lista agardando que a militancia sacase do seu foro interno ese punto de rebeldía que a tradicionalmente nos caracterizou. Non saíu mais agárdaselle.

Agárdaselle aquí fora, a outra veira pois, a ese outro lado é tal o férreo control que sobre a militancia exerce o caciquintanismo e a upega, que xamais se atreverán ao máis mínimo xesto de disidencia e, cando algún organismo se escapa do seu control, como é o caso do SLG, crean outro novo. Quen goberna o BNG non entende o significado dos principios democráticos, uns principio que xurdiron hai séculos en Galiza, nas revoltas irmandiñas, ao berro de ninguén por riba de nos, prevalecendo nos seus órganos unha aristocracia que, pensan, é superior ao resto de irmáns galegos, nacionalistas e non nacionalistas. Iso, efectivamente,  non callou nin callará nunha sociedade que leva tan dentro os principios da igualdade, irmandade e liberdade.