A esquerda acomodada

Pensei en titular este post como “a esquerda adormecida” mais ao longo do mesmo funme decatando de que o problema non era ese, pois anda ben esperta. Uns máis que outros.

Teño lido moitos artigos sobre o que lle acontece a esquerda social nos últimos tempos, pensadores que se preguntan que “como é posible que sufra coa crise provocada polo neoliberalismo salvaxe?”, pensadores que non se explican porque son os defensores destas teses neoliberais os que máis rédito político lle están sacando a crise. A min tamén me gustaría ter unha resposta lóxica pero probablemente acabe atopando máis preguntas.

Temos oído falar de renovacións, refundicións, rebeldías, novos referentes,… mais, todo segue igual. O mesmo discurso, do século pasado, as mesmas prácticas (xeralmente, incoherentes co dito).

Nun momento no que a clase política é unha das preocupacións máis importantes da cidadanía, estes, os políticos puxéronse a facer o propio, non sen falla de razón, coa clase sindical. Si a pregunta do CIS fose: “en quen confía máis: partidos políticos ou sindicatos?” sairían os dous igual de malparados.

Que razóns nos levan a ter esa crenza: o denominador común que existe entre uns e outros, a castes políticas e sindicais que se van fornecendo co tempo, creando elites de políticos e sindicalistas que chegan a súa xubilación sen saber o que é traballar,… nin o que é estar desempregado. Son estes, os acomodados na burocracia interna de partidos políticos e sindicatos, os que nin coñecen a esixencia do traballo ou a desesperanza do desemprego, aos que lle imos encomendar a solución do principal problema desta sociedade?

É esa actitude conservadora e individualista o que fai a actual esquerda irrecoñecible. Si, falo de conservar, conservar o seu status quo. Preguntábase o profeta do nacionalismo galego “ula esquerda conservadora?” nun artigo tan noxento que, si fose escrito sobre pétalos de margaridas, nin os porcos o tragarían. Ula esquerda conservadora? Ula esquerda acomodada? No mesmo lugar dende fai décadas, vivindo na estructura de partidos políticos e de sindicatos. Ula esquerda transformadora? Fora, tentando crear novos instrumentos de defensa e representación dos seus ideais.

A lingua galega abre túneles dixitais ante o acoso da Xunta de Galicia

Hoxe produciuse un feito que me trouxo a memoria un artigo que lin fai meses: Túnels digitals a Gaza, cando bloggers e twitters palestinos fixeron saber ao mundo a traxedia que estaban sufrindo por parte do exercito israelita. Eles, personaxes anónimas convertéronse nos ollos do mundo, tanto que, os propios medios internacionais recorrían a eles para complementar información e non aos seus enviados especiais na zona.

Por suposto, o castigo infrinxido ao pobo palestino polo goberno sionista non ten comparanza coa situación que vive Galiza, si acaso, no acoso dos que se consideran unha raza superior, un acoso que se trasladan a tódolos nosos sinais de identidade nacional e, especialmente a lingua.

Hoxe os twitteiros galegos demos un berro, pero haberá máis, e fixémoslle saber ao mundo que nun recuncho de Europa se está producindo un xenocidio lingüístico. Centos de twitteiros utilizamos durante unha hora o hashtag #galega coa intención de convertelo no primeiro tema de conversa de twitter … e así foi.

Ocupar esa posición provocou que diversos medios de comunicación se interesasen pola iniciativa, e incluso participasen dela. É o poder das redes sociais, cada vez menos discutido. Agora son as masas as que teñen a forza de mover aos medios, non ao revés,… aínda que queden casos. Esta forza é a que moverá o mundo futuro, non sei si ate o punto de afirmar que a revolución será twiteada pero, exemplos disto xa os puidemos ver: as elección de Irán en xuño de 2009. Só un pucheirado privou a oposición de acabar co mandato de Mahdmu Ahmadineyad.

Twitter é unha ferramenta que pode equilibrar forzas entre as diferentes opcións políticas, pola súa capacidade comunicativa e a rapidez con que o fai. Un bo uso desta utilidade será o que decida os mandatarios do noso futuro máis próximo.

Dispendio institucional

Mentres moitas entidades funden os seus recursos -e os de todos- en publicidade, moitas outras pasan dificultades para poder manter servizos básicos. É o caso de AODEM (Asociación Ourensana de Esclerose Múltiple), a que pertenzo, que recentemente tivo que prescindir de dous profesionais (fisioterapia e terapia ocupacional) por falta de fondos.

Mentres esta e outras entidades se ven condenadas a deixar de ofertar servizos aos seus usuarios, eses servizos que forman parte do cuarto piar, o estado do benestar, ese piar construído con cartón pedra ao máis puro estilo hollywoodiense, as institucións públicas -e privadas con cartos públicos- seguen dilapidando cartos en publicidade. Exemplos? Isto é o que custa agora -coaoferta Anticrisis“- publicar un anuncio na “folla parroquial de Ourense”, como ben a denomina un amigo:

  • O Concello de Ourense publica día si, día tamén, unha publirreportaxe neste diario. Prezo: 1349,08 €.
  • Nas últimas semanas a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) publica un anuncio a toda páxina -e a toda cor (+30%)- sobre a maratón do Miño. Prezo: 1349,08 €.
  • O Clube Ourense e Baloncesto fai o propio cada día na súa campaña de captación de socios. Prezo: 1349,08 €.
  • CIMO (Centro de Iniciativas para a Mocidade de Ourense, sic) publica cada día unha páxina de ofertas de traballo, que os buscadores de emprego coñecemos e recitamos de memoria como si da aliñación dun equipo de fútbol se tratase, por cansinas, e repetitivas. Prezo: 1349,08 €.

Para que isto non pareza o anuncio de MásterCard non vou dicir aquilo de “crear emprego,… non ten prezo”, que podería. Pero si o ten. Eses recursos dilapidados por estas entidades poderían estar moito mellor investidos si se destinasen a servizos sociais (axudas a entidades sen ánimo de lucro que prestan eses servizos e que non presta quen deberían facelo: as administracións públicas), a unha formación de calidade, en definitiva, a crear emprego, e non a manter calada “a voz da opinión pública”.

Andan os ladróns detrás dos que rouban?

Lin esta mañá o diario El País e quedei asustado: “O PP retirará a querela ao BNG si este compensa á empresa implicada”. Primeiro, teño que por en cuarentena este titular, vindo de onde ven; segundo, dubido da súa veracidade porque o PP non é quen, senón a Fiscalía, se querelou contra os responsables do BNG e da empresa Afiador Producións -logo dunha denuncia do PP-; terceiro, porque tal afirmación sería constitutiva de delito, ao tratarse dunha acción semellante a recollida nos artigos 171.1 e 171.3 CP, onde se penalizan “as ameazas dun mal que … si estas consisten en … revelar ou denunciar a comisión dalgún delito”.

Efectivamente, poden afirmar que o delito xa estaba denunciado, pero pedir 30 millóns de euros a cambio de retirar unha denuncia que é?

Si non visen consistente a posible ameaza, lean o que di o artigo 243 CP sobre a extorsión: “O que, con ánimo de lucro, obrigase a outro, con violencia ou intimidación, a realizar ou omitir un acto ou negocio xurídico en prexuízo do seu patrimonio ou dun terceiro, será castigado coa pena de prisión de un a cinco anos,…”. E, segundo a mesma nova, o Alcalde de Ourense afirma que as persoas beneficiadas por esa cantidade de cartos son do mesmo partido.

Creo que urxe unha aclaración desta noticia por parte de todos os actores implicados: xornalista, responsables políticos (que palabras tan contraditorias) e o Secretario do Concello de Ourense nese Pleno.

Si o que manifesta o diario madrileño é certo, isto é, que o PP esta disposto a retirar unha denuncia a cambio de cartos, implica que agora o PP non ve delito onde antes vía un pelotazo? Só por razóns ecónomicas, non legais? Persoalmente, si a proposta do PP é certa si merece unha denuncia… pero non, estes non o farán,… non lles dá para tanto.

Xa foi noticia

Ía titular este artigo como “Curso de ética periodísticaao estilo CQC pero, finalmente decidinme por outro clásico dos medios de comunicación, unha sección que nos lembra o que xa sucedera fai 25, 50 ou 100 anos. Desta vez non foi necesario que transcorrese tanto tempo para dar é quitar razóns.

Esta semana produciuse unha situación que fixo que valorase aínda máis a este medio que é internet e que nos abre cada día unha fiestra a realidade, realidade que antes nos daban debuxada os medios de comunicación. Agora calquera de nós somos un medio de comunicación; cun blog persoal e a combinación deste coas redes sociais e os avanzados sistemas de mensaxería podemos chegar a máis destinatarios que co clásico, caduco e pouco fiable xornal de papel. Aínda así, será romanticismo, precisamos que as noticias que elaboramos rematen nese medio, como si neles se atopase a fonte da credibilidade. Non tal…

A denuncia que asinaba fai uns días neste blog mandeina a varios medios de comunicación galegos, tal e como se recolle aquí. Chegou a tódolos destinatarios aos que directa e indirectamente me podía dirixir, circulando por e-mail e as redes sociais. Estaba asinada con nome e apelidos e achégase unha proba do que afirmo, a foto roubada, e aínda así ningún mas media estimou que iso debería ter cabida no seu medio. Non me sorprende, pois creo coñecer como funcionan os medios tradicionais, por iso afirmo que están caducos e son pouco fiables.

Fai unhas semanas diferentes xornais publicaban nas súas edicións de Ourense unha noticia que tiña como orixe unha denuncia anónima. Non daba creto! Como é posible iso si logo ignoran a quen asina co seu nome e apelidos? Ten unha explicación… ou varias: a entidade denunciada, a cor política das persoas involucradas, o investimento en publicidade que faga a entidade, etc.

O peso da entidade na sociedade na que radica é importante e, sobre todo imaxe da que goza, a relación cos demais axentes sociais e importancia dos mesmos. Denunciar a unha institución como a CEO que reúne aos empresarios de Ourense, que logo insiren os seus anuncios nos xornais (tamén a propia CEO: estes días podedes ver un anuncio que ocupa toda a páxina do xornal local), é moi arriscado. Os medios tradicionais mantén o negocio por diante da información polo cal, amais de caducos e pouco fiables podemos engadir que son inservibles para acadar a súa finalidade que non é outra que a de informar. Parece máis que se adicasen a desinformar

Así o entendín polo mes de xaneiro, cando varios medios publicaban nos seus soportes a nova de que “Traballo investirá 6,3 millóns de euros na contratación de 288 axentes de emprego”. Parecía un regalo de Reis, pois o anuncio fora feito nesa xornada de Nadal. Hoxe, máis de nove meses despois o DOG pariu a convocatoria. Por suposto, volve a ser noticia no portal da Xunta de Galicia e, como non, atopara un oco nos medios de desinformación. Logo pasará a situación de baixa por “maternidade” (prazo de solicitudes, reclamacións, publicación,…) e, con sorte, un ano despois de ser anunciado farase efectivo aquel anuncio… como, por certo, xa sucedía tódolos anos. Logo, onde está a noticia?

Ah! que se me esquecía, agora non serán 288 axentes como se afirmaba daquela, senón 260, e sen mudar o orzamento. Botaran mal as contas tal e como denunciaba eu no meu blog. Un acerto casual… que obriga a rebaixar o número de contratacións (28) no lugar de subir o orzamento.



Foto roubada

Que triste!

Si. A foto que aparece no post anterior foi roubada. Ao parecer isto é o que máis lle preocupa aos responsables da CEO (Confederación de Empresarios de Ourense). En absoluto lles preocupa a acusación de non contar cos medios necesarios para a impartición deste curso -e outros-. Non lles debe preocupar porque ten as administracións de súa parte, todos forman parte do mesmo círculo caciquil o que lle garante que non haberá unha inspección seria, rigorosa e coa capacidade e independencia suficiente para imporlles unha sanción (devolver as axudas cobradas irregularmente por estes cursos) e retirarlle a autorización de centro homologado FPO.

Con retranca!

– “Estes deben olhar moitos programas do corazón , e por iso falan de “roubado” . Si se lle avisara antes e colocaran os útiles que lle faltan , aparecería tamén un Director Xeral na foto , e daquela sería un “posado” , moito mais institucional !!!! onde vai parar”. Un amigo en Facebook.

– Mea culpa!… por non avisar con tempo 😉

Para esmendrellarse!

Outro amigo, hippie tamén, dime que está facendo un curso e que a el soamente lle deron unha carpeta e un lápiz. Creo ben. A maioría das entidades que se adican a formación ocupacional non che dan nin a benvida. Dime tamén que “non me queixe tanto, que a CEO é un paraiso”. E engade:  🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂


O gran negocio da formación ocupacional e continua

Fai case dous meses pregúntabame que ocorría coa formación ocupacional. Porque detrás dun traballador que se forma non existe unha empresa realmente interesada en contratar a ese traballador, mellor preparado? Na utilidade destes cursos soamente cren seres inocentes coma ZP, quen chegou a afirmar que “os parados que existen a cursos de formación traballan para o país“. HA!

Vouvos presentar a aula na que realizo o curso de “Formador ocupacional“:

foto “roubada” da sede segreda da CEO

Contade ben: 10 ordenadores para 15 alumnos. Non é o título dunha película. Isto é a CEO (Confederación Empresarial de Ourense), unha entidade, en teoría, sen ánimo de lucro, unha das entidades que máis cursos de formación ofertan e de mellor calidade -como serán as outras …-. Sen embargo, dende o comezo deste curso -e cónstame que noutros- non dispomos do material esixido na convocatoria pública que di, respecto ao material e ás instalacións, que contará (ver páxina tres da ligazón do parágrafo anterior) co seguinte:

Equipo e material:
Equipo:

  • Retroproxector
  • Pantalla
  • Presentador gráfico
  • 15 ordenadores e periféricos.
  • Proxector de diapositivas
  • Equipo de video (cámara, reproductor e monitor)
  • Simuladores
  • Teléfono
  • Fax
  • Máquinaria de tipo standard en función das necesidades do curso

Ferramentas e utillaxes

  • Pizarra
  • Pizarra electrónica
  • Rotafolios
  • Pantalla de cristal líquido
  • Paquetes didácticos
  • Software
  • Manuales de especificación según rama e sector
  • Revistas especializadas, informes, manuales, dossiers…

Material de consumo:

  • Material funxible:

Folios, transparencias, diapositivas, rotuladores, bolígrafos, lápices, gomas, grapas, clips, tiza, cinta mecanográfica, toner, cinta adhesiva, líquido corrector, cartulinas, carpetas, cinta de audio y video, disquettes, clasificadores, separadores, fichas, pegamento, papel continuo, canutillo de encuadernar, agenda calendario.

  • Material non funxible:

Grapadora, taladradora, borrador, tixeiras, cutter, regra, arquivadores, ficheiros.

Como se pode apreciar son poucas as cousas que faltan, pero relevantes. Os PC, que non chegan para o número de alumnos da acción formativa, noviños de paquete, veñen co posto de fábrica e os alumnos non poden instalar o software que precisan, porque para facelo se necesitan permisos de administrador, e a persoa encargada de instalarlle o software -privativo (seguramente pirateado)- debe levar dous meses de vacacións. E dicir, que non dispomos das ferramentas necesarias para o mellor aproveitamento do curso,… para traballar para o país. Pero isto non sucede só neste curso, senón tamén noutro da mesma acción formativa que comezara dúas semanas antes na mesma organización.

Como sei isto, sen sequera coñecer a un dos alumnos dese curso? Porque Adelmo, o inspector da Consellería de Traballo, na última charla que nos veu a dar, na que non tomou nota algunha das queixas dos alumnos, nin preguntou, nin pasou enquisa algunha -seguramente as cubra logo el na oficina-; dicía que nos deu a charla porque veu a nosa aula a criticar aos compañeiros da outra que lle pediron os medios informáticos que recolle a orde. Algúns alucinávamos! Chegou a dicir que neste pais -dáme a risa só ao lembralo- se abusa das TIC e se prescinde de medios tradicionais -este home debe pensar que vive en Silicon Valley!-. Amais tivo a consideración de chamarnos hippies aos IPI, todo un detalle!. Pero destas queixas non hai quen tome nota… a formación ocupacional e continúa é un fraude consentido polas administracións, polas entidades que ofrecen formación e, moitas veces, polos traballadores desempregados que facilitan esa estafa. Que non permitirá o bo de Adelmo noutras entidades? Porque permite isto si a súa labor é precisamente denunciar as deficiencias? Onde están os 5 portátiles que faltan? Quen os ten?

Sobre as linguas, unha das primeiras cousas que che preguntan na CEO é si alguén precisa apuntes en castelán. A ninguén lle preguntan si quere manuais en galego, cando tódolos manuais que entregan son en castelán, pese a ducias de protestas. Por suposto, eses PC que non se poden aprobeitar, coma tódolos da CEO están configurados, por defecto, en castelán… para iso dispón a entidade dun equipo de normalización lingüistica,… será para redactar as tarxetas de protocolo para os actos políticos que se celebran na CEO, porque si algo se percibe suficientemente nesta organización é unha orientación elitista dos recursos públicos, en detrimento da maioría dos socios, dos usuarios e dos traballadores, actuais e potenciais.