Ía titular este artigo como “Curso de ética periodística” ao estilo CQC pero, finalmente decidinme por outro clásico dos medios de comunicación, unha sección que nos lembra o que xa sucedera fai 25, 50 ou 100 anos. Desta vez non foi necesario que transcorrese tanto tempo para dar é quitar razóns.
Esta semana produciuse unha situación que fixo que valorase aínda máis a este medio que é internet e que nos abre cada día unha fiestra a realidade, realidade que antes nos daban debuxada os medios de comunicación. Agora calquera de nós somos un medio de comunicación; cun blog persoal e a combinación deste coas redes sociais e os avanzados sistemas de mensaxería podemos chegar a máis destinatarios que co clásico, caduco e pouco fiable xornal de papel. Aínda así, será romanticismo, precisamos que as noticias que elaboramos rematen nese medio, como si neles se atopase a fonte da credibilidade. Non tal…
A denuncia que asinaba fai uns días neste blog mandeina a varios medios de comunicación galegos, tal e como se recolle aquí. Chegou a tódolos destinatarios aos que directa e indirectamente me podía dirixir, circulando por e-mail e as redes sociais. Estaba asinada con nome e apelidos e achégase unha proba do que afirmo, a foto roubada, e aínda así ningún mas media estimou que iso debería ter cabida no seu medio. Non me sorprende, pois creo coñecer como funcionan os medios tradicionais, por iso afirmo que están caducos e son pouco fiables.
Fai unhas semanas diferentes xornais publicaban nas súas edicións de Ourense unha noticia que tiña como orixe unha denuncia anónima. Non daba creto! Como é posible iso si logo ignoran a quen asina co seu nome e apelidos? Ten unha explicación… ou varias: a entidade denunciada, a cor política das persoas involucradas, o investimento en publicidade que faga a entidade, etc.
O peso da entidade na sociedade na que radica é importante e, sobre todo imaxe da que goza, a relación cos demais axentes sociais e importancia dos mesmos. Denunciar a unha institución como a CEO que reúne aos empresarios de Ourense, que logo insiren os seus anuncios nos xornais (tamén a propia CEO: estes días podedes ver un anuncio que ocupa toda a páxina do xornal local), é moi arriscado. Os medios tradicionais mantén o negocio por diante da información polo cal, amais de caducos e pouco fiables podemos engadir que son inservibles para acadar a súa finalidade que non é outra que a de informar. Parece máis que se adicasen a desinformar …
Así o entendín polo mes de xaneiro, cando varios medios publicaban nos seus soportes a nova de que “Traballo investirá 6,3 millóns de euros na contratación de 288 axentes de emprego”. Parecía un regalo de Reis, pois o anuncio fora feito nesa xornada de Nadal. Hoxe, máis de nove meses despois o DOG pariu a convocatoria. Por suposto, volve a ser noticia no portal da Xunta de Galicia e, como non, atopara un oco nos medios de desinformación. Logo pasará a situación de baixa por “maternidade” (prazo de solicitudes, reclamacións, publicación,…) e, con sorte, un ano despois de ser anunciado farase efectivo aquel anuncio… como, por certo, xa sucedía tódolos anos. Logo, onde está a noticia?
Ah! que se me esquecía, agora non serán 288 axentes como se afirmaba daquela, senón 260, e sen mudar o orzamento. Botaran mal as contas tal e como denunciaba eu no meu blog. Un acerto casual… que obriga a rebaixar o número de contratacións (28) no lugar de subir o orzamento.