Collage II

Lois Pereiro

(poesía última de amor e enfermidade 1992 – 1995)

Crer outra vez en min mesmo sería o máis doado (16)
deixándome levar sen resistencia. (19)
Resistencia pasiva. Resistencia frontal (20)
contra o medo. (29)
Noites en branco coma sabas húmidas… (39)
Teño a cabeza no centro do mundo (23)
e o corpo é unha paisaxe de batalla (13)
solitario, enfermo, fatigado, (103)
da morte en “stand by” que me acompaña. (49)
… e as dúas portas do mundo están abertas /
fuches ti a que as abriches na alta noite, (52)
cohabitando os teus soños (55)
souben / que aínda respiraba e seguía vivo (95)
e o amor de sempre oculto e prohibido, /
selado e transferido. (73)

 

(Entre paréntese a páxina da que foi arrincado o verso. Ed. Positivas)

Monumento do Concello de Ourense á inaccesibilidade

Nos últimos días a empresa EcoOurense estivo cambiando os contedores do lixo, retirando eses de plástico “de toda a vida” por uns novos, xigantes e moi bonitos.

Non sei cantos cidadáns se decatarían, aparte de quen os sofre -pois hai tamén quen os desfruta pois ao ser máis grandes hai menos e máis espazo para aparcar-, porque estes contedores novos son unha faena para quen ten pouca mobilidade. Ocórrenseme moitas persoas, xente maior que apenas pode levantar os brazos para botar o lixo tan alto, nenos, persoas con problemas de equilibrio que ten que usar un pé para pisar o “pedal” de apertura, pero tamén nas persoas que por ir en cadeira de rodas nin sequera ten esa posibilidade, nin de perder o equilibrio nin, moito menos, de deixar o lixo dentro do contedor.

Estes contenedores rachan coas normas universais de accesibilidade (Normas uniformes sobre a igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade, a Convención 61/106 de 13 de decembro de 2006 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, a Resolución do Consello e dos representantes dos Gobernos dos Estados Membros, reunidos no seo do Consello de 20 de decembre de 1996 sobre a igualdade de oportunidades das persoas con minusvalías, a Lei 13/1982, de 7 de abril, de integración social dos minusválidos, a Lei 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, entre moitas outras normas, todas elas do mesmo senso).

Estes contedores parecen máis ben postos adrede para molestar a quen ten problemas de mobilidade que para aforrar cartos e non soterralos como se fai no centro da cidade onde vive “la gente de bien” os neprogres e os neonacionalistas.

O máis triste desta situación é que, logo de varios días instalados por toda a cidade de Ourense, aínda está por vir a primeira denuncia por parte dunha asociación de persoas con discapacidade advertindo da irregularidade cometida, e polo paso atrás dado en canto a accesibilidade nesta cidade. Isto si que non o entendo. Ou si. Tódalas entidades están pendentes das axudas que poidan caer e esquécense de reinvindicar algo que amais de ético é xusto… non vaia ser que o que reparte os cartos se “mosquee”.

conteder do lixo manipulado por un operario de ECOOurense

Publicada tamén no xornal La Región

Existe unha trama para a contratación de persoal con fondos públicos?

Veño de presentar dúas denuncias por enchufismo, unha ante a Fiscalía de Ourense e outra ante a Delegación Territorial da Xunta de Galicia, entidades as que solicito. A primeira:

  • Que se acheguen os feitos presentados á denuncia presentada polo PSOE ante esta fiscalía por “enchufar” a máis de 200 persoas, segundo leo nunha noticia publicada en El País o 10/06/2010
  • Que se revisen os procedementos e procesos levados a cabo polo SGC, especialmente, os procesos de selección de traballadores vencellados a subvencións públicas (orientadores, axentes de emprego, psicólogos,…).
  • Que se investigue a falta de transparencia nas ofertas de emprego deste postos de traballo, suxeitos as axudas públicas, a maioría das cales, nunca son feitos públicos (en ningún medio, nin na páxina web do SGC, onde si se “colgan” outras ofertas), non permitindo subscribirse a elas e pasando desapercibidas para os buscadores de emprego.
  • Que se investigue si as valoracións feitas dos méritos curriculares dos candidatos, nos diferentes procesos de selección, son reais ou ben están adulteradas, xa que os candidatos, limitados pola lei de protección de datos, non podemos verificar a autenticidade dos méritos alegados.

A Delegación Territorial de Ourense solicítolle que:

  • Que se revisen todos os procesos de selección de persoal do Servizo Público de Emprego.
  • Que se revisen, especialmente, os procesos de selección de traballadores vencellados a subvencións públicas.
  • Que exista máis transparencia nas ofertas de emprego, a maioría das cales, sobre todo relacionadas cos empregos subvencionados con fondos públicos, nunca son publicadas (en ningún medio, nin na páxina web) e non permiten subscribirse a elas.
  • Que sexa obrigatorio para participar nestes procesos dar autorización de acceso ao CV persoal para que todos os candidatos poidan verificar a autenticidade dos méritos alegados.
  • Que se esixan responsabilidades aos responsables das áreas involucradas polo mal funcionamento destas: o Sr. Antonio González Amaro, Xefe de Servizo de Promoción e Emprego, e Sr. José Movilla Martínez, Director da Oficina Ourense Centro.

O escurantismo co que se realizan este tipo de procesos non só serve para levantar suspicacias, senón cando che toca preto, para confirmalas. Neste intres estanse realizando a selección de técnicos e axentes de emprego, entre outras categorías, polas entidades sen ánimo de lucro (ESAL). Calquera buscador de emprego preguntárase: e iso como se sabe? Só te decatarás si te chaman para algunha oferta porque estes postos son se fan públicos na páxina web do SGC. Porque? Para que non te decates, para que vai ser?

Poucos buscadores de emprego saberán da existencia destas prazas ate que saia publicada a resolución pola que se conceden, e para entón xa estarán todas adxudicadas. O último día para presentar a oferta de emprego no SGC polas  ESAL é este venres e para realizar a contratación o vindeiro día 5 de outubro. Logo informaranos aos comúns dos mortais vía DOG quen foron os afortunados.

Nese camiño daranse casos tan insólitos, algúns deles que me sucederon a min, nesta convocatoria e noutras.

A Fundación Laboral da Construcción de Galicia foille enviado o meu CV como resultado da sondaxe realizada polo sistema informático do SGC. Xamais se puxeron en contacto comigo pero informaron ao SGC que si o fixeran e que non se realizaran a contratación por “outros motivos”

Outro tanto sucedeu coa Cruz Vermella de Celanova, tamén por “outros motivos” sen sequera contactar comigo, rexeitou a miña candidatura.

Un caso surealista, este que nada ten que ver comigo. Emprende Ourense, un chiringuito ao estilo CIMO, pero patrocinado por xente do PP, solicita ao SGC un orientador laboral coa titulación de “Enxeñeiro Técnico Naval”. Para emprender que en Ourense? Para orientar a quen en Ourense? É evidente, non se trata de emprender ou orientar, soamente colocar a algún achegado de Baltar con dita carreira. Un escándalo!

A esquerda acomodada

Pensei en titular este post como “a esquerda adormecida” mais ao longo do mesmo funme decatando de que o problema non era ese, pois anda ben esperta. Uns máis que outros.

Teño lido moitos artigos sobre o que lle acontece a esquerda social nos últimos tempos, pensadores que se preguntan que “como é posible que sufra coa crise provocada polo neoliberalismo salvaxe?”, pensadores que non se explican porque son os defensores destas teses neoliberais os que máis rédito político lle están sacando a crise. A min tamén me gustaría ter unha resposta lóxica pero probablemente acabe atopando máis preguntas.

Temos oído falar de renovacións, refundicións, rebeldías, novos referentes,… mais, todo segue igual. O mesmo discurso, do século pasado, as mesmas prácticas (xeralmente, incoherentes co dito).

Nun momento no que a clase política é unha das preocupacións máis importantes da cidadanía, estes, os políticos puxéronse a facer o propio, non sen falla de razón, coa clase sindical. Si a pregunta do CIS fose: “en quen confía máis: partidos políticos ou sindicatos?” sairían os dous igual de malparados.

Que razóns nos levan a ter esa crenza: o denominador común que existe entre uns e outros, a castes políticas e sindicais que se van fornecendo co tempo, creando elites de políticos e sindicalistas que chegan a súa xubilación sen saber o que é traballar,… nin o que é estar desempregado. Son estes, os acomodados na burocracia interna de partidos políticos e sindicatos, os que nin coñecen a esixencia do traballo ou a desesperanza do desemprego, aos que lle imos encomendar a solución do principal problema desta sociedade?

É esa actitude conservadora e individualista o que fai a actual esquerda irrecoñecible. Si, falo de conservar, conservar o seu status quo. Preguntábase o profeta do nacionalismo galego “ula esquerda conservadora?” nun artigo tan noxento que, si fose escrito sobre pétalos de margaridas, nin os porcos o tragarían. Ula esquerda conservadora? Ula esquerda acomodada? No mesmo lugar dende fai décadas, vivindo na estructura de partidos políticos e de sindicatos. Ula esquerda transformadora? Fora, tentando crear novos instrumentos de defensa e representación dos seus ideais.

A lingua galega abre túneles dixitais ante o acoso da Xunta de Galicia

Hoxe produciuse un feito que me trouxo a memoria un artigo que lin fai meses: Túnels digitals a Gaza, cando bloggers e twitters palestinos fixeron saber ao mundo a traxedia que estaban sufrindo por parte do exercito israelita. Eles, personaxes anónimas convertéronse nos ollos do mundo, tanto que, os propios medios internacionais recorrían a eles para complementar información e non aos seus enviados especiais na zona.

Por suposto, o castigo infrinxido ao pobo palestino polo goberno sionista non ten comparanza coa situación que vive Galiza, si acaso, no acoso dos que se consideran unha raza superior, un acoso que se trasladan a tódolos nosos sinais de identidade nacional e, especialmente a lingua.

Hoxe os twitteiros galegos demos un berro, pero haberá máis, e fixémoslle saber ao mundo que nun recuncho de Europa se está producindo un xenocidio lingüístico. Centos de twitteiros utilizamos durante unha hora o hashtag #galega coa intención de convertelo no primeiro tema de conversa de twitter … e así foi.

Ocupar esa posición provocou que diversos medios de comunicación se interesasen pola iniciativa, e incluso participasen dela. É o poder das redes sociais, cada vez menos discutido. Agora son as masas as que teñen a forza de mover aos medios, non ao revés,… aínda que queden casos. Esta forza é a que moverá o mundo futuro, non sei si ate o punto de afirmar que a revolución será twiteada pero, exemplos disto xa os puidemos ver: as elección de Irán en xuño de 2009. Só un pucheirado privou a oposición de acabar co mandato de Mahdmu Ahmadineyad.

Twitter é unha ferramenta que pode equilibrar forzas entre as diferentes opcións políticas, pola súa capacidade comunicativa e a rapidez con que o fai. Un bo uso desta utilidade será o que decida os mandatarios do noso futuro máis próximo.

Xa foi noticia

Ía titular este artigo como “Curso de ética periodísticaao estilo CQC pero, finalmente decidinme por outro clásico dos medios de comunicación, unha sección que nos lembra o que xa sucedera fai 25, 50 ou 100 anos. Desta vez non foi necesario que transcorrese tanto tempo para dar é quitar razóns.

Esta semana produciuse unha situación que fixo que valorase aínda máis a este medio que é internet e que nos abre cada día unha fiestra a realidade, realidade que antes nos daban debuxada os medios de comunicación. Agora calquera de nós somos un medio de comunicación; cun blog persoal e a combinación deste coas redes sociais e os avanzados sistemas de mensaxería podemos chegar a máis destinatarios que co clásico, caduco e pouco fiable xornal de papel. Aínda así, será romanticismo, precisamos que as noticias que elaboramos rematen nese medio, como si neles se atopase a fonte da credibilidade. Non tal…

A denuncia que asinaba fai uns días neste blog mandeina a varios medios de comunicación galegos, tal e como se recolle aquí. Chegou a tódolos destinatarios aos que directa e indirectamente me podía dirixir, circulando por e-mail e as redes sociais. Estaba asinada con nome e apelidos e achégase unha proba do que afirmo, a foto roubada, e aínda así ningún mas media estimou que iso debería ter cabida no seu medio. Non me sorprende, pois creo coñecer como funcionan os medios tradicionais, por iso afirmo que están caducos e son pouco fiables.

Fai unhas semanas diferentes xornais publicaban nas súas edicións de Ourense unha noticia que tiña como orixe unha denuncia anónima. Non daba creto! Como é posible iso si logo ignoran a quen asina co seu nome e apelidos? Ten unha explicación… ou varias: a entidade denunciada, a cor política das persoas involucradas, o investimento en publicidade que faga a entidade, etc.

O peso da entidade na sociedade na que radica é importante e, sobre todo imaxe da que goza, a relación cos demais axentes sociais e importancia dos mesmos. Denunciar a unha institución como a CEO que reúne aos empresarios de Ourense, que logo insiren os seus anuncios nos xornais (tamén a propia CEO: estes días podedes ver un anuncio que ocupa toda a páxina do xornal local), é moi arriscado. Os medios tradicionais mantén o negocio por diante da información polo cal, amais de caducos e pouco fiables podemos engadir que son inservibles para acadar a súa finalidade que non é outra que a de informar. Parece máis que se adicasen a desinformar

Así o entendín polo mes de xaneiro, cando varios medios publicaban nos seus soportes a nova de que “Traballo investirá 6,3 millóns de euros na contratación de 288 axentes de emprego”. Parecía un regalo de Reis, pois o anuncio fora feito nesa xornada de Nadal. Hoxe, máis de nove meses despois o DOG pariu a convocatoria. Por suposto, volve a ser noticia no portal da Xunta de Galicia e, como non, atopara un oco nos medios de desinformación. Logo pasará a situación de baixa por “maternidade” (prazo de solicitudes, reclamacións, publicación,…) e, con sorte, un ano despois de ser anunciado farase efectivo aquel anuncio… como, por certo, xa sucedía tódolos anos. Logo, onde está a noticia?

Ah! que se me esquecía, agora non serán 288 axentes como se afirmaba daquela, senón 260, e sen mudar o orzamento. Botaran mal as contas tal e como denunciaba eu no meu blog. Un acerto casual… que obriga a rebaixar o número de contratacións (28) no lugar de subir o orzamento.



Foto roubada

Que triste!

Si. A foto que aparece no post anterior foi roubada. Ao parecer isto é o que máis lle preocupa aos responsables da CEO (Confederación de Empresarios de Ourense). En absoluto lles preocupa a acusación de non contar cos medios necesarios para a impartición deste curso -e outros-. Non lles debe preocupar porque ten as administracións de súa parte, todos forman parte do mesmo círculo caciquil o que lle garante que non haberá unha inspección seria, rigorosa e coa capacidade e independencia suficiente para imporlles unha sanción (devolver as axudas cobradas irregularmente por estes cursos) e retirarlle a autorización de centro homologado FPO.

Con retranca!

– “Estes deben olhar moitos programas do corazón , e por iso falan de “roubado” . Si se lle avisara antes e colocaran os útiles que lle faltan , aparecería tamén un Director Xeral na foto , e daquela sería un “posado” , moito mais institucional !!!! onde vai parar”. Un amigo en Facebook.

– Mea culpa!… por non avisar con tempo 😉

Para esmendrellarse!

Outro amigo, hippie tamén, dime que está facendo un curso e que a el soamente lle deron unha carpeta e un lápiz. Creo ben. A maioría das entidades que se adican a formación ocupacional non che dan nin a benvida. Dime tamén que “non me queixe tanto, que a CEO é un paraiso”. E engade:  🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂