Si consideramos, coma Durkheim, anomia como o triunfo das cousas profanas (aquelas construídas individualmente) sobre o sagrado (as elaboradas polo conxunto da sociedade), velaí a anomia nacionalgaleguista (a que non se define nin como nacionalista nin galeguista, nin dereita nin esquerda, pero que utiliza a nosa identidade colectivo en beneficio propio) onde os personalismos políticos están en auxe, xusto nun intre no que a desconfianza na caste política é a máis elevada da etapa democrática que vivimos. Estes personaxes deben considerarse unha excepción ou están moi desorientados para basear a súa estratexia na potencialización da identidade individual (imaxe) sobre a colectiva (ideas). Estes individuos non constrúen estruturas sociopolíticas para o ben xeral –ou común, non de comunista que eses seica son os malos- dende unha posición aberta á sociedade, senón dende as mesmas cavernas que tanto critican, para o amelloramento duns poucos, os de sempre, fozando na necesidade dos máis prexudicados por esta crise económica, política e moral: a cidadanía desempregada.
Esas persoas que permanecen no limbo político, trala súa ruptura co BNG, vítimas dunha crise de integración e de dubidosa solidariedade social, poden arrastrar a toda a sociedade civil galega, desorganizada na súa inmensa maioría, ao seu maior fracaso colectivo, a nada que se lle deixe asomar a cabeza. Pois, custa crer que, quen non foi capaz de integrarse nunha pequena organización política (+/- 7000 persoas) sexa capaz de integrarse nun futuro goberno multicolor. Un tripartito (ou cuatripartito) para quen foi incapaz de xestionar ben un bipartito? Medo me dá!
Quen rexeitou intensamente a configuración do BNG como fronte de partidos, unha vez fora comezan a construír outra nova. Catro forzas, nada menos, dende neoliberais ate marxistas lideran esta iniciativa. Que perseguen realmente? Sacar rendemento da conxuntura económica, pouco favorable para quen goberne, sexa de esquerda ou de dereitas, para conseguir unha pequena representación que poida ser chave dun goberno en minoría (aquí si non teño claro a quen apoiarán, pois non imaxino a quen se define de centro dereita apoiando a un goberno progresista). Que farán con esa representatividade? Pagar os favores a un pequeno poder económico que xurdiu na era do bipartito no terceiro sector, e que agora patrocina este movemento político co anhelo de recuperar multiplicado todo o investido.