A ditadura perfecta

O BNG comarcal de Allariz-A Limia leva rumbo de converterse na “ditadura perfecta”, unha ditadura envolvida en papel demócrata. A correlación de forzas que forman o Consello Comarcal, viciada polas presións dos responsables políticos que naquel intre tiñan algún cargo público en base aos favores feitos ou ás promesas futuras (alguén oíu algunha crítica dende o nacionalismo á sucesión baltariana do PP. Como ían dicir nada si meses antes eles fixeran o mesmo nas eleccións internas do BNG? Cando menos desta vez foron coherentes, cousa nada habitual), está tramitando o expediente de expulsión de Alberte Sobrino, segundo me comenta o membro ilexítimo deste Consello, por mesturar ao BNG nun conflito particular entre o Concello de Maceda máis el.

Non é certo que Alberte fixera tal cousa, Alberte reclama unha débeda ao Concello de Maceda, non ao BNG, e en ningún intre mistura a súa militancia no partido con iso. Quen si o fai é Xavier Oviedo na nota informativa que repartiu por toda Maceda (paneis informativos, cristaleiras de bares, paredes, caixas de correo,…), unha nota na que di que este militante trata de aproveitarse do seu “achegamento partidario”. Agora é precisamente este quen trata de sacar do medio a un dos seus compañeiros alegando uns feitos que Alberte non cometeu -e si o propio Alcalde. Hai que ver con que facilidade perde as formas este personaxe!-.

Sobra dicir que pensa de todo isto o (ir)Responsable Comarcal do BNG. El tamén quere quitar do medio a cantos non son da súa corda para así manter a súa posición privilexiada na pseudodemocracia interna desta organización. Por suposto, non haberá ningún tipo de medida disciplinaria contra Xabier Oviedo -para min a súa conduta si é merecedora da expulsión do partido-, só queda agardar que o pobo de Maceda o poña no lugar que se merece: na oposición.

Un pobo non pode permitirse un Alcalde que trata de coartar a liberdade de expresión dos seus veciños, un Alcalde que utiliza os instrumentos de poder ao seu alcance para atacar a un veciño ou para favorecer a outros, un Alcalde que executa proxectos a cargo dos proveedores e non dos fondos propios do Concello, proveedores aos que non atende coa mesma puntualidade con que, a bo seguro, carga a súa nómina. Profesionais…

Fichaxes

Será Baltar Blanco (BB) o novo Florentino Pérez da política? Eladio Fernández (EF) chega ao PP en plan “Cristiano Ronaldo” dicindo que o proxecto do novo presidente provincial dos populares, BB. lle parece “sólido, fiable e ilusionante”. Un crack!

Di a nova fichaxe que comparte co seu actual partido as súas “ideas, proxecto e obxectivos para sacar adiante a provincia”. Esmendréllome!

Na rolda de prensa da súa presentación -aínda non se sabe que número lucirá na camisola- EF reivindicou a súa liberdade política e proclama que “hai un proxecto que me ilusiona moito máis e estou a disposición de BB para o que dispoña”. Plas, Plas, Plas,…!

Ilusión, identificación, humildade. Que máis se lle pode pedir a un político? Que venda camisolas ou, deixando a un lado o símil futbolístico, que arrastre votos. Disto xa teño as miñas dúbidas, máis non sería o primeiro caso de eterna promesa que triunfa lonxe da súa casa. Disto sabe moito BB, asiduo galeguista do fondo sur do Santiago Bernabeu.

Amais, a súas aptitudes serán unha chamada de atención aos actuais membros do equipo popular, para que non se durman nos laureis e, especialmente a canteira: o novo presidente está disposto a buscar fora o que non atope dentro (capacidade, imaxe, lealdade,…).

Para BB foi un “paso valente” o dado por EF, quen destacou unha traxectoria política que “está á vista de todos” e os que non a vexan que repasen as hemerotecas. Tamén nos contou BB que o PP ourensán sumou “máis de un millar de afiliados” dende a súa chegada entre os que “tamén hai persoas que militaban no BNG” e “agora son militantes do PP”. Iso si que doe!

Fai tempo que penso que o fútbol non é moi distinto da política. Un nace sendo dun equipo ou dun partido e morre sendo dese equipo ou partido. A xente non acode a votar por uns ideais, senón porque é seareiro dun partido. Dá igual cal sexa o seu proxecto, os seus ideais, que xogue cos titulares ou cos suplentes máis mediocres; existe unha parte moi importante do electorado que é fiel a unhas cores, a azul, a vermella ou a celeste –que máis dá!-, logo non podemos esixirlle a estes políticos -os verdadeiros protagonistas deste xogo- que teñan un comportamento tan diferente daqueles outros e que renuncien a xogar nun equipo máis grande -xa que sempre será máis doado que facer grande a un equipo pequeno-, no equipo dos seus sonos.

Artigo relacionado: “Hai seis meses denunciaba irregularidades na Deputación de Ourense, hoxe ficha polo PP“, en Vieiros.

Xenial remake de Kiko da Silva, en Retranca

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

O Carrabouxo, por Xosé Lois en La Regíón, 13 de marzo de 2010

PLAN Estorbo

Cabina de Telefónica inaccesible

Cabina de Telefónica inaccesible, Ourense

Na cidade de Ourense, Avenida de Zamora, a altura do número 124, ao lado da Igrexa San Pio X, onde o Concello está levando a cabo a renovación de tubaxes e beirarrúas a cargo do Plan E -de estrobo, será- deixaron esta cabina de Telefónica totalmente inaccesible para persoas que se moven en cadeira de rodas ao pegala a unha caixa de rexistro. Parabéns ao xenio que tivo a ocorrencia, aos técnicos que a colocaron e non advertiron o erro ou que, de advertilo, calaron, aso técnicos municipais, que hai a moreas, ao encargado de obra e demais traballadores, parabéns! Sodes uns craks!

Esta denuncia tamén foi publicada en La Región o sábado, día 13 de marzo de 2010, e en La Voz de Galicia o domindo, día 14 de marzo de 2010.

‘Me lo dijo Pérez’

Lembran aquela curtametraxe de ‘hai que botalos’ … aquela moza que confiada agardaba por un emprego prometido que nunca chegaba. Así é Xosé Manuel Pérez Bouza, non quen agarda senón quen fai agardar. Lembran cando dicía que a súa estratexia é non facer nada. Pois peor que non facer nada é prometer que vas facer algo para logo non facelo.

Logo veñen as presas. Cando un conflito non se atalla a tempo crece, non desaparece. Claro que por moito que creza, en política o conflito non é un problema ate que sae a escena pública, entón si urxe cerralo. Da igual o fondo da cuestión, as implicacións ideolóxicas e morais dos protagonistas; o realmente relevante é que dana a imaxe da organización e xa se sabe: os partidos políticos na actualidade non venden ideas ou proxectos, venden imaxe, porque para o outro cumpren persoas con capacidade intelectual suficiente.

O Sr. Pérez recibiu esta carta (ver) en xuño de 2009, e que fixo? Nada, por suposto. Entre as actuacións que nela se critica está a cacicada levada a cabo na elección de delegados para a Asemblea Nacional Extraordinaria, na que el participou activamente, presionando a uns militantes, facendo promesas a outros, organizando paparotas, etc. facendo uso dun cargo e duns medios que pagamos todos. Que ía facer? Recriminar ao Alcalde de Maceda por facer no Concello o mesmo que el facía a nivel comarcal? Non, Alberte, de aí non podías agardar nada, o Sr. Pérez carece dunha das capacidades esenciais na dirección: a de xestionar conflitos.

Agora si. Agora preocúpalles o efecto negativo que pode xerarlles a perda de imaxe por que o conflito transcendeu do privado ao público. Agora entralles as presas. Agora que o conflito é entre un empresario local e o Concello e non entre un militante e o (ir)Responsable Local, crean unha comisión comarcal para investigar o que sucede. A boas horas…

Que pasa co BNG de Maceda?

Este sábado saía unha noticia en La Voz de Galicia sobre o conflito entre o Concello de Maceda e un empresario da vila, velaquí:

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

La Voz de Galicia, 27 de febreiro de 2010

Alberte, un compañeiro do BNG de Maceda reclama ao Concello desa localidade, gobernado tamén polo BNG, en coalición co PSOE, unha débeda polo aluguer dunha máquina; unha máquina que fora alugada por seis días pero que logo o Concello se quedou con ela ata que lle veu en gana, privando así ao seu titular do seus uso e potencial beneficio. Por máis que o titular do máquina lle reclamase ao Concello a súa devolución, este non o facía e, agora, escúsase dicindo que aquel non a foi recoller e, por riba, que a tiña estorbando nas dependencias do Concello. Cumpre ser caradura!

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

Xabier Oviedo, anxo por fora, diaño por dentro

Nada é o que parece. Hai persoas que teñen unhas habilidades especiais para agochar o seu verdadeiro ser. Xabier Oviedo é desa especie. Non dubida en mentir ao seu pobo e a prensa para xustificar o impago dunha débeda a un dos seus veciños e compañeiro de partido. Mais, a súa contestación ou, mellor dito, o seu ataque parece máis propio dun animal ferido que dun ser racional (ver nota informativa).

Alberte pasoume estes documentos (ver solicitude de devolución ao Concello de Maceda e denuncia ao Concello de Maceda) logo de que o sábado saíra en La Voz de Galicia a nova da súa denuncia. Coñecendo como coñezo ese niño de víboras non teño dúbida algunha de que os feitos que Alberte relata na denuncia son certos; amais conta con testemuñas e probas coas que poder rebater as declaracións feitas polo alcalde caciquintanista.

O alcalde pensou, segundo me di Alberte, que “ía caer na trampa que me tiñan ben amañada como era que eu entrara a recoller o que era meu nas instalacións do concello, sen permiso, e así acusarme de que faltaban cousas, cando eles tiñan que devolverma. Considero que son boa xente, pero non parvo. Esa trampa fixéronlla a unha persoa a que logo acusaron de roubar ferramenta do concello”.

Imaxino polo que está pasando. Non é doado decidirse a denunciar ao Concello, máxime tratándose de compañeiros de partido. Este feito colócao na diana. Isto seino por experiencia propia pois eu tamén dubidei en denunciar a precariedade laboral e o enchufismo en SEAGA cando Alfredo Suárez Canal era Conselleiro de Medio Rural e ao dicirllo ao inepto do delegado de Ourense este pretendeu que fose bicar ao santo. Logo deste lamentable episodio decidime, mais non fixeron caso, creando un malestar social dentro da empresa que axiña acabaron pagando nas urnas.

Esta xente, para defender o indefendible, utiliza as prácticas máis sucias; sucedeu naquel caso cando dende Medio Rural trataron de facer presión sobre a CIG para que non defendesen aos traballadores despedidos por SEAGA e agora, a mesma tropa, volve a facelo, pois “o avogado do Concello actúa coaccionando as miñas testemuñas, chamándoos antes da vista para falar con eles, cando non están obrigados a ires; dende o Concello, chámanos para dicirlles que non lles renovan o contrato […] chamaron a un compañeiro do BNG dende un móbil cos altofalantes postos para que o Alcalde e o Concelleiro de Obras oíran a conversa intentando sacarlle o que el ía declarar, dicíndolle o que eu facía reclamando con cartazes, pero decatouse e díxolles el non ten nada que perder, está a reclamar o seu, puidestes chegar a un acordo, pero non quixestes; fai ben e alédome de que non se ‘acojone’, pois quen vai perder máis sodes vós”, dime.

Amais deste, Alberte tivo outros encontros co Concello, ao que lle solicitou cambiar as árbores que el mesmo plantara, xa que tres delas secaran, pois cando as puxo fíxoo garantindo por un ano o seu traballo. Non foron quen de respostarlle. Que clase de provedor se adica a comprobar si o seu traballo está ben feito e pedir ao cliente, neste caso o Concello de Maceda, que lle permita reparar un dano? O normal, neste mundo, é que o cliente -cando se trata de administracións, nin iso- sexa quen reclame a reparación e o provedor que se faga o sueco. Alberte é un empresario exemplar; quizais este sexa o problema co que se atopan os (ir)responsables que gobernan Maceda.

A outros empresarios, menos exemplares, permíteselles construír en terreos rústicos sen que estes teñan tan sequera un permiso para peche da finca. Destes feitos teñen coñecemento tanto os concelleiros do BNG como o arquitecto municipal, o cal di ter as mans atadas, porque en Maceda “faise o que di o alcalde”.

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

A raíz dos cartaces que Alberte colocou na rúa o ex-director xeral de acción social, aos galegos grazas, Bieito Seara, chamoulle a atención. E non debería facelo ao alcalde do pobo? Comezan a preocuparse -e fan ben- porque saben que a xente do pobo está do lado do seu veciño. E estano tamén os seus compañeiros de partido, aínda que non todos o manifesten abertamente por medo as represalias destes dous aprendices de Franco.

Este blog rexeita o caciquismo en Galiza

Bieito Seara, o que move os fíos do Concello

O movemento volo deu, o movemento volo quitou

Un ano despois da desfeita do 1M09 os protagonistas daquela xeira parecen non decatarse aínda do que ocorreu. Feijóo segue facendo oposición, agora a Zapatero, Quintana segue andando en coche oficial e sentando cátedra ao seu paso, Touriño… ben, cando menos este soubo retirarse e quedarse nun segundo plano… a tempo.

Cando un ano despois Anxo Quintana aínda afirma que “a campaña sucia funcionou” dime que (a) ou ben non se entera de nada ou (b) é o típico irresponsable que culpa ao primeiro que se lle cruza para non asumir a responsabilidade que lle é propia. Amais, iso si, coa súa actitude lexitima as decisións adoptadas polo goberno de Feijóo logo da vitoria popular: en materia lingüística (o conflito inexistente), enerxética (onde quedou patente a división do bipartito) ou respecto as axudas a La Voz de Galicia (polo sonado dilapidamento e sibaritismo dos altos cargos socialistas e nacionalistas).

Non, nada tiveron que ver a lingua, os audis ou o iate (ver a análise de Fermin Bouza), foi o mal de altura: taponáronselle os oídos e non escoitaron aos seus compañeiros, que estábamos aquí abaixo, onde sempre. Agora só tiñan oídos para eses asesores, ben pagados, e os seus cantos de serea. Estes non lles ían dicir o mal que o estaban facendo, pagábanlle para dicir o contrario. Mentres, era a rúa que berraba, outra vez, cinco anos despois, esta vez coa bandeira de Galiza Non se Vende. Nin a berros!

Lonxe de escoitar ao movemento, ao mesmo movemento que lle dera a vitoria catro anos antes, adoptou unha postura crítica cos críticos, reprochándolle a concesión de espazo aos seus adversarios e acusando de traizón calquera discrepancia. Esta actitude cínica e soberbia acendeu aínda máis os ánimos do movemento, provocando unha bola de neve de rexeitamento cara o goberno bipartito, e especialmente cara o BNG, que crecía cada día.

Moitos aseguraron ir votar co nariz tapado mais moitos decidimos quedarnos nas nosas casas. Esta decisión non foi o resultado de campaña algunha pois xa estaba tomada meses antes polo electorado. Próbao a chamada a participación incluso antes de comezar a campaña, de aí que artellaran unha campaña buscando o voto no centro galeguista. Inocentes! Coñecían polas enquisas a grave desafección da cidadanía e, tendo constancia deste dato, continuaron unha campaña baleira de ideas, de proxectos, sen solucións aceptables para a situación económica que atravesamos,… e sen asumir erros.

Lembro aquel día con ledicia. Tiven que soportar doce horas sen acercarme ao colexio electoral, onde non iría a votar por vez primeira na miña vida mais, mereceu a pena. Os primeiros sóndeos adiantaban o resultado final, foron unhas horas excitantes que rematou no éxtase cando o bipartito recoñeceu a súa derrota. Non busquen pantasmas, non foron eles. Foi a cidadanía en movemento, fun eu. Eu volo dei (o poder), eu volo quitei (o poder).

Artigo relacionado: deberían as redes activistas do movemento salvar a esquerda? (por Raimundo Viejo, On the Wobbly’s Road)

Turismo responsable

Dende o meu punto de vista estes estes dous términos son contraditorios xa que xuntos convidan a confusión ao referirse a unha cousa cando realmente se trata doutra, máxime cando falamos de viaxar ás zonas do planeta máis necesitadas, como é o caso ao que me refiro nos artigos anteriores. Pensade, viaxeiros solidarios visitando e coñecendo pobos e culturas que pasan necesidades? Pódese desfrutar do tempo de lecer observando a penuria de outros?

Un viaxeiro é responsable cando comparte os seus coñecementos con persoas de outros lugares, de modo que contribúa ao seu desenvolvemento persoal, social, económico, tecnolóxico,… Sen embargo, o turismo responsable pretende evitar o ‘impacto negativo’ do viaxeiro sobre o medio. Quen decide o que é negativo para un pobo? Outro pobo? Iso si que sería un verdadeiro impacto negativo e iso é o que defenden moitas asociacións e ONG’s: a conservación do modo vida dos pobos indíxenas. E iso o que realmente queren? Ou é o que queremos nós para, simplemente, ir alí e contemplalos e logo ensinarlle as fotos as nosas amizades.

Amais, cando unha empresa comercializa este tipo de produto fano cun fin económico e, polo tanto, é seu deber é estar máis preocupado do que necesita e percibe o visitante que da realidade dos hospedes, porque estas empresas adquiren un compromiso cos seus clientes e, como en calquera outro negocio, terá que satisfacelos. Isto fai que a finalidade inicial, turismo responsable, se transforme noutra, responsabilidade sobre o turista.

O turismo responsable procura, mellor dito, predica, ademais do respecto medioambiental, o respecto cultural e social cara as sociedades de acollida. A pregunta é a seguinte: ese respecto sería distinto ao que calquera turista convencional “civilizado” tería na súa viaxe de vacacións? É máis, ese respecto, non sería o que debe rexer na nosa vida cotiá? Realmente, cal é a diferencia entre o turismo responsable e o convencional? Para min non se trata máis que do mesmo produto cunha marca diferente.