A lista de “sucasas”

Ando botándolle unha ollada a tódolos e-mail que forman parte da lista que a UPD Coordina Local II nos enviou a diferentes persoas, supostamente axentes e técnicos de emprego e ao ir repasando enderezos e cotexando cos datos que podo atopar na rede atópome con que:

  • Unha parte importante destes enderezos non corresponden a AEDL, senón que o enderezo pertence ao e-mail de contacto que se pode atopar habitualmente nas web corporativas de ESAL ou Concellos. Citar todas estas entidades, que superan o cento, enchería inutilmente este post. Os AEDL que gardastes ese e-mail podedes corroborala.
  • Nalgúns casos, como Alar Galicia, vemos que o enderezo da lista correspóndese co do Presidente da Asociación, Fernando González Truque que, a súa vez é o Técnico de Emprego da mesma, seguro que lle supuxo tomar unha decisión difícil ter que realizar semellante contratación. Recomendo escoitar o audio desta última ligazón, onde o Pte./tco. fala de méritos para atopar traballo. Resulta moi triste ver que existen axentes que nin sequera dispón -ou non se lles permite usar- un enderezo de correo electrónico personalizado.
  • Outro caso épico é o do meu concello de nacemento, Xunqueira de Ambía, onde o receptor da información que envía a UPD Coordina Local II non é o AEDL do Concello, senón o propio Alcalde. Algo moi característico en concellos excesivamente autoritarios e onde non se delega nin a información. Noutros concellos, tampouco reciben a información directamente os AEDL senón os departamentos aos que pertencen, aínda que non sexan eles, senón un cargo político, quen estea ao fronte.
  • Non podían faltar os amiguños, como José María Fantova Rodríguez; quen é esta persoa? Non sei, pero ao introcudir o seu correo en Google o que sae é isto. Sei que non é un Concello nin unha asociación, nin fundación, nin sindicato, nin… é unha asesoría do Ferrol, terra de onde tamén é o Director da UPD Coordina Local II, Angel Sucasas peón. Pode unha empresa privada dispor dun AEDL? É posible que o dono desa empresa sexa tamén AEDL? Parece -ou iso me parce a min, haber si mo aclaran- que este señor está utilizando a UPD a favor das empresas privadas dos seus amiguiños. Que pouca vergoña!

O caso é ter unha lista grande, aínda que a información sexa mala escasa, e os destinatarios sexan persoas con obxectivos, capacitades e aptitudes diferentes as requiridas para o posto.

Máis datos sobre a “consulta” aos Axentes é Técnicos de Emprego de Galicia

A partir das 00.00 horas do vindeiro luns, 16 de agosto publicarei un post analizando máis a fondo o resultado desta “consulta“. O  post tratará de:

– O acollemento que isto tivo entre os axentes de emprego (aínda que tres persoas se ciscaron nos comentarios do artigo, en privado as críticas foron máis ben positivas).

– As intencións que se agochan detrás da resposta inquisidora da UPD Coordina Local II pedindo ignorar as críticas e censurar a información dos meus e-mails.

– A inexistencia dun colectivo forte entre técnicos e axentes de emprego, capaz de facer fronte aos bandazos políticos, que deixan espidos a moitos dos traballadores do sector (ao lograr o seu posto, precisamente por razóns políticas).

– A temporalidade, a precariedade, as diferencias salariais, o frraude de lei na contratación, a desviación de fondos públicos e moitas outras irregularidades as que se prestan institucións e persoal contratado.

Que ten que dicir a UPD Coordina Local a todo isto?

Logo do post de onte, onde a meirande parte dos Axentes e Técnicos de Emprego de Galiza non saen moi ben parados, a resposta da UPD  Cooordina Local II, e que lle está a remitir a tódolos Axentes e Técnicos de Emprego a modo de consigna, é a seguinte:

Bos días a tod@s,

Ante as consultas relacionadas co correo remitido por Xosé Antón Vázquez Dorrío, comentarvos que:

1. A UPD Coordina Local non ten nada que ver co envío do mail nin comparte o seu contido. Desde esta UPD, creada para a coordinación e apoio aos axentes de promoción económica espallados por Galicia, somos conscientes da importancia do papel destes axentes, que teñen máis que xustificada a súa existencia polos anos de experiencia e o desenvolvemento local das zonas nas que traballan, e que son, en palabras do propio Director Xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy, “A Rede de Técnicos de Emprego de Galicia: un dos principais instrumentos impulsados pola Xunta de Galicia para apoiar a constitución de empresas que contribúan á xeración de novos postos de traballo”.

2. Desde a UPD recomendámosvos que non respondades ao correo de Xosé Antón Vázquez Dorrío para evitar darlle importancia a esta persoa que, estamos seguros, é o único que pretende.

3. Se non queredes recibir máis mensaxes desta persoa, podedes identificar a súa dirección como correo non desexado.

Recibide un cordial saúdo,

Equipo UPD Coordina Local II • BIC Galicia Edificio FEUGA Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n Campus Universitario Sur
15705 – Santiago de Compostela
Tfno. 981 52 30 54
Fax: 981 52 22 92

Fijate! Despois de máis de catro anos na rede, dende antes de que existise a UPD Coordina Local nas mentes bipartitas, para afundir a Rede de Técnicos de Galicia e crear este chiringito, e de ter presencia nas redes sociais máis inflintes, resulta que, segundo os responsables desta UPD, non son máis que alguén buscando protagonismo. Que repasen os post deste blog e xa verán…

Isto dinnos os responsables dunha UPD que leva meses funcionando, con presentacións espectaculares polo país, e ofertando uns servivios que non dan, por exemplo a páxina web da que falaron na súa presentación en Ourense (na CEO): www.coordinalocal.org, onde está? Clicade e sairávos a vella páxina). A súa aportación límita a mandar unhas cantas publicacións de boletíns e uns poucos eventos,… seguramente para encherlle o foro a algún responsable político. Triste aportación a economía deste país.

A que andan os Axentes e Técnicos de Emprego?

No día de onte xurdiu un debate no grupo sobre a eficacia dos traballadores, diferenciando entre o ámbito público e o privado. Claro, aquí sempre saen malparados os funcionarios, na sala non había ningún ;). Logo pola tarde ocorreuse este experimento que lle explico, logo de realizalo, aos seus destinatarios nesta carta:

“Unha vez máis, grazas a Patane (Ugacota), Mabel (Cámara Vigo), Isabel (ACODE Silleda) AEDL Concello de Cambre (non asina con nome), AEDL Concello de Caldas de Reis e UPD Coordina Local e (tampouco asinan cun nome). Fostes 6 as persoas que responderon a miña mensaxe dunha lista de máis de 730 persoas ás que a UPD Coordina Local nos mandou un e-mail o 4 de xuño sobre BIOTRAINING. Parabéns por estar ao voso traballo!

Certo que moitos de vos estaredes de vacacións (só 5 persoas deixaron o seu correo configurado para indicar esta situación nunha resposta automática), outros teriades o día libre, baixa por enfermidade, contrato rematado (foron varios os e-mails que viñeron de volta o cal indica que esa lista non está moi actualizada), outros, os que máis, realizando tarefas que nada teñen que ver coa finalidade para a que fostes contratados; máis, aínda así, a proporción entre “supostos” axentes aos que a UPD coordina Local se dirixe e os que finalmente responderon -só 6!- é preocupante, por usar un termo pouco ferinte. Son consciente que nesta lista non están tódolos axentes que son nin son (eu mesmo) todos os que están.

A pregunta era sinxela e ampla, para que dese posibilidade de moitas respostas, a interpelar ao demandante de información para que fose máis concreto, etc. Dicía:

Alguén coñece como afectarán os recortes anunciados polo goberno as políticas laborais, promoción do emprego, creación de empresas,…? Estanse atrasando a publicación de axudas dende a Consellería de Traballo e Benestar respecto a outros anos, ou segue o mesmo curso que os exercicios anteriores? Grazas!

A resposta era moi complexa, xa dixen; a que buscaba era a seguinte:

Orde do 10 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases que regulan para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2010.

Modificada por esta outra:

Orde do 4 de xuño de 2010 pola que se fai pública a minoración do importe existente para a concesión das axudas e subvencións para o fomento do emprego, convocadas pola Orde do 10 de marzo de 2010, pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2010, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Este mesmo día, dog 14 de xuño producíronse outras modificación, pero esta era una delas e afecta especialmente aos axentes de emprego, co cal esperaba que estivésedes máis atentos polas novas que afectan ao voso colectivo.

Non traballo dende o 23 de decembro de 2009 en que finalizou a UPD Integrou-ASPANAS, máis sego atento a actualidade, incluso a publico nun blog (http://upede.blogspot.com/) porque o considero básico para acceder a un emprego de técnico ou axente de emprego. Moitos de vos, aínda traballando estas cousas impórtanvos “0”. Non valorades ter un traballo nin vos preocupa que outros non o teñan. Iso, salvo excepcións quedoume probado. A Moitos de vós só vos preocupaba saber quen era “xosé antón vázquez dorrío” , “moendo”, “moendo.net”, “sempre moendo”, … e, para verificalo, recorrestes a google, que vos levou ate o meu blog. Non facía falla, estaba vencellado na imaxe (o nome) de máis abaixo. Cun só ‘clic’ era suficiente.

Todo isto non responde a un xogo de alguén que se aburre ao non ter traballo, senón que é un experimento para aportar ao  traballo final do Máster de Axente de Emprego que estou realizando, aquela na que falo da eficacia dos Axentes de Emprego para solventar as dúbidas e problemas que xurdan a empresas, emprendedores e traballadores empregados e desempregados.

Non me alongo máis, resultaría aburrido e moitos de vos nin sequera o leriades só con ver a extensión da mensaxe. Serei máis extenso no meu blog e, sobre todo, no meu traballo final.

Saúdos!”

Nesta lista, unha das entidades que conta con máis representantes é a CEO (Confederación empresarial de Ourense), con ate 11 persoas. Ningunha respondeu e sei que non están todas de vacación porque é nesta entidade onde estou realizando un curso. Estarán revisando Curriculums Vitae, tamén o meu, mais,… imaxino que ao estar en galego irá directamente ao lixo. Tamén lles presentara un proxecto de empresa fai un mes, tamén en galego, e tampouco teño resposta algunha. Sei que na CEO se discrimina ao galego, sei de traballadores -da propia entidade- aos que se lle esixiu un Curriculum en castelán. Logo, iso si, os empresarios socios da entidade presumen de galeguistas abrazados a Baltar.

Con exemplos coma este non será doado desprenderse da fama de “enchufados” e “persoal contratado a dedo” que teñen os axentes de emprego. Iso é unha realidade manifesta. A primeira vez que lle comentei a alguén que era Técnico de Emprego, preguntóume: quen te colocou? A min ninguén, querían colocar a outra persoas, iso si. Os datos deste experimento reflicten que a estes profesionais o seu traballo non lles importa o máis mínimo, nin, seguro, son as persoas máis adecuadas para realizalo. E claro, si no contexto de crise no que os atopamos, os axentes potenciadores da actividade económica andan a rañala, que nos queda aos demais?

Imponse a lei do silencio

Hoxe é un día triste para moitos galegos: cerra Vieiros, maña faino Chuza! (evito por ligazóns que en horas quedarían rotas), hai semanas forase GZNación. A prensa e redes sociais que publica íntegramente en galego está desaparecendo mentres as que o fan en castelán reciben axudas polo fomento do galego. Inexplicable.

É un problema de audiencias? Non existe demanda para estes medios? Dubido que ese sexa o problema, cando menos o único problema. Existe una presión enorme polas institucións públicas gobernadas polo PP para silenciar estes medios, os únicos que realmente aportan algo a normalización da nosa lingua. Ese é o verdadeiro problema. Existe una enorme presión por parte das institucións gobernadas polo PSOE e BNG –este especialmente- por influir na edición destes medios. Ese é o verdadeiro problema, a eterna politización dos medios de comunicación. Todos queren o seu para aportar axudas.

A vindeira semana seremos miles de galegos os que nos veremos silenciados ao non contar coas plataformas de difusión habituais para nos expresar. Imponse a lei do silencio. Imponse o ‘peche é voadura’ da libre expresión en galego.

E o Conselleiro de Cultura que ten que dicir? Sairán ao rescate dos medios que editan en Galego? Deixarannos desaprecer sen máis? Haberá dimisións? Reunirase hoxe o Consello da Xunta de Galicia de urxencia para analizar a situación? Ou, nin iso?

Temos un problema, por Roi Xordo en xGaliza

Cando a información é incompleta e tendenciosa, é falsa.

Hoxe o diario El País volve a referirse a unhas canteiras, desta vez no Concello de Toén. A noticia é que o Alcalde deste Concello legaliza as canteiras que dende fai 10 anos extraen pedra dos seus montes. A noticia debería terse producido moito antes, precisamente pola permisividade desa actividade sen licencias, sen permisos, sen estudios de impacto, polas protestas dos veciños, etc., pero non. É noticia agora que se legalizan, quizais para por fin a esa situación de ilicitude, pero é noticia sobre todo porque o máis beneficiado sexa outro Alcalde do PP, José Luis Gavilanes Losada, de Xunqueira de Ambía.

Que insinúa a xornalista? Que si non fose o dono do PP seguiría explotándose eses recursos naturais de xeito ilegal, sen pagar impostos como todo contribuínte, sen respectar ao medio ambiente ou os dereitos dos veciños? Quizais quere dicir que se lle permitiron todas esas prácticas ilícitas durante 10 anos por ser un Alcalde do mesmo partido? Porque durante 10 anos ninguén dixo nada e si agora que se pretende porlle fin? Moitas interrogantes sen resolver. Quizais se respondan na seguinte entrega de Cristina Huete.

Non é a primeira vez que critico a xornalista de El País por unha conduta semellante. Hai máis de dous anos falaba de lastres, ataduras e hipotecas,… onde a crítica viña porque se daba unha información bastante tendenciosa en referencia as canteiras ilegais de Xunqueira de Ambía, ocultando a responsabilidade que certas persoas do seu entorno político tiñan na trama.

Agora, neste artigo, Cristina Huete volve a referirse a querela que a fiscalía presentou contra os responsables das canteiras de Xunqueira de Ambía, aos que non nomea directamente, e si reitera a vinculación que o Alcalde do Concello ten coas as mesmas segundo un informe da Policía Xudicial. Non vou ser eu quen saía en defensa deste depredador mais, si tal informe demostrase tal vinculación o Alcalde estaría entre os querelados. É máis, si tal informe puidese probar o que Cristina Huete afirma a querela non estaría na actualidade en situación de sobresemento provisional –a instancia do propio Ministerio Fiscal!-, tal e como denunciei neste blog hai unhas semanas. Como se pode facer referencia a unha querela do ano 2007 sen sequera pasar polos xulgados a preguntar en que estado se atopa? Ou, si o sabe, o que quere a xornalista é agochalo? Máis dúbidas…

Que ocorre coa formación ocupacional e continua en Galiza?

Levo pouco máis de seis meses parados e acabo de comezar o terceiro curso de formación ocupacional (fixen “Introdución a Sistemas Operativos baseados en Software Libre, CNU/Linux”, “Introdución a Metodoloxía Didáctica” e agora o de “Formador Ocupacional”) compatibilizando con outros estudos. Elixín estes cursos porque me parecen especialmente útiles no desenvolvemento das nosas empresas, isto é, a implantación de software libre (que non gratis, que diría un amigo) nas empresas ao resultar máis económico e a capacitación dos traballadores, co gallo de que estes se adapten aos avances tecnolóxicos, adquiran novos hábitos, competencias,… coa consecuente mellora da produtividade, cuxos beneficiarios son tanto o empresario como o traballador.

Expliquei porque elixín eu estes cursos, agora porque o departamento de formación da Xunta decide que se impartan eses cursos? Suponse que é pola demanda de  profesionais coas cualificacións que se deben adquirir nestes cursos, sen embargo, trala súa finalización non hai tal demanda destes profesionais. Xamais coñecín un caso dunha empresa que se dirixise aos centros formadores na busca destes profesionais (seguramente eles vos dirán o contrario) e moito menos, na miña vida, a formación ocupacional ou continua foi un factor determinante na miña contratación. Esa formación, financiada por fondos europeos, coa que dende Europa agardan a nosa converxencia, parece máis ben estar destinada a manter unha ‘elite’ de formadores profesionais ou empresas privadas que reciben esta encomenda e se dedican en gran parte a estas tarefas. Estes son os beneficiarios indirectos.

Aos beneficiarios directos, as asociacións, especialmente de empresarios, academias, concellos,… e outros centros FPO, non se lles mide o éxito do curso pola ocupación final do traballador desempregado, que para iso se fan estas accións formativas, non para ir logo a darlle forma ao sofá, como debería ser, senón pola satisfacción do traballador polos coñecementos adquiridos. Iso está ben, pero de que vale un alumno satisfeito si ninguén demanda os seus servizos.

O terceiro responsable deste dilapidamento de fondos públicos é o sector empresarial. Pois estes cursos, destinados a formar cos impostos de todos a traballadores para o seu propio beneficio, para a mellora da competitividade e a produtividade das súas empresas, estes optan por contratar a outras persoas seguindo criterios moi diferentes aos de capacitación para o posto de traballo.

Hoxe puidemos ter un debate sobre este asunto que axudou a confirmar en parte as miñas sospeitas. A formación continua é un fraude. As empresas que organizan cursos a distancia para traballadores pouco máis fan que pasar a factura ao final. Non existe un proceso de ensinanza (a valoración da aprendizaxe basease no tempo conectado do alumno a web, aínda que mentres está conectado estea pasando o ferro) nin unha avaliación con garantías (test virtuais que se poden facer unha e outra vez ate acertar todas,… e iso cando dende o propio centro formador non che realizan a proba).

Quen gaña con este fraude? Un traballador mal formado non adquire novas competencias e polo tanto non vai aportar nada novo a súa empresa. Parece que ao traballador non lle importa, ao mellor cre que xa sabe suficiente, pero, e ao empresario? Non quere que súa empresa sexa máis competitiva? Non quere ter uns traballadores máis produtivos?

Cústame entender esta complicidade maliciosa entre empresarios e traballadores, un caso insólito no mundo empresarial, cuxo resultado podemos ver na economía galega: desaparición sos seus sectores produtivos tradicionais, deslocalización de empresas a países máis competitivos, falla de emprendemento, desenvolvemento e innovación das empresas galegas, … que aumentan de xeito exponencial os efectos da invasión de empresas foráneas, estas si con cadros de persoal máis cualificados, equilibrados e estruturados.

Tal e como funcionan as políticas de emprego en Galiza, incluída a formación dos profesionais, competir neste mundo global é imposible.

Iso, haberá quen nos siga véndeno a idea de que é posible ser compettiivos sen investir no desenvolvemento das persoas da empresa, respectando os dereitos dos traballadores, dos consumidores, de medio ambiente, etc. Farano dende as súas luxosas sedes, amplas, luminosas, con moito arborado,… mentred nun recuncho do mundo producen os seus produtos (China) e noutro levan todo o lixo que os seus produtos deixan (Ghana) unha vez esgotados, fabricados cada vez cun cliclo de utlización máis baixo.

Ghana, Vertedeiro Global