Matinacións

Ando eu dándolle voltas ao muíño, do revés, coma de costume, acerca de diferentes temas de actualidade nesta terra esquecida -para algúns, os de sempre-.

Catalunya é unha nación

por que o di o pobo catalán, o único no que reside a soberanía popular. A algúns neodemócratas cumpre lembrarlles o significado da soberanía popular. Esta, a soberanía popular, non pode delimitarse espacialmente, circunscribíndoa a un espazo determinado a conveniencia dunha maioría (porqué debe decidir o Estado español sobre a soberanía doutro pobo, porque non tódolos cidadáns da UE ou do mundo? O dereito a determinar libremente o futuro correspóndelle individualmente a cada pobo), ou temporalmente, obrigando a que se cumpra unha constitución, só en parte, na parte que interesa a uns poucos (podería estenderme en dereitos como o do traballo, vivenda digna, a cultura, e tantos outros que non se cumpren nin hai Tribunal Constitucional que os faga cumprir), que foi votada baixo a ameaza dunha ditadura, silenciando os seus crimes, por unha parte da poboación que hoxe en día xa non vive. A maioría dos que hoxe temos dereito a voto non eliximos ter esta constitución. Sobra facer números.

Galiza, nación de fábula

Di o PSOE que Galiza é “nazón de Breogán”. Logo da vitoria do combinado hispano, con maioría cuantitativa e cualitativa catalá, penso que os socialistas son excesivamente optimistas. O nacionalismo decimonónico que practica a UPG coa pel do BNG non fixo máis que impulsar o crecemento do sentimento nacionalista español en Galiza afastándose desa concepción de leira balada coa que Francisco Rodríguez imaxina a nosa terra. Nin balados nin leiras, estamos no século XXI, e as alternativas que temos son dúas: globalización ou glocalización, isto é, actuar localmente sen deixar de pensar globalmente. O nacionalismo galego nin arre nin xo, a diferencia do catalán, que si soubo atopar un sitio no imperio europeo e o seu pobo, como demostrou o sábado pásado, ten conciencia de saber a parte que ocupa. A solución máis real para acadar novas cotas de soberanía pasa pola construción da Europa dos pobos e afondar na desaparición do Estado como instrumento de goberno, ao meu entender e seguindo a José M. Colomer (Grandes Imperios, Pequenas Nacións, 2006), un instrumento caduco. A diferenciación entre nacións con estado e nacións sen estado só desaparecerá cando sexa abolido o estado, non pola adquisición da condición de estado. Pode e debe perseguirse o recoñecemento de Galiza como nación do imperio europeo. O futuro da nación galega pasa por acadar unha Unión Europea que pense menos na economía e máis nas persoas, nos seus dereitos, nas súas culturas, nas súas diferencias, e faga disto un valor.

Non comparto co nacionalismo galego que Europa sexa un problema. Vexo nela a solución. O que ocorre é que o nacionalismo galego quedou trabado séculos atrás. Mentres non se decaten, a rojigualda seguirá ondeando nas nosas prazas cos trunfos alleos. É a vitoria do nacionalismo popular sobre o nacionalismo cívico, como ben diferencia Xoan Hermida.  On non, que diría outro muiñeiro.

A maior causa do quecemento global é o comercio global, SATISH KUMAR

Unha liorta de garfos e coitelos sen aguzar

Non se trata de que chegue o sangue ao río, non, senón de repartir a torta das administracións públicas. Non se debaten ideas, por exemplo, como crear máis emprego nas vilas e cidades, non, o que se descute son as posicións que ocuparán cada persoa nas listas a presentar. Non hai proxectos por riba da mesa para logo decidir a persoa máis axeitada para levalos a cabo, decídese primeiro a persoa e logo, alá ela! cos proxectos con que se comprometa… total, para os que vai cumplir!

Ética para náufragos nacionalistas

Para José Antonio Marina, autor de “Ética para náufragos”, “os deberes non xorden en primeiro lugar, senón despois, na reflexión ética”. Foi así como naceu o código ético do BNG, aquí vencellado, e así como os seus postulados se converteron, mediante un pacto, en deber para todos, repito, para todos os que conforman a devandita organización. Ninguén está por riba dese código.

Comeza este código dicindo que “o BNG asume publicamente o compromiso de facer efectivos os dereitos e liberdades dos galegos e das galegas”. Porque logo aos militantes galegos do BNG -supoño que tamén os haberá vietnamitas- non se lles permite exercer ese dereito? Falo das ameazas, das coaccións, das calumnias,… que certos responsables políticos deste partido toleran, actuacións como as do Alcalde de Maceda -e non me refiro só aos que cometen esas accións, senón tamén aos que as xustifican e amparan-. Xa dixen noutro post que debería ser expulsado do partido. Reitéroo.

“O BNG aposta pola veracidade informativa, a transparencia e a tolerancia cero coa corrupción”. Venme a memoria, maldita memoria, que diría O’Rivas, como dende a organización nacionalista se enganou aos cidadáns do rural con SEAGA, prometendo postos de traballo estables e ben pagados cando en realidade se trataba de contratos precarios (traballadores que realizando as mesmas funcións cobraban menos que os que dependían directamente da Consellería de Medio Rural) e temporais (tres meses). Lembro aquela reunión no local do BNG en Allariz, un mércores de cinza do 2008, convocada urxentemente vía SMS o luns de entroido (estabamos tres persoas de Xunqueira de Ambía, o (ir)Responsable Comarcal, o “enchufado” de SEAGA e concelleiro de Molgas, xente de Xunqueira de Espadañedo, de Esgos, de Vilar de Barrio, de Vilar de Santos, de Allariz, como non, e case tódolos concellos da Comarca). Maldita memoria!

Un compañeiro do meu Concello, Carlos, que coma min é un claro defensor de que estes servizos se presten dende a administración pública, si ben eu entendía que unha empresa pública non deixa de ser “sector público”, pregúntou pola verdadeira razón de ser desta empresa. O que non entendía eu eran eses motivos e que, seguro,  o meu compañeiro xa advertira. A verdadeia razón da externalización do servizo de incencios era “burlar os controis públicos de contratación da administración e dos sindicatos”, segundo Pérez Bouza. E quedou tan ancho ao dicilo. Maldita memoria, Maldito código ético!

Foi así como, enganando aos nosos paisanos, o BNG comarcal acadou os mellores resultados da súa circunscrición na historia upando ao modesto (ir)Responsable Comarcal ao Senado español. Aínda lembro, maldita memoria, como o día antes de que o designasen senador, e se rumoreaba que Paco García era o elixido, el se descartaba dicindo que non tiña “aspiracións tan altas”.

Veracidade informativa, transparencia. Que podo dicir que xa non dixera nos post adicados a Maceda? Ah! Calvos de Randín. Lembro o día en que sentados nunha esquina do Atlantic, Pérez e máis eu, recibe unha chamada de Dani, o “responsable” local de Calvos de Randín. Estaba moi anoxado porque o seu primo, Xardón -que amais o enchufou na consellería-, e Pérez se reuniran as súas costas con José Manuel Andrade, o tránsfuga do PSOE daquel concello. Este era tamén o aparellador da vivenda que o (ir)Responsable Comarcal de Allariz-A Limia estaba construíndo en Porqueira (que deus queira nunca chegue a gobernar,… polo ben dos porqueiráns, digo).

Mentres escoitaba aquela conversa non saía do meu asomo. Podería cualificarse aquel caso de síndrome de Estocolmo? Mentres, nos xornais, soamente se falaba de que era Baltar quen estaba detrás daquela moción de censura. Dende logo, si chega a saír, a xogada era mestra, iso si ignorando a máxima que di: “os cargos públicos son propiedade pública”

Ese mesmo día, na mesma hora e lugar, recibe outra chamada. Era dun concesionario ourensán para preguntarlle si xa se decidirá por algún dos “audis que mirara” -acababan de nomealo senador das Cortes de España-. Velaí o que di o código ético nacionalista: “dar exemplo de austeridade e equilibrio institucional”.

Tamén di: “un cargo, un salario”. Nembargantes, o Sr Pérez Bouza amais de Senador nas Cortes españolas conserva a súa acta de concelleiro en Porqueira. Notable excepción!

Despois da que se montou na cidade de Ourense co logo da Tenencia de Alcaldía ou en Galiza coa Vicepresidencia está demais facer calquera comentario sobre este precepto: “os candidatos e cargos nacionalistas adquiren un compromiso de non utilización de fundos públicos en campañas de propaganda”.

“Clientelismo cero”. A Consellería de Medio Rural era coñecida en Ourense pola Consellería de Medio Cartelle, porque o delegado que era desa localidade, tiña a medio pobo enchufado. Pero non só en Cartelle tiñan clientes: Porqueira, Molgas, Maceda, … Amais son expertos, alá onde gobernan, en abrir novos mercados ou, como diría o Alcalde de Maceda, “hai que gañar os apoios dos votantes do PP xa que o dos nosos témolos seguros”.

En fin, … podería seguir así todo ano, que digo! Seguirei.

8)

‘Me lo dijo Pérez’

Lembran aquela curtametraxe de ‘hai que botalos’ … aquela moza que confiada agardaba por un emprego prometido que nunca chegaba. Así é Xosé Manuel Pérez Bouza, non quen agarda senón quen fai agardar. Lembran cando dicía que a súa estratexia é non facer nada. Pois peor que non facer nada é prometer que vas facer algo para logo non facelo.

Logo veñen as presas. Cando un conflito non se atalla a tempo crece, non desaparece. Claro que por moito que creza, en política o conflito non é un problema ate que sae a escena pública, entón si urxe cerralo. Da igual o fondo da cuestión, as implicacións ideolóxicas e morais dos protagonistas; o realmente relevante é que dana a imaxe da organización e xa se sabe: os partidos políticos na actualidade non venden ideas ou proxectos, venden imaxe, porque para o outro cumpren persoas con capacidade intelectual suficiente.

O Sr. Pérez recibiu esta carta (ver) en xuño de 2009, e que fixo? Nada, por suposto. Entre as actuacións que nela se critica está a cacicada levada a cabo na elección de delegados para a Asemblea Nacional Extraordinaria, na que el participou activamente, presionando a uns militantes, facendo promesas a outros, organizando paparotas, etc. facendo uso dun cargo e duns medios que pagamos todos. Que ía facer? Recriminar ao Alcalde de Maceda por facer no Concello o mesmo que el facía a nivel comarcal? Non, Alberte, de aí non podías agardar nada, o Sr. Pérez carece dunha das capacidades esenciais na dirección: a de xestionar conflitos.

Agora si. Agora preocúpalles o efecto negativo que pode xerarlles a perda de imaxe por que o conflito transcendeu do privado ao público. Agora entralles as presas. Agora que o conflito é entre un empresario local e o Concello e non entre un militante e o (ir)Responsable Local, crean unha comisión comarcal para investigar o que sucede. A boas horas…

Homeostase

A homeostase é o equilibrio que mantén a un ser vivo co seu entono, é a característica mediante a cal se regula o ambiente interno dun organismo para manter unha condición estable e constante nun sistema aberto ou nun sistema cerrado, especialmente nos seres vivos.

Tódolos sistemas vivos -as organizacións (empresas, asociacións, partidos,…) hai que entendelas como tal- na súa natureza aparecen como sistemas abertos, posto que dependen do seu entorno para sobrevivir e desenvolverse e, polo tanto, están abertos a influencia do mundo exterior.

Unha organización, a diferencia de doutros sistemas vivos, debe ser consciente de cales son os seus compoñentes: os seus límites (físicos, temporais, sociais, culturais,…), a súa cultura organizativa (democrática, totalitaria, adoutrinada, asemblearia,…), a súa misión e os seus obxectivos (políticos, sociais, económicos,…) ou os medios de que dispón para logrado, entre outros.

Entre estes outros está o entorno, isto é, todo aquilo que está fora dos límites da organización e co que deberá relacionarse de xeito eficaz para sobrevivir e desenvolverse. Así, ante o entorno unha organización pode actuar de tres formas:

  • Ignoralo, cerrarse a el, o que equivale a morte da organización a medio prazo. Isto é o que propón a UPG ao negarse a debater coa sociedade civil, convocada pola Rolda de Rebeldía, por tratarse de xente de fóra. Din dende esta organización que a Rolda de Rebeldía é “un encontro autodestructivo para o BNG”. Ao contrario, o realmente destrutivo é a actitude sectaria da UPG que impide a retroalimentación da organización.
  • Tratar de controlalo. Isto é practicamente imposible, reservado a escenarios extremadamente autoritarios e disciplinados. É o que Paco Rodríguez logrou internamente na UPG e, en parte, no BNG, mais non coa sociedade galega.
  • Equilibrar as necesidades propias coas do entorno. Dentro do BNG seguen esta liña +BNG e Encontro Irmandiño mais cunha clara diferencia entre as dúas organizacións: o respecto polos demais compoñentes, especialmente dous deles: límites e cultura organizativa. Así, o Encontro Irmandiño establece os seus límites na esquerda social e mantén o respecto pola cultura organizativa tradicional (nacionalista, frontista, asemblearia e democrática), mentres +BNG aposta por unha apertura ao centro e pola organización propia do partido clásico. Sen estes dous compoñentes o BNG ben podería ser outra cousa, por exemplo o PP, e porse a competir neste eido levaría tamén a destrución da organización.

Este é o camiño a seguir

As mozas e mozos do Encontro Irmandiño ven de renunciar a participar no proceso de elección da Dirección Nacional de Galiza Nova na Asemblea Nacional que hoxe comeza. Persoalmente, unha das calidades que máis valoro nunha persoa ou grupo de persoas é a capacidade de renunciar a un posto xa que deixa as claras o que realmente se persegue, o que persegue cada quen.

Agora que, esa renuncia, debería facerse extensible aos órganos do BNG, xa que a presenza de membros do Encontro Irmandiño no Consello Nacional da mostra de certas incoherencias no discurso.

Razons? O proceso pre-asemblear do BNG foi un filtro que deixou fora a moitas minorías, unhas porque non recibiron apoios suficientes, outras porque se negaron a participar no mesmo, un proceso dirixido por cargos e carguiños, ex-altos-cargos e ex-altos carguiños, logo non se pode afirmar que ese órgano represente a totalidade e pluralidade do nacionalismo. Esa totalidade, esa pluralidade, está fora e aí é onde hai que estar e non nun Consello de gurús que levou a formación ao seu punto máis baixo dos últimos tempos… e sen perspectivas de remuda, nin ideolóxica, nin de persoas.

As razóns que levan a mocidade do EI a renunciar a presentar unhas listas para o Consello Nacional seguen sendo as mesmas que esgrimimos os irmáns maiores na derradeira Asemblea Nacional -o anquilosamento das institucións do BNG e o seu afastamento da realidade sociopolítica das galegas e galegos-. Entendo que entón se optou por presentar unha lista agardando que a militancia sacase do seu foro interno ese punto de rebeldía que a tradicionalmente nos caracterizou. Non saíu mais agárdaselle.

Agárdaselle aquí fora, a outra veira pois, a ese outro lado é tal o férreo control que sobre a militancia exerce o caciquintanismo e a upega, que xamais se atreverán ao máis mínimo xesto de disidencia e, cando algún organismo se escapa do seu control, como é o caso do SLG, crean outro novo. Quen goberna o BNG non entende o significado dos principios democráticos, uns principio que xurdiron hai séculos en Galiza, nas revoltas irmandiñas, ao berro de ninguén por riba de nos, prevalecendo nos seus órganos unha aristocracia que, pensan, é superior ao resto de irmáns galegos, nacionalistas e non nacionalistas. Iso, efectivamente,  non callou nin callará nunha sociedade que leva tan dentro os principios da igualdade, irmandade e liberdade.

Preguntas sen respostas

A recorrente escusa da Voz como causa da desfeita nacionalista do 1Marzo só está servindo para crear un mostrou de dúas cabezas, unha (Santiago Rey, o dono do xornal) ó atribuírlle a alguén un mérito que non lle corresponde e, outra, ó permitir, a súa vez, que os verdadeiros culpables consigan zafarse das súas responsabilidades.

É unha dúbida que veño sementando en diversos foros nos que se insidia (ou catapulta, segundo o punto de vista) asiduamente este xornal. Aínda non hai resposta, máis non desespero.

Preguntaba a Antón Bahamonde, hai uns días na súa trincheira, que influencia cría que tivo a RTVG (por non falar de TVE, La Sexta, CNN+, Cuatro, Xornal, Vieiros, El País, Público, e algún outro máis) nas pasadas eleccións galegas?

Non se pode dicir que estes medios se mantivesen ó marxe da disputa política, nin negar a súa influencia nun importante sector da poboación. Aínda non vimos análises rigorosas, con queixiños de cores, ó respecto. Nin virán. Non o fará porque quen si realizou eses estudos para demostrar a influencia de La Voz, probablemente non pretende outra cousa máis que manipular. Un exemplo, o post de Calidonia: de como un xornal bota abaixo un goberno. Onte, ó fío desta chuzada volvín a preguntarme o mesmo: onde están as comparativas de audiencias da TVG, RG, El País,… cos votos do PSOE e BNG? Alguén se cre que estes outros medios foron, son ou serán neutrais? De verdade, alguén se cre que exista un medio que ‘decide’ pola súa audiencia e que os outros non o fan pola súa?

No fondo, a cousa funciona así: como gañou o PP vinculamos a súa vitoria coa información e influencia da Voz. Si fose ó revés dende a dereita estarían acusando a televisión pública de estar manipulada, que o estaba, vaia si o estaba, e os medios privados -Vieiros, Xornal, El País, Público,…- de orquestrar unha campaña sucia contra o PP. O conto é vello.